Historia do pobo xitano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un campamento xitano cerca de Arles, visto por o pintor Vincent van Gogh.

A orixe dos xitanos, tamén coñecidos como rom, roma ou romaní, é aínda hoxe obxecto de controversia. Existen varias razóns que explican a escuridade que envolve o asunto. En primeiro lugar, a cultura xitana é un asunto fundamentalmente oral e despreocupada pola súa historia[Cómpre referencia], por iso non conservou por escrito a súa procedencia. A súa historia sempre foi estudada polos non romanís, con frecuencia a través dunha peneira fortemente etnocentrista[Cómpre referencia]. Os primeiros movementos migratorios datan do século X, de forma que non hai moita información. É importante sinalar que os primeiros grupos de xitanos que chegaron a Europa occidental fantasiaban sobre a súa orixe, atribuíndose unha procedencia misteriosa e lendaria, en parte como estratexia de protección fronte a unha poboación ante a que eran minoría, en parte como posta en escena dos seus espectáculos e actividades[Cómpre referencia].

Outro problema que cómpre ter en conta é que a pertenza (ou non) á comunidade xitana é una cuestión disputada. Non existe unha delimitación clara dentro da propia comunidade (nin fóra) acerca da cuestión de quen é xitano e quen non. As principais fontes de información son testemuñas escritas, as análises lingüísticas e a xenética de poboacións.

O termo xitano e a cuestión da súa orixe xeográfica[editar | editar a fonte]

O termo galego "xitano" é unha corrupción de exiptano[1], aplicado ó pobo xitano pola crenza errónea de que procedía de Exipto. No século XVIII, o estudo da lingua romaní, propia dos xitanos, confirmou que se trataba dunha lingua índica, moi similar ó punxabí ou ó hindi occidental. Isto demostrou que o pobo xitano procede do nordeste do subcontinente indio, nunha zona actualmente entre India e Paquistán. Este descubrimento lingüístico viuse respaldado por estudos xenéticos. A variante tradicionalmente falada en España da lingua romaní chámase caló.

Orixes lendarias[editar | editar a fonte]

A procedencia dos xitanos foi obxecto de todo tipo de fantasías. Foron considerados descendentes de Caín ou relacionados ca estirpe de Cam. Algunhas tradicións identificáronnos con magos caldeos de Siria, ou cunha tribo de Israel perdida no Antigo Exipto. Unha antiga lenda balcánica fainos forxadores (ou ladróns) dos cravos de Cristo, motivo polo que foron condenados a errar polo mundo, se ben non hai ningunha proba que sitúe ós xitanos en Oriente Medio nesa época.

Primeiro movemento migratorio do século X[editar | editar a fonte]

Os estudos xenéticos e lingüísticos parecen confirmar que os rom son orixinarios do subcontinente indio, posiblemente da rexión do Punjab. A causa da súa diáspora continúa sendo un misterio. Unhas teorías suxiren que foron orixinalmente individuos pertencentes a unha casta inferior recrutados e enviados a loitar ó oeste contra a penetración musulmá. Ou talvez os propios musulmáns conquistaron ós rom, escravizándoos e traéndoos ó oeste, onde formaron unha comunidade separada.

Esta última hipótese baséase no relato de Mahmud de Ghazni, que informa de 50.000 prisioneiros durante a invasión turco-persa do Sindh e do Punjab. Por que os rom escolleron viaxar para o oeste en vez de regresar para a súa terra é outro misterio, se ben a explicación pode ser o servizo militar baixo dominio musulmán.

O que é aceptado pola maioría dos investigadores é que os romanís poderían abandonar a India en torno ó ano 1000, e atravesar o que agora é Afganistán, Irán, Armenia e Turquía. Varios pobos similares ós xitanos viven hoxe en día na India, aparentemente orixinarios do estado desértico de Raxastán, e á súa vez, poboacións xitanas recoñecidas como tales polos propios xitanos viven aínda en Irán co nome de lurios.

A pesar de que as probas documentais comezan a ser fiables só a partir do século XIV, algúns autores contemporáneos rebaixaron a data do ano 1000 e incluso antes. Certas referencias suxiren que as primeiras referencias escritas da existencia do pobo rom son anteriores: un texto que relata como Santa Atanasia de Exina repartiu comida en Tracia a uns "estranxeiros chamados atsinagi" (do grego Ατσίνγανος') durante a escaseza do século IX, en plena época bizantina.

