Igrexa de San Tomé O Novo de Maside

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Tomé O Novo de Maside
Vista da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónMaside
Coordenadas42°24′39″N 8°01′30″O / 42.410913888889, -8.0248888888889Coordenadas: 42°24′39″N 8°01′30″O / 42.410913888889, -8.0248888888889
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Tomé o Novo de Maside[1] é unha igrexa aberta ó culto en 1910, que veu a substituír a Igrexa de San Tomé de Maside o Vello, onde antigamente se establecía a aldea de Maside Vello, zona onde actualmente se sitúa o cemiterio da parroquia de Maside, no concello de igual nome.[2]

Descrición e historia[editar | editar a fonte]

A Igrexa de Santo Tomé é de estilo neogótico e é unha obra na que colaboraron o arquitecto da diocese de Asturias Luis Bellido e Daniel Vázquez-Gulías Martínez, nado este último en Beariz. Luis Bellido, asturiano, era amigo de Wenceslao González, masidao e enxeñeiro de minas que coñecía a obra do arquitecto ó estar casado con Matilde Herrero da coñecida Banca Herrero de Asturias. Grazas ó mecenado de Wenceslao, construíuse o templo, ademais de achegar outros bens materiais á vila de Maside como terreos e propiedades.[3]

Diante da igrexa sitúase un cruceiro de 1932 de tipo mariñeiro e policromado. Castelao estudou este cruceiro para o seu libro As cruces de pedra na Galiza.

Recollida no catálogo histórico das Normas Subsidiarias de Planeamiento de Maside:[4]Igrexa neogótica, do arquitecto don Daniel Vázquez Gulías, do 1910 en adiante; de gran volume e digna de consideración dentro da época. Exteriormente, o aire neogótico apenas se manifesta máis que nas fiestras do cruceiro que son bíforos con un trifolio no tímpano e unha columna biselada que fai de parteluz. As da nave son un sinxelo oco apuntado. Nunhas e noutras nótase a influencia modernista na ancha faixa que serve de trasdós e xambas sen solución de continuidade superficial, senón uns recortes curvos no perfil. A planta intégrase con cinco corpos, máis acusados ó exterior. O primeiro, lixeiramente máis ancho para soportar a carga do campanario, que se alza sobre a portada, e ó que se buscou un sentido de ascenso por simple elevación e agulla, sen colaboración das liñas. O segundo ou nave, ten dous contrafortes, que o dividen en tres tramos. O terceiro, de cruceiro, tamén significa polas aparatosas fiestras que mencionamos. O cuarto, a capela maior, correspóndese en anchura e decoración coa nave. O quinto é un semicilíndrico inxerto no muro posterior, e con menor diámetro. O coroamento lateral é unha cornixa de tacos rectangulares".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rodríguez López, Xosé Ricardo (2010-01-08). "Primer centenario del neogótico templo: Santomé de Maside(O Novo) (1910/2010)". Estudios Históricos y Genealógicos (en castelán). Consultado o 2019-04-22. 
  2. Rodríguez Pérez, Xosé Ricardo (2006). ESTUDIOS HISTÓRICOS Y GENEALÓGICOS. ARTE RELIGIOSO EN MASIDE. EL PRIMER SIGLO DE LA CATEDRAL DE LAS TIERRAS DE MASIDE. ‘DIVERSARUM RERUM’. Revista de los Archivos Catedralicio y Diocesano de Ourense. Nº 1. 
  3. Normas Subsidarias de Planeamiento Municipal, aprobadas definitivamente por resolución da Comisión Provincial de Urbanismo o 29.10.1985, publicadas no BOP nº 11 do 15.01.1986 e a normativa no BOP nº 158 do 03.03.1988

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]