Historia da estética

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O nacemento de Venus, de Sandro Botticelli, exemplo arquetípico de beleza clásica.

A historia da estética é unha disciplina das ciencias sociais que estuda a evolución das ideas estéticas ó longo do tempo.[1] A estética é unha póla da filosofía que se encarga de estudar o xeito en que razoamento do ser humano interpreta os estímulos sensoriais que recibe do mundo circundante. Poderíase dicir, que así como a lóxica estuda o coñecemento racional, a estética é a ciencia que estuda o coñecemento sensible, o que adquirimos a través dos sentidos.[2] Entre os diversos obxectos de estudo da estética figuran a beleza ou os xuízos de gusto, así como os diversos xeitos de intepretalos por parte do ser humano. Polo tanto, a estética está intimamente ligada coa arte, analizando os diversos estilos e períodos artísticos segundo os diversos compoñentes estéticos que neles se atopan. A miúdo denomímase a estética como unha «filosofía da arte».[3]

O termo estética provén do grego αἴσθησις (aísthêsis), «sensación». Foi introducido polo filósofo alemán Alexander Gottlieb Baumgarten na súa obra Reflexións filosóficas sobre a poesía (1735), e máis tarde na súa Aesthetica (1750).[4] Desta forma, a Historia da estética propiamente dita comezaría con Baumgarten no século XVIII, sobre todo coa sistematización desta disciplina realizada por Immanuel Kant. Malia isto, o concepto é extrapolable ós estudos sobre o tema efectuados polos filósofos anteriores, especialmente dende a Grecia clásica. Cómpre sinalar, por exemplo, que os antigos gregos tiñan unha palabra equiparable ó actual concepto de estética, que era Φιλοκαλία (filocalía), «amor á beleza».[5] Poderíase dicir que en Grecia naceu a estética como concepto, mentres que con Baumgarten converteuse nunha ciencia filosófica.[6]

A estética é unha reflexión filosófica que se fai sobre obxectos artísticos e naturais, e que produce un «xuízo estético». A percepción sensorial, unha vez analizada pola intelixencia humana, produce ideas, que son abstraccións da mente, e que poden ser obxectivas ou subxectivas. As ideas provocan xuízos relacionando elementos sensoriais, e á súa vez, a relación de xuízos é raxonamento. O obxectivo da estética é analizar os razoamentos producidos por estas relacións de xuízos. As ideas evolucionan co tempo, adaptándose ás correntes culturais de cada época. Esta evolución será polo tanto o obxecto de estudo da Historia da estética.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tatarkiewicz 2000, pp. 11-12.
  2. Alexander Gottlieb Baumgarten definiu na súa obra Reflexións filosóficas sobre a poesía (1735) a estética como a «ciencia do coñecemento sensitivo», «unha ciencia que dirixe a facultade cognoscitiva inferior para o coñecemento sensible das cousas». (Bozal, 2000, p. 66.)
  3. Denominación introducida por Hegel, quen iniciou os estudos da estética aplicada á arte. Posteriormente, Max Dessoir cualificou a estética como a «ciencia xeral da arte» (allgemeine Kunstwissenschaft). (Souriau, 1998, p. 537.)
  4. Givone 2001, p. 14.
  5. A Contra os Académicos, Santo Agostiño propuxo un mito segundo o cal filosofía e filocalía eran irmás, que vivían no mundo das ideas; pero a filocalía, atraída pola luz, perdeu as ás e caeu á terra, quedando reducida á forma. (Tatarkiewicz, 2000, p. 59.) Máis adiante, no século XII, Joan de Salisbury propuxo un mito semellante, con tres irmás, filosofía, filoloxía e filocalía, fillas da «idea». (Tatarkiewicz, 2000, p