Historia de Hamburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os comezos da historia urbana de Hamburgo, na rexión da foz do río Elba onde unha migración crecente de tribos saxoas fora asentándose entre os séculos IV e VI, aínda son obxecto de especulación e análise tralas recentes escavacións arqueolóxicas no centro da cidade (Praza da Catedral [1]).

Fundación misioneira[editar | editar a fonte]

Semella que a comezos do século IX (810-811) e por mandado de Carlomagno, foi enviada unha misión cristianizadora daquelas tribos pagás do norte que, liderada polo sacerdote Heridag, fundou un asentamento nun lugar elevado e seco (geest) entre pantanos, na afluencia do Alster no Elba [2][3]. Arredor da igrexa e as vivendas (50 habitantes [4]) erixiron un recinto fortificado de 130x130m que foi chamado Hammaburg (de etimoloxía controvertida, seica situábase ao sur da actual igrexa de S.Pedro [5]).

No 831 o emperador franco Ludovico Pío creou o bispado con sé na poboación e o primeiro bispo, Ansgar, construíu a primitiva catedral de Sta. María (834-843, tres naves en madeira), escola e convento. Todo foi incendiado e destruído, coma o resto de Hammaburg, polos viquingos en 845 [6].

Castelos na vila comercial[editar | editar a fonte]

Hamburgo no s.XII dende o oeste: o Alster á esquerda e o Elba á dereita.

Nos dous séculos seguintes as sucesivas reconstrucións do pequeno poboado axiña eran seguidas de novos ataques e destrucións (eslavos, daneses, polacos). Como consecuencia as defensas da vila foron progresivamente reforzadas: semella que no comezo do século X un primeiro muro arredor do conxunto da catedral puido seres erixido (Domburg) e o bispo Adaldag (937-988, aínda que por seguridade os bispos residiron en Bremen) levantou un castelo episcopal e sentou as bases de Hamburgo coma cidade comercial (regulamentación do mercado). Despois da destrución polos eslavos obodritas en 983 seica o muro da vila foi ampliado (o chamado Heidenwall sobor dun primitivo mesmo da época posterior á destrución viquinga [7]) pechando o leste (o lado de terra) entre o Alster e o Bille/Elba. Finalmente, ao longo da primeira metade do século XI ata catro castelos foron construídos: o bispal cunha nova catedral (Mariendom, a primeira en pedra, 1037); o Wiedenburg (1043, ao sur do Heidenwall [8]); o Alsterburg (1045, no outro extremo do Heidenwall, rentes do Alster [9]) e o Neue Burg (1061, fóra de murallas na outra beira do meandro do Alster).[10]

A primeira igrexa parroquial, San Pedro, probablemente tamén foi erixida nesta época, ao norte da catedral e coma igrexa do mercado (ecclesia forensis). A vila experimentou un inicial crecemento pola súa excelente posición na encrucillada de rutas comerciais entre Escandinavia e o sur, entre o leste europeo e o Mar do Norte [11].

Cidade Libre e Hanseática[editar | editar a fonte]

Hamburgo en 1320: a cidade medieval.

En 1189 Hamburgo consegue do emperador Frederico I os dereitos de "Cidade Imperial Libre" que garanten o futuro desenvolvemento do seu porto e mercado francos de taxas, cunha autonomía burguesa (primitivo concello, Rathaus, en 1200).

A vila comeza a creceres fora do antigo muro: no canto do castelo Neueburg aparece un barrio de comerciantes homónimo arredor da igrexa de S. Nicolao. Tamén poboáronse as illas entre os brazos de auga ao sur do primitivo asentamento (Sta. Catarina). O propio río Alster vai seres represado (1190-1235) adquirindo o carácter de lago [12].

A alianza comercial coa próxima Lübeck en 1241 abriu a cidade ao Báltico e foi o inicio da florecente Liga Hanseática. Unha nova expansión urbana realízase ao nordeste, arredor da igrexa de Santiago, e o completo organismo arrodéase dunha muralla cuxo recordo consérvase ata hoxe nos nomes da cidade medieval. O tramo inferior da represa do Alster foi drenado (Bleichen).