Incluso antes, a principios do mesmo século, no ano 803, Teófanes o Confesor escribe que o emperador Nicéforo I botou man da axuda de certos atsigani, que coa súa maxia axudaríano a conter unha revolta popular.

«Atsinganoi» foi un termo usado tamén para referirse a adiviñadores ambulantes e ventrílocuos e feiticeiros que visitaron ó emperador Constantino en 1054. Un texto haxiográfico (Vida de San Xurxo anacoreta) refire como os «atsigani» foron chamados por Constantino para axudalo a limpar as fragas de feras. Máis tarde serían descritos como feiticeiros e malfeitores e acusados de intentar envelenar o galgo favorito do emperador. A extensión dese termo xeraría os modernos substantivos tzigane, Zigeuner, zingari e zíngaros.

Un relato histórico-lendario do século X titulado Crónica Persa, de Hazma de Ispaham, menciona a certos músicos solicitados ó rei da India, ós que chamou zott. O Libro dos Reis (o uShahnameh, datado en 1010), do poeta Firdusi conta unha historia similar: varios miles de Zott, Rom ou Dom («homes») partirían do actual Sindh (pode que do río Indo) con obxecto de entreter ó rei de Persia cos seus espectáculos.

A partir de aí, tras unha longa estancia nesa rexión, e xa descritos como un pobo que rexeitaba vivir da agricultura, espallaríanse en dous grupos migratorios: un cara o suroeste e Exipto, outro cara o noroeste e Europa.

Evidencias lingüísticas da orixe dos xitanos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lingua romaní.

Desde a súa chegada a terras europeas, unha das fasquías da comunidade xitana que máis chamou a atención dos demais pobos era a súa estraña lingua, moi diferente das faladas na Europa. A primeira reprodución escrita do romaní remóntase a unha enciclopedia de título: Fyrst Book of the Introduction of Knowledge. (Primeiro libro de introdución ó saber) escrito por Andrew Boorde. Esta obra, completada en 1542 e publicada en 1547, recollía exemplos de frases do que o autor chamaba Egipt speche (Fala exipcia), dando por válida a crenza popular de que os xitanos procedían de Exipto[2].

Durante os dous séculos seguintes aparecen máis mencións escritas da lingua romaní. En España, o marqués de Sentmenat publica en 1750 un pequeno vocabulario do romaní falado na Península Ibérica[3].

Un dos primeiros ou o primeiro documento en que se propón identificar a lingua romaní como unha lingua india é un traballo de Szekely de Doba na Gaceta de Viena en 1763. Neste artigo comenta que o predicador Vali, quen na Universidade de Leiden estudou o idioma duns estudantes de Malabar do distrito de Zigania, nome que lle recordou ó dos cíngaros e que posteriormente espuxo o vocabulario a xitanos de Almasch (Komora, Eslovaquia), comprobando que estes entendían as palabras[4].

A nivel académico, o descubrimento da orixe india do romaní corresponde ó alemán Johann Rüdiger, catedrático da Universidade de Halle, quen en 1782 publicou un artigo de investigación lingüística[5], no que analizaba a fala dunha muller xitana, Barbara Makelin, e a comparaba coa lingua recollida nunha gramática alemá do hindostaní (o nome co que se conñecía antigamente ós actuais hindi e urdú). No seu artigo, Rüdiger recoñecía a influencia nas súas investigacións do dicionario de romaní de Hartwig Bacmeister, de 1755, a quen xa en 1777 comunicara as súas ideas, así como a súa débeda co seu profesor Christian Büttner, que anos antes aventurara a posibilidade dunha orixe india ou acaso afgá dos xitanos. Sen embargo, foi Rüdiger quen estableceu, mediante a súa comparación entre a descrición gramatical do indostaní e a fala de Barbara Makelin, que as similitudes entre ambas variedades lingüísticas evidenciaban unha orixe común.

Estudos subseguintes da lingua romaní amosaron un estreito parentesco co punxabí e o hindi occidental, tanto no seu vocabulario fundamental como nas súas estruturas gramaticais e nos cambios fonéticos. As investigacións de Alexandre Paspati (Études sur les Tchinghianés, publicado en Constantinopla en 1870), de John Sampson (The dialect of the gypsies of Wales, 1926) e dos suecos Gjerdman y Ljungberg (A lingua do xitano sueco traballador do cobre Dimitri Taikon, publicado en 1963)[2] evidencian que existe unha unidade dentro do romaní que se estende por toda Europa. Os estudos citados recollían mostras do romaní grego, galés e sueco, respectivamente. Queda demostrado así que o vocabulario básico coincide de modo relevante (nota: non se transcribe a grafía orixinal):

  • Galego: grande. Sánscrito: vadra; hindi: bara; grecorromaní: bara; romaní galés: baro; romaní kalderash (sueco): baró.
  • Galego: cabelo. Sánscrito: vála; hindi: bal; grecorromaní: bal; romaní galés: bal; romaní kalderash (sueco): bal.

