Historia do Sáhara Occidental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Sahara Occidental nunca formou un estado no sentido moderno da palabra. Aínda que hai achados prehistóricos e houbo colonias fenicias no territorio arredor do século VI a.C., os primeiros habitantes coñecidos do territorio foron tribos bérberes. Coa chegada do Islam no século VIII, chegan tamén os árabes e en especial os Beni Hassan, no século XV, que van acabar mesturados coas tribos bérberes locais para dar orixe á actual poboación saharaui.

A poboación saharaui, ata a chegada dos europeos, organizábase en grupos de familias (fahed) que se agrupaban en cabilas ou tribos, que constituían a unidade social básica dos saharauis, e que ligaba a un grupo unido por un lazo de parentesco patrilineal, que con frecuencia entraban en conflito entre si e que deu orixe a numerosas guerras tribais ata o século XX. A tribo máis importante era a dos Erguibat. Fóra da división tribal quedaban os maalemin (artesáns), iggaugen (trobadores), abid (escravos ) e haratin (libertos).

Colonia española[editar | editar a fonte]

En 1884 coa expedición de Emilio Bonelli e a fundación de Villacisneros comezou a ocupación do territorio por España que proclamou oficialmente o proctetorado de Río de Oro o 26 de decembro de 1884. En 1886 José Álvarez Pérez e Julio Cervera exploraron o territorio, malia iso a influencia española non chega máis alá de Villa Cisneros.
En 1904 coa chegada de Francisco Bens, gobernador político-militar, reactívase a colonización do territorio, tenta atraerse á poboación nativa e en 1907 pasou a Aargub, ao outro lado da baía de Villacisneros, en 1910 realizou unha expedición ata Atar, xa en Mauritania. En 1916 os españois ocuparon Cabo Juby e en 1920 La Güera. Ata 1934 España só controla tres zonas costeiras, mentres o interior permanece baixo o control das diferentes tribos saharaius. En 1934 os españois ocupan Daora e Smara. Durante a Guerra Civil española o territorio adquire interese político-militar e foméntase o control efectivo do interior. En 1938 fundouse El Aaiún.

A medida que avanza a colonización a sociedade saharaui sofre unha profunda transformación, desaparecen as distincións entre as tribos guerreiras e as tributarias, todas pasan a depender da autoridade colonial, foméntase a incorporación ao exército español entre a poboación nativa, as organizacións políticas tradicionais como a yemaa e os chiuj perden as súas atribucións orixinais. A colonización española transformou tamén a economía local cos chegada de españois ás cidades e como parte das forzas armadas e polo comezo da industrialización logo do descubrimento das minas de fósfato de Bu Cra en 1963 que levará a sedentarización da poboación e que en 1974 só o 17% da poboación fora nómade.

En 1966 a Asemblea Xeral da ONU, coa oposición de España, aprobou a resolución 2.229 na que demandaba a realización dun referendo no Sahara Occidental para permitir o dereito á autodeterminación á poboación local. Idénticas resolucións sucédense en anos seguintes. A partir de 1967 xurde a primeira organización nacionalista, liderada por Mohamed Bassir, que foi desmantelada polas autoridades españolas en 1970.

En 1973 formouse a Fronte Polisario, que mediante unha loita de guerrillas persegue a independencia do territorio. As autoridades españolas organizaron o Partido da Unión Nacional Saharauí (PUNS) para contrarrestar a actividade da Polisario con escaso éxito entre a poboación nativa.

En 1975 a ONU envía ao Sáhara Occidental unha misión de visita que debía informar á Corte Interncional de Xustiza. A misión estaba presidida por Simeon Aké, embaixador de Costa de Marfil na ONU, e a Fronte Polisario amosou a súa forza nas rúas cando a misión chegou ao Sáhara o 12 de maio. No informe que a a misión deu a coñecer o 15 de outubro manifesta que a maioría da poboación está a favor da independencia e recoñeceu á Fronte Polisario como a forza política dominante no territorio.

Logo de coñecerse o informe o rei Hassán II de Marrocos anunciou a realización dunha marcha civil, Marcha Verde, para a incorporación do Sáhara a Marrocos, na marcha participaron 350.000 persoas, que o 5 de novembro chegan a Agadir, dispostos a cruzar a fronteira e o día seguinte as primeiras columnas cruzan a fronteira, que se deteñen nas inmediacións dos primeiros postos de militares españois, a 10 km da fronteira. O 9 de novembro tras conversas coas autoridades españolas, Hassán II ordena o repregamento da marcha, deixando o territorio español o día 10. Tras os acordos de Madrid, que dividían o Sáhara español entre Marrocos e Mauritania, España retirou as súas forzas do Sáhara o 14 de novembro de 1975, estableceuse unha administración tripartita na que formaban parte Marrocos e Mauritania, por medio de dous gobernadores que auxiliaban ao gobernador xeral, nomeado por España. As tropas marroquís entran en Smara o 28 de novembro e en El Aaiún o 11 de decembro, as forzas mauritanas ocupan La Güera e Tichla despois de fortes enfrontamentos coa Fronte Polisario. En xaneiro os marroquís bombardean os refuxiados saharauís en Guelta e Tifariti, Um Dreiga. O 26 de febreiro de 1976 finalizou formalmente o mandato de España sobre o territorio e a Fronte Polisario proclamou a República Árabe Saharauí Democrática ao día seguinte ao non recoñecer a entrega a Marrocos e Mauritania.

Coa marcha española aproximadamente 20.000 militares e 17.500 civís marcharon do Sáhara cara España, arredor de 25.000 marroquís entraron nun primeiro momento no Sáhara e 6.000 militares mauritanos, ao tempo que miles de saharauís marchan cara as zonas controladas pola Fronte Polisario.

División entre Marrocos e Mauritania[editar | editar a fonte]

Marrocos incorporou o territorio do norte do Sáhara e Mauritania o sur co nome de Tiris al-Gharbiyya. A Fronte Polisario controlaba unha parte do territorio e Tinduf pasa de 5.000 refuxiados saharauís antes da marcha dos españois do Sáhara pasou a 45.000 en marzo de 1976 e en torno dos 100.000 a fins de ano.

En abril de 1976 había 30.000 militares marroquís no territorio, que controlaban as cidades pero non o deserto, ao igual que Mauritania.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Historia do Sáhara Occidental