Historia de Kinshasa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana de Kinshasa»)

A rexión do Pool Malebo (antes Stanley Pool) foi dende antigo un importante lugar de intercambio comercial entre o alto Congo e a costa. Sinala o punto a partir do cal o río Congo é navegable augas arriba cara a selva e impracticable (polas cataratas Livingstone) augas abaixo cara a súa foz no Atlántico.

Mapa da rexión de Kinshasa e do Estanque Stanley no s. XIX. Xa poden identificarse Kintambo, Lemba, Kalina (actual Gombe) e a aldea de Kinshasa.

Por todo iso as tribos Téké (Humbu e Mfinu) que a habitaban asentáronse nas súas beiras en varias aldeas-mercado.

Así, cando o explorador Henry M. Stanley chegou en 1878 ao lugar na súa travesía de África dende o leste existían xa na beira sur, xusto antes das cataratas, Nshasa (Kinshasa, 5000h), Ntambo (Kintambo, 3000h) e Lemba (capital política humbu, 300h) entre outras ata un total de 66 cunha poboación estimada duns 30000 h.

Stanley, co permiso dos indíxenas, decidiu establecer alí en 1881 un posto comercial con peirao, concretamente xunto a Kintambo, na baía de Ngaliema, que chamou Leopoldville polo rei belga Leopoldo II, para quen facía a expedición.[1]

Seica Stanley fundou outro posto comercial ao carón de Nshasa, uns quilómetros ao leste, cara a onde no futuro a cidade se expandiría.[2] Un avance decisivo para o crecemento foi a construción do ferrocarril entre Leopoldville e Matadi (1890-8), trescentos km augas abaixo onde o Congo volvía a seres navegable ata o mar, e que facilitaba enormemente o transporte de mercancías que ata o daquela facíase a pé.

De seguido, na segunda década do século XX a cidade crece no que será coñecido coma Leopoldville-Est, en torno a praza Leopold e ao longo do bulevar Alberto I.[3] Entre 1920-30 convértese na capital do Congo Belga en substitución de Boma. As novas necesidades representativas levan a extensión urbana ao barrio de Kalina.[4] completando o baleiro entre Leopoldville-Est e o vello Leopoldville (que será coñecido coma Leopoldville-Ouest). Todo iso será a cidade colonial porque os indíxenas residen en barrios segregados.[5]

En 1966, trala independencia, os nomes coloniais son cambiados por outros autóctonos. Así a cidade toma ó da antiga aldea téké de Nshasa onde se sitúa agora o centro urbano (Leopoldville-Est). A capital do Zaire será chamada en adiante Kinshasa.

O crecemento dende entón ten sido enorme e en aumento na última década ata convertela nunha das maiores metrópoles de África. Resultado dunha continua emigración dende o rural e refuxiados dos permanentes conflitos bélicos do país, os problemas para aloxar a toda esa poboación inda non foron resoltos e Kinshasa ten unha interminable coroa de barrios de infravivenda rodeando a antiga capital colonial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dépôt légal du ministère de la Culture - Ministère de la Culture". www.culture.gouv.fr (en francés). Consultado o 2019-02-27. 
  2. "katembo.be - Diese Website steht zum Verkauf! - Informationen zum Thema katembo.". ww5.katembo.be. Consultado o 2019-02-27. 
  3. [1]
  4. [2]
  5. "Leopoldville". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2012. Consultado o 21 de abril de 2009.