Home caimán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Home caimán no parque dos mitos e lendas colombianos de Melgar.
Home caimán imaxinado por unha intelixencia artificial.

O home caimán é unha lenda que se desenvolveu na poboación ribeirega de Plato, Magdalena, na costa Caribe de Colombia.[1] Conta a historia de Saúl Montenegro, un home cuxa paixón por espiar mulleres espidas o condenou a quedar convertido nun ser medio caimán e medio humano.[2]

En Plato celébrase anualmente o Festival do Home Caimán. Tamén existen unha praza e un monumento na súa honra que son patrimonio cultural da poboación. A lenda do home caimán é o tema da canción "Se va el caimán" do barranquilleiro José María Peñaranda.

A lenda[editar | editar a fonte]

Monumento do home caimán en Plato (Magdalena).

Hai moito tempo existiu un pescador moi mullereiro que tiña por afección espiar ás mulleres espidas que se bañaban nas augas do río Magdalena. Prevendo que podería ser descuberto entre os arbustos, desprazouse á Alta Guajira para que un bruxo lle preparase unha apócema que o convertese temporalmente en caimán para que non sospeitasen as bañistas e podelas admirar a pracer. O bruxo preparoulle dous apócemas, unha vermella que o convertía en caimán, e outra branca que o volvía home de novo.

Montenegro gozou por algún tempo do seu enxeño, pero nunha ocasión o amigo que lle botaba a apócema branca non puido acompañalo e no seu lugar foi outra persoa que ao ver o caimán asustouse ao crer que era verdadeiro e deixou caer a botella branca co líquido que o convertía en home de novo. Antes de derramarse completamente algunhas pingas do líquido salpicaron unicamente a cabeza de Saúl, polo que o resto do seu corpo quedou convertido en caimán. Dende entón, converteuse no terror das mulleres, quen non volveron bañarse no río.

A única persoa que se atreveu a achegárselle despois foi a súa nai. Todas as noites visitábao no río para consolalo e levarlle a súa comida favorita: queixo, mandioca e pan mollado en ron. Trala morte da súa nai (que morreu de tristura por non poder atopar ao bruxo que elaborara as apócemas porque morrera) o home caimán só e sen ninguén que o coidase, decidiu deixarse arrastrar até o mar polo río até Bocas de Ceniza, como se coñece a desembocadura do río Magdalena no mar Caribe á altura de Barranquilla. Dende entón, os pescadores do baixo Magdalena, dende Plato até Bocas de Ceniza, permanecen pendentes para pescalo no río ou cazalo nos pantanos das ribeiras.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. HERRERA DE LEÓN, César A. (18 de febreiro de 1999). César Herrera de León, ed. Plato, sus leyendas y relatos (1 ed.). pp. 15–39. 
  2. "Tras las huellas del hombre caimán" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2017. Consultado o 6 de xuño de 2017. 
  3. El Heraldo. Mauricio Marín. "El "man" que se va para Barranquilla". Consultado o 14 de xullo de 2008. [Ligazón morta]
  4. ColegiosVirtuales.com. "Mitos y leyendas de Colombia. El Hombre Caimán". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2008. Consultado o 14 de xullo de 2008.