Historia de Nagoia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana de Nagoia»)

Polo menos dende o século VI (posibelmente dende o século II ou III) existía no lugar, xunto a costa, o santuario xintoísta de Atsuta, o segundo en importancia tralo de Ise.

Entre 1394 e 1427, a uns dez quilómetros ao noroeste, é erixido o castelo de Kiyosu coma posto defensivo da capital da provincia de Owari, e no 1476 convértese en sede do goberno provincial. É a época feudal xaponesa e a inestabilidade a norma.

Así, en 1521 é erixido un primeiro castelo en Nagoia por Imagawa Ujichika, coma base de expansión do seu poder na provincia. Alí nacerá Oda Nobunaga en 1534, un dos daimyo (señores feudais) máis lendarios. E dende alí tomará o castelo de Kiyosu en 1555 facéndoo a súa residencia. O de Nagoia queda abandonado.

Ata que en 1610, Ieyasu Tokugawa, o máis poderoso dos daimyo (ou shogun), decide o traslado da capital provincial dende Kiyosu ata Nagoia, mandando facer un novo castelo, o actual. As razóns foran que o de Kiyosu era pequeno e situado nunha zona inundable mentres que Nagoia se sitúa nunha meseta. A cidade que se formara en Kiyosu ao redor do castelo desaparece (60.000 habitantes trasladados) e nace unha nova en torno ao novo castelo, Nagoia [1][Ligazón morta].

A disposición é a característica cuadrícula [2][Ligazón morta], neste caso ao sur do recinto fortificado, cunha vía principal na metade que leva ata a costa, ao longo da cal dispúñanse recintos de culto (templos e santuarios) e residencias de campo das elites [3][Ligazón morta][4][Ligazón morta]. De seguido fanse obras para unir o porto en Atsuta [5][Ligazón morta] co castelo mediante un canal de 6 km paralelo a aquela vía, o río Horikawa, co que garantir o abastecemento da nova poboación [6][Ligazón morta]. Ao mesmo tempo, o santuario de Atsuta é elixido coma estación de postas 42 do Tokaido [7], o gran camiño de unión entre a vella capital do Xapón, Kyoto, e a nova, Edo (Toquio). Ámbolos dous factores (castelo e estación-porto) serán os determinantes do desenvolvemento de Nagoia.

Desenvolvemento que se afianzará sobre todo coma centro dunha rexión eminentemente industrial. Así os séculos XVII, XVIII e XIX verán o incipiente comezo da industria da cerámica, pólvora, téxtil do algodón, e a tradicional dos bonecos mecánicos (karakuri ningyo). En 1660, despois dun gran incendio, anchéase unha das rúas oeste-leste (a Hirokoji-dori, de 5 a 27 m.) para serviren coma devasa. Dous séculos máis tarde, será a principal da cidade e unión do centro coa nova estación do ferrocarril no oeste do Horikawa.

Porque coa restauración Meiji en 1868, Nagoia acada condición de cidade capital de prefectura. O crecemento continúa da man do porto de Atsuta e o ferrocarril [8][Ligazón morta][9]. O primeiro amplíase mediante sucesivos recheos [10][Ligazón morta][11][Ligazón morta], e para 1911 toda unha rede ferroviaria tecía o espazo entre porto e centro [12][Ligazón morta], onde a industria seguía a súa expansión. Tamén un novo canal paralelo ao Horikawa polo leste foi escavado (o Shinhorikawa). A exposición do tricentenario da cidade no 1910 había de deixar un parque no sueste da cuadrícula (o actual Tsuruma).

Antes da IIGM, establécese unha industria clave para a rexión, a do automóbil; e un novo canal unindo o porto co área da estación do ferrocarril é escavado polo oeste do Horikawa (canal Nakagawa, 1932). Neses anos, o espazo entre o primeiro e segundo foxos do castelo (ocupado historicamente polo persoal subalterno do señor Tokugawa), urbanízase con edificios representativos (o concello por exemplo)[13][Ligazón morta].

Os bombardeos da conflagración mundial destrúen un carto da cidade e na reconstrución posterior decídese a apertura de dous grandes avenidas bulevares (100 metros de anchura): Hisaya-dori [14], de norte a sur polo leste da cuadrícula histórica; e Wakamiya, perpendicular a aquela, pechando polo sur a cidade vella [15].