Historia urbana de Xi'an

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A cidade actual de Xi'an reconstruíse durante a época Ming no lugar da antiga Chang'an, capital das dinastías Sui e Tang.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

A cunca baixa do Río Amarelo, da que o río Wei é o tributario principal, foi o berce da civilización chinesa. No val do segundo, ao sueste da cidade actual, téñense atopado restos de homo erectus de entre un millón e 500.000 anos de antigüidade (Home de Lantián).

Xa no neolítico, para o 4.500 aC, houbo un asentamento de cinco a sete hectáreas no borde leste da cidade (Banpo [1]). Pertencente á cultura Yangshao, estaba rodeado dun foxo defensivo.

Primeiras capitais[editar | editar a fonte]

Pero a entrada do lugar na historia coma zona de asentamento de capitais das dinastías fundacionais prodúcese no -1046 cando os Zhou, pobo establecido no oeste do val do Wei (por eso chamados Zhou Occidentais ata -772), derrocan a dinastía Shang e instauran a súa. Os dous primeiros reis, Wu e Cheng, implantan unha dobre capital subsidiaria nas ribeiras do Feng (afluente do Wei no borde occidental da cidade actual [2]). Chaman Feng á parte oeste e Hao á do leste (Fenghao ao conxunto [3]). Duns dez quilómetros cadrados, os principios que rexerían a súa feitura poderían seren os marcados no clásico Ritos de Zhou, onde se teorizan os principios básicos da arquitectura e urbanismo chinés que anticipa a planta das capitais imperiais posteriores [4].

No -771 os Zhou, atacados por nómades do oeste, desprazan a súa capital ao leste (Luoyang; por iso Zhou Orientais). Fenghao debeu ser destruída ou progresivamente abandonada. Ata que no século IV aC, un novo pobo, os Qin (Chin), aséntase no val do Wei. Vasalos dos Zhou Orientais ao comezo, trala época dos Reinos Combatentes (-475--256), acaban por unificaren China nun só imperio.

O ano -350 foi o do ascenso do reino de Qin de periférico a dominante dos seus veciños. O conselleiro do Duque Xiao de Qin, Shang Yang, vai revolucionar a administración e goberno do poder chinés, sentando as bases de máis de dous milenios do réxime imperial. A máis, supervisou o traslado e construción dunha nova capital nunha posición máis estratéxica: Xianyang (nordeste da actual cidade homónima), na beira norte do río Wei. Os sucesivos gobernantes Qin amplíana construíndo novos pazos[5] ata que Qin Shi Huangdi, o primeiro emperador chinés, decide construir o seu na beira sur do río (219 aC [6]), acorde en magnificencia co novo rango de capital imperial. Tamén nesa beira, ao leste, sitúase o achado arqueolóxico máis importante do século XX e posiblemente do XXI: os guerreiros de terracota, pertencentes ao xigantesco complexo aínda por desenterrar do mausoleo do emperador.

Changan, capital da dinastía Han Occidental[editar | editar a fonte]

No -206 unha guerra civil terminou coa breve pero intensa dinastía Qin, queimando ata os cimentos a súa capital e pazos. A dinastía Han foi instaurada e de seguido unha nova capital imperial construída: Changan.

Sobre as ruínas dun dos pazos Qin na beira sur do Wei, o Xingle, o fundador da dinastía dos Han Anteriores ou Occidentais, Liu Bang, reconstrúe en -202 un novo que chama Changle, feito tomado coma fundación de Changan. Dous anos despois erixe o pazo Weiyang (4,8 km2; sudoeste da cidade). E entre 194-190 aC levántanse as murallas da cidade cun perímetro de 25,7 km e 36 km2 protexidos (dos que dous terzos son pazos, situados maiormente no sur onde a topografía era máis elevada [7]).

Esta capital pacega dun gran imperio foi a urbe cosmopolita na que comezaba a Ruta da Seda (a partir do -130) e a igual á Roma do tempo, no outro extremo da ruta. Aínda despois dos conflitos que levaron á disolución da dinastía e a súa retoma coma Han Orientais ou Posteriores, xa con capital en Luoyang (25), Changan non deixou de manter o prestixio acadado, sendo capital ocasional durante o longo e sanguento interregno dos Tres Reinos, as Seis Dinastías e invasións dos Hunos (séculos IV a VI).