Determinadas características gramaticais índicas mantéñense no romaní contemporáneo (e algunhas incluso no caló español actual):

  • o final en -e para o masculino e en -i para o feminino.
  • a formación de abstractos por engadido de -ben ou -pen: taco (certo) convértese en taciben (verdade).
  • substitución do xenitivo por un final adxectivado: dadésko gras (o cabalo do pai onde dad é pai e gras cabalo).

Evidencias lingüísticas da migración xitana[editar | editar a fonte]

De acordo cos estudos de Terrence Kaufman (1973) a orixe da lingua romaní, baseado nos dialectos europeos, pode localizarse na India central e posteriormente poden documentarse préstamos lingüísticos que foi adquirindo nos territorios por onde migraba, que irían desde o século II aC ó XIV dC: así ten préstamos do persa do seu paso por Persia, pero non da lingua árabe, o que demostra que o seu paso por Persia foi anterior á súa islamización contra o ano 900. Dos séculos XI-XII ten préstamos de linguas do Cáucaso (oseta, xeorxiano e armenio). Logo detéctase a migración en dirección a Turquía onde recibe préstamos do grego, pero non do turco, o que indica que o seu paso foi anterior á invasión turca. Contra o ano 1300 produciríase a entrada nos Balcáns, onde adquiriu préstamos das linguas eslavas. Posteriormente os dialectos europeos do romaní divídense, aínda que Kaufmann indica unha distinción entre os que teñen influencia léxica do romanés e os que non, que serían os xitanos de Bulgaria e os de España.

Evidencias xenéticas da orixe asiática dos xitanos[editar | editar a fonte]

Os estudos xenéticos corroboran a evidencia lingüística que sitúa a orixe do pobo xitano no subcontinente indio.

Estudos xenéticos realizados en xitanos búlgaros, bálticos e valacos suxiren que cerca do 50 % dos cromosomas Y e do ADN mitocondrial pertencen ó haplogrupo home H e ó haplogrupo muller M, amplamente estendidos en Asia do Sur e Asia Central[Cómpre referencia].

Os homes correspóndense maioritariamente cos haplogrupos H (50 %), I (22 %), J2 (14 %) e Rlb (7 %); as mulleres co H (35 %), M (26 %), U3 (10 %), X (7 %), e outros (20 %). Tales haplogrupos son raros nos non xitanos, e o resto encóntranse esparexidos por toda Europa. Os haplogrupos femininos U2i e U7 practicamente non existen nas mulleres xitanas, pero están presentes en Asia do Sur (entre o 11 e o 35%).

Pódese calcular que aproximadamente a metade do patrimonio xenético xitano é parecido ó dos grupos europeos circundantes. Pero os homes xitanos do grupo sinti de Europa Central son H (20 %), J2 (20 %) cunha frecuencia elevada de R2 (50%), frecuencia que se encontra tamén na India, concretamente en Bengala Occidental e entre os cingaleses de Sri Lanka. O marcador M217, presente nun 1,6 % dos homes xitanos, encóntrase tamén en Bengala Occidental (Kivisild et alter, 2003). Os haplogrupos L, que se encontran no 10% dos indios e paquistanís, non se rexistran entre os xitanos (o equipo de Greshman non parece ter investigado o haplogrupo L), así como tampouco nos orixinarios de Bengala Occidental. A partir da base de datos YHRD (Y Chromosome Haplotype Reference Database)[6], pódese comprobar que algunhas poboacións xitanas europeas poseen un gran porcentaxe de haplogrupos masculinos R1A1. Os datos de YHRD arroxan poucas correspondencias en xeral ca poboación do subcontinente, pero unha alta correlación no haplogrupo H ca comunidade de orixe surasiático de Londres, na que hai un porcentaxe moi alto de individuos procedentes de Bengala Occidental e de Sri Lanka[7].

As investigacións xenéticas de Luba Kalaydjieva[8] amosan que o grupo orixinal apareceu hai unhas 32-40 xeracións, e que ese grupo era pequeno, de apenas uns 1.000 individuos.

