Historia das mulleres na enxeñaría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A historia das mulleres na enxeñaría é anterior ao desenvolvemento da profesión da enxeñaría. Antes de que a enxeñaría fose recoñecida como unha profesión formal, as mulleres con coñecementos de enxeñaría a miúdo buscaban recoñecemento como inventoras. Durante o Período Dourado Islámico, desde o século VIII ata o século XV, houbo moitas mulleres musulmás que foron inventoras e enxeñeiras, como a astrónoma do século Mariam al-Asturlabi.[1]

Elisa Leonida Zamfirescu, unha das primeiras enxeñeiras en Europa

No século XIX, as mulleres que realizaban traballos de enxeñaría a miúdo tiñan unha formación académica en matemáticas ou ciencias, aínda que moitas delas aínda non podían graduarse cun título en enxeñaría, como Ada Lovelace ou Hertha Marks Ayrton. Rita de Morais Sarmento foi a primeira muller en Europa que acadou o grao académico en enxeñaría en 1896. Con todo, nos Estados Unidos, na Universidade de California, Berkeley, tanto Elizabeth Bragg (1876) como Julia Morgan (1894) xa recibiran a súa licenciatura nese campo.[2] Nos primeiros anos do século XX, algunhas mulleres foron admitidas en programas de enxeñaría, pero xeralmente eran vistas como curiosidades polos seus homólogos masculinos. Alice Perry (1906) e Elisa Leonida Zamfirescu (1912) foron algunhas das primeiras europeas en graduarse en enxeñaría. Elisa Bachofen foi a a primeira diplomada en enxeñaría civil en Arxentina e en América do Sur en 1918.[3] A entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial creou unha seria escaseza de talento en enxeñaría, xa que os homes foron recrutados nas forzas armadas. A Oficina de Educación dos Estados Unidos iniciou unha serie de cursos de ciencia e enxeñaría que estaban abertos a mulleres e homes.[4]

Kathleen McNulty (1921-2006), foi seleccionada para ser unha das programadoras orixinais da ENIAC. Georgia Tech comezou a admitir mulleres estudantes de enxeñaría en 1952. O Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) graduou á súa primeira estudante feminina, Ellen Swallow Richards (1842-1911), en 1873. A École Polytechnique de París comezou a admitir mulleres estudantes en 1972. O número de títulos en enxeñaría outorgados a mulleres na EE.UU. aumentou nun 45 por cento entre 1980 e 1994. Con todo, de 1984 a 1994, o número de mulleres que se graduaron cun título en informática diminuíu nun 23 por cento.

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Aínda que o termo enxeñaría data da Idade Media, adquiriu o seu significado e uso actual só recentemente no século XIX. En resumo, un profesional da enxeñería é a persoa que utiliza os principios da enxeñaría, é dicir, a adquisición e aplicación de coñecementos científicos, matemáticos, económicos, sociais e prácticos, para deseñar e construír estruturas, máquinas, dispositivos, sistemas, materiais e procesos. Algunhas das principais ramas desta profesión inclúen a enxeñaría civil, a enxeñaría militar, a enxeñaría mecánica, a enxeñaría química, a enxeñaría eléctrica, a enxeñaría aeroespacial, a enxeñaría informática e a enxeñaría biomédica.[5]

Inventoras[editar | editar a fonte]

Elena García-Armada, enxeñeira e inventora española

Antes de que a enxeñaría fose recoñecida como unha profesión formal, as mulleres con coñecementos de enxeñaría a miúdo buscaban o recoñecemento como inventoras. Tabitha Babbit (1784-1853?) foi unha fabricante de ferramentas americana que inventou a primeira serra circular.[6] Sarah Guppy (1770-1852) foi unha inglesa que patentou un deseño para os cimentos das pontes.[7] Mary Dixon Kies (1752-1837) foi a primeira muller americana en recibir unha patente polo seu método de tecido de palla en 1809.[8][9] Margaret E. Knight (1838-1914) e Beulah Louise Henry (1887-1973) foron dúas inventoras estadounidenses moi prolíficas.

