Hitler Has Only Got One Ball

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hitler Has Only Got One Ball (galego: Hitler só ten un collón) é unha canción satírica británica cantada polo exército británico durante a Segunda Guerra Mundial. Fai brincadeira de algúns dos máis importantes líderes nazis mediante unha sátira mordaz en referencia aos seus testículos, ou máis ben á ausencia dos mesmos. Existen múltiples variantes da letra, xeralmente cantadas como estrofas de catro liñas empregando a melodía da Marcha do Coronel Bogey máis antiga, composta en 1914.

Historia[editar | editar a fonte]

Na súa autobiografía Fringe Benefits, o escritor británico Donough O'Brien afirma que foi o seu pai, Toby O'Brien, quen escribiu a versión orixinal da canción en agosto de 1939 a xeito de propaganda británica. Toby O'Brien era, daquela, publicista do British Council. Esta primeira versión comezaba coas palabras «Göring só ten un collón», en alusión á grave ferida que Göring sufriu na virilla durante o Putsch de Múnic.[1] Despois, continuaba indicando que Hitler tiña dous, mais moi pequenos. En practicamente todas as versións posteriores, as posicións dos líderes nazis trocan de posición, malia que a afirmación de que Himmler ten «algo similar» aparece en todas elas. A última liña desta primeira versión, así como nalgunas posteriores, termina co xogo de palabras de que Goebbels «non tiña ovos».[nota 1]Ambas variacións semellan confirmar que a de O'Brien é unha versión moi temperá. Amais, un informe do Daily Mail da época afirmaba que foi «atribuída a alguén que non estaba desconectado do noso vello amigo o British Council».[2]

As afirmacións de O'Brien nunca foron probadas e nunca se puido identificar a autoría para as versións posteriores, máis populares, que comezan con «Hitler só ten un collón». O escritor británico Hubert Gregg tamén afirmou escribir a letra, que dixo enviar de forma anónima á Oficina de Guerra Británica. Porén, até a actualidade non houbo ningunha tentativa coñecida de reclamar ou facer cumprir un copyright sobre a letra da canción.[3]

As numerosas versións reflicten o entusiasmo co que se adoptou por primeira vez como unha canción de marcha do exército británico. Máis adiante, converteuse nunha canción popular de desafío contra o Terceiro Reich nas outras pólas das forzas armadas británicas, e dende 1940 tamén entre a poboación civil británica. Así en palabras de Greg Kelleyː

Como unha forma de ridiculizar o nazismo, «Hitler só ten un collón» fíxose tremendamente popular entre as tropas aliadas. Estas, ao transmitir esta canción, estaban a exercer unha especie de convención de guerra ao degradar as facultades sexuais dos líderes inimigos. Porén, a burla extendeuse alén das capacidades sexuais dos líderes nazis. Dende a década de 1920, as palabras «collóns» ou «ter collóns» tiñan connotacións de carraxe ou fortaleza. Nese sentido, as anomalías nos testículos convertían os nazis en soldados defectuosos. A taxonomía detallada desta canción (la monorquidia, la microrquidia, la anorquia) foi particularmente contundente e satisfactoria para as forzas aliadas, xa que espallou a sátira por todo o alto mando nazi (Hitler; Hermann Göring, xefe da Luftwaffe; Heinrich Himmler, comandante en xefe das SS; y Goebbels, ministro de propaganda do Reich).[4]

Un libro publicado en 2015 polo historiador alemán Peter Fleischmann, director dos arquiivos estatais de Núremberg, alude á evidencia dun exame médico forzoso ao que foi sometido Hitler en 1923 durante a súa estadía na prisión de Landsberg, trala súa participación no fracasado Putsch de Múnic. De acordo co informe médico, tiña «criptorquidia do lado dereito», é dicir, que só un dos seus testículos descendera ao escroto.[5][6][7] O libro tamén suxire que sufría hipospadias ou micropene provocado por niveis baixos de testosterona durante a xestación.[8] Estas probas únense aos documentos da autopsia realizada a Hitler por forenses da URSS, despois de atopar o seu cadáver en maio de 1945. O informe constatou que lle faltaba un testículo: «Achados da autopsia realizada polo Exército Vermello: o testículo esquerdo non puido ser atopado nin no escroto nin no cordón espermático dentro da canle da virilla ou na pelve pequena».[9] Xa que logo, cando no exército británico se cantaba que «Hitler só tiña un collón», non se trataba só dunha brincadeira.