Estancia en Asia Menor no século XIV[editar | editar a fonte]

En 1322 un monxe franciscano chamado Simon Simeonis describe un pobo con características similares ós “atsigani” vivindo en Creta, e en 1350 Ludolphus de Sudheim menciona un pobo similar, cunha única lingua, ó que chama "mandapolos", unha verba que segundo se pensa deriva do grego "mantes" (profeta ou adiviño)[9]. Cara a 1360, un feudo xitano independente (chamado o Feudum Acinganorum) estableceuse en Corfú e converteuse nunha «comunidade estable, e unha importante e consolidada parte da economía»[10]. Dado que a rexión ocupada por estas comunidades rom era chamada «o pequeno Exipto», os peregríns que a atravesaban para ir a Terra Santa extenderon por toda Europa o apelativo de «exipciáns», de onde procederían os nomes de exitanos, xitanos, gitans, egypsies e gypsies. Ademais dos asentamentos gregos está documentada una longa estancia nos Balcáns, en terras de serbios, búlgaros e romaneses, no século XIV.

O século XV, a primeira gran diáspora[editar | editar a fonte]

Movimentos migratorios dos xitanos en Europa entre os séculos XII e XVI.

A causa das incesantes guerras entre bizantinos e turcos, os xitanos iniciaron unha nova migración, a primeira que está documentada. As evidencias lingüísticas permiten a reconstrución desta nova peregrinación. Partindo de que os xitanos abandonaron a India, e dalí pasarían a Irán, suponse que máis tarde tomarían dúas rutas. A primeira, desde Armenia ata Bizancio (o que explicaría a presenza de vocabulario grecobizantino na lingua dos xitanos). A outra ruta, a través de Siria e Oriente Próximo e o Mediterráneo (da que quedarían vestixios de vocabulario árabe). Trala súa estadía nos Balcáns a lingua xitana absorbeu vocabulario xermánico, pero a ausencia deste resto lingüístico nos xitanos españois fai pensar que a migración dividiuse en dous antes dese asentamento centroeuropeo. Unha dirixiríase ao oeste, ao interior de Europa, e outra ao sur, cara Siria. A primeira ponla estenderíase por todo o continente europeo, mentres que a segunda cruzaría África do Norte para reaparecer en Europa tras cruzar o estreito de Xibraltar no século XV, reencontrándose ambas as correntes migratorias nalgún punto do sur de Europa. Desta maneira, a chegada dos xitanos á Península Ibérica é tamén un asunto controvertido, analizado máis adiante.

O certo é que a migración foi masiva e extraordinariamente rápida, e foi obxecto dunha acollida desigual. No século XV cómezase a encontralos por todas partes, e os documentos multiplican as testemuñas da súa presenza por toda Europa, que foi moi estudada[11]. En 1416 infórmase da presenza de xitanos en Romanía, Bohemia (República Checa e en Lindau (Alemaña). En 1471 o rei de Bohemia Sexismundo II concedeulles un salvocoduto, e entre 1418 e 1419 os xitanos xa circulaban por Suíza. Entraron en Francia en 1419, e o 12 de agosto un grupo chegou ás portas de Sisteron e logo circulou pola Provenza[Cómpre referencia].

En xaneiro de 1420 estaban en Bruxelas, e en outubro en Flandres e o norte de Francia. En 1421 chegaron a Bruxas e despois descenderon a Arrás. O 18 de xullo dese mesmo ano un grupo chegou a Boloña para solicitar ó Papa un salvoconduto como peregríns cristiáns. En España infórmase da súa presenza por primeira vez en 1415, e o 8 de maio de 1425 localízaselles en Zaragoza. En 1427 xa se encontraban en Roma[Cómpre referencia].

Tamén en 1427 produciuse unha das chegadas de xitanos mellor documentadas, conservada na obra «Temoignage d'un bourgeois de Paris». O 12 de agosto dese ano[12] chegaron a París, onde causaron gran fascinación polo seu aspecto miserable e estraño, e a xente acudiu en masa para velos adiviñar o futuro. Vivían da maxia e dos pequenos roubos, ata que o bispo expulsounos en setembro dese mesmo ano e partiron en dirección a Pontoise. Segundo Helena Sánchez Ortega[13] esta crónica resume o cadro de tipificación negativa dos xitanos que se manterá ata os nosos días.