En 1919, Alice H. Parker (1895) patentou unha caldeira de calefacción central.[10] Bertha Benz (1849-1944) foi unha pioneira da automoción, e inventora da pastilla de freo para automóbiles,[11]Mary Anderson (1866-1953) inventou o limpiaparabrisas. En 1893 a enxeñeira mecánica Margaret Wilcox patentou a primeira calefacción de automóbiles.[12] En 1914 Dorothy Levitt inventou o espello retrovisor.[13]

Fermina Orduña foi a primeira muller española en obter unha patente en 1865. Outras inventoras españolas de finais do XIX e principios do XX son Carmen Fábregas que inventou o dactílago en 1878, Eli García-Lara Catalá inventora dun lavadoiro mecánico para roupa en 1890, Candelaria Pérez inventora dun moble multiúsos, Concepción Aleixandre Ballester autora dun mecanismo para mellorar a saúde das mulleres, Mª Carmen Ortiz de Arce quen deseñou un sistema de lectoescritura, Julia Rodríguez-Maribona e a súa nai inventoras, da fregona, Joaquina García García o traxe de augas para pescar e Ángela Ruíz Robles a enciclopedia mecánica en 1949.[14] Máis recentes son o exoesqueleto biónico de Elena García Armada e os sensores nanomecánicos de Montse Calleja, sendo Margarita Salas a inventora da patente máis rendible de España.[15]

Século XIX: entrada nas profesións técnicas[editar | editar a fonte]

Coa chegada da Revolución Industrial no século XIX, as novas ocupacións baseadas na tecnoloxía abríronse para homes e mulleres. Sarah Bagley (1806-?) é lembrada non só polos seus esforzos para mellorar as condicións de traballo das traballadoras das fábricas de Lowell, Massachusetts, nas décadas de 1830 e 1840, senón tamén por ser unha das primeiras mulleres en traballar como operadora de telégrafos.[16] Mathilde Fibiger (1830-1872), novelista danesa e defensora dos dereitos da muller, converteuse en operadora de telégrafos do sistema de telégrafos do Estado danés no decenio de 1860.[17]

A enxeñaría comezou a ensinarse como unha disciplina académica formal a finais do século XVIII e principios do XIX. A Escola Politécnica de Francia estableceuse en 1794 para ensinar enxeñaría militar e civil; a Academia Militar de West Point, nos Estados Unidos, estableceu un programa baseado no modelo da Escola Politécnica en 1819. O Instituto Politécnico Rensselaer (RPI) comezou a ensinar enxeñaría civil en 1828. Con todo, ningunha destas institucións admitiu a mulleres como estudantes no momento da súa fundación.[18]

No século XIX, as mulleres que realizaban traballos de enxeñaría a miúdo tiñan unha formación académica en matemáticas ou ciencias. Ada Lovelace (1815-1852), a filla de Lord Byron, foi educada privadamente en matemáticas antes de comezar a colaboración con Charles Babbage na súa máquina analítica coa que acadaría a designación de "primeira programadora de computadores". Hertha Marks Ayrton (1854-1923), unha enxeñeira e inventora británica que axudou a desenvolver a iluminación de arco eléctrico, estudou matemáticas en Cambridge en 1880, pero negóuselle o título, xa que as mulleres só recibían certificados de finalización nese momento. Por tanto, trasladouse á Universidade de Londres, que lle concedeu un título de licenciada en ciencias en 1881. Do mesmo xeito, Mary Engle Pennington (1872-1952), química e enxeñeira de refrixeración estadounidense,[19] completou os requisitos para obter unha licenciatura en química na Universidade de Pensilvania en 1892, pero no seu lugar recibiu un certificado de aptitude.

Elizabeth Bragg e Julia Morgan convertéronse nas primeiras mulleres en recibir unha licenciatura en enxeñaría, pola Universidade de California, Berkeley - EE.UU., en enxeñaría civil en 1876 e 1894 respectivamente.[20] No mesmo ano que Julia Morgan, Bertha Lamme tamén graduouse na Universidade Estatal de Ohio en enxeñaría mecánica. Rita de Morais Sarmento (1872-1931) foi a primeira muller en obter un título de Enxeñaría en Europa. Matriculouse na Academia Politécnica de Porto para estudar enxeñaría Civil e de Obras Públicas, que concluíu con varias distincións en 1894.[21] Dous anos máis tarde, concedéuselle o "Certificado de aptitude de Enxeñaría Civil" para exercer como enxeñeira profesional, a pesar de que nunca o faría, o que significa que foi a primeira muller enxeñeira europea formal e plenamente recoñecida. Outras mulleres na enxeñaría no mesmo período de tempo inclúen tres mulleres danesas: Agnes Klingberg, Betzy Meyer e Julie Arenholt, que se graduou de 1897 a 1901, no Polyteknisk Læreanstalt, hoxe coñecido como a Danmarks Tekniske Universitet. [22]

