Ibrahim Traoré
(2026) | |
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 14 de marzo de 1988 Bondokuy |
| President of the Alliance of Sahel States (en) | |
| 24 de decembro de 2025 – ← Assimi Goïta | |
| Presidente de Burkina Faso | |
| 30 de setembro de 2022 – ← Paul-Henri Sandaogo Damiba | |
| Datos persoais | |
| Relixión | Islam |
| Educación | Universidade de Uagadugu (pt) |
| Actividade | |
| Ocupación | oficial, político |
| Carreira militar | |
| Rama militar | Burkina Faso military (en) |
| Rango militar | capitán |
| Participou en | |
| 30 de setembro de 2022 | Golpe de Estado em Burquina Fasso de setembro de 2022 (pt) |
| Familia | |
| Irmáns | Inoussa Traoré Omar Traoré |
| Premios | |
| |
Ibrahim Traoré, nado en Kéra, na comuna de Bondokuy, o 14 de marzo de 1988, é un militar e político burkinés, co grao de capitán. Exerce como presidente do Faso, xefe do Estado e xefe supremo das Forzas Armadas de Burkina Faso desde 2022.[1]
Chegou ao poder tras o golpe de Estado do 30 de setembro de 2022, que depuxo o tenente coronel Paul-Henri Sandaogo Damiba. Foi situado á fronte do Movemento Patriótico para a Salvagarda e a Restauración (MPSR) e prestou xuramento perante o Consello Constitucional o 21 de outubro, converténdose formalmente en presidente do Faso, xefe do Estado e xefe supremo das Forzas Armadas.[1]
A Carta da Transición modificada o 25 de maio de 2024 prolongou durante cinco anos, a partir do 2 de xullo dese ano, o período institucional iniciado en 2022 e substituíu a denominación de «presidente da Transición» pola de «presidente do Faso».[2]
Desde decembro de 2025 exerce tamén a presidencia rotatoria da Confederación dos Estados do Sahel, integrada por Burkina Faso, Malí e Níxer.[3]
Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Traoré naceu o 14 de marzo de 1988 en Kéra, na comuna rural de Bondokuy, no oeste de Burkina Faso.[1]
Realizou os estudos primarios na escola pública de Bondokuy e os secundarios no Lycée Mixte d'Accart-Ville de Bobo-Dioulasso. En 2006 obtivo o bacharelato da serie D.[1]
Ese mesmo ano ingresou na Universidade de Uagadugú, actual Universidade Joseph Ki-Zerbo, na Facultade de Ciencias e Técnicas. Estudou no departamento de Química, Bioquímica, Bioloxía e Xeoloxía e en 2010 obtivo unha maîtrise en xeoloxía.[1]
Durante a etapa universitaria participou na Association nationale des étudiants du Burkina (ANEB), organización estudantil de inspiración marxista, na que exerceu como delegado.[4]
Carreira militar
[editar | editar a fonte]Despois dos estudos universitarios superou o concurso de ingreso na Academia Militar Georges Namoano, en Pô, onde realizou durante dous anos a formación de oficial. Rematou como segundo da súa promoción e obtivo o grao de subtenente.[1]

Foi ascendido a tenente en 2014 e a capitán en 2020.[1]
Durante a súa carreira serviu en diversas zonas afectadas pola insurxencia islamista no Sahel, entre elas as rexións do Sahel, Norte, Centro-Norte e Leste de Burkina Faso. Participou tamén en operacións internacionais de mantemento da paz das Nacións Unidas, incluída a misión despregada en Malí.[1]
En Malí participou en operacións da MINUSMA e estivo destinado na rexión de Tombuctú. Posteriormente participou en diferentes operacións contra os grupos armados que actuaban no norte e no leste de Burkina Faso.[4]
En marzo de 2022 foi nomeado xefe do Rexemento de Artillaría con base en Kaya.[1]
Ascenso ao poder
[editar | editar a fonte]Golpe de xaneiro de 2022
[editar | editar a fonte]Traoré formou parte do grupo de oficiais que apoiou o golpe de Estado do 24 de xaneiro de 2022, que depuxo o presidente Roch Marc Christian Kaboré e levou ao poder o tenente coronel Paul-Henri Sandaogo Damiba á fronte do Movemento Patriótico para a Salvagarda e a Restauración.[4]
Nos meses seguintes aumentou o descontento entre sectores das forzas armadas pola evolución da situación de seguridade e pola dificultade do novo goberno para conter a insurxencia armada. Traoré converteuse nun dos representantes do malestar entre oficiais e soldados destinados nas zonas de combate.[4]
Golpe de setembro de 2022
[editar | editar a fonte]O 30 de setembro de 2022 producíronse disparos e movementos de tropas en Uagadugú. Esa noite, un grupo de militares encabezado por Traoré anunciou a destitución de Damiba, a disolución do Goberno e da Asemblea Lexislativa de Transición e a suspensión da Carta da Transición.[5]
Os golpistas argumentaron que Damiba non conseguira cumprir o obxectivo co que xustificara o golpe de xaneiro: recuperar o control do territorio e conter os grupos islamistas armados.[5]
Traoré asumiu a dirección do MPSR. Damiba anunciou posteriormente a súa dimisión e abandonou Burkina Faso.