O seu periplo europeo non se detivo, e en 1430 circulaban por toda Francia baixo unha acollida desigual: Arlés, Brignoles, Metz, Troyes, Grenobre, Nevers, Romans, Colmar, Orleáns e Le Luc. En 1435 foron vistos en Santiago de Compostela, e en 1462 recibíuselles con honores en Xaén. Suíza expulsounos en 1471. En 1493 estaban en Madrid[Cómpre referencia]. Nesta última cidade no Concello «…acordaron de dar limosna a los de Egibto porque a ruego de la Villa pasaron delante, diez reales, para evitar los daños que pudieran hazer trezientas personas que venían…».

A cuestión da entrada na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

Como e cando chegaron os xitanos á Península Ibérica é unha cuestión que dista de ter chegado ó consenso.

Unha primeira teoría fainos proceder do norte de África, desde onde cruzarían o estreito de Xibraltar para reencontrarse en Francia coa ruta migratoria norteña[14]. Distinguiríanse así os xitanos do norte, entrados por Perpiñán, os do sur, ou tingitanos (na súa pronunciación deturpada, xitanos, é dicir, procedentes de Tingis, hoxe Tánxer), e os do leste (ou grecianos) que penetraron pola ribeira mediterránea na década de 1480 probablemente a causa da caída de Constantinopla. A penetración mellor documentada é a do norte. O primeiro documento conservado é de 1415. Nel Afonso (logo o Magnánimo) concede salvoconduto a un tal Tomás Sabba, peregrino a Santiago de Compostela. Ese mesmo monarca concede outra carta de paso en 1425 a outro xefe xitano ca súa xente, ordenando que sexa ben tratado:

«…Como nuestro amado y devoto don Juan de Egipto Menor… entiende que debe pasar por algunas partes de nuestros reinos y tierras, y queremos que sea bien tratado y acogido… bajo pena de nuestra ira e indignación… el mencionado don Juan de Egipto y los que con él irán y lo acompañarán, con todas sus cabalgaduras, ropas, bienes, oro, plata, alforjas y cualesquiera otras cosas que lleven consigo, sean dejado ir, estar y pasar por cualquier ciudad, villa, lugar y otras partes de nuestro señorío a salvo y con seguridad… y dando a aquellos pasaje seguro y siendo conducidos cuando el mencionado don Juan lo requiera a través del presente salvoconducto nuestro… Entregada en Zaragoza con nuestro sello el día doce de enero del año del nacimiento de nuestro Señor 1425. Rey Alfonso.»[15]

Neses anos sucedéronse os salvocondutos, outorgados a supostos nobres xitanos peregríns. O seguimento deses salvocondutos por toda a xeografía española revelalles ós investigadores (como Teresa San Román, ou Helena Sánchez) algunhas evidencias:

  • O número de xitanos que entraron ou habitaron na Península no século XV calcúlase próximo a 30.000 persoas.
  • Os xitanos viaxaban en grupos variables, de 80-150 persoas, lideradas por un home.
  • Cada grupo autónomo mantiña relacións a distancia con algún dos outros, existindo talvez relacións de parentesco entre eles (algo común nos nosos días entre os xitanos españois).
  • A separación entre cada grupo era variable e en ocasións uns seguían ós outros a corta distancia e polas mesmas rutas.
  • A estratexia de supervivencia máis común era a de presentarse como peregrinos cristiáns para buscar a protección dun nobre.
  • A forma de vida era nómade, e dedicabanse á adiviñación e ao espectáculo.

O século XVI e o comezo da persecución[editar | editar a fonte]

O século XVI pódese considerar como a idade de ouro dos xitanos en Europa[Cómpre referencia]. Vagaban de cidade en cidade, e se ben é certo que foron expulsados con frecuencia, habería que esperar o século XVI para que se desatara unha onda de persecución só comparáble ó antixudaísmo secular dos europeos. No século XV os estereotipos negativos aínda non estaban enraizados, e entre a hostilidade e a fascinación a cultura xitana dispersouse polo continente, mesturándose coas culturas e linguas locais. Lentamente foise convertendo nun desafío para os poderes establecidos, para a poboación sedentaria e para a relixión dominante.

Anuncio dunha venda de escravos xitanos o 8 de maio de 1852: 18 homes, 10 nenos, 7 mulleres e 3 nenas, "in conditie fina" (en boa condición).

Cando tivo lugar o descubrimento de América, en 1492, os xitanos xa estaban espallados por toda Europa, onde a pesar dunha boa acollida inicial comezaron a ser perseguidos, marxinados, expulsados, severamente castigados, escravizados (como en Romanía, onde a escravitude xitana non foi abolida ata 1864) ou simplemente exterminados. O desencontro entre os xitanos e os non xitanos perduraría desde o século XVI ata a actualidade.