As mulleres sen títulos formais de enxeñaría tamén foron parte integral das grandes fazañas da enxeñaría civil do século XIX. Emily Warren Roebling é recoñecida por dirixir a construción da Ponte de Brooklyn, e foi a primeira persoa en cruzar a ponte na súa cerimonia de apertura en 1883. O esposo de Roebling, Washington Roebling, traballou como enxeñeiro xefe do proxecto da Ponte de Brooklyn ata que se enfermou da enfermidade de descompresión. Tras a enfermidade do seu marido, Emily Warren Roebling asumiu as tarefas do seu marido no lugar do proxecto, e ensinouse a si mesma sobre as propiedades dos materiais, a construción de cables, o cálculo das curvas das catenarias e outros temas.

Século XX: entrada a programas de enxeñaría[editar | editar a fonte]

Pilar Careaga, primeira muller enxeñeira en España

Nos primeiros anos do século XX, algunhas mulleres foron admitidas en programas de enxeñaría, pero xeralmente eran vistas como curiosidades polos seus homólogos masculinos. Nora Stanton Blatch Barney (1883-1971), filla de Harriot Stanton Blatch e neta de Elizabeth Cady Stanton, foi a primeira muller en recibir un título en enxeñaría civil da Universidade de Cornell en 1905. Ese mesmo ano foi aceptada como membro júnior da Sociedade Americana de Enxeñeiros Civís (ASCE); con todo, doce anos máis tarde, despois de traballar como enxeñeira, arquitecta e inspectora de enxeñaría, a súa solicitude de ascenso a membro asociado foi denegada. Olive Dennis (1885-1957), que se converteu na segunda muller que se graduou en Cornell cun título de enxeñaría civil en 1920, foi contratada inicialmente polo Baltimore and Ohio Railroad como debuxante; con todo, máis tarde converteuse na primeira persoa que reclamou o título de Enxeñeiro de Servizo cando este título foi creado.

Cleone Benest aprobou o exame de enxeñaría de motores do Instituto da Cidade e os Gremios de Londres, o exame mecánico do Real Club Automobilístico en 1908 e o exame de motores térmicos do Colexio Municipal de Portsmouth en 1910. Usando o nome profesional de C. Griff, uniuse a varias organizacións de enxeñaría e estableceu un negocio de consultoría en Mayfair.[23] Alice Perry é unha das primeiros enxeñeiras formalmente recoñecidos en Europa, graduadas cun grao en enxeñaría en 1908 polo Queen's College, Galway.[24] Elisa Leonida Zamfirescu (1887-1973), debido aos prexuízos contra a muller nas ciencias, foi rexeitada pola Escola de Pontes e Camiños de Bucarest, Romanía. Con todo, en 1909, foi aceptada na Real Academia de Tecnoloxía de Berlín. Graduouse na universidade en 1912, cun título en enxeñaría, especializada en química, converténdose posiblemente nunha das primeiras mulleres enxeñeiras do mundo.[25]

En 1914, Kate Gleason converteuse na primeira muller en ser membro da Sociedade Americana de Enxeñeiros Mecánicos (ASME). En 1915 Lillian Moller obtivo o doutoramento en Psicoloxía Industrial na Universidade de Brown, co tempo sería a primeira muller admitida na Academia Nacional de Enxeñaría.[26] En 1927, Elsie Eaves converteuse na primeira muller en ser membro de pleno dereito da Sociedade Americana de Enxeñeiros Civís (ASCE).[27] Edith Clarke, a inventora da calculadora gráfica, foi a primeira muller en obter un título no departamento de enxeñaría eléctrica do MIT en 1918. Clarke tamén converteuse na primeira muller admitida no Instituto Americano de Enxeñeiros Eléctricos, o precursor do IEEE. Ensinou na Universidade de Texas Austin, onde foi a única muller membro da facultade no departamento de enxeñaría.[28]

En 1919, despois da Primeira Guerra Mundial, un período no que moitas mulleres traballaron no campo da enxeñaría substituíndo aos homes que estaban no fronte, fundouse a Sociedade de Mulleres Enxeñeiras no Reino Unido (WES).[29] O obxectivo da sociedade era permitir as mulleres obter formación, emprego e aceptación e as fundadoras foron Lady Katharine Parsons e a súa filla Rachel Parsons, tamén Verena Holmes primeira muller membro da Institución de Enxeñeiros Mecánicos.[30] Tamén formaron parte desta sociedade as enxeñeiras Caroline Haslett, Margaret Rowbotham e Margaret Mary Partridge, quen animou a Beatrice Shilling (1909-1990) a estudar na Universidade de Manchester e converterse en enxeñeira aeronáutica.[31]

