Igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Carlo alle Quatre Fontane
San Carlino
Fachada principal
Datos xerais
PaísItalia
RexiónRoma
TipoIgrexa
AdvocaciónCarlos Borromeo
LocalizaciónRoma
Coordenadas41°54′07″N 12°29′27″L / 41.90181, 12.49074Coordenadas: 41°54′07″N 12°29′27″L / 41.90181, 12.49074
Culto
CultoCatólico
DioceseRoma
Arquitectura
ConstruciónInicio 1634- Remate 1644 (última modificación en 1680)
ArquitectosFrancesco Borromini
EstiloBarroco
Páxina webPáxina web oficial
Localización de Igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane en Italia
Igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane
Localización da Igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane (en galego, San Carlos das catro fontes) é un lugar de culto católico en Roma, no distrito de Monti, que forma parte dun complexo de conventos trinitarios. Foi construída no século XVII por Francesco Borromini, e está considerada unha das obras mestras da arquitectura barroca.

A igrexa está dedicada a Carlo Borromeo, arcebispo de Milán, pero é denominado cariñosamente polos romanos como San Carlino, debido ao seu pequeno tamaño, pois a súa área non ocupa máis ca o equivalente a un só dos catro piares sobre os que apoia a cúpula da basílica de San Pedro do Vaticano.[1]

Na igrexa consérvase a urna que contén o corpo da beata Elisabetta Canori Mora.[2]

Contexto urbano[editar | editar a fonte]

A igrexa e o convento dominan a Vía do Quirinal, na intersección das Quattro Fontane: a parede exterior do edificio alberga unha das fontes que representan o Tíber. Polo tanto, o complexo está situado nunha moi transitada intersección de Roma: ademais da xa mencionada rúa, tamén se cruzan a Via XX Settembre e a Via delle Quattro Fontane. Esta situación ruidosa e caótica parece desaparecer despois de entrar na igrexa e no claustro, creando un espazo tranquilo no centro de Roma.

Historia[editar | editar a fonte]

A construción da igrexa, o claustro e o convento encargáronse en 1634 e levouse a cabo a construción entre 1638 e 1644[3][4] por Francesco Borromini. Este arquitecto orixinario do cantón de Ticino, que chegou a Roma ao redor de 1620, estaba emparentado con Carlo Maderno (pois seu tío materno, Leo Gravo, casou coa sobriña daquel) e colaborara con el en San Pedro do Vaticano, e tamén traballara con Bernini no Baldaquino de San Pietro e no palacio Barberini.[5]

Os trinitarios encargáronlle construír un novo convento cunha igrexa, onde durante un século había unha pequena capela. O complexo foi construído grazas ao financiamento e baixo o mecenado de Francesco Barberini, cardeal sobriño de Urbano VIII, cuxo palacio viña de ser construído preto da zona polo, xa ancián, Maderno, en colaboración precisamente con Borromini. Así, pois, San Carlo foi a primeira obra exclusiva de Borromini.

Era un proxecto pequeno e difícil no que a chama a atención a decisión de coloca-la igrexa sobre unha zona de difícil resolución como é unha esquina. O claustro, fora a primeira parte que se planificara, foi deseñado por Borromini en 1635, pero non se rematou até 1644; pola contra, nese mesmo ano rematouse a fachada na actual vía do Quirinale (daquela Strada Pia), a igrexa (iniciada en 1638) e un primeiro campanario cuadrangular adxacente.

A fachada exterior na rúa foi deseñada e construída moito máis tarde, a partir de 1664; trala morte do arquitecto en 1667, as obras foron continuadas de 1670 a 1680 polo seu sobriño Bernardo Borromini a partir dos debuxos do artista. O campanario foi demolido para a disposición do corpo convexo da igrexa na esquina do Quattro Fontane e construído outro en 1670. A decoración da fachada continuou durante unha década, ata que a estatua de San Carlos foi colocada no nicho principal en 1680. Borromini realizara moitos planos orixinais para realizar-la igrexa e atopar unha solución que se adaptase a dúas necesidades importantes: dunha banda, o menor custo posible, xa que os frades non dispuñan de moitos cartos e, doutra, conseguir a máxima explotación posible do pouco espazo dispoñible.