O 6 de outubro Traoré foi designado xefe do Estado pola estrutura militar que controlaba o país. Tras unhas xornadas nacionais celebradas en outubro foi adoptada unha nova Carta da Transición.
O 21 de outubro prestou xuramento perante o Consello Constitucional como presidente do Faso, xefe do Estado e xefe supremo das Forzas Armadas nacionais.[1]
Presidencia
[editar | editar a fonte]Seguridade e insurxencia armada
[editar | editar a fonte]A loita contra os grupos armados islamistas converteuse na principal prioridade declarada do goberno de Traoré.
Pouco despois da súa chegada ao poder, as autoridades ampliaron o recrutamento dos Voluntarios para a Defensa da Patria (VDP), unha forza civil auxiliar das Forzas Armadas empregada na loita contra a insurxencia.
En abril de 2023 o Goberno decretou unha «mobilización xeral» que permitía adoptar medidas extraordinarias para apoiar o esforzo militar e requisar persoas e bens para a defensa nacional.[6]
A pesar do aumento das operacións militares, a insurxencia continuou provocando numerosas vítimas. En 2024 producíronse ataques de gran magnitude, entre eles o de Barsalogho do 24 de agosto, atribuído ao grupo Jama'at Nusrat al-Islam wal-Muslimin.[7]
Relacións con Francia
[editar | editar a fonte]Durante a presidencia de Traoré deterioráronse considerablemente as relacións con Francia, antiga potencia colonial.
En xaneiro de 2023 o Goberno burkinés denunciou o acordo que permitía a presenza das forzas especiais francesas no país e solicitou a súa retirada.[8]
As tropas francesas concluíron as súas operacións no país en febreiro dese ano.
Posteriormente as relacións diplomáticas continuaron deteriorándose e en abril de 2024 Burkina Faso expulsou tres diplomáticos franceses aos que acusou de actividades «subversivas». Francia non confirmou esas acusacións.[9]
Relacións con Rusia
[editar | editar a fonte]Paralelamente ao distanciamento con Francia, o Goberno de Traoré reforzou as relacións políticas e militares con Rusia.
En xullo de 2023 participou no cumio Rusia-África celebrado en San Petersburgo, onde pronunciou un discurso centrado na soberanía africana, o antiimperialismo e a cooperación entre Rusia e os países africanos.
Burkina Faso e Rusia acordaron tamén restablecer plenamente as relacións diplomáticas e Rusia reabriu a súa embaixada en Uagadugú.
As primeiras informacións posteriores ao golpe especularon coa posible implantación do Grupo Wagner no país. Traoré negou que fose necesario recorrer a esa organización e afirmou que a defensa do país debía apoiarse nas propias forzas burkinesas e nos VDP.[4]
Alianza e Confederación dos Estados do Sahel
[editar | editar a fonte]En setembro de 2023, Burkina Faso, Malí e Níxer constituíron a Alianza dos Estados do Sahel (AES), inicialmente como pacto de defensa mutua.
En xaneiro de 2024, os tres Estados anunciaron a súa saída da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental (CEDEAO).
O 6 de xullo dese ano os xefes de Estado dos tres países asinaron en Niamey o tratado polo que se creou a Confederación dos Estados do Sahel, ampliando a cooperación aos ámbitos político, económico, diplomático e de seguridade.[10]
O 23 de decembro de 2025, durante o segundo cumio do Colexio de Xefes de Estado da Confederación celebrado en Bamaco, Traoré asumiu a presidencia rotatoria da AES por un período dun ano, en substitución do presidente maliano Assimi Goïta.[3]
Evolución institucional
[editar | editar a fonte]A Carta da Transición adoptada o 14 de outubro de 2022 establecía inicialmente un período destinado a conducir o país cara á restauración dun goberno constitucional.
As eleccións estaban previstas nun principio para 2024, pero o deterioro da situación de seguridade levou as autoridades a defender que non podían celebrarse mentres unha parte significativa do territorio permanecese afectada pola insurxencia.