En 1915 creouse nos EE.UU. a NACA (Comité Asesor Nacional para la Aeronáutica) para emprender, fomentar e institucionalizar as investigacións aeronáuticas.[32] O Laboratorio Aeronáutico NACA Memorial Langley contratou a Kitty Joyner como enxeñeira eléctrica en setembro de 1939.[33]

En 1925 a enxeñeira francesa Marie-Louise Paris fundou unha escola de enxeñaría para mulleres (École Polytechnique Feminine).[34]

A primeira muller en obter un grao de enxeñaría civil en México foi Concepción Mendizábal Mendoza en 1930.[35] Carmen Schwarze converteuse en 1944 na primeira enxeñeira de minas en Chile e en Latinoamérica.[36] En España, Pilar Careaga foi a primeira muller en obter o título de enxeñaría industrial en 1929. En 1935 Angeles Serra Carré converteuse na primeira muller perito agrícola na Universidade Politécnica de Madrid e Isabel Torán Carré obtivo o título de enxeñeira agrícola en 1939.[37] Consuelo Carré foi posiblemente a primeira muller axudante de Obras Públicas de España.[38] Luisa Marcos Raña obtivo con número 1 a cátedra de "Física, Química e Termotecnia" na Escola de Peritos Industriais de Cádiz. En 1949 Isabel Portugal Trabal obtivo o título de enxeñeira industrial e co tempo converteuse na primeira doutora en Enxeñaría Industrial en España.[39][40]

Segunda Guerra Mundial: programas de enxeñería para mulleres[editar | editar a fonte]

A entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial creou unha seria escaseza de talento en enxeñaría, xa que os homes foron recrutados nas forzas armadas ao mesmo tempo que a industria aumentou a produción de armamentos, acoirazados e avións. A Oficina de Educación dos Estados Unidos iniciou unha serie de cursos de ciencia e enxeñaría que estaban abertos a mulleres e homes.

Os programas privados para mulleres incluían formación en enxeñaría no traballo para mulleres con títulos en matemáticas e física, a compañía fabricante de avións Curtiss-Wright tiña o programa Cadettes Curtiss-Wright.[4][41][42] A compañía asociouse con Cornell, Penn State, Purdue, a Universidade de Minnesota, a Universidade de Texas, RPI, e a Universidade Estatal de Iowa para crear un plan de estudos de enxeñaría que eventualmente inscribiu a máis de 600 mulleres. O curso durou dez meses e centrouse principalmente no deseño e a produción de aeronaves.[41]

A través dun programa acelerado provocado pola guerra, Lois Graham (1925-2013) graduouse no Instituto Politécnico Rensselaer en 1946 e foi a primeira muller nos Estados Unidos en recibir un doutoramento en enxeñaría mecánica do Instituto de Tecnoloxía de Illinois.[43]

A era da posguerra[editar | editar a fonte]

En 1943, o Exército dos Estados Unidos autorizou un proxecto secreto na Escola Moore de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Pensilvania para desenvolver unha computadora electrónica para computar as táboas de disparo de artillaría para o Laboratorio de Investigación Balística do Exército. O proxecto, que chegou a coñecerse como ENIAC, ou Integrador Numérico Electrónico e Computadora, completouse en 1946..

Antes do desenvolvemento do ENIAC, o exército dos Estados Unidos empregara mulleres adestradas en matemáticas para calcular as traxectorias da artillaría, ao principio utilizando calculadoras mecánicas de mesa e máis tarde o analizador diferencial desenvolvido por Vannevar Bush, na Escola Moore. En 1945, unha destas "computadoras", Kathleen McNulty (1921-2006), foi seleccionada para ser unha das programadoras orixinais da ENIAC, xunto con Frances Spence (1922- ), Betty Holberton (1917-2001), Marlyn Wescoff, Ruth Lichterman (1924-1986), e Betty Jean Jennings (1924-2011). McNulty, Holberton e Jennings traballarían máis tarde no UNIVAC, a primeira computadora comercial desenvolvida pola Remington Rand Corporation a principios dos anos 50.