O século XIV foi unha época de esplendor e florecemento extraordinarios para Hamburgo. A riqueza xerada serviulle para ampliar o seu dominio mercando terras e vilas veciñas asemade as illas do Elba. Tamén enriqueceu o seu patrimonio monumental: reconstruíronse os cinco templos maiores da urbe en estilo gótico (catedral, S.Pedro, Santiago, S.Nicolao e Sta. Catarina) e a muralla da cidade en ladrillo. Ademais erixiuse unha nova Rathaus (no meandro do Alster fronte a S.Nicolao).

Hamburg e a súa excepcional xeografía (as illas do Elba devirán o futuro gran porto da urbe moderna)

Reforma relixiosa e Neustadt[editar | editar a fonte]

Hamburgo en 1650 (o N embaixo á esquerda).

Trala adhesión da vila ao luteranismo (1529) recibiu inmigración de protestantes holandeses e franceses asemade xudeus sefarditas. Así mesmo expulsou o culto católico do seu territorio.

Por outra banda a progresiva conformación dunha Europa de estados-nación deixaba á Cidade Libre nunha situación delicada para manter o seu status. Fronte a ameaza do veciño reino de Dinamarca, Hamburgo viuse na necesidade de se protexeres duplicando de paso a densa área urbana (unha nova muralla no século XVI apenas abarcara a maiores o porto polo sur [13]). Entre 1616 e 1625 un completo cinto de fortificacións arrodeará a cidade antiga (Alstadt) e unha extensión case igual na beira occidental do Alster (Neustadt, arredor de S.Miguel). Máis aló, ao oeste, crecerá a cidade danesa de Altona co distrito de S. Pauli (onde a Grosse Freiheit, "rúa da liberdade", será refuxio dos católicos para celebraren o seu culto).

As murallas probaron a súa eficacia durante a Guerra dos Trinta Anos (1618-48) e a vila mesmo prosperou e non foi tomada no caos xeral centroeuropeo. Hamburgo era a maior cidade alemá do tempo (75.000h, 1650 [14]).

Século XIX[editar | editar a fonte]

A améndoa amurallada da cidade histórica (coa adicción en 1697 dun apéndice no nordeste para englobar a parroquia de S.Xurxo) vaise conservar ata o século XIX, cando progresivamente os bastións foron derrubados e o seu soar reconvertido en parques. A área meridional do Alster, drenada no medievo a carón do centro fundacional (Bleichen), foi urbanizada durante o século XVIII [15].

O novo centro de Hamburgo arredor da Rathaus, 1890 (anel de parques e ferrocarril no antigo cinto de murallas).

Trala breve ocupación napoleónica, en 1815 o Congreso de Viena confirmou o estatuto de Cidade Libre para a urbe (que mantivo sempre asociada aos sucesivos réximes políticos xermánicos). O crecemento e prosperidade comezaron na segunda metade do século da man principalmente do comercio co continente americano (liderando o transporte transatlántico de emigrantes). O porto deveu un dos máis importantes de Europa e a industrialización foi rápida e extensa.

Tamén na segunda metade do século, e despois do devastador incendio de 1842 que destruíu a parte máis antiga da vila, levouse a cabo unha reconfiguración do centro urbano (a maiores, o conxunto catedralicio católico, despois de abandonado á ruína, fora finalmente demolido en 1807[16]). Con rúas rectas no canto das medievais unha nova Rathaus (concello e praza a carón do Bleichen, ao oeste de S.Pedro, 1888) ocupaba agora o corazón da vila mentres no baleiro da catedral fora erixida a Johanneum (colexio de humanidades, á súa vez destruído, coma a meirande parte da cidade, nos bombardeos da IIGM; o centro foi reconstruído novamente con algunhas modificacións viarias [17][18]).

A forte inmigración do rural, cuadriplicando a súa poboación ata os 800.000 habitantes a fins de século, axudada pola extensión do ferrocarril (dende 1842, con estación no sueste de murallas [19]) favoreceron a inmediata suburbanización da rexión de Hamburgo [20]. En 1938, durante o réxime nazi, reorganizaríanse os límites administrativos da futura cidade-estado (período da República Federal despois da guerra), incluíndo xa Altona entre outras vilas próximas.

