Huiyuan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Huiyuan
Nacemento334
Lugar de nacementoShanxi
Falecemento416
Lugar de falecementoHubei
NacionalidadeChina
Relixiónbudismo
Ocupacióntradutor, mestre e filósofo
editar datos en Wikidata ]

Huiyuan (en chinés: 慧遠, Hui-yüan), nado en 334 e finado en 416 foi un mestre budista chinés que fundou o templo Donglin no monte Lushan na provincia de Jiangxi e escribiu o texto Sobre por que os monxes non se inclinan perante os reis en 404. Naceu na provincia de Shanxi mais tras unha longa ensinanza budista acabou na provincia de Jiangxi, onde faleceu. Aínda que naceu no norte, marchou ao sur para vivir dentro das fronteiras da dinastía Jin oriental.

Huiyuan foi nomeado postumamente Primeiro Patriarca da Escola da Terra Pura do Budismo. Os seus discípulos inclúen a Huiguan (慧觀), Sengji (僧濟) e Faan (法安).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Templo Donglin no monte Lushan
"Os tres que rin no Barranco do Tigre" – Huiyuan, Tao Yuanming e Lu Xiujing – Soga Shōhaku (1730-1781).

Huiyuan comezou a estudar o Zhuangzi e Laozi con curta idade, ademais das ensinanzas de Confucio. Porén, aos vinte e un anos foi convertido na provincia de Hebei polo budista Dao An, que era discípulo chinés dun misioneiro Kucha. Ouvir os sermóns de Dao An convenceu a Huiyuan a "deixar a familia" e embarcarse nunha vida de ensinanzas budistas.[1] Posteriormente, converteuse en patriarca do templo Donglin (templo do Bosque Oriental) no monte Lushan. As súas ensinanzas eran varias, incluídos vinaya (戒律), meditación (禪法), abhidharma e prajna ou sabedoría. Aínda que Huiyuan non tomou a iniciativa no establecemento das relacións co mundo secular, tivo contactos coa corte e a aristocracia. Huiyuan foi convidado en dúas ocasións polo ditador Huan Xuan para participar nas discusións sobre o status do clero e Huiyuan defendeu a independencia do clero. Os membros das clases cultas foron vivir ao monte Lu como discípulos leigos de Huiyuan para formar parte da vida relixiosa. Ademais das súas ensinanzas e interacción cos seguidores leigos da fe budista, tamén mantivo correspondencia co monxe Kumarajiva.[2]

No ano 402 organizou un grupo de monxes e xente leiga nunha seita Mahayana coñecida como Budismo da Terra Pura, sendo a Terra Pura o paraíso occidental do Buda Amitabha.[3]

En 404, Huiyuan escribiu o tratado Sobre por que os monxes non se inclinan perante os reis (沙門不敬王者論).[4] Este libro simbolizou os seus esforzos para afirmar a independencia política do clero budista das cortes dos monarcas. Ao mesmo tempo, era un texto relixioso e político que axudou a convencer os monarcas e ministros de estado de ideal confucianista que os seguidores do budismo non eran subversivos. Indicou que os budistas podían realizar boas tarefas no reino debido ás súas crenzas na retribución do karma e o desexo de volver nacer no paraíso. A pesar da reputación dos budistas de abandonar a familia a cambio da vida monástica, Huiyuan afirmou que "aqueles que gozan no camiño do Buda, invariabelmente primeiro serven os seus pais e obedecen os seus señores".[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ebrey, Cambridge Illustrated History of China, 97.
  2. Jones, Charles B. (2008). Was Lushan Huiyuan a Pure Land Buddhist? Evidence from His Correspondence with Kumārajīva About Nianfo Practice, 周文廣 - Chung-Hwa Buddhist Journal 21, 175-191
  3. Shinko Mochizuki, Leo M. Pruden,Trans. (2001). Pure Land Buddhism in China: A Doctrinal History, Chapter 3: Hui-yuan of Mt.Lu, Pacific World Journal, Third Series, Number 3, 251
  4. Leon Hurvitz, "'Render unto Caesar' in Early Chinese Buddhism," Sino-Indian Studies, V, 4 (Santininketan), 80-114.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bary, Theodor de (1999). "Huiyuan: A monk does not bow down before a king", en: Sources of Chinese tradition, vol. I, Nova York: Columbia University Press, páx. 426-428
  • Ebrey, Patricia Buckley (1999). The Cambridge Illustrated History of China. Cambridge: Cambridge University Press.
  • Tanaka, Kenneth Kenichi (1990). The dawn of Chinese pure land Buddhist doctrine: Ching-ying Hui-yuan's Commentary on the Visualization sutra, Albany: State University of New York Press
  • Zürcher, E. e Teiser, Stephen F. (2007). Buddhist Conquest of China: The Spread and Adaptation of Buddhism in Early Medieval China (3.ª edición). Boston, MA: Brill Academic Publishers, páx. 204–53