En 1946, Hattie Scott Peterson obtivo un título en enxeñaría civil, crese que foi a primeira muller afroamericana en facelo.[44] En 1949 Constance Tipper converteuse na única muller membro a tempo completo do Departamento de Enxeñaría da Universidade de Cambridge.[45] En 1950 Beatrice Alice Hicks foi a primeira presidenta da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras (SWE), que naceu co obxectivo de fomentar o incremento da presenza feminina no ámbito das enxeñarías.[46] En 1952 Gertrude Rand converteuse na primeira muller membro da Illuminating Engineering Society (IES).[47]

Resistencia á coeducación nas escolas de enxeñaría, 1950–1970[editar | editar a fonte]

A Guerra Fría e a carreira espacial entre os Estados Unidos e a Unión Soviética crearon unha demanda adicional de talento capacitado en enxeñaría nos anos 50 e 60. Moitas escolas de enxeñaría nos Estados Unidos que anteriormente só admitían estudantes homes comezaron a adoptar tentativamente a coeducación. Despois de 116 anos como unha institución exclusivamente masculina, RPI comezou a admitir un pequeno número de estudantes femininas na década de 1940. Georgia Tech comezou a admitir mulleres estudantes de enxeñaría en 1952, pero só en programas non dispoñibles noutras universidades estatais. En 1968 as mulleres foron admitidas en todos os cursos ofrecidos por Georgia Tech.[48][49]

En 1957 Mary Fergusson, foi a primeira muller británica integrante da Institución de Enxeñeiros Civís.[50]

En 1961 Irmgard Flügge-Lotz converteuse na primeira profesora de enxeñaría a tempo completo na escola de Enxeñaría da Universidade de Stanford. Tamén foi a primeira muller membro do Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica, e en 1971 foi a primeira muller en ser seleccionada para dar a prestixiosa conferencia Von Karman.[46]

O Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) graduou á súa primeira alumna, Ellen Swallow Richards (1842-1911) en 1873; máis tarde converteuse en instrutora do MIT. Con todo, ata a década de 1960, o MIT inscribiu a poucas mulleres estudantes de enxeñaría, debido en parte á falta de aloxamento para as mulleres estudantes. Tras a finalización do primeiro dormitorio para mulleres no campus, McCormick Hall, en 1964, o número de mulleres matriculadas aumentou enormemente. Influenciadas en parte polo movemento da segunda onda de feminismo de finais dos anos sesenta e setenta, as profesoras do MIT, entre elas Mildred Dresselhaus e Sheila Widnall, comezaron a promover activamente a causa da educación das mulleres en enxeñaría.[51]

A École Polytechnique en París empezou a admitir mulleres estudantes en 1972.

Na NASA traballaron enxeñeiras e científicas como Margaret Hamilton, Katherine Jhonson, Dorothy Vaughan.[52] Hamilton, a directora da División de Enxeñaría de Software do Laboratorio de Instrumentación do MIT nese momento, é famosa polo seu traballo na escritura do código de guía a bordo para a misión Apollo 11.[53] Katherine Jhonson calculou a traxectoria para o Proxecto Mercury e o voo do Apollo 11 e Frances Northcutt tamén tivo un importante papel no rescate da misión Apollo 13.[54]

En España neste período obterían os títulos de enxeñeiras: María Luisa Pérez-Soba y Baró, primeira enxeñeira agrónoma galega, Julia Dorado, Rafaela Dorado e Esperanza Galván, as primeiras enxeñeiras técnicas de minas de España (1968),[55] Carmen de Andrés primeira muller titulada en enxeñaría de camiños, canles e portos (1973) María Jesús Bobo de La Peña en enxeñaría naval (1976), María Jesús Miguel de Michelena en enxeñaría de montes (1969), Dolores Norte Gómez, en enxeñaría de minas (1974) e Isaura Clavero Paradiñeiro en enxeñaría aeronáutica (1973).[37][56] En 1975 Alicia Crespí González gañou a cátedra de Electrotecnia na Escola de Arquitectura de Madrid, converténdose na primeira catedrática dunha Escola Técnica Superior en España.[37] En Galicia Carmen Tuñón Álvarez foi a primeira muller titulada en Enxeñería Técnica Naval e María Luisa Menéndez Miramontes, da promoción de 1978 foi a primeira muller en colexiarse como enxeñeira de Camiños.[57] As primeiras colexiadas no Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de A Coruña foron Ángela González Garrido en 1965 e Isabel Clara García García en 1972.[58] Durante o curso 1975-1976 tan só o 5% das persoas que cursaban unha enxeñería en España eran mulleres.[59]