Grazas ao xenio do arquitecto, que soubo combinar estas calidades cun resultado elegante e innovador, a igrexa e todo o complexo poden ser considerados entre os mellores produtos da arquitectura barroca. A igrexa e o complexo conventual caracterízanse por unhas dimensións sorprendentemente pequenas e por unha extrema sinxeleza dos materiais, de acordo coa regra e espiritualidade dos frades da orde trinitaria,[4] de orixe española e que neses momentos levaba pouco tempo en Roma (dirixida dende 1609, polo pai Gabriele dell'Assunta), mais tamén coas ideas artísticas de Borromini que prefería os materiais humildes como o xeso e o estuco, para ennoblecerse coa técnica.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

Fachada da igrexa[editar | editar a fonte]

Na fachada, Borromini usa dúas ordes superpostas, unha superior e outra inferior. A parte inferior caracterízase por unha sucesión de superficies cóncavas - convexas - cóncavas; mentres que a parte superior ten tres partes cóncavas das que a central alberga unha edícula convexa. A alternancia entre concavidade e a convexidade das paredes crea unha fachada ondulante, chea de dinamismo que expresa movemento,[7] pero tamén con fantasías decorativas como o nicho sobre o portal de entrada (que alberga a estatua de San Carlos Borromeo feita por Antonio Raggi entre 1675 e 1680)[8] no que as columnas son dous querubíns cuxas ás van xuntas e crean un revestimento para a estatua. Á dereita e esquerda da estatua de San Carlos Borromeo, aparecen as de San Xoán de Matha e San Félix de Valois, respectivamente, realizadas por Silano Sillani en 1682.[8] A fachada culmina cun medallón ovalado cunha superficie cóncava apoiada por anxos en voo, que antes era a imaxe de San Carlo.

Borromini traballou na fachada até o último dos seus días, pero só puido completar a metade inferior.

Planta de san Carlino. Á dereita a zona conventual; á esquerda, a igrexa.

Planta[editar | editar a fonte]

A igrexa ten unha planta mixtilínea e as partes correspondentes aos vértices do eixe maior están rematadas por ábsidas semicirculares; como unha superposición dunha planta de cruz grega alongada e unha elipse, construída xeometricamente a partir de dous triángulos equiláteros coa base común no eixo transversal do edificio.[9]

Cúpula[editar | editar a fonte]

A cúpula foi construída en ladrillo. Un sinxelo óvalo, escavado, en forma de panal de formas variadas: cruzamentos, hexágonos, octágonos, iluminados por dúas fiestras na base e na lanterna superior. Nesta obra a diversidade das liñas únese, de novo, nunha harmonía de formas. No centro da decoración da cúpula lacunar hai unha representación do Espírito Santo dentro do triángulo da Trindade. Borromini empregou como cubrición o estuco en lugar do mármore porque aquel podía decorarse enriquecerse e mellorarse decorativamente.[1]

Coroando todo o edificio aparece unha lanterna, con columnas pareadas e unha cornixa curva. Sobre ela, Borromini creou un helicoide ascendente que semella un camiño que leva ao cume do edificio.

Corpo do edificio[editar | editar a fonte]

A conexión entre a cúpula e o corpo do edificio conséguese grazas á presenza de catro pendentes apoiadas no entaboamento. O movemento ondulado das paredes e o rítmico alternado con formas saíntes e retiradas dan lugar a un palpitante organismo plástico, cuxa forma está subliñada pola ausencia de decoracións suntuosas. Unha peculiaridade refírese á presenza recorrente de elementos reunidos en tres: este número simboliza e lembra á Trindade a quen está adicada a denominación da orde dos Trinitarios. Isto pode observarse nos anxos nas pendentes, nos nichos de pilas, nas fileiras dos artesoados nos nichos sobre os altares, nas decoracións de follas e flores das ventás, etc. A cruz dos trinitarios tamén está presente na decoración da cúpula (como os propios caixóns).

O claustro[editar | editar a fonte]

O pequeno claustro, construído en 1644, ten unha planta mixtilínea derivada dun octógono: os espazos están divididos en dous niveis. A parte inferior está composta por serliana, que se torna convexa nas esquinas, mentres que a superior, está adornada con columnas sinxelas e decórase cunha balaustrada, tamén de 1644, na que alternan balaustres triangulares e invertidos. Deste xeito, cun gran refinamento nas liñas, Borromini logra dar, como na igrexa, unha idea de acollemento co que elimina a sensación opresiva que derivaría das pequenas dimensións do espazo.