Así, en España, a pragmática de Medina del Campo do ano 1499 obrigounos a abandonar a vida nómade. En 1500, o mesmo ano en que entraron en Polonia e Rusia, a Dieta de Augsburgo expulsounos de Alemaña. En 1505 Xacobe IV de Escocia concedeulles un salvoconduto e saltaron a Dinamarca. Chegaron a Suecia en 1512, e en 1514 a Inglaterra, de onde foron expulsados, baixo pena de morte, en 1563. Antes diso, en España déuselles a "escoller" en 1539 entre a sedentarización ou seis anos de galeras, e en 1540 os bispos de Bélxica ordenaron a súa expulsión baixo pena de morte[16].

A partir de finais do século XVI sucederanse en toda Europa pragmáticas, leis e decretos contra o xeito de vida dos xitanos. A dinámica destas disposicións será contraditoria (obríganos a sedentarizarse mais non lles permiten a entrada en moitas cidades; obríganos a asimilarse mais concéntranos en determinados barrios; obríganos a traballar en oficios recoñecidos pero non lles permiten a entrada nos gremios...). A tenacidade dos xitanos, as súas estratexias de ocultamento, de multiocupacionalidade (como a chama Teresa San Román), de seminomadismo ou itinerancia circuscrita, de adaptación ás circunstancias cambiantes da lexislación, a capacidade para cruzar fronteiras ou para aliarse en ocasións coa poboción autóctona realizando traballos imprescindibles, fan que os xitanos de toda Europa se resistan á asimilación e conserven os seus propios caracteres culturais máis ou menos intactos ata a actualidade.

Ante a ausencia de testemuñas escritas propias e o negativo dos alleos, resultan valiosas as referencias dunha personaxe peculiar que se acercou ó mundo xitano con interese e curiosidade romántica na primeira metade do século XIX: George Borrow. Nas súas viaxes por boa parte de Europa como predicador protestante tivo oportunidade de contactar con grupos xitanos, aprendendo a súa lingua e traducindo e incluso publicando o Evanxeo en caló (entre a súa produción literaria encóntrase La Biblia en España, interesantísimo libro de viaxes estudado por Manuel Azaña).

O salto a América, o século XIX e a segunda gran diáspora[editar | editar a fonte]

O salto dos xitanos cara América correu parelelo á propia diáspora dos europeos. O incansable pobo xitano emprendeu entón unha nova migración. Sábese que Cristovo Colón, na súa terceira viaxe de 1498, introduciu os primeiros tres xitanos que pisaban o novo mundo[Cómpre referencia]. Sábese tamén que Inglaterra e Escocia enviaron remesas de xitanos ás súas colonias americanas de Virxinia, no século XVII[17] e Luisiana. A práctica da deportación a América foi seguida ese mesmo século por Portugal[18]. Segundo este autor, os xitanos españois só podían viaxar a América con permiso expreso do rei. Filipe II decretou en 1570 unha prohibición de entrada ós xitanos en América, e ordenou o regreso dos xa enviados. Coñécese o caso dun ferreiro xitano (Jorge Leal) que conseguiu autorización para viaxar a Cuba en 1602. Habería que esperar á pragmática de 1783 para que os xitanos tivesen permiso de residencia en calquera parte do reino.

Imaxe idealizada dunha xitana e o seu fillo, pintada por William-Adolphe Bouguereau no século XIX.

Entre finais do XVII e mediados do XIX produciuse outro movemento en dirección ao oeste dunha numerosa poboación xitana, fuxindo da escravitude ou ben aproveitando a súa abolición en Moldavia e Valaquia en 1860[19], ou como consecuencia do recrudecemento da persecución en Europa occidental (especialmente en Francia e Alemaña). Os xitanos emigraron a América Latina nun número que, coma sempre, segue sendo un misterio. Segundo Koen Peeters, a independencia de Serbia en 1878 acelerou esa saída, e as causas que explican o novo éxodo masivo poden ser varias: "En primeiro lugar, á presión de asimilación; en segundo lugar, ás novas posibilidades nas súas actividades laborais; e, en terceiro lugar, a motivos comúns a outros emigrantes de Serbia, como poden ser, por un lado, a idea de que no Novo Mundo tiñan moitas posibilidades de conseguir grandes fortunas, as leis que favoreceron a inmigración ou tamén a aparición de novas posibilidades no que respecta a medios de transporte"[20]. Tamén en torno a 1860 rexístrase a saída de xitanos británicos (“romnichels”) e a principios do século XX houbo unha nova partida en masa de xitanos valacos.