Anos 1980–1990[editar | editar a fonte]

A medida que se abriron máis programas de enxeñaría para as mulleres, o número de mulleres inscritas nos programas de enxeñaría aumentou drasticamente. O número de títulos en enxeñaría outorgados a mulleres na EE.UU. aumentou nun 45 por cento entre 1980 e 1994. Con todo, durante o período de 1984 a 1994, o número de mulleres que se graduaron cun título en ciencias da computación diminuíu nun 23 por cento (do 37 por cento dos graduados en 1984 ao 28 por cento en 1994). Este fenómeno coñeceuse como "shrinking pipeline o leaky pipeline" ("A tubaxe que pinga") e foi analizado en distintas investigacións.[60][61]

En España no curso 1998-99, observouse un incremento no interese por temas técnicos e as mulleres acadaron o 25% das matrículas no campo de enxeñaría e arquitectura.

Século XXI[editar | editar a fonte]

Segundo os datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional no curso 2017-18, hai unha baixa presenza feminina nas áreas científico-tecnolóxicas en todos os niveis. Na universidade hai poucas mulleres matriculadas en carreiras relacionadas coa enxeñaría, industria e construción (28,5 %) ou en Informática (12,9 %), e moitas en Educación (77,7 %) ou Saúde e Servizos Sociais (71,4 %).[62]

Algunhas das enxeñeiras españolas máis coñecidas son: a lucense Isabel Pardo de Vera, presidenta de ADIF, a viguesa Carmela Troncoso, elixida entre as 40 personalidades menores de 40 anos máis relevantes no eido da Tecnoloxía pola revista Fortune,[63] a enxeñeira informática Alicia Asín Pérez, unha das premiadas como Mujeres Innovadoras de Europa 2018, a enxeñeira de camiños Sara Collado Hernández mellor muller enxeñeira nos premios WICE 2018, Estefanía Matasanz primeira muller elixida como decana do Colexio Oficial de Enxeñeiros Aeronáuticos de España (COIAE) e Elena Moral, a enxeñeira de Talgo Premio WICE 2019 á Muller Enxeñeira Ferroviaria Europea. Tamén Ana Rodes, quen desenvolveu un tecido capaz de producir electricidade aproveitando a radiación solar.[64]

