Historia de Sydney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Historia de Sidney»)

Colonia penitenciaria[editar | editar a fonte]

Mapa de Sydney Cove coa colonia, 1789

A historia urbana de Sydney comeza estritamente en 1788, co asentamento como colonia penitenciaria, fundado por Arthur Phillip para a coroa británica, nunha enseada (Sydney Cove) na beira sur do chamado Port Jackson (en realidade profunda e recortada baía [1]) na costa suroriental de Australia. Basicamente, na beira oeste da enseada levantábanse os barracóns dos prisioneiros e na oriental os edificios do gobernador e oficiais coas súas propiedades de lecer.

Aínda que o terceiro gobernador, P.Gidley [2], xa fixera unha primeira contribución, foi durante o mandato (1810-21) do quinto gobernador de Nova Gales do Sur, Lachlan Macquarie, cando Sydney, de feito capital do territorio, se transformou de colonia penal en auténtica cidade co deseño dunha trama urbana e infraestruturas básicas (pontes, peiraos, fortes). A erección de numerosos edificios públicos que aínda hoxe ennobrecen a parte vella da cidade (The Rocks [3]) deixa constancia do seu labor [4].

Primeira cidade de Australia[editar | editar a fonte]

Ademais, a colonización do interior do país a partir de 1813, contribuíu ao incremento de poboación non penal da vila pola inmigración europea (de 2.500h en 1800 a 12.000 en 1820 e 39.000 en 1851). Sobre terreos que xa o gobernador Macquaire reservara para o deporte, deseñouse o parque público (Hyde Park, 1856) da, xa oficialmente, primeira cidade de Australia (1842). A área verde estendeuse progresivamente ata acadar o antigo dominio pertencente á mansión do gobernador (hoxe Royal Botanic Gardens e Domain, que ocupan o leste da Sydney Cove). O desenvolvemento urbano continuou e apareceron os primeiros suburbios (Pyrmont [5]). Tamén os primeiros recheos para novos peiraos (porto en Darling Bay ao oeste) e o Circular Quay na Sydney Cove (que cubriu o primitivo arroio, 1837).

Porén, o gran pulo viría despois do descubrimento de ouro en 1851 a un cento de quilómetros ao oeste. En dez anos a poboación case que se triplicou, e para 1871 Sydney contaba con 134.800 habitantes [6][7]. O ferrocarril favoreceu a creación e dispersión de novos suburbios e a industrialización posterior (cun gran desenvolvemento portuario), no último cuarto do século XIX [8][9], que levárona a se converter nunha pequena metrópole (500.000h en 1900 [10]).

Século XX[editar | editar a fonte]

O crecemento metropolitano continuou no século XX ata acadar o millón de habitantes en 1925. Fíxose imprescindible unir as dúas beiras de Port Jackson e, inda que en plena gran depresión, no 1932 inaugurábase a maxestosa Ponte da Baía (Sydney Harbour Bridge [11]).

En 1957-67 completouse a espléndida paisaxe urbana da cidade coa erección, na punta oposta da Sydney Cove (a leste, no cabo do Royal Botanic Gardens), da Ópera de Sydney do arquitecto nórdico J. Utzon, emblema da metrópole moderna e por extensión do país [12][13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Mapa da época de Port Jackson coa situación de Sidney". Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2009. Consultado o 27 de outubro de 2009. 
  2. Mapa de Sidney, 1802
  3. "Mapa do labor edilicio promovido polo gobernador Macquaire". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2015. Consultado o 27 de outubro de 2009. 
  4. Plan de Sidney, 1822
  5. "Mapa de Sidney, 1836". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2007. Consultado o 28 de outubro de 2009. 
  6. Plano da cidade en 1855
  7. Mapa da área metropolitana de Sydney en 1867
  8. "Sydney a vista de paxaro, 1888". Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2009. 
  9. Outra vista de paxaro de 1905
  10. Area metropolitana en 1903
  11. Fotos históricas da construción da Ponte da Baía
  12. "Vista da Opera co centro dos negocios ao fondo". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2015. Consultado o 31 de outubro de 2009. 
  13. "Panorama de Sidney". Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2015. Consultado o 31 de outubro de 2009.