Hospital Central

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hospital Central
FormatoDrama
IntérpretesJordi Rebellón
Antonio Zabálburu
Mar Regueras
Roberto Drago
Begoña Maestre
Pablo Carbonell
Bárbara Muñoz
Mónica Estarreado
Luís Castro
Nani Jiménez
José Lamuño
País de orixeEspaña
Episodios300
Produción
Produtor(es)
executivo(s)
Eva Sánchez
Cristina Castilla
Duraciónaproximadamente 90 minutos por episodio
Emisión orixinal
Canle de orixeTelecinco
Primeira emisión30 de abril de 2000
Derradeira emisión27 de decembro de 2012
Na rede
http://www.telecinco.es/hospitalcentral/
IMDB: tt0297174 Filmaffinity: 422846 Allocine: 4474
Facebook: hcentraltv Twitter: hcentraltv Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Hospital Central (anteriormente Línea Roja)[1] foi unha serie de televisión española, producida por Videomedia e emitida pola cadea española Telecinco. Estreouse o 30 de abril de 2000 e finalizou o 27 de decembro de 2012. Ten a marca de ser a serie española semanal máis lonxeva da historia.

De carácter dramático, o seu argumento vira ao redor das vidas persoais e profesionais dos traballadores do ficticio Hospital Central de Madrid. A súa marca de audiencia é de 6 527 000 espectadores (35,3% de share).[2]

Sinopse[editar | editar a fonte]

A serie narra as historias do ficticio Hospital Central de Madrid mesturando as tramas médicas coas persoais protagonizadas polos profesionais que traballan no centro médico. Ademais do elenco protagonista, en cada episodio hai varios actores invitados que adoitan protagonizar as tramas médicas.

Historia[editar | editar a fonte]

O elenco inicial estaba encabezado por María Casal (Elisa) e Sergi Mateu (Santiago) e completábano Jordi Rebellón (Vilches), Rosa Mariscal (Andrea), Antonio Zabálburu (Javier), Fátima Baeza (Esther), Jesús Cabrero (Mario), Reyes Moleres (Diana), Diana Lázaro (Leonor), Lola Casamayor (Cecilia), Chusa Barbero (Susana), Marisol Rolandi (Teresa), Ángel Pardo (Rusti) e Ángel Rouco (Diego). Este elenco manteríase sen practicamente cambios ata a terceira etapa, na que se incorporaban Amaia Lizarralde (Cristina), Paulina Gálvez (Ana) e Diana Palazón (Laura).

Na cuarta tempada (estreada o 22 de setembro de 2002) incorpóranse varios personaxes de longo percorrido da serie como son os interpretados por Alicia Bogo (Eva), Nacho Fresneda (Aimé), Armando del Río (Fran) e Lluís Marco (Dávila), mentres que na quinta colaboran Fernando Guillén (Germán Prada), Enrique Alcides (Raúl) e Pepa Roldán (Queca). Na sexta etapa prodúcense as primeiras baixas importantes da serie: Sergi Mateu (Santiago) e Rosa Mariscal (Andrea), cuxo personaxe quedaría suplido coa fichaxe de Alicia Borrachero (Cruz), incorporación desta quenda de episodios xunto a Roberto Drago (Héctor).

A sétima, estreada o 20 de abril de 2004, conta coa colaboración de Leticia Dolera (Miriam), mentres que a oitava, iniciada o 7 de setembro de 2004, última de María Casal (Elisa), supón un punto de inflexión na serie coa incorporación de Patricia Vico (Maca) e Fátima Baeza (Esther), que se namoran, converténdose nunha das parellas homosexuais máis famosas da televisión. Esta foi unha das tramas máis aplaudidas, premiadas e recordadas da serie.

O 3 de maio de 2005 estréase a novena tempada, coas fichaxes de Mercè Llorens (Begoña), Jesús Olmedo (Carlos) e Marco de Paula (Rober). Non se producen máis cambios relevantes no elenco de actores ata a undécima, última de Ángel Pardo (Rusti). A décimo segunda tempada, estreada o 5 de setembro de 2006, supón a renovación do equipo do SAMUR, con Iván Sánchez (Raúl) e Bea Segura (Mónica). Tamén empezan a aparecer Bárbara Muñoz (Alicia) e Elia Galera (Claudia), que co paso dos capítulos irían adquirindo máis protagonismo ata converterse en fixas.