En Galicia a primeira muller en dirixir unha escola de enxeñería foi Edita de Lorenzo, quen en 2009 foi nomeada directora da Escola de Telecomunicacións de Vigo.[65] Carmen García Mateo, profesora da devandita escola recibiu en setembro de 2014 o Premio María Josefa Wonenburger Planells. En 2020 Julia González Álvarez foi elixida directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago.[66] Irene Souto Blázquez ,enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, foi elixida unha das Top 100 Mujeres Líderes de España.[67]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Salim Al-Hassani. "Women's Contribution to Classical Islamic Civilisation: Science, Medicine and Politics". Retrieved January 5, 2019.
  2. "Women's History Month: Take Our Quiz". All Together (en inglés). 2019-03-08. Consultado o 2020-04-12. 
  3. Clarín.com. "6 de junio Día de la Ingeniería: la historia de la primera especialista latinoamericana". www.clarin.com (en castelán). Consultado o 2020-06-24. 
  4. 4,0 4,1 Grandt Jr., A. F. (2019). One Small Step : the History of Aerospace Engineering at Purdue University. Purdue University Press. ISBN 978-1-55753-913-7. OCLC 1111508070. 
  5. "Frequently Asked Questions". NAE Website. Consultado o 2020-04-12. 
  6. "Tabitha Babbitt, inventora". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-12-09. Consultado o 2020-05-01. 
  7. Rendell, Mike (2012-09-05). "Sarah Guppy, Eclectic English Inventor". Amazing Women In History (en inglés). Consultado o 2020-05-01. 
  8. Stanley, Autumn, Mothers and Daughters of Invention: Notes for a Revised History of Invention (Metuchen, NJ and London: Scarecrow Press, 1993).
  9. Raquel Barcos Reyero y Eulalia Pérez Sedeño. "Mujeres inventoras. CSIC". Secundando la igualdad. Consultado o 12-4-2020. 
  10. "[Women’s History Month] Meet Alice H. Parker, inventor of gas heating furnace". Face2Face Africa (en inglés). 2018-03-07. Consultado o 2021-04-24. 
  11. "Bertha Benz, pionera en automoción". Mujeres con ciencia (en castelán). 2019-08-16. Consultado o 2021-04-18. 
  12. "Pioneras en la automoción". RACE (en castelán). 2017-05-29. Consultado o 2021-04-18. 
  13. "Pioneras en la automoción". RACE (en castelán). 2017-05-29. Consultado o 2021-04-18. 
  14. Claramunt Vallespí, T. (2019). "Las Mujeres y la Ciencia: Inventos y patentes españolas con nombre de mujer" (PDF). Revista 100cias@ uned (12): 104–110. 
  15. "Margarita Salas, pasión por la biología molecular". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-02-20. Consultado o 2020-04-15. 
  16. "Sarah Bagley Avenges the New England Mill Girls". New England Historical Society (en inglés). 2014-04-19. Consultado o 2020-05-01. 
  17. "Fibiger, Mathilde Lucie". Nordic Women's Literature (en inglés). Consultado o 2020-05-01. 
  18. "No. 1107: Engineering Education". uh.edu. Consultado o 2020-04-12. 
  19. "Mary Engle Pennington, Ice Woman". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-04-12. Consultado o 2020-04-12. 
  20. "Hearst Castle Architect Julia Morgan" (en inglés). Consultado o 2020-05-01. 
  21. "26: Rita de morais sarmento". Magnificent Women (en inglés). Consultado o 2020-05-01. 
  22. "Agnes og Betzy - to pionerer". ida.dk (en dinamarqués). Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2019. Consultado o 2020-04-12. 
  23. "Benest, Cleone de Heveningham [pseud. C. Griff] (1880–1963), motorist, engineer, and metallurgist". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). doi:10.1093/odnb/9780198614128.001.0001/odnb-9780198614128-e-111238. Consultado o 2020-04-12. 
  24. "PERRY, ALICE JACQUELINE - Dictionary of Irish Architects". www.dia.ie. Consultado o 2020-04-12. 
  25. "Elisa Leonida Zamfirescu, la primera ingeniera de Europa". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-09-01. Consultado o 2020-04-12. 
  26. Virgili, Universitat Rovira i. "Lillian Moller | Dones i Ciències | Año de las Mujeres y las Ciencias | Observatorio de la Igualdad | Universidad responsable | Vida en el campus". Universitat Rovira i Virgili (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  27. Virgili, Universitat Rovira i. "Elsie Eaves". Universitat Rovira i Virgili (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  28. "Edith Clarke (1883-1959), una adelantada a su tiempo". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-11-22. Consultado o 2020-04-12. 
  29. Canel, Annie; Oldenziel, Ruth (2005-08-08). Crossing Boundaries, Building Bridges (en inglés). Routledge. ISBN 978-1-135-28681-1. 
  30. "Post Magazine". www2.theiet.org. Consultado o 2020-05-02. 
  31. "MAGNIFICENT WOMEN: Beatrice Shilling" (PDF). Women's Engineering Society. Consultado o 3-5-2020. 
  32. Hatch, Sybil E. (2006-01-01). Changing Our World: True Stories of Women Engineers (en inglés). ASCE Publications. ISBN 978-0-7844-0835-3. 
  33. Hatch, Sybil E. (2006). Changing our world : true stories of women engineers. Reston, Va.: American Society of Civil Engineers. ISBN 0-7844-0841-6. OCLC 62330858. 
