Igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón
Igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón | |
---|---|
Datos xerais | |
País | España |
Rexión | Galicia |
Tipo | Igrexa |
Advocación | San Pedro |
Localización | O Mosteiro (Dozón) |
Coordenadas | 42°35′07″N 8°01′27″O / 42.585214, -8.024172 |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Diocese católica latina de Lugo |
Arquitectura | |
Construción | século XII |
Estilo | Románico |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Pedro de Dozón é unha igrexa románica situada no lugar do Mosteiro da parroquia de Dozón, no concello de Dozón e que se atopa en bastante bo estado de conservación.[1] Fundouna Dona Guntrodo Suárez no ano 1154 como mosteiro de monxas bieitas, converténdose en igrexa dependente de San Paio de Antealtares no ano 1499.
Historia
[editar | editar a fonte]Por unha copia do século XVIII que contén un traslado do ano 1267 coñécese a acta fundacional deste mosteiro. Malia que no documento se sinala como data fundacional as kalendas de decembro de 1124 pénsase que se trata dun erro na transcrición do texto e que a data real da fundación foi 1154, ano no que todos os personaxes que participaron no evento están perfectamente documentados. Deste xeito pódese dicir que Dona Guntrodo Suárez, viúva de Paio Martínez, fundou nese ano un mosteiro dedicado a San Pedro no lugar de Vilanova, á beira do río Dozón. Ademais unha inscrición que se conserva na ábsida tamén sinala esta data.
Grazas ao traballo de investigación de Duro Peña, coñécese a lista das súas abadesas.[2]
As doazóns ao mosteiro xa foron abondosas desde o século XII. Coa lectura dos documentos conservados pódese apreciar unha certa dependencia desta comunidade con Mosteiro de Santa María de Oseira.
A súa última abadesa foi Isabel de Ulloa, xa que a partir do ano 1499 a comunidade integrouse (como moitos dos mosteiros e conventos femininos galegos) na comunidade de San Paio de Antealtares.
Doazóns reais
[editar | editar a fonte]No ano 1173 Fernando II concedeu ao mosteiro o privilexio de coto, privilexio confirmado por Afonso X e por Sancho IV no 1286, rei que tamén lle concede unha exención no ano 1291.
Todos estes privilexios foron confirmados por Fernando IV e Pedro I.
Descrición
[editar | editar a fonte]De planta única, conta cunha ábsida semicircular e tres fachadas. A nave cóbrese con cuberta de madeira apoiada sobre 5 pares de ménsulas. Moitos detalles artísticos relacionan este edificio co Mosteiro de Oseira.
Do conxunto pódese concretar que é posterior a inscrición do mesmo, podendo situalo no último terzo do século XII.
Exterior
[editar | editar a fonte]- Fachada occidental: de corpo rectangular en altura e flanqueada por dous contrafortes e unha aba con tellas de cubrir en caveto e canzorros xeométricos. Enriba da aba ábrese unha seteira. A porta é de arco apuntado e arquivoltas con baquetas grandes que se apoian en capiteis vexetais apenas sen desbastar e un par de columnas de fuste monolítico e acaroadas.
- Fachada meridional: o muro meridional divídese en catro panos divididos por cinco contrafortes de sección rectangular. No segundo pano baixo unha aba ábrese unha porta de arco apuntado e arquivolta con filete, mediacana e baqueta apoiado nun par de columnas con basas e capiteis entregos con decoración de grandes follas, e fustes monolíticos e acaroados. No tímpano apuntado unha cruz patada sobre un disco. Nos dous panos centrais ábrense dúas pequenas seteiras. Na cornixa canzorros lisos ou decorados con boliñas.
- Fachada setentrional: componse de dous panos separados por contrafortes e un corpo resaltado no que se abre unha porta. Coróase cunha cornixa de arquiños de medio punto sobre canzorros. A porta é de arco apuntado con dúas arquivoltas apoiadas nun par de columnas con capiteis e basas entregos, e fustes monolíticos e acaroados. No centro do tímpano apuntado represéntase unha cruz con tres flores. Os panos laterais ábrense con sendas ventás de arco semicircular con seteira no centro. Coroando a fachada unha espadana de dous nichos.
- Ábsida: únese á nave por medio dun tramo recto enmarcado no extremo oriental por un contraforte. A parte semicircular componse de cinco panos divididos por catro columnas entregas. No tramo recto setentrional un arco de medio punto medio soterrado pode corresponder a un antigo enterramento.
- A ábsida apóiase sobre rebancos. En cada pano ábrese unha ventá de arco semicircular cunha arquivolta tórica apoiada en columnas de capiteis e basas entregos e fustes monolíticos e acaroados. A ventá central é a máis decorada. Cada unha delas posúe decoracións distintas. A aba tamén é de arquiños sobre canzorros.
Sobre o testeiro da nave consérvase o carneiro místico que non conserva a cruz antefixa.
Interior
[editar | editar a fonte]As ventás e seteiras dos muros laterais ábrense cara ao interior en arco semicircular con derramo interno. En cada un dos muros semella que habería dúas columnas entregas por muro que nunca foron rematadas. As basas de perfil ático, algunhas con garras, os fustes non deberon superar os dez ou doce semitambores. Descansaban as basas nun rebanco corrido que bordeaba todo o templo e que na actualidade non é visible.
No muro occidental sobre a porta un arco de medio punto sobre xambas de perpiaños. A porta do muro meridional atópase cegada na actualidade.
O presbiterio atópase a maior altura que a nave e accédese a el a través dun arco triunfal lixeiramente apuntado e dobrado en aresta viva. Presenta un segundo arco faixón, apoiándose ambos sobre dous pares de columnas entregas, apoiadas sobre un rebanco baquetoneado que rodea todo o presbiterio. Os capiteis presentan variadas decoracións vexetais. No muro meridional do tramo recto do presbiterio ábrese un dos armarios credencia máis grandes da provincia. Ábrese como un oco de cerco semicircular.
As ventás da ábsida teñen menos decoración que cara ao exterior. Os capiteis presentan decoracións vexetais a excepción dun con aves apicadas.
O tramo recto cóbrese con bóveda de canón e o semicircular con bóveda de forno cunha rosácea de rizados sépalos na clave.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón.
-
Igrexa de San Pedro de Vilanova, 1154.
-
Portada da igrexa de San Pedro de Vilanova.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Foi obxecto dunha profunda restauración entre finais do século XX e principios do XXI.
- ↑ Duro Peña, E.: "El Monasterio de San Pedro de Vilanova de Dozón". Archivos Leoneses, XXII (1968). páx. 1 a 56.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza, p. 96-98. ISBN 84-300-0847-0.
- Zaragoza i Pascual, Ernesto (2002). "Reforma de los monasterios de Lobás, Dozón y Ansemil". Cuadernos de estudios gallegos. T. 49, (Nº. 115): p. 81–124. ISSN 0210-847X.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón[Ligazón morta], na web do patrimonio cultural galego.
- Mosteiro de San Pedro de Dozón (vídeo en youtube)
- Mosteiro de San Pedro de Dozón (vídeo en youtube)