En marzo de 2007, a piques de comezar a emisión a súa décimo terceira tempada (o 12 de abril), última de Diana Palazón e Alicia Borrachero, a serie recibiu o seu primeiro TP de Ouro á mellor serie española, galardón ao que xa había estado nomeada anteriormente e polo que competía nesta ocasión con Aída e Cuéntame cómo pasó. O ano anterior fíxose co Premio Ondas á mellor serie española e no 2008 foi de novo finalista ao TP, aínda que o premio foi para a serie El internado.

O 7 de novembro de 2007, dentro da súa décimo cuarta tempada, a serie celebraba os seus 200 episodios emitindo un especial no que participaron algúns dos actores que formaron parte do elenco e abandonaron a serie e que conseguiu o liderado de audiencia no prime time. Pouco despois anunciábase a marcha da serie do actor Jordi Rebellón, que interpretaba desde o inicio da produción a un dos seus personaxes máis emblemáticos, o doutor Vilches. Esta produciuse no último episodio desa décimo cuarta tempada, emitido o 12 de decembro de 2007. Esta etapa era a primeira de Carles Francino Navarro (Rai), Marián Álvarez (Lola) e Carolina Cerezuela (Vero).

En xaneiro de 2008 comezaba a rodaxe da décimo quinta tempada, coas fichaxes dos actores Pedro Casablanc (Fernando), Juana Acosta (Sofía) e David Andrade (Waldo) e as colaboracións de María Barranco (Manuela), Fran Perea (Enrique) e María Vázquez (Trini). Confirmouse tamén o cameo de Ana Obregón en varios episodios da nova entrega, cuxa emisión daría comezo o 23 de abril de 2008 e concluiría o 30 de xullo do mesmo ano.

O 3 de setembro de 2008 Telecinco comezou a emitir a 16ª tempada. Nesta etapa incorpórase ó elenco de actores Pablo Carbonell (Gimeno), mentres que Luis Castro convértese en fixo no papel de Guillermo Vilches, que xa levaba aparecendo de forma esporádica na serie desde o ano 2004. O 2 de xuño de 2009 finalizou a 17ª tempada, que contou coas incorporacións dos actores Núria Prims (Leyre), Fèlix Pons (Jacobo), Sara Casasnovas (Jose), e Begoña Maestre (Raquel), así como coa colaboración de Mónica Estarreado (Valeria), Paco Valladares e Cristina Higueras entre outros. Ademais, os cineastas Gracia Querejeta e Miguel Albaladejo dirixiron respectivamente o cuarto capítulo desta entrega, titulado El tiempo entre los dedos e o último Es tan fácil morir.

En febreiro de 2010 paralizouse a emisión da súa 18ª tempada, que comezara en outubro do ano anterior, en substitución de De repente, los Gómez, que fracasou en audiencia. Esta etapa supón precisamente o retorno á serie de Jordi Rebellón no personaxe de Rodolfo Vilches. Ademais, súmanse ó elenco de actores dous personaxes de pouco percorrido, os interpretados por Montse Germán (Sandra) e José María Galeano (Daniel).

En decembro de 2009, as actrices Fátima Baeza e Patricia Vico anunciaron a súa marcha da serie, que se produciría a principios da décimo novena etapa da mesma tras máis de dez anos interpretando o personaxe de Esther e Maca. Con todo, os últimos resultados de audiencia da serie fixeron que perigase a súa continuidade e a posibilidade desa décimo novena tempada. Finalmente paralizouse a rodaxe durante dous meses, entre o 15 de febreiro e o mes de abril, nos que estaba previsto realizar unha reestruturación da serie como consecuencia desa baixada de audiencia.

O 10 de novembro de 2010 comezou a emisión (con novo horario, os mércores a partir das 23.45 horas) dos episodios da 18ª tempada que xa estaban gravados cando se interrompeu a emisión o 2 de febreiro de 2010 e que Telecinco promocionou xa como parte da nova etapa. Tras catro capítulos, a tempada volveuse a interromper debido aos seus malos datos de audiencia, retomándose a mediados de xaneiro de 2011 xa en prime time. Xusto ao mesmo tempo, o actor Ángel Pardo (Rusti) revelou nunha entrevista que participaría na rodaxe dun final para a serie, que contaría co regreso de varios personaxes emblemáticos como o seu, no mes de febreiro.

Inmediatamente logo da emisión dos episodios que quedaban da 18ª tempada, comezou a décimo novena propiamente dita, coas fichaxes dos actores Rafael Amaya (Enrique) e Adriana Torrebejano (Irene) e a colaboración en cinco capítulos, dous deles gravados no Perú, da actriz Adriana Ugarte (Natalia), así como as de Rocío Peláez, Álvaro Monje e Maggie Civantos nos papeis dos estudantes Victoria, Manu e Candela. Ademais, prodúcense os cameos de Concha Velasco e Victoria Abril.