Cidade portuaria[editar | editar a fonte]

A Speicherstadt en primeiro termo diante da vila
O porto e a cidade en 2002.

O porto, desde 1189 o motor da economía de Hamburgo, foi declarado porto franco en 1888. Xa en 1883 deseñárase unha vasta ampliación para a época (a Speicherstadt, 350.000m2 de peiraos e almacéns) que ocupou o sueste da cidade histórica e supuxo a expropiación e recolocación duns 20.000 habitantes.

Dende 1888 ata o fin da centuria e no primeiro cuarto do século XX novas expansións foron desenvoltas principalmente na beira sur do Elba [21][22][23]. Unha verdadeira cidade portuaria que acadaba volumes de tráfico sempre crecentes. A segunda guerra mundial e a proximidade do "pano de aceiro" (Alemaña Oriental) no período da guerra fría frearon o seu crecemento, pero dende 1989 está a recuperar a súa preeminencia coma un dos maiores portos do mundo.

Ademais todo un gran plan de reconversión da Speicherstadt para usos residenciais e dotacións públicas (proxecto chamado HafenCity, 2km2) está a recuperar esa zona do centro histórico [24].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O "mito Hammaburg"; escavacións na Domplatz". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 31 de xaneiro de 2012. 
  2. Debuxo recreando a posición do Hammaburg na desembocadura do Alster no Elba [1]
  3. "Maqueta do Hammaburg entre o Alster (enriba) e o Elba (embaixo)". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2012. 
  4. Ilustración recreando o primitivo Hammaburg (seica os brazos de auga non estaban preto do recinto) [2]
  5. Planta esquemática da situación de Hammaburg na cidade moderna: S.Pedro sitúase no quinteiro de enriba e máis ao norte o Alster; embaixo do refuxio fortificado estaría a Praza da Catedral (Domplatz) [3]
  6. "Recreación da toma de Hammaburg polos viquingos". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2012. Consultado o 14 de xullo de 2012. 
  7. Maqueta co primitivo Heidenwall dende Hammaburg ata o Alster (o recinto da esquerda semella sinalares o posterior Neueburg) [4]
  8. Detalle do Wiedenburg na vista de Hamburgo no s. XII
  9. Idem do Alsterburg
  10. Idem do Neueburg
  11. Unha reconstrución esquemática da planta da vila en 1071 (nótese o terreo elevado, "geest", sobor do que asentouse o Hammaburg) [5]
  12. Planta de Hamburgo en 1240
  13. Vista de Hamburgo de 1588 coas murallas do XVI e a ampliación no sur; Braun-Hogenberg [6]
  14. "A urbanización de Europa 1500-1800", Jan de Vries
  15. Mapa de Hamburgo en 1791 coa adicción no leste de S.Xurxo á cidade amurallada e o Bleichen no centro urbanizado xa 16Mb;
    nótese no oeste o enclave danés de Altona e xusto na fronteira as "rúas da liberdade" (Keine e Grosse Freiheit) cos templos dos cultos non permitidos en Hamburgo. É o distrito de S. Pauli que co correr do tempo devirá o célebre "distrito vermello" da metrópole
    [7]
  16. Planta de Hamburgo en 1830 coa área destruída polo incendio de 1842 (en cor máis clara); nótese o baleiro da catedral (Domplatz) derrubada a comezos de século [8]
  17. Páxina do concello de Hamburgo sobor do redeseño da Domplatz en marcha [9] Arquivado 20 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  18. "Vista aérea contemporánea da cidade histórica". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2012. Consultado o 06 de marzo de 2012. 
  19. Mapa de Hamburgo-Altona en 1865: destácanse con claridade o novo centro da cidade e a estación [10]
  20. Mapa da área de Hamburgo en 1910
  21. "Planta dos novos peiraos do porto en 1899". Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2012. Consultado o 30 de xullo de 2012. 
  22. Mapa da metrópole portuaria en 1900 (orixinal 21Mb)
  23. "Planta esquemática da área de peiraos en 1927". Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2012. Consultado o 04 de agosto de 2012. 
  24. "Fotomontaxe do plan HafenCity para a nova Speicherstadt". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2012. Consultado o 24 de xullo de 2012.