  34. "Scientifiques françaises décédées notoirement connuesMathématiciennes, physiciennes, chimistes, biologistes, médecins, ingénieures" (PDF). femmes et sciences. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03-03-2016. Consultado o 23-5-2020. 
  35. "Concepción Mendizábal, la primera Ingeniera del país.". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2020. Consultado o 2020-04-12. 
  36. "Carmen SchwarzeTellería: Pionera de la minería". Revista Nueva Minería & Energía (en castelán). Consultado o 2020-06-24. 
  37. 37,0 37,1 37,2 "Las mujeres en la Universidad Politécnica de Madrid" (PDF). UPM. Consultado o 12-4-2020. 
  38. González de León, I. y Núñez Valdés, J. (2018). "Mujeres pioneras de la arquitectura española". Investigación y género. Reflexiones desde la investigación para avanzar en igualdad : VII Congreso Universitario Internacional Investigación y Género. Universidad de Sevilla. ISBN 978-84-948975-3-5.
  39. Barcelona, MARÍA JESÚS IBÁÑEZ / (2012-07-03). "Isabel de P. Trabal: "Nunca me importó mancharme las manos de grasa"". elperiodico (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  40. www-citupc. "Mujeres, ciencia y tecnología: una «carrera» de fondo…" (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  41. 41,0 41,1 Bix, Amy Sue, "'Engineeresses' Invade Campus: Four decades of debate over technical coeducation." IEEE Technology and Society Magazine, Vol. 19 Nr. 1 (Spring 2000), 21.
  42. "Iowa State University. Department of Military Science Curtiss-Wright Engineering Cadettes Program Records, RS 13/16/4, Archives of Women in Science and Engineering, Iowa State University Library". findingaids.lib.iastate.edu. Consultado o 2020-04-12. 
  43. "Rensselaer Polytechnic Institute (RPI) Alumni Hall of Fame". www.rpi.edu. Consultado o 2020-04-12. 
  44. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2016. Consultado o 08 de abril de 2020. 
  45. "Os Gender and Science Studiese as achegas das mulleres á ciencia e ás tecnoloxías" (PDF). Universidade de Vigo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14-02-2017. Consultado o 19-4-2020. 
  46. 46,0 46,1 "Mulleres nas bibliotecas da UDC" (PDF). Universidade da Coruña. Consultado o 19-4-2020. 
  47. Virgili, Universitat Rovira i. "Gertrude Rand". Universitat Rovira i Virgili (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  48. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2006. Consultado o 08 de abril de 2020. 
  49. "Georgia Institute of Technology :: News Room :: Georgia Tech Celebrates 50 Years of Women". web.archive.org. 2006-09-24. Consultado o 2020-04-12. 
  50. "Mary Fergusson, ingeniera civil". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-04-28. Consultado o 2020-04-19. 
  51. Bix, "'Engineeresses' Invade Campus," 25-6.
  52. Lorenzo, N.; Calvo, E. (2020-04-18). "Ellas nos llevaron a la Luna". Ciencia, Técnica y Mainstreaming Social (en castelán) 0 (4): 61–68. ISSN 2530-7924. doi:10.4995/citecma.2020.12764. 
  53. "Margaret Hamilton: “La primera ingeniera de software”". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-06-07. Consultado o 2020-04-12. 
  54. "Frances Northcutt Poppy (1943): Houston, yo salvé la misión Apolo 13". Mujeres con ciencia (en castelán). 2019-09-26. Consultado o 2020-04-17. 
  55. "Pioneras en estudios de ingeniería". Mujeres Ingeniosas (en castelán). Consultado o 2020-05-08. 
  56. "Mujeres Pioneras" (PDF). Fomento. Consultado o 12-4-2020. 
  57. "50 años Escuela Técnica Superior de Ingeniería de Caminos, Canales y Puertos de Valencia" (PDF). Consultado o 12-4-2020. 
  58. "COETICOR - Mujeres Ingenieras". coeticor (en castelán). Consultado o 2020-04-18. 
  59. "La mujer en la ingeniería" (en castelán). Consultado o 2020-05-09. 
  60. Camp, Tracy, "The Incredible Shrinking Pipeline", Communications of the ACM, Vol. 40 Nr. 10 (October 1997), 103–110.
  61. Camp, T., and Gurer, D., "Women in Computer Science: Where Have We Been and Where are We Going?" Proceedings, Women and Technology: Historical, Societal, and Professional Perspectives. IEEE International Symposium on Technology and Society, New Brunswick, NJ, July 1999, 242–3.
  62. "Igualdad en cifras MEFP 2020". Mujeres con ciencia (en castelán). 2020-04-03. Consultado o 2020-05-09. 
  63. Redacción (2020-09-03). "Carmela Troncoso, unha das científicas máis relevantes no eido da tecnoloxía". GCiencia. Consultado o 2020-09-05. 
  64. Martin, Mariló Garcia (2021-02-26). "La española que inventó los toldos que generan energía". EL PAÍS (en castelán). Consultado o 2021-03-21. 
  65. Pontevedra (2020-02-27). "Edita de Lorenzo: "No era consciente de ser la primera, pero sí me sentí muy observada"". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2020-04-17. 
  66. "Julia González Álvarez, nueva directora de la ETS de Enxeñaría". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-02-01. Consultado o 2020-04-18. 
  67. "El Top 100 Mujeres Líderes de España: las políticas, empresarias, investigadoras y periodistas más influyentes". El Español (en castelán). 2021-04-21. Consultado o 2021-04-23. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bix, Amy Sue. Girls Coming to Tech!: A History of American Engineering Education for Women (Prensa de MIT, 2014).