Historia de Shenyang

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana de Shenyang»)

Shenyang sempre ocupou un lugar de fronteira no extremo nordeste da China histórica. Así, a súa fundación atribúese a Qin Kai, xeneral do estado de Yan (rexión da actual Pequín) durante o período dos Reinos combatentes (cara ao -300). Establecida entón coma posto defensivo de vangarda do territorio de Yan, é nomeada Houcheng.

Durante a dinastía Han (200aC-220dC) os límites da cidade aparecen xa ben definidos sendo en adiante centro administrativo, co nome de Shenzhou na dinastía Tang (600-900); importante guarnición militar coa dinastía Liao (s.X) rodeada dun parapeto de terra; prefectura de Shen na dinastía Jin (s.XII) e unha das súas tres capitais; e Shenyang Lu no tempo da dinastía Yuan (s.XIII).

No período da dinastía Ming (sXIV-XVII), co nome de Shenyang Zhongwei, a cidade arrodéase dunha muralla coa tradicional forma cuadrangular e ortogonal do urbanismo chinés .

Mukden[editar | editar a fonte]

planta de Mukden

En 1625, o líder dos manchús Nurhaci a fai a súa capital no proceso de conquista do debilitado Imperio Ming. Reconstrúe reforzándoa a muralla da cidade pasando de catro a oito portas e inicia a construción dun pazo imperial para a dinastía que funda, a Qing. En 1634 a capital manchú recibe o nome de Mukden.

Pazo Imperial de Mukden

Nurhaci dispón o seu pazo coa disposición típica das tendas manchús. Con todo, en 1631 o seu sucesor Huang Taiji, proxecta unha ampliación que copia xa a disposición da Cidade Prohibida de Pequín.

En 1644 a dinastía Qing domina toda China e sucede no poder á Ming. A capitalidade e corte trasládase a Pequín. Mukden e o seu pazo pasan a seren residencias secundarias ocasionais.

No século XVIII, o crecemento da cidade decide a erección dun segundo cinto murario exterior con oito portas [1]. En 1780, tamén o pazo vólvese a ampliar por vontade do emperador Qianlong.

Século XX[editar | editar a fonte]

A súa tradición fronteiriza confírmase no comezo do século XX. O sur de Manchuria convértese no teatro da belixerancia entre as potencias emerxentes, Rusia e Xapón, a costa dunha agonizante dinastía imperial chinesa. Así entre 1900-1905 a cidade cae baixo o control ruso. Lévase a cabo unha primeira industrialización co gallo da arribada do ferrocarril do sur de Manchuria e o do norte. As dúas estacións na cidade convértense en polos de expansión máis aló das murallas.

A caída definitiva da monarquía imperial chinesa supuxo un baleiro de poder que ocupou en Manchuria un señor da guerra, Zhang Zuolin quen dispuxo en Shenyang, tamén chamada Fengtian, a súa capital a partir de 1911. Foi o verdadeiro dinamizador da economía industrial manchú, construíndo na cidade fábricas de munición nos suburbios do norte e leste.

Entre 1931 e 1945, tralo chamado Incidente de Mukden, prodúcese a ocupación xaponesa e o establecemento do estado monicreque de Manchukuo. A industrialización prosegue na cidade ata se converter nun dos centros da industria pesada máis importantes da China, acentuándose trala toma do poder definitivo polos comunistas en 1948.

A tarefa actual da cidade é a de reconvertir esa estrutura industrial xa obsoleta e non competitiva [2] Arquivado 18 de decembro de 2007 en Wayback Machine..