A onda migratoria detívose co comezo da Primeira Guerra Mundial, e non volveu a reiniciarse ata 1989, ano en que comezou a terceira gran diáspora, aínda en curso.

Século XX, persecución e exterminio[editar | editar a fonte]

A detención do fluxo migratorio a principios do século XX non significou unha mellora das condicións de vida dos xitanos. As disposicións legais continuaron sendo inútiles (como xa o foran antes) á hora de asimilalos. En Francia, por exemplo, unha "lei sobre o exercicio das profesións ambulantes e sobre a circulación de nómades" obrigaba en 1912 a proveerse dun "carné antropométrico de identidade" que debía ser selado en cada desprazamento.

A medida que se acerca a Segunda Guerra Mundial a persecución fíxose máis dura. O goberno prusiano, por exemplo, decidiu acabar coa "molestia xitana"[21] mediante un acordo internacional deseñado para acabar coa súa forma de vida. En Baviera elaborouse en 1905 un "Libro xitano", cun censo inicial de 3.000 individuos que pronto aumentaría coa colaboración doutros estados xermanos. O estado de Baviera autorizou o castigo a traballos forzados a todo xitano que non puidera demostrar ter un traballo estable, e a República de Weimar extendeu esta medida a toda Alemaña[Cómpre referencia].

Os censos de xitanos multiplicáronse en toda Europa (Francia, Inglaterra) e en Suíza, en 1926 comezou a ominosa costume de secuestrar nenos xitanos para ser educados entre non xitanos, práctica que só se abandonaría en 1973[Cómpre referencia].

O auxe do nazismo e os excesos da Segunda Guerra Mundial cebáronse con crueldade nos xitanos. Tomando como base os anteriores censos, o Centro de Investigación para Hixiene Racial e Bioloxía Poboacional do Reich comezou a analizar a cuestión xitana. Tras uns momentos de dúbida, nos que se estivo a piques de clasificar os xitanos dentro da raza aria, Himmler ordenou o seu internamento, e finalmente a súa execución en masa. En lingua xitana chámase a este proceso de exterminio “o porraimos”, ou “porrajmos”, a destrución. Coma sempre, descoñécese o número exacto de vítimas. As estimacións van desde 50.000-80.000 (Denis Peschanski, La France des camps, l'internement 1938-46, Gallimard, 2002, p. 379) ata 500.000-1.500.000. "Só en Auschwitz-Birkenau morreron máis de vinte mil xitanos. E nun só día, o 3 de agosto de 1944, os últimos 2.897 habitantes das barracas xitanas de Auschwitz, incluíndo mulleres e nenos, deixaron para sempre de cantar e darse entusiasmo"[22]. O xenocidio xitano é un fenómeno relativamente descoñecido, no que colaboraron, con máis ou menos interese, as poboacións autóctonas (ó igual que no xenocidio xudeu).

Na Europa central e do leste, baixo réximes comunistas, os xitanos sufriron políticas de asimilación e restricións da liberdade cultural. En Bulgaria, prohibiuse o uso da lingua romaní e a representación de música romaní en actos públicos. En Checoslovaquia, decenas de miles de xitanos de Eslovaquia, Hungría e Romanía foron reasentados en rexións fronteirizas de Moravia, e prohibiuselles o estilo de vida nómade. En Checoslovaquia, onde os calificaron de "estrato social degradado", mulleres romanís foron sometidas a esterilizacións como parte da política do Estado para reducir o seu crecemento demográfico[Cómpre referencia]. Esta política púxose en práctica mediante incentivos financeiros, ameazas de retirada de subsidios sociais, desinformación e esterilización involuntaria[23].

A principios da década de 1990, Alemaña deportou decenas de miles de inmigrantes a Europa Central e do leste. O 60% duns 100.000 cidadáns romaneses deportados dacordo cun tratado de 1992 eran xitanos.

No terceiro cuarto do século XX comezou tamén un importante movemento asociativo xitano, en especial, a partir do Primeiro Congreso Xitano de Londres, de 1971.