Daxing, a nova Changan da dinastía Tang[editar | editar a fonte]

No 582, despois de restaurar a unidade imperial, o fundador da dinastía Sui, o emperador Wen, decide erixir tamén unha nova capital, unha ducia de quilómetros ao sueste de Changan (que estaba moi arruinada tras tantos séculos de guerras e decadencia, os acuíferos salgados, e con risco sempre de ser asolagada polo Wei). Xa no solar da actual cidade moderna, chámaa Daxing [8].

O plan do mestre arquitecto Yuwen Kai segue os ditados arriba vistos dos clásicos de Zhou pero levados a unha escala endexamais vista (9'7x8'7 km, 85 km2 [9]). A cidade divídese en tres partes ben diferenciadas por murallas: a cidade pacega cos pazos imperiais, a cidade imperial próxima cos edificios de goberno e administrativos, e a cidade propiamente dita de bloques residenciais, con mercados e templos [10]. O deseño será modelo urbano, non só das cidades chinesas posteriores (Pequín Yuan e Ming), senon tamén de todo o extremo oriente (por exemplo as capitais imperiais xaponesas, Heian-Kyoto)

A vella Changan é demolida e reutilizados os materiais. De seguido (582-583) o gran complexo pacego é construído no centro do muro norte co gran pazo Da Xing (Taiji despois). Pero a nova capital vai acadar a súa máxima expresión e esplendor coma maior cidade do mundo pouco despois, coa dinastía Tang (618-907). Aínda que a tradición chinesa sinalaba que cada dinastía erixise unha capital de seu, os Tang manteñen a capital Sui pero renomeándoa co nome de Changan [11].

Pronto un novo gran pazo de verán esténdese polo nordeste, fóra de murallas, o Daming (634-62) [12]. A gran pagode Da Yan (do Ganso Salvaxe) elevouse entre 652 e 704, e ao ser de ladrillo conservouse ata hoxe. Os dous mercados do leste e oeste son os máis activos do mundo, onde chegan toda sorte de mercadorías pola Ruta da Seda.

No 904 toda esta metrópole foi devastada coa caída da dinastía e a maioría dos habitantes obrigados a trasladarse a Luoyang, ao que seguiron décadas de divisións e invasións de pobos turcos. Só unha pequena área continuou ocupada.

Xian[editar | editar a fonte]

En 1370, co comezo da dinastía Ming, o anaco habitado arrodéase de murallas con foxo (14km[13], 11'5km2) e recibe o nome de Xian [14]. Aprovéitanse en parte (oeste e sur) as do recinto da cidade imperial e pacega da época Tang. O conxunto é o recinto histórico da metrópole actual. Tradicional chinés, dous grandes eixos entre as portas principais córtanse na praza central onde levántase a Torre da Campá e a Torre da Tambor. O cuadrante nordeste resérvase para o pazo Ming e edificios administrativos [15].

Inda que dende esa época Xian non ten sido máis que capital provincial sen medrar significativamente ata a segunda metade do século XX [16][17], o seu antigo prestixio conservouse como unha das catro grandes antigas capitais de China (con Luoyang, Beijing e Nanjing). Da man dos extraordinarios descubrimentos arqueolóxicos que inda estanse a desvelar, o futuro da urbe coma destino turístico de primeira orde e centro do desenvolvemento do interior do país están garantidos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. | Páxina do Museo de Banpo
  2. | Esquema das sucesivas capitais ao longo do tempo no área de Xian
  3. | Restos arqueolóxicos de Hao
  4. | Traza da cidade ideal segundo os Ritos de Zhou
  5. | Situación da capital, pazos e tumbas Qin
  6. | Pazo de Qin Shihuang na beira sur do Wei ("The magic square", Alfred Schinz)
  7. | Planta da Changan Han (pazos en amarelo)
  8. | Esquema coa situación de Daxing respecto as outras capitais
  9. | Esquema da traza de Daxing comparada co ideal dos Ritos de Zhou
  10. | Visión interactiva da Changan Tang
  11. | Reconstrución da Changan Tang en 3D; Universidade de Singapur
  12. | Planta do Pazo Daming
  13. | Vista das murallas Ming; Porta Sur en primeiro plano
  14. | Planta da Xian Ming
  15. | Xian intramuros entre os séculos XV-XX
  16. | Xian moderna; anos 70
  17. | Xian moderna; anos 90