Saltar ao contido

Isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «IPTG»)
Isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido
Identificadores
Número CAS 367-93-1
PubChem 656894
ChemSpider 571154
MeSH Isopropyl+Thiogalactoside
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C9H18O5S
Masa molar 238,30 g mol−1
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O isopropil β-D-1-tiogalactopiranósido (IPTG) é un reactivo usado en bioloxía molecular. Este composto é un imitador molecular da alolactosa, un metabolito da lactosa que desencadea a transcrición do operón lac e é, por tanto, usado para inducir a expresión de proteínas nas que o xene está baixo o control do operador lac.

O IPTG, a diferenza da alolactosa, non é hidrolizable pola β-galactosidase. Por tanto, a súa concentración permanece constante durante un experimento. Para a indución, unha solución estéril filtrada 1 M de IPTG é tipicamente engadida a unha dilución 1:1000 nun cultivo bacteriano en crecemento exponencial, para dar unha concentración final de 1 mM. Porén, poden usarse tamén outras concentracións de IPTG.

Mecanismo de acción

[editar | editar a fonte]

Igual que a alolactosa, o IPTG únese ao represor lac e libera o represor tetramérico do operador lac de maneira alostérica, o que permite a transcrición dos xenes do operón lac, como o xene que codifica a beta-galactosidase, un encima hidrolase que cataliza a hidrólise de β-galactósidos dando monosacáridos. Pero, a diferenza da alolactosa, o átomo de xofre (S) crea un enlace químico que non é hidrolizable pola célula, impedindo que a célula metabolice ou degrade o indutor.

A captación de IPTG por E. coli pode ser independente da acción da lactosa permease, xa que están tamén implicadas outras vías de transporte.[1] A baixa concentración, o IPTG entra na células por medio da lactosa permease, pero a altas concentracións (tipicamentre usadas para a indución de proteínas), o IPTG pode entrar nas células independentemente da lactosa permease.[2]

Uso en laboratorio

[editar | editar a fonte]

O IPTG é un indutor efectivo da expresión de proteínas no intervalo de concentracións de 100 μM a 3,0 mM. A concentración usada depende da forza de indución requirida, así como o xenotipo de células ou plásmidos usados. Se está presente lacIq, un mutante que sobreproduce o represor lac, entón pode ser necesaria unha maior concentración de IPTG.[3]

En cribados azul/branco, utilízase o IPTG xunto con X-gal. O cribado azul/branco permite identificar as colonias que foron transformadas co plásmido recombinante das que non.[4]

  1. Hansen LH, Knudsen S, Sørensen SJ (June 1998). "The effect of the lacY gene on the induction of IPTG inducible promoters, studied in Escherichia coli and Pseudomonas fluorescens". Curr. Microbiol. 36 (6): 341–7. PMID 9608745. doi:10.1007/s002849900320. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2000. Consultado o 20 de decembro de 2018. 
  2. Marbach A, Bettenbrock K (2012). "lac operon induction in Escherichia coli: Systematic comparison of IPTG and TMG induction and influence of the transacetylase LacA". Journal of Biotechnology 157 (1): 82–8. PMID 22079752. doi:10.1016/j.jbiotec.2011.10.009. 
  3. BL21(DE3) Competent Cells, BL21 (DE3)pLysS Competent Cells, and BL21 Competent Cells Instruction Manual (Revision #066004e ed.). La Jolla, CA: Stratagene. 2006. p. 7. 
  4. Sigma-Aldrich Introduction to Blue-White Screening – Background and Protocols for Colony Selection

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]