Historia de Katowice

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia urbana de Katowice»)
asentamentos históricos na área de Katowice

A historia de Katowice comeza con esta ententida como un conglomerado de aldeas agrícolas e comunidades mineiras e industriais (ata 70) que dende o século XII-XIII (a máis antiga Domb ou Dab) existían no que hoxe son os límites do concello. De 1360 data a primeira referencia de cinco máis (Bogucice ou Bogucka fundada no s.XIII, Rozdzienia, Szopienice Ligoty, Ottonowi Pilczy e Zaleze).

A riqueza da rexión en mineral de ferro (kuznice) vai marcar o seu destino. De 1397 data a mención máis antiga dunha primitiva explotación en Bogucice (Kuznica Bogucka), e en Zaleze (orixe no século XIII), seica no século XV desenvólvese alí tamén unha explotación cunha embrionaria siderurxia. Xa en 1612 e vinculado ao asentamento antedito de Rozdzienia aparece un poema "Officina ferraria: taller da fundición e innovación da nobre labor do ferro".

De 1598 data a primeira mención de Katowice propiamente coma unha villa nova en paralelo a beira do río Rawa en Bogucice.

Revolución industrial[editar | editar a fonte]

Bogucice (coa fundición) e Katowice en 1830

Na metade do século XVIII produciuse a anexión de Silesia por Prusia o que levou en adiante unha continua inmigración de alemáns a rexión. Dende 1788 a industria mineira inicia a súa andaina como tal coa apertura da primeira mina de carbón en Beategrube (1801) e Walanowice. Da súa man as fundicións; as primeiras, de cinc, Fanny e Franz, en 1822 en Bogucice.

Pero o momento decisivo para Katowice foi 1845, cando o ferrocarril de Silesia situou alí unha das súas estacións e despois as autoridades alemás a elixiron coma centro da xermanización da Alta Silesia (Kattowitz). En 1856 foi preparado un primeiro plan para a futura cidade que terminou o século coma centro administrativo e económico da industria mineira e do aceiro da Alta Silesia. Así, en 1865 Katowice establécese coma concello independente, en 1873 capital de distrito e no 1897 adquire o status de cidade capital.

O plan de 1856 (promovido polo empresario F. W. Grundmann e a cargo do arquitecto M. Nottebohn) establecía o que son as directrices básicas da cidade moderna: un eixo lonxitudinal leste-oeste entre o ferrocarril polo sur e o río Rawa ao norte. A praza central (Rynek co teatro da ópera) e unha praza oval-hexagonal ao oeste, centro dun primeiro ensanche. O eixo transversal norte-sur que atravesa as vías conduciría o desenvolvemento meridional da cidade no século XX [1].

A primeira guerra mundial favoreceu a expansión industrial da urbe especialmente do aceiro coa construción de novas plantas (huta) ao longo da beira norte do río [2][3]. O crecemento no período de entreguerras, xa nunha Polonia independente, foi enorme e de resultas converteuse na primeira cidade polaca en incorporar os concellos suburbanos.

Porén, trala segunda guerra mundial houbo un estancamento pola ausencia de investimentos, inda que axiña recuperou o pulo de principal centro industrial polaco do que hoxe pretende afastarse co traslado da industria pesada e o asentamento de novas actividades.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2012. Consultado o 27 de abril de 2009. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2012. Consultado o 27 de abril de 2009. 
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2012. Consultado o 28 de abril de 2009.