Unha vez finalizado a rodaxe da 19ª etapa e antes de que concluíse a súa emisión, Telecinco decidiu pór o punto final á serie coa gravación de catro episodios máis. O primeiro deles conta coa colaboración de Verónica Forqué no papel da irmá de Vilches, Amalia, e coa baixa de Marisol Rolandi, Teresa, un dos poucos personaxes que habían estado na serie desde o seu inicio. O último capítulo, que é o que ía dar por concluída a serie, conta coa reaparición de varios personaxes emblemáticos como Aimé (Nacho Fresneda), Cruz (Alicia Borrachero), Rusti (Ángel Pardo), Maca (Patricia Vico), Esther (Fátima Baeza) e a propia Teresa (Marisol Rolandi), que abandonara a serie a tan só tres capítulos de finalizar a mesma.

Con todo, varios días antes de emitirse o capítulo pensado e rodado para pechar a serie, previsto para o 11 de maio de 2011, algúns medios publicaron que os seus guionistas estaban traballando na tempada 20, debido aos pobres datos de audiencia que obtiveran as novas series estreadas pola cadea durante 2011. Así, un día antes da emisión do último capítulo da 19ª tempada, a propia cadea confirmou na súa páxina web que a serie ía ser renovada por unha tempada máis de 16 capítulos, o que lle suporá alcanzar os 300 episodios.

No verán de 2011 comezou a rodaxe da tempada 20, na que se incorporan á serie Mar Regueras (Manuela), José Lamuño (Gorka) e Nani Jiménez (Ariadna) e abandonan a serie Iván Sánchez (Raúl) e Elia Galera (Claudia). Ademais, Jordi Rebellón roda algunhas escenas en Salamanca que contan coa colaboración dos actores Ben Temple e Elsa Pinilla e Telecinco organiza un concurso para que un fan participe na serie. O mércores 16 de maio, un ano logo de finalizar a anterior etapa, é a data escollida por Telecinco para a estrea da vixésima, que conta con cameos de Blanca Portillo, Jorge Sanz, Ana Belén, José Luis García Pérez ou Pilar Bardem, entre outros.

Tamén houbo cameos de multitude de actores e artistas coñecidos entre os que podemos citar a Óscar Jaenada, Elsa Pataky, Ruth Núñez, Alberto Jiménez, Mariví Bilbao, Lolita Flores, Agustín González, José Luis López Vázquez, Paloma e Fernanda Hurtado, Miguel Ángel Muñoz, Yohana Cobo, Remedios Cervantes, María Isbert, Eva Isanta, José Ángel Egido, Luis Merlo, Chenoa, Emma García, Julieta Venegas, Llum Barrera, Silvia Tortosa, Fiorella Faltoyano, Isabel Prinz, Carmen Rossi, Cesáreo Estébanez, Guillermo Montesinos, Luisa Martín, Amparo Climent, Sancho Gracia, Emma Suárez, Julieta Serrano, Paco Valladares, María Luisa Merlo, Álvaro de Luna e Asunción Balaguer entre outros moitos.

Elenco de actores[editar | editar a fonte]

Audiencias[editar | editar a fonte]

Tempada Capítulos Espectadores Share
Primeira 1-13 3 762 000 23,23%
Segunda 14-26 3 799 000 21,70%
Terceira 27-51 4 409 000 28,53%
Cuarta 52-64 4 461 000 27,30%
Quinta 65-72 4 899 000 28,23%
Sexta 73-88 4 445 000 27,10%
Sétima 89-102 4 558 000 27,87%
Oitava 103-120 4 983 000 27,91%
Novena 121-131 4 787 000 31,32%
Décima 132-145 5 213 000 29,77%
Undécima 146-160 4 825 000 29,06%
Duodécima 161-175 5 159 000 30,28%
Décimo terceira 176-190 4 009 000 23,52%
Décimo cuarta 191-205 4 189 000 25,29%
Décimo quinta 206-219 3 254 000 20,97%
Décimo sexta 220-236 3 469 000 20,57%
Décimo sétima 237-249 3 061 000 17,16%
Décimo oitava 250-268 2 601 000 15,44%
Décimo novena 269-283 2 489 000 13,99%
Vixésima 284-300 1 931 000 11,8%

Premios e candidaturas[editar | editar a fonte]

Hospital Central e Galicia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De ‘Hospital Central’ a ‘Velvet’: series que cambiaron su nombre (sin avisar)
  2. "Récord de audiencia de Hospital Central". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de novembro de 2009. 
  3. "Noticia". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2009. Consultado o 02 de setembro de 2007. 
  4. Noticia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]