Ida Kamińska
Nome orixinal | (pl) Ida Kamińska (yi) אידה קאַמינסקאַ |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de setembro de 1899 Odesa (Imperio Ruso) |
Morte | 21 de maio de 1980 (80 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | doenza cardiovascular |
Lugar de sepultura | Mount Hebron Cemetery (en) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Imperio Ruso República Popular de Polonia |
Actividade | |
Ocupación | actriz , director teatral , actriz de cinema , actriz de teatro , directora de cinema |
Período de actividade | 1904 - |
Lingua | Lingua inglesa, lingua polaca e Lingua yiddish |
Familia | |
Fillos | Ruth Kamińska |
Pais | Abraham Izaak Kamiński e Ester Rachel Kamińska |
Irmáns | Regina Kamińska e Joseph Kaminski (en) |
Premios | |
|
Ida Kamińska, nada en Odesa o 18 de setembro de 1899 e finada en Nova York o 21 de maio de 1980, foi unha actriz e directora polaca xudía. Coñecida principalmente polo seu traballo no teatro, era filla de Ester Rachel Kamińska, que foi chamada "Nai da Escena Xudía". O Teatro Xudeu de Varsovia recibe o seu nome.
Durante a súa longa carreira, Kamińska produciu máis de setenta obras e interpretou máis de 150 producións. Tamén escribiu dúas obras e traduciu moitas obras ao yiddish. A segunda guerra mundial interrompeu a súa carreira, e logo emigrou aos Estados Unidos para continuar a actuar. En 1967 dirixiuse no papel principal de Nai Coraxe e mais os seus fillos en Broadway.[1] En 1973, publicou a súa autobiografía, titulada My Life, My Theater.[2]
Protagonizou o filme de 1965 Obchod na korze, que gañou o Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa. Pola súa interpretación recibiu unha mención especial do Festival de Cannes, ademais de candidaturas ao Globo de Ouro e ao Óscar á mellor actriz.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e carreira
[editar | editar a fonte]Kamińska naceu en Odesa, Imperio Ruso, actual Ucraína, filla da actriz teatral yiddish Ester Rachel Kamińska (1870–1925) e do actor, director e produtor teatral Abraham Kaminsky (1867–1918). A súa irmá foi a tamén actriz Regina Kamińska e o seu irmán o compositor Joseph Kaminski.[3] A súa nai foi descrita como a "Eleanor Duse xudía".[4]
Ida Kamińska comezou a súa carreira teatral aos seis anos de idade.[3] Un dos seus primeiros papeis foi na obra de Jakob Gordin Mirele Efros, como neta da protagonista, que estaba interpretada pola súa nai.[5][6] Actuou tanto en traxedias como en comedias, ademais de dirixir obras na compañía do seu pai cando tiña dezaoito anos.[7]
En 1918 casou co actor e director yiddish Zygmunt Turkow (1896-1970), membro da compañía dos seus pais. Ela e Turkow tiveron unha filla, Ruth Kamińska-Turkow, que naceu en 1919.[7] Despois dunha xira de tres anos do teatro Kamiński na Unión Soviética, a parella estableceuse en Varsovia, e xuntos estableceron o Teatro de Arte Xudía de Varsovia, en 1922, con Ida Kamińska como actriz principal. Divorciáronse en 1932 e o mesmo ano Kamińska organizou a súa propia compañía en Varsovia, o Teatro Dramático de Ida Kamińska, que continuou a dirixir ata 1939.[7] En xullo de 1936 Kamińska casou co actor yiddish Marian (Meir) Melman (1900-1978).