Século XX, a terceira gran diáspora[editar | editar a fonte]

Poboado xitano en Eslovaquia

Ca caída do muro de Berlín en 1989, o desmantelamento dos estados autoritarios de Europa Central e do leste e a crise económica e, especialmente, por causa da guerra de Iugoslavia, comeza a terceira gran diáspora xitana. Este movemento migratorio (que novamente pasa desapercibido para a opinión pública), realízase, como é habitual, do leste cara o oeste. As estimacións son duns 200.000 - 280.000 xitanos desprazados do este ó oeste europeo desde 1960 a 1997.

Ó deteriorarse a situación política da antiga Iugoslavia uns 40.000 xitanos chegaron a Italia e outros 30.000 a Austria. [24]. A crise económica xerou tamén unha intensa ruta migratoria desde Romanía ós países da Europa próspera nunha cantidade todavía por calcular. As leis de cidadanía discriminatorias en Chequia[25], por exemplo, son un exponente de vellas e novas formas de discriminación.

Segundo os informes do Banco Mundial[26] en Europa hai unha poboación de entre 7 e 9 millóns de xitanos, dos que arredor de 2 millóns viven en Romanía, aínda que porcentualmente a presenza máis alta do pobo xitano é a da República de Macedonia, onde representa o 11% da poboación.[27] A maior parte da poboación xitana de Centro Europa na zona balcánica vive con menos de 3 euros ó día por persoa e un 89% dos xitanos búlgaros non puido cursar estudos primarios[Cómpre referencia].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Varios autores,   (2007), gitano, na. (Vixésima segunda edición ed.), Espasa, Diccionario de la Real Academia
  2. 2,0 2,1 Fraser, Angus, Los gitanos, p. 26 e seg.
  3. A Brief History of Romani Linguistics Cronoloxía de lingüística romaní, na páxina web do proxecto romaní da Universidade de Manchester.
  4. Francisco de Sales Mayo (1870) El Gitanismo. Historia, costumbres y dialecto de los gitanos, Madrid, pp. 44s.
  5. Rüdiger, Johann C. C. Von der Sprache und Herkunft der Zigeuner aus Indien, In: Neuester Zuwachs der teutschen, fremden una allgemeinen Sprachkunde in eigenen Aufsätze, 1. Stück, Leipzig 37-84. Dispoñible en Internet en tradución inglesa: On the Indic Language and Origin of the Gypsies. Unha discusión académica interesante sobre o artigo de Rüdiger é a de Yaron Matras: The Role of Language in Mystyfying and De-mystifying Gypsy Identity.
  6. www.yhrd.org
  7. Origins and Divergence of the Roma (Gypsies), David Gresham, Bharti Morar, Peter A. Underhill, et alter, Am J Hum, 2001 ; Wells et alter, “The Eurasian Heartland : A continental perspective on Y-chromosome diversity.
  8. Kalaydjieva.
  9. [1]
  10. A Chronology of significant dates in Romani history
  11. Les Tsiganes du IX au XIVe siecle
  12. Historia del pueblo gitano.
  13. En Teresa San Román, La diferencia Inquietante, ed. Siglo XXI, Madrid, 1997, pág 4.
  14. [2]
  15. Unión Romaní.
  16. [3]
  17. Gitanos, Universidade de Missouri, EEUU.
  18. Discurso, Navarro.cl.
  19. Romaneses, PDF.
  20. I Tchatchipen. Revista trimestral de investigación gitana, nº 48 (octubre-diciembre 2004).
  21. [4]
  22. [5]
  23. Silverman, Carol. “Persecution and Politicization: Roma (Gypsies) of Eastern Europe.” Cultural Survival Quarterly, Summer 1995. Helsinki Watch. Struggling for Ethnic Identity: Czechoslovakia’s Endangered Gypsies. Nueva York, 1991.
  24. Arayici, Ali: Algunas reflexiones sobre la minoría gitana en Europa.
  25. Victimas.
  26. (en inglés) About the Roma.
  27. (en inglés) Mapa con la distribución de población gitana en Europa central en 2006.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Teresa San Román. La diferencia inquietante. Ed. Siglo XXI, Madrid, 1997. ISBN 84-323-0951-6
  • Antonio Gómez Alfaro. La gran redada de gitanos: España, prisión general de gitanos en 1749. Ed Presencia Gitana, Madrid, 1993, ISBN 84-87347-09-6
  • Angus Fraser, Los gitanos, Ed. Ariel, Barcelona, 2005, ISBN 84-344-6780-1.
  • Modelo:Ref-libro Inclúe un detallado resumo do inédito de Terrence Kaufman "Gypsy wanderings and linguistic borrowing" (1973)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]