No oitavo capítulo da cuarta temporada da serie de Amazon Prime Video The Man in the High Castle interpretan esta canción no piano. Amais, o título da canción é o que lle dá nome ao capítulo.[10] Na película biográfica John Rabe de 2009, o personaxe interpretado por Steve Buscemi tamén canta esta canción.[11]

Letra da canción[editar | editar a fonte]

Estrofa introductoria: emprégase con pouca frecuencia unha estrofa introductoria, coa melodía da canción patriótica británica Land of Hope and Glory (Terra de esperanza e gloria).

Land of soap and water,

Hitler's having a bath.

Churchill's looking through the keyhole,

Having a jolly good laug


Primeira estrofaː todas as versións cántanse coa melodía da Marcha do Coronel Bogey. A versión máis popular da canción di:

Hitler has only got one ball

Göring has two but very small

Himmler is rather sim'lar

But poor old Goebbels has no balls at all.


A primeira versión de Toby O'Brien substituía a Hitler por Göring na primeira liñaː

Göring has only got one ball

Hitler's [are] so very small

Himmler's so very similar

And Goebbels has no balls at all.


Segunda estrofaː fóra do Reino Unido, a segunda liña cantábase acotío como «o outro (collón) está na parede da cociña» ou noutro lugar coma o Taj Mahal. Nalgunas áreas do Reino Unido cambiábase a segunda liña polo Royal Albert Hall para mencionar edificios locais.

Hitler has only got one ball

The other is in the Albert Hall.

His mother, the dirty bugger.

Cut off the other, when he was only small.


Terceira estrofaː nesta engádense eventos que suceden despois de que a nai lle cortase o testículo.

She threw it into the apple tree

It fell in to the deep blue sea

The fishes got out their dishes

And had scallops and bollocks for tea


Notas[editar | editar a fonte]

  1. En inglés a pronuncia de Goebbels é similar á de "balls", de aí que o xogo de palabras sexa imposíbel de traducir ao galego.
Referencias
  1. Holland, James (2011). The Battle of Britain: five months that changed history; May-October 1940 (en inglés). Nova York: St. Martin’s Press. p. 54. ISBN 978-0-31-267500-4. OCLC 768662933. 
  2. Greg Kelley, "Colonel Bogey’s March through Folk and Popular Culture" in Warrior Ways: Explorations in Modern Military Folklore, Utah State University Press, 2012, p.208
  3. Greg Kelley, "Colonel Bogey’s March through Folk and Popular Culture" in Warrior Ways: Explorations in Modern Military Folklore, Utah State University Press, 2012, p.208
  4. Greg Kelley, "Colonel Bogey’s March through Folk and Popular Culture" in Warrior Ways: Explorations in Modern Military Folklore, Utah State University Press, 2012, p.208
  5. "Hitler sólo tenía un testículo". ELMUNDO (en castelán). 2015-12-19. Consultado o 2021-08-01. 
  6. Jordans, Frank (22 de decembro de 2015). "Records show Hitler enjoyed special treatment in prison". Berlin. Associated Press. Consultado o 2 de agosto de 2021. 
  7. "Hitler Did Have Only One Testicle: Medical Report". Sky News (en inglés). Consultado o 2021-08-02. 
  8. "The Science Behind Hitler's Possible Micropenis". LiveScience.com. Consultado o 2016-02-24. 
  9. "Hitler solo tenía un testículo". elperiodico (en castelán). 2015-12-19. Consultado o 2021-08-01/. 
  10. "The Man in the High Castle" Hitler Has Only Got One Ball (TV Episode 2019) - IMDb (en inglés). Consultado o 2021-08-01. 
  11. Tallerico, Brian (2019-11-18). "The Man in the High Castle Recap: Loose Ends". Vulture (en inglés). Consultado o 2021-08-01. 


Bibliografía[editar | editar a fonte]