Huascarán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 9°07′00″S 77°36′00″O / -9.1166666666667, -77.6

Vista do Huascarán e a Cordillera Blanca desde Jimbe
O Huascarán localízase no centro do Perú

O Huascarán, con 6768 metros[1], é a cima máis alta do Perú e a cuarta maior da América do Sur. Está situada na Cordillera Blanca, nos Andes centrais peruanos, na provincia de Yungay.

É característica a súa dupla cima: a máis elevada, Huascarán Sur (6768 m) está separada polo colado da Garganta do Huascarán Norte, de 6655 metros.

A montaña e o territorio circundante están incluídos no Parque Nacional de Huascarán, declarado Patrimonio da Humanidade en 1985[2].

Étimo[editar | editar a fonte]

O seu nome procede do quechua waskha (cadea) e ran (pedras ou montañas rochosas). Huascarán significa, entón, cadea de montañas.[Cómpre referencia] Hai, ademais, diversas lendas acerca da orixe do nome Huascarán, pero a máis verosímil conta que «o inca Huayna Cápac ao pasar por Yungay deulle o nome do seu fillo primoxénito, Huáscar, á montaña máis alta e fermosa», porque Huascarán tamén se pode interpretar como «A montaña de Huáscar».[Cómpre referencia]

Historia[editar | editar a fonte]

A cima norte foi alcanzada en 1908 por unha expedición norteamericana, da que formaba parte Annie Smith Peck.[3]

A primeira ascensión ao Huascarán Sur rexistrada foi realizada o 20 de xullo de 1932, por unha expedición xermano-austríaca, encabezada por H. Bernhard, E. Hein, H. Hoerlin e E. Schneider.[4]

O 10 de xaneiro de 1962 rexistrouse un alude iniciado no pico norte do Huascarán. Desapareceron 4 000 habitantes e varias poboacións foron criticamente danadas: Ranrahirca, Shacsha, Huarascucho, Yanama Chico, Armapampa e Uchucoto.[5]

O 31 de maio de 1970, un gran terremoto provocou o desprendemento dunha enorme cantidade de xeo, neve e rochas desde a cima norte, causando o sepultamento da cidade de Yungay[5], a morte de máis de 20 000 persoas e a desolación de boa parte dos arredores.

Desde xullo ata setembro de 1979, o alpinista e médico Nicolas Jaeger viviu 60 días, só, a 6 700 m de altura, xusto nas proximidades da cima do Huascarán, para estudar os efectos da hipoxia no seu propio organismo.[6] Como resultado da experiencia realizouse a película Operación Supervivencia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Centre, UNESCO World Heritage. "Huascarán National Park.". whc.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-06-28. 
  2. Centre, UNESCO World Heritage. "Huascarán National Park. Advisory Bodies Evaluations". whc.unesco.org (en inglés). Consultado o 2018-06-28. 
  3. "Annie Smith Peck : American mountain climber". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2018-06-28. 
  4. Ricker,, John ((1981 printing)). Yuraq Janka : guide to the Peruvian Andes (en inglés). Banff: Alpine Club of Canada. p. 83. ISBN 093041005X. OCLC 3767297. 
  5. 5,0 5,1 "Aludes en la provincia de Yungay" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28-06-2018. Consultado o 2018-06-28. 
  6. "Nicolas Jaeger au pays de l'oxygène rare". Le Monde.fr (en francés). Consultado o 2018-06-28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]