O 25 de maio de 2024, unhas novas xornadas nacionais aprobaron a modificación da Carta da Transición. O novo texto prolongou a transición durante cinco anos a partir do 2 de xullo de 2024 e permitiu que Traoré, o primeiro ministro e o presidente da Asemblea lexislativa puidesen presentarse ás futuras eleccións.[2]
A reforma modificou tamén o seu título institucional: deixou de ser denominado «presidente da Transición» e pasou a ser oficialmente «presidente do Faso».[2]
O 1 de abril de 2025 Traoré proclamou a denominada Revolución Progresista Popular (RPP), presentada polo Goberno como novo marco político e ideolóxico da acción estatal.[11]
En abril de 2026, a Asemblea lexislativa aprobou unha nova Carta da Revolución destinada a substituír a Carta da Transición de 2022, modificada en 2024. O texto incorporou xuridicamente a Revolución Progresista Popular e modificou a composición e funcionamento das institucións de transición.[12]
Dereitos humanos e liberdade de prensa
[editar | editar a fonte]Organizacións internacionais de dereitos humanos denunciaron desde 2023 unha progresiva restrición do espazo político e mediático baixo as autoridades encabezadas por Traoré.
Human Rights Watch documentou detencións, desaparicións e recrutamentos militares de xornalistas, activistas, opositores e membros da maxistratura críticos co goberno. A organización sostén que nalgúns casos a normativa de mobilización xeral foi empregada de maneira punitiva contra voces críticas.[13][14]
O Goberno fundamentou a mobilización e as restricións extraordinarias na necesidade de combater a insurxencia armada e recuperar o control do territorio.
Durante este período foron tamén suspendidos temporalmente ou restrinxidos diferentes medios de comunicación internacionais e nacionais.
Imaxe pública
[editar | editar a fonte]A figura de Traoré adquiriu unha notable proxección dentro e fóra de Burkina Faso. A súa comunicación pública utiliza con frecuencia conceptos como a soberanía nacional, o panafricanismo, o antiimperialismo, a autosuficiencia económica e a mobilización popular.
Diversos medios estableceron paralelismos entre a súa imaxe política e a do expresidente revolucionario Thomas Sankara, a quen Traoré cita con frecuencia e cuxas ideas sobre soberanía, desenvolvemento endóxeno e mobilización popular incorporou ao seu discurso.[4]
Ao mesmo tempo, investigadores e medios internacionais sinalaron a importancia da propaganda política e da desinformación nas redes sociais arredor da súa figura, incluíndo numerosas publicacións falsas que lle atribúen discursos, medidas económicas ou declaracións inexistentes.
Distincións
[editar | editar a fonte]- Gran Cruz da Orde Nacional de Malí (2025). A distinción foille concedida polo presidente maliano Assimi Goïta o 23 de decembro de 2025, durante o segundo cumio da Confederación dos Estados do Sahel.[15]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 "Biographie du président". Présidence du Faso (en francés). Consultado o 6 de outubro de 2026.
- 1 2 3 "Assises nationales sur la suite de la Transition : les Forces vives consacrent le statut de Président du Faso au Capitaine Ibrahim Traore". Présidence du Faso (en francés). 25 de maio de 2024. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- 1 2 "Le Capitaine Ibrahim Traoré prend la tête de la Confédération des États du Sahel". Présidence du Faso (en francés). 23 de decembro de 2025. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- 1 2 3 4 5 6 Douce, Sophie (30 de maio de 2023). "Au Burkina Faso, le capitaine Ibrahim Traoré, le président énigmatique qui défie la France". Le Monde (en francés). Consultado o 6 de outubro de 2026.
- 1 2 Thiam, Ndiaga; Mimault, Anne (30 de setembro de 2022). "Burkina Faso army captain announces overthrow of military government" (en inglés). Reuters. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Au Burkina Faso, la flambée des violences souligne les limites de la stratégie de lutte antiterroriste de la junte". Le Monde (en francés). 19 de abril de 2023. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Burkina Faso PM says civilians killed in jihadist attack lacked protection" (en inglés). Reuters. 11 de setembro de 2024. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Le Burkina Faso officialise sa demande de rupture de la présence militaire française dans le pays". Le Monde (en francés). 24 de xaneiro de 2023. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Burkina Faso expels three French diplomats for 'subversive activities'" (en inglés). Reuters. 18 de abril de 2024. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Junta-led Sahel states rule out return to West African economic bloc" (en inglés). Reuters. 6 de xullo de 2024. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "An I de la proclamation de la Révolution Progressiste Populaire". Présidence du Faso (en francés). 1 de abril de 2026. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Charte de la Révolution : le projet de loi adopté à l’unanimité par les députés". Assemblée législative du Burkina Faso (en francés). Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Burkina Faso: Journalist, Junta Critics Feared Disappeared". Human Rights Watch (en inglés). 10 de xullo de 2024. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "World Report 2026: Burkina Faso". Human Rights Watch (en inglés). 2026. Consultado o 6 de outubro de 2026.
- ↑ "Le Président Traoré élevé à la dignité de Grand-Croix de l'Ordre national du Mali". Présidence du Faso (en francés). 24 de decembro de 2025. Consultado o 6 de outubro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ibrahim Traoré |
| A Galipedia ten un portal sobre: Burkina Faso |
