Iápix

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Iápix extraendo unha punta de frecha da perna de Eneas, co fillo do heroe, Ascanio chorando atrás del.

Iápix (en grego antigo Ἰάπυξ) é o nome de varios personaxes da mitoloxía grega:

  • Un príncipe arcadio, fillo de Licaón, o rei que foi convertido en lobo por facer sacrificios humanos a Zeus. Como o resto dos licaónidas destacaba pola súa impiedade, até tal punto que o mesmo Zeus se dirixiu ao seu palacio, disfrazado de mendigo ou de agricultor, para comprobar se eran certos os rumores sobre as súas atrocidades. Notando signos da divindade do seu hóspede, os fillos de Licaón decidiron asasinar un dos seus irmáns (Níctimo) e servirllo de cea, mesturado con entrañas de animais, para así comprobar se era ou non un deus. Pero Zeus, decatándose enseguida do abominábel do manxar, devolveu á vida a Níctimo e fulminou cos seus raios aos seus asasinos, ou ben os converteu en lobos. Xunto cos seus irmáns Daunio e Peucetio, logrou fuxir ao sur de Italia, acompañado dun exército de ilirios ao mando do xeneral Mesapio. Alí venceron ao pobo autóctono (os ausonianos), e repartiron o país entre os tres irmáns. Iápix fundou entón a colonia de Iapixia, á que deu o seu nome.
  • Un irmán do cretense Icadio, ao que tamén se lle atribúe a fundación da colonia de Iapixia.
  • Un fillo de Dédalo e dunha muller cretense. Os cretenses que emigraron ao sur de Italia recibiron por el o nome de iapixios, confundíndose por tanto cos personaxes anteriores.
  • Iápix ou Iapis era un fillo de Iaso moi querido polo deus Apolo, que lle outorgou o don da profecía, a arte de saber tocar a lira e a da medicina. Esta última ensinanza foi a que máis agradeceu Iápix, obsesionado como estaba con prolongar a vida de seu pai. Tamén usou as súas calidades como médico para sandar a Eneas cando foi ferido na guerra contra Latino.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Virxilio, Eneida, Libro XX, liñas 391 e 402

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]