As formas octogonais tamén están presente na columnata do segundo andar e no pozo que completa o interior do claustro.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

A cripta[editar | editar a fonte]

A cripta, seguindo a mesma planta que a igrexa superior, ten unha bóveda de oito lados montada sobre piares e dúas capelas, unha delas para albergar, segundo a planificación do propio Borromini, a tumba do arquitecto (soterrado despois en San Giovanni dei Fiorentini). Sobria e austera, esta parte do complexo de San Carlo recolle, aínda así, tódolos cánones estilísticos da arquitectura borromea.

Obras conservadas na igrexa[editar | editar a fonte]

A igrexa alberga tres pinturas nos altares, a única nota de cor xunto co dourado das reixas, das que unha é do século XVII e dúas do século XIX:[10]

  • Estasi di san Michele dei Santi, no altar dereito, realizado por Amalia de Angelis (1847): o santo dá o seu corazón a Xesús
  • Estasi di san Giovanni Battista della Concezione, no altar esquerdo, de Prospero Mallerini (1819): na que aparece o reformador dos Trinitarios.
  • San Carlo Borromeo con i fondatori dell'Ordine adorante la Trinità, no altar maior, de Pierre Mignard, unha obra do século XVII

Influencias[editar | editar a fonte]

Reprodución en Gubbio[editar | editar a fonte]

En 1662, o bispo de Gubbio, Alessandro Sperelli, bendiciu a primeira pedra da igrexa da Madonna del Prato, un edificio barroco construído polo capataz e arquitecto eugubino Carlo Perugini. A xeometría da parte interior reproduce o debuxo de Francesco Borromini para a igrexa de San Carlo alle Quattro Fontane en Roma. Tan só a fachada difiere do modelo anterior.

Reprodución en Lugano[editar | editar a fonte]

En 1999, o arquitecto Mario Botta deseñou un monumento temporal para a beira do lago en Lugano, Suíza, con motivo dunha exposición na cidade de Borromini, nacido no cantón de Tesino. Esta foi unha representación de madeira da igrexa de San Carlino, seccionada longitudinalmente, e logo desmantelada definitivamente en 2003 .

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Gallico (2007), p. 134
  2. "Chiesa". sancarlino.eu. Arquivado dende o orixinal o 26-04-2019. Consultado o 21-04-2019. 
  3. "San Carlo alle Quattro Fontane". britannica.com (en inglés). Consultado o 30-04-2019. 
  4. 4,0 4,1 Bonaiva, Marina (2008). "Borromini ritrovato: retrospettiva storiografica nel cantiere di restauro, con l’Indice delle fonti documentarie". En Degni, P. La «Fabrica» di San Carlino alle Quattro Fontane. Gli anni del restauro. Col. Bollettino d'arte (en italiano). Roma: Ist. Poligrafico dello Stato. pp. 37–116. ISBN 978-8824010351. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2019. Consultado o 30 de abril de 2019. 
  5. Escrig (2002), p. 126
  6. Argan, Giulio Carlo (1996). Borromini (en italiano). Milán: ed. Sansoni. 
  7. Giedion (2009), p. 137
  8. 8,0 8,1 Gallico (2007), p. 135
  9. Wittkower (1993), p. 170
  10. "Interno della chiesa". sancarlino.eu (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 26-04-2019. Consultado o 30-04-2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alonso García, Eusebio (2003). San Carlino: La máquina geométrica de Borromini (en castelán). Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 978-84-8448-243-7. 
  • Bianconi, Piero (1967). Francesco Borromini. Vita, opere, fortuna (en italiano). Bellinzona: Istituto grafico Casagrande S.A. 
  • Blunt, Anthony (1979). Borromini (en inglés). Cambridge: Harvard University Press. ISBN 0-674-07926-4. 
  • Escrig Pallarés, Félix (2002). Las grandes estructuras del Renacimiento y el Barroco. Serie Arquitectura, nº 23 (en castelán). Sevilla: Servicio de Publicaciones Universidad de Sevilla. ISBN 84-472-0763-3. 
  • Giedion, Sigfried (2009). Espacio, tiempo y arquitectura. Col. Estudios Univeritarios de arquitectura, nº 17 (en castelán). Barcelona: Reverté. ISBN 978-84-291-2117-9. 
  • Gallico, Sonia (2007). Roma y la ciudad del Vaticano. Guía completa por itinerarios (en castelán). Roma: ATS. Italia editriz. ISBN 978-88-7571-350-8. 
  • Wittkower, R. (1993). Arte e architettura in Italia 1600-1700 (en italiano). Turín. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]