A Igrexa de Cristo Obreiro e Nosa Señora de Lourdes (español: Iglesia de Cristo Obrero y Nuestra Señora de Lourdes), tamén coñecida simplemente como Igrexa da Estación Atlántida, é unha igrexa parroquial católica romana e Patrimonio da Humanidade de UNESCO na Estación Atlántida, no Uruguai.[1][2]
O templo está dedicado a Cristo Obreiro e a Nosa Señora de Lourdes.[3] Constitúe un recoñecido fito arquitectónico, Deseñouna en 1958 o enxeñeiro Eladio Dieste. É arquitectonicamente rechamante, descrito como "un rectángulo simple, con muros laterais que se elevan en curvas ondulantes ata a máxima amplitude dos seus arcos", estes muros soportan un teito similarmente ondulado, composto por unha secuencia de bóvedas gaussianas de ladrillo armado desenvolvidas por Eladio Dieste.
O campanario cilíndrico, construído en cachotaría de ladrillo visto calado, elévase desde o chan á dereita da fachada principal da igrexa, mentres que o baptisterio subterráneo está situado no lado esquerdo do parvis, accesible desde unha entrada prismática triangular e iluminado a través dun óculo central.
A igrexa ofrece un exemplo eminente dos notables logros formais e espaciais da arquitectura moderna en América Latina durante a segunda parte do século XX, encarnando a busca da igualdade social cun uso axustado dos recursos, cumprindo imperativos estruturais con gran efecto estético.
O material é un ladrillo moi simple, que se axusta a unha nova utilización de ladrillos vistos nunha estrutura de cerámica reforzada.[4]
En 2021, a igrexa proclamárona Patrimonio da Humanidade da UNESCO co nome de "Obra do enxeñeiro Eladio Dieste: Igrexa da Atlántida".[5]