Igrexa de San Martiño de Valongo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Martiño de Valongo
Igrexa de Valongo
PaísEspaña
LocalizaciónValongo (Cortegada)
Coordenadas42°11′39″N 8°09′17″O / 42.1940994, -8.1546361Coordenadas: 42°11′39″N 8°09′17″O / 42.1940994, -8.1546361
editar datos en Wikidata ]
Placa conmemorativa.
Inscrición.
Interior.

A igrexa de San Martiño de Valongo é o templo parroquial de Valongo, no municipio de Cortegada. O templo está adicado a Martiño de Tours.

Historia[editar | editar a fonte]

O templo de San Martiño de Valongo foi mandado construír por Diego Fermín de Vergara, relixioso nado na aldea de Leirado, que chegou a ser bispo da diocese de Popayán (Colombia) e arcebispo de Santa Fe (Arxentina). Os seus pais foron Manuela de Rivera e Vergara e Fermín de Vergara, quen foi capitán e gobernador da vila de Milmanda. O mestre de cantería da obra foi Francisco Costa.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

O templo está no centro dun adro que fai a función de cemiterio, ao que se pode acceder por unha escalinata barroca. Trátase dun exemplo de barroco tardío ben proporcionado, esvelto, uniforme, de liñas arquitectónicas e xogos de masas e volumes coidados.

Exterior[editar | editar a fonte]

Ao exterior presenta unha fachada de retablo cunha esvelta torre dun só corpo coroada cunha cúpula que remata cunha cruz de ferro no catavento; na fachada ábrese unha porta coroada por un frontón roto que abrangue unha escultura que mostra unha imaxe de Martiño de Tours a cabalo partindo a capa, onde destacan as características faciais da figura e perfeccións anatómicas. Esta fachada remata con pirámides, bólas, unha cruz e gárgolas decorativas.

Os muros laterais da igrexa están divididos en tres tramos por grosos contrafortes,con portas ao sur e ao norte. Ao lado sur hai unha capela funeraria propiedade da familia do citado bispo, con escudo da cruz de Santiago. Do lado norte existe outra capela que fai a función de sancristía. Os brazos do cruceiro son pouco saíntes e o pé rectangular.

Interior[editar | editar a fonte]

O templo ten planta de cruz latina dunha sola nave lonxitudinal dividida en tramos por arcos apuntados e os brazos do cruceiro rematan en dúas capelas. A nave lonxitudinal vai cuberta con bóveda de crucería barroca e as capelas dos brazos do cruceiro con bóvedas de canón. No interior hai tamén unha tribuna reformada no ano 1963, a capela do baptisterio con cerco de madeira reparada no citado ano, espazoso presbiterio e tres retablos. O maior componse de dous corpos e cinco rúas con estípites que actúan de columnas coas esculturas de san Martiño, san Xosé, santo Antón, san Xoán Bautista, san Francisco, a Virxe da Graza, santo Ignacio e o Sagrado Corazón.

Na parte inferior horizontal do retablo poden verse relevos que aluden ao Salvador, a san Pedro e a san Pablo. Ademais dunha inscrición na que se le:

Pintose siendo abad Alexandro Rodríguez año 1783

No lateral do evanxeo había dous retablos de estilo barroco galego, dos cales só se conserva un. Con columnas salomónicas, adornadas con follas de cepa e acios, o do Rosario e o do Carme. No retablo conservado están as esculturas da Virxe do Rosario, dos Remedios, san Blas, san Rafael. No retablo desaparecido estaban as esculturas da Virxe do Carme, de santa Rita e santo Antón, que foron trasladadas ao retablo que si se conservan.

No lado da epístola encóntranse os altares da Dolorosa e da Inmaculada, no primeiro as imaxes da Dolorosa, San Xosé, San Roque, a Virxe nena, San Benito e a Milagrosa. No segundo, as imaxes da Purísima e de Santa Teresa. Na actualidade este retablo tampouco existe.

Na sancristía gárdase un Cristo de arte popular e petos de ánimas con relevos alusivos ás ánimas do purgatorio.

Colgado na parede lateral norte da capela maior hai un cadro do Perpetuo Socorro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eiján, Manuel (1920): Historia de Ribadavia y sus alredeores, Madrid, Establecimiento topográfico de San Bernardo.
  • VV.AA. (1976): Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela.