Historia de Río de Janeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O sitio actual da cidade de Río de Janeiro foi descuberto o 1 de xaneiro de 1502 polo explorador portugués Gaspar de Lemos acompañado por Amerigo Vespucci. Antes do século XVI, os amerindios foron os primeiros habitantes da baía de Guanabara. Despois das rivalidades entre franceses e portugueses, coa vitoria destes o 1 de xaneiro de 1565, fúndase a cidade de São Sebastião do Río de Janeiro. De 1763 ata 1960 Río de Janeiro foi a capital de Brasil, despois quedou sendo a capital do Estado de Río de Janeiro.

Descubrimento e colonia francesa[editar | editar a fonte]

Esquema do ataque de Mem de Sá aos franceses na baía de Guanabara, en 1560

Inda que descuberto e bautizado polos portugueses en 1502, o escenario natural da baía de Guanabara[1], non foi ata 1555 e da man dos franceses cando se estableceu no lugar a primeira colonia. Foi na illa de Serigipe (hoxe Illa de Villegagnon, no extremo sueste do recheo do aeroporto Santos Dumont). Alí levantaron o Fort Coligny e ao ano seguinte, xa en terra firme (na praia de Flamengo ao pé do Morro de Glória), o poboado que chaman Henriville. En 1560, a colonia é atacada e destruída polos portugueses, que se decatas da necesidade de fundar unha colonia de seu no lugar para protexer os seus intereses comerciais na rexión.

Colonia portuguesa: São Sebastião[editar | editar a fonte]

Así o fan en 1565, a primeira fundación de São Sebastião do Río de Janeiro, nun istmo entre o Pan de Azucre e o morro Cara de Can á entrada da baía. Erixen de seguido un sebeiro. O motivo de tanta preocupación defensiva era que os franceses e os seus aliados indíxenas inda dominaban a zona. A vitoria definitiva dos portugueses acaeceu no 1567 e o subseguinte traslado e refundación da colonia en terra firme, mais inda nunha posición defendible, o Morro do Castelo[2].

Pronto o monte revélase insuficiente para a expansión e ineficiente para a vida diaria, e a poboación comeza a estenderse pola aba norte[3], pola beira da pequena baía entre este e o Morro de São Bento. Para fins do século XVI a coroa portuguesa concede á colonia unha importancia estratéxica no tráfico transatlántico, polo que se erixen defensas por toda a baía de Guanabara e nos outeiros da cidade. Finalmente, no comezo do século XVIII arrodéase dunha muralla polo lado de terra, algo moi infrecuente no novo mundo. A cidade estrutúrase ao longo da Vía Direita (hoxe 1º de Março) que une o Morro do Castelo e o de Sao Bento[4], abríndose nun punto medio pola actual Praza 15 de Novembro, onde se situaban os edificios cívicos máis representativos (Casa da Moeda, despois Pazo Real; convento do Carmo coma catedral, mercado do peixe)[5].

Debido o descubrimento de ouro en Minas Gerais, a cidade experimenta un gran crecemento pola súa proximidade. Obra importante desta época foi a traída de augas ata o Morro de Santo Antonio mediante un acueduto (Arcos da Lapa)[6]. En 1763 convértese en capital da colonia en detrimento de Salvador e planifícase un novo cinto amurallado que non chegará a facerse. Para esa e as sucesivas expansións foi preciso o desecamento e recheo do terreo inundable de lagoas que limitaban a cidade polo oeste. Esta é unha das constantes da conformación urbana de Río: o modelado da paisaxe. Así os característicos "morros" serán un a un desmontados. O primeiro foi o de Mangeiras cuxa terra foi usada para encher o Boqueirao, unha pequena entrada de auga ao sur do Castelo, e que deu espazo para o primeiro parque público da cidade en 1785, o Passeio Público[7].

Capital Imperial[editar | editar a fonte]

Planta da cidade do Rio de Janeiro en 1867.

En 1808, coma consecuencia da expansión napoleónica pola Península Ibérica, a corte portuguesa trasládase a Río de Janeiro e fana a súa capital. Son 15.000 os novos habitantes que trae consigo. A cidade crecerá non demasiado rápido ao primeiro: ábrense novos espazos públicos, o Largo do Rocío (hoxe Praza Tiradentes) e no límite do casarío o Campo de Santana (hoxe Praza da República), que xorde de terras pantanosas drenadas e aterradas para se converter na futura charnela central entre a cidade vella e a chamada Cidade Nova ao oeste.

A independencia coma Imperio do Brasil en 1822 e a proclamación da República no 1889 acelerarán a expansión da capital cara aló, pero tamén cara ao sur seguindo o bordo da baía. Así Flamengo e a enseada de Botafogo ata o mesmo Pao de Azucre verán as primeiras notas urbanas.

Tamén é o tempo no que o ferrocarril chega a Río, sendo o entorno do Campo de Santana o que acollerá as estacións (ata a actual Estación Central do Brasil). Esa será a vía de expansión da cidade ao noroeste.

Coa abolición da escravitude pola república chegan continxentes de nova man de obra do interior e de Europa. Río duplicará a súa poboación (de 274.000 en 1872 a 522.000 habitantes en 1890) co comezo dos problemas sociais que serán endémicos na cidade ata hoxe. Botafogo convértese nun barrio plenamente urbanizado e mesmo en Copacabana iníciase unha tímida rede viaria.

A época das grandes obras[editar | editar a fonte]

Inda que perdendo influencia en beneficio da ascendente São Paulo, a por entón capital da república comeza o século XX cunha serie de importantes reformas, precisaba de amplas avenidas como as das metrópoles da época e deseguido proxéctanse algúns eixos, o da Avenida Rio Branco (Avenida Central) será un dos fundamentais para a configuración da cidade. Discorre de norte a sur entre os catro outeiros da cidade vella hixienizando unhas rúas que provocaran xa varias epidemias. Nos seus extremos anchéase para conformar dúas prazas importantes: no sur, a Praza Floriano (Cinelandia), salón urbano onde se construíran ampulosos edificios representativos da gran burguesía (Teatro Municipal); no límite norte xunto ao porto, a Praza Mauá.

Outro eixo importante será a Avenida Mem de Sá, que en diagonal discorre entre o Passeio Público (de onde parte tamén Rio Branco) e o Morro do Senado, que será desmontado, urbanizándose o seu solar. Cos seus entullos comezará o recheo do novo porto no costado norte da cidade, obra que garante o futuro do músculo económico da urbe.

Os primeiros anos do século son tamén os da escavación do túnel que está baixo os arredores do Pao de Azucre que permitirá un fácil acceso a Copacabana e máis aló a Ipanema e a Lagoa de Rodrigo Freitas. Progresivamente, iranse constituíndo en barrios completamente urbanos (Leblón, Xardín Botánico, hipódromo).

Na década dos vinte prosegue a mesma política, pero agora cunha motivación máis pedestre: decídese desmontar o Morro do Castelo (cuxo abandono provocara unha prefavelización) para gañar un solar no centro co que especular e asemade rechear a baía (o aterro) co triplo obxectivo de construír a Avenida de Beiramar, obter novos terreos de edificación e para o futuro Aeroporto Santos Dumont. Toda a operación desnaturalizou o Río histórico na súa cara sur.

É o tempo no que se erixe a colosal estatua do Cristo Redentor sobor do Corcovado (por riba de Botafogo) dominando o complexo organismo urbano.

A última gran obra de cirurxía urbana foi a da maior das avenidas de Río de Janeiro, a Avenida do Presidente Vargas (1943). Discorre do leste ao oeste entre a cidade vella e a nova máis aló da Praza da República. Arranca co fito da Igrexa da Candelaria antes de cortar perpendicularmente a Avenida Rio Branco.

Río contemporánea[editar | editar a fonte]

Vista panorámica da favela Rocinha; ao fondo, a Pedra de Gávea e Tijuca; no contracampo están Leblón e Ipanema.

O derradeiro desmonte foi o do Morro de Santo Antonio nos sesenta, xusto cando a cidade perde a condición de capital da república en beneficio de Brasilia. O cal non impediu o seu crecemento, sobre todo cara ao noroeste[8]. Os problemas dos grandes fluxos migratorios non fixeron senón agravar o xa histórico da favelización dos morros, facendo de Río un paradigma neste tipo de barrios de infravivenda.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]