En outubro de 1939, no principio da segunda guerra mundial, Kamińska e membros da súa familia, incluídos o seu marido, Melman, e a súa filla, Ruth, voaron a Lwów (Ucraína), que estaba baixo a ocupación soviética. Alí puido dirixir o teatro yiddish fundado polas autoridades soviéticas.[5] Ela e a súa familia establecéronse cuns amigos. Posteriormente emigraron a varias localidades da Unión Soviética, acabando na República Socialista Soviética de Kirguizistán. O seu fillo Victor naceu en Frunze en outono de 1941.[3] En 1944 chegaron a Moscova,[3] onde Kamińska actuou de novo en producións yiddish.[7]
Carreira de posguerra
[editar | editar a fonte]Trala guerra, Kamińska e a súa familia volveron a Varsovia. A poboación xudía polaca fora decimada no holocausto. Non obstante, Kamińska e Melman tomaron a decisión de tratar de restablecer o teatro xudeu. Un teatro yiddish foi reaberto en Varsovia en novembro de 1946.[7] En 1949 o goberno polaco garantiu un subsidio para o establecemento do Teatro Estatal Xudeu de Polonia, no que Kamińska foi directora artística.[7] Na primeira parte da súa existencia, o teatro xirou polas cidades de Łódź (1949-1953) e Wrocław (1953-1955). En 1955 estableceuse permanentemente en Varsovia, como o Teatro Estatal Xudeu, que despois recibiu o nome de Ida e a súa nai (Teatro Estatal Xudeu Ester Rachel Kamińska e Ida Kamińska). Ida Kamińska continuou a dirixir o teatro ata 1968.
En 1957, foi de xira a Israel por primeira vez, actuando para a primeira ministra Golda Meir.[3] En 1965, interpretou a Mrs. Lautmann no filme checoslovaco Obchod na korze, dirixido por Ján Kadár e Elmar Klos, polo que logrou unha candidatura ao Óscar á mellor actriz na 39ª edición dos Óscar.[3]
En protesta contra a campaña antisemita do goberno durante os sucesos de marzo de 1968 abandonou Polonia para sempre en xullo de 1968, primeiro a Israel e finalmente a Nova York.
O seu último papel foi en The Angel Levine (1970), dirixido por Ján Kadár.[3][8]
Falecemento
[editar | editar a fonte]Ida Kamińska faleceu dunha enfermidade cardiovascular en 1980, aos 80 anos. O seu marido, Meir Melman, morrera en 1978.[9] Foi enterrada na sección do teatro yiddidh do cemiterio Mount Hebron en Flushing, Nova York.[10][11]
Legado
[editar | editar a fonte]En 2014, o Teatro Xudeu de Varsovia realizou unha exposición especial na súa honra. A exposición incluía vestidos levados por Kamińska, ademais de fotografías e recordos da súa carreira.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ida Kaminska, director". Playbill.com. Consultado o 13 de decembro de 2016.
- ↑ Ida Kaminska at Amazon consultado o 12 de setembro de 2016
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Segal, Sheila F. (1996). "Ida Kaminska, Leading Lady". Women of Valor: Stories of great Jewish women who helped shape the twentieth century. West Orange, NJ: Behrman. pp. 52–65. ISBN 0874416124.
- ↑ Jewish womens acrhive Consultado o 9 de decembro de 2016
- ↑ 5,0 5,1 Steinlauf, Michael C. (17 de agosto de 2010). "Kaminski Family." YIVO Encyclopedia of Jews in Eastern Europe. Consultado o 21 de xuño de 2015.
- ↑ Baron, Alec (2000). "Kamińska, Esther (Rachel) ... and Ida Kamińska". En Banham, Martin. The Cambridge guide to theatre. Reprint of 1995 edition with corrections. Cambridge: Cambridge University Press. p. 586. ISBN 0521434378.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Morgan, Barbara (2002). "Kaminska, Ida (1899–1980)." Women in World History: A Biographical Encyclopedia. Ed. Anne Commire. Vol. 8. Detroit: Yorkin Publications. p. 431-434.
- ↑ Langman, Larry (2000). Destination Hollywood : the influence of Europeans on American filmmaking. Jefferson, NC: McFarland. p. 24. ISBN 078640681X.
- ↑ "Ida Kaminska dead at 80" (23 de maio de 1980). Jewish Telegraphic Agency. Consultado o 20 de xuño de 2015.
- ↑ Thise, Mark (2008). Hollywood winners & losers, A to Z. Nova York: Limelight Editions/Hal Leonard. p. 99. ISBN 9780879103514.
- ↑ "Ida Kaminska". Find a Grave. Consultado o 30 de agosto de 2013.
- ↑ "Wystawa pamięci Idy Kamińskiej w Teatrze Żydowskim w Warszawie Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine." (en polaco) (18 de setembro de 2014). Artigo de tributo a Kaminska. Gazeta Wyborcza. wyborcza.pl. Consultado o 16 de decembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ida Kamińska and Meir Melman papers at the YIVO Archives
- Friends of Ida Kamińska Theatre Foundation archives at the American Jewish Historical Society