Homomonument

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 52°22′28″N 4°53′05″L / 52.3744, 4.8847

Vista do Homomonument.

O Homomonument é un monumento conmemorativo no centro de Ámsterdam, a capital dos Países Baixos. O monumento lembra a todos os homosexuais, gais e lesbianas, que foron suxeitos a persecucións pola súa orientación sexual. Inaugurado o 5 de setembro de 1987, ten a forma de tres grandes triángulos rosas realizados en granito, colocados no chan formando os vértices dun triángulo maior na beira da canle Keizersgracht, preto da histórica igrexa de Westerkerk.

O Homomonument foi deseñado para «inspirar e apoiar ás lesbianas e os gais na súa loita contra a negación, a opresión e a discriminación.» Foi construído por unha iniciativa de maio de 1979 do movemento LGBT neerlandés, co apoio de grupos doutros países.

Vista aérea.

Unha versión en miniatura pode ser vista no parque Madurodam da Haia. O modelo a escala foi inaugurado o 24 de outubro de 2006 polo alcalde de Ámsterdam, Job Cohen, e o presidente do COC, Frank van Dalen.[1]

Orixe[editar | editar a fonte]

A idea dun monumento permanente ás vítimas da persecución gais e lesbianas data de 1970, cando activistas gais foron arrestados por tentaren colocar unha coroa de loureiros no monumento nacional que conmemora ás vítimas da guerra na praza Dam no centro de Ámsterdam. A coroa foi retirada pola policía e denunciada como unha vergoña.

Fixeron falta oito anos para reunir os 180 000 necesarios para construílo. A maioría proveu de doazóns de individuos e organizacións. O parlamento neerlandés doou 50 000 € e a cidade de Ámsterdam e a provincia de Holanda Setentrional tamén realizaron contribucións.

Imaxe en 3D do aspecto do monumento.

En 1980, diversos artistas foron convidados a presentar os seus deseños e un xurado, formado por expertos en arte e deseño, elixiu o presentado por Karin Daan, baseado no triángulo rosa. Co triángulo na auga como punto central, Daan expandiu o deseño para facer a súa idea tan monumental como fose posible sen perturbar os arredores.

Descrición[editar | editar a fonte]

O tema do triángulo baséase no símbolo do triángulo rosa, que os homosexuais detidos en campos de concentración debían portar durante a época nazi e que máis tarde foi adoptado polo movemento de liberación gai. Máis de 50 000 homes foron condenados pola súa homosexualidade durante o goberno nazi. De 10 000 a 15 000 foron enviados a campos de concentración, onde morreu un 60%.[2] Aínda que o Homomonument se describe a miúdo como un monumento ás vítimas gais da persecución nazi, a intención é conmemorar a todos os homes gais e lesbianas que sufriron e continúan sufrindo persecucións en todos os países e todas as épocas.

Ademais do triángulo na canle, que ten unha serie de escaleiras que levan á altura da auga, onde se colocan a miúdo coroas de flores, existe un triángulo de 60 cm de altura e outro a nivel da rúa. Os tres triángulos equiláteros, de 10 metros de lado, xuntos forman un triángulo maior, conectados entre si cunha fina fileira de ladrillos de granito rosa. Este triángulo equilátero maior ten 36 metros de lado.

A aliñación dos tres vértices do triángulo maior ten significado simbólico. Un apunta cara ao monumento nacional da guerra na praza Dam. Outro apunta cara á casa de Anne Frank, unha moza xudía que foi deportada polos nazis e que morreu no campo de concentración. O terceiro vértice sinala cara á sede de COC Nederland, o grupo de liberación gai neerlandés fundado en 1946, que o converte na organización LGBT máis antiga do mundo que segue en funcionamento.

No triángulo que sinala cara á casa de Anne Frank está gravado un verso do poeta xudeu e homosexual Jacob Israël de Haan (1881-1924): Naar Vriendschap Zulk een Mateloos Verlangen («Tal desexo infinito de amizade»). O texto pertence ao poema A un mozo pescador.

Notas[editar | editar a fonte]