Igrexa de Santa María de Caleiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Santa María de Caleiro
Vista xeral
PaísEspaña
LocalizaciónCaleiro (Vilanova de Arousa)
Coordenadas42°33′42″N 8°48′49″O / 42.56166667, -8.81361111Coordenadas: 42°33′42″N 8°48′49″O / 42.56166667, -8.81361111
editar datos en Wikidata ]
Fachada principal (occidental).

A igrexa de Santa María de Caleiro é a igrexa parroquial de Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa. Conserva en bo estado elementos arquitectónicos románicos, destacando a súa ábsida semicircular.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira referencia documental consiste nunha doazón que fixo Ramiro Muñiz á Catedral de Santiago no ano 1114 e onde se cita a vila callerii en relación a este templo.

En 1588 Pedro de Otero fundou a Capela do Cristo, e en 1754 construíuse outra capela acaroada á nave.

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

Ábsida semicircular.
Porta occidental.
Detalle dos canzorros.

Pouco se conserva sen alterar da fábrica románica. Destaca o bo estado en que chegou ata os nosos días a súa ábsida semicircular. No centro ábrese unha ventá semicircular cegada na actualidade. No lado setentrional unha sancristía moderna acaroada á ábsida.

A ábsida reproduce as formas da Igrexa de San Martiño de Sobrán sendo este un resultado menos refinado que o do veciño templo. Pode datarse a obra no terceiro cuarto do século XII.

O beiril é de covixa en caveto con canzorros de temas moi variados.

A ábsida únese á nave por medio dun cóbado a modo de estribo unido a un tramo recto a modo de contraforte rectangular que se une co hemiciclo.

Na nave tamén se conservan algúns canzorros no extremo do muro sur.

No muro testeiro da nave ábrese unha seteira rectangular. No muro piñón unha cruz á que lle falta o carneiro. A cruz é patada e dos seus ángulos saen os brazos dunha cruz de Santo André, todo rodeado por dous círculos concéntricos.

A carón da igrexa consérvase un cruceiro de principios do século XX, apoiándose en catro chanzos, con pedestal e vara octogonal.

Interior[editar | editar a fonte]

O arco triunfal é de medio punto dobrado en aresta viva, apoiándose nun par de columnas entregas. Paralelo un arco faixón de idéntica feitura pero apoiado en columnas acaroadas. As columnas con basas de perfil ático, con fustes de sete tambores, capiteis de follas anchas e grosas. A media altura unindo as columnas de ambos os arcos unha imposta cunha fila de billetes.

A ábsida cóbrese con bóveda de canón e a da nave con bóveda de forno.

A Capela do Cristo dos Crespo, de finais do século XVI, é de planta rectangular e cóbrese con bóveda estrelada, decorada con medallóns nas claves e ménsulas con forma de bustos no arranque dos nervios.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]