Huracan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Na mitoloxía maia, Huracan(en maia: hunracán, ‘unha [soa] perna'; hun, un; racan, perna) era o deus dos ventos, das tempestades e do lume. É a principal divindade do Popol Vuh, sendo o único deus que está presente en todas as fases da historia da creación do mundo co nome de U K'ux Kaj (Corazón do Ceo) e descrito como espírito creativo e a orixe da vida.[1] Huracan amosa tres aspectos diferentes, que personifican o poder celeste: Raio Furacán, Raio Xove e Raio Repentino, a chuvia, o vento e o lóstrego. Dado que as tormentas traen auga (choiva) e lume (lóstrego), son vistos como cruciais para a vida, provoca que o raio teña un papel mitolóxico fundamental na fertilización da terra e nos cultivos.[2]

No Popol Vuh, Huracan, aínda que inflúe directamente en sucesos no mundo, tamén é quen dirixe aos outros personaxes. Esta deidade é a que desata o Gran Diluvio, versión maia do diluvio universal, despois de que a segunda xeración de humanos enfadase aos deuses, invocou repetidamente "terra" ata que esta emerxeu dos mares, participou nos tres intentos de creación da humanidade, e, en particular, na creación do home a partir do millo, e quen lle pide aos xemelgos Hunahpu e Xbalanque que maten ao malvado de Wukub Cak'ix.[3]

O seu nome, entendido como 'unha soa perna', fai pensar no Deus K da iconografía maia posclásica e clásica, unha divindade do raio e cunha perna humá[4]. O Deus K adoita ser coñecido como Bolon Tzacab, K'awaiil or Kauil. Alén diso, Huracan ten correspondencia con outras deidades similares de culturas precolombianas, como Tohil na mitoloxía K'ique', Cocijo na mitoloxía zapoteca, ou Tlaloc e Tezcatlipoca na mitoloxía azteca.[5]

A palabra española huracán, da que procede o vocábulo furacán, deriva dun vocábulo da lingua taína[6], e non, como pensan algúns, se incorporou ao español pola lingua maia. Con todo, hai que recordar que antes de comezar a conquista da península do Iucatán en 1517, xa se rexistraran varios furacáns e o vocábulo huracán xa apareceu por escrito da man de Pietro Martire d'Anghiera na primeira Década da súa obra Décadas do Novo Mundo, publicada en 1511.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Christenson et al. 2007, p. 59.
  2. Vail et al. 2013, p. 76.
  3. Christenson et al. 2007.
  4. Freidel et al. 1993, p. 199-200.
  5. Taube et al. 1992, p. 148.
  6. «Huracán» (en español). Consultado o 17 de marzo de 2019.
  7. Traducido por Francis Augustus MacNutt, De Orbo Novo - The Eight Decades of Peter Martyr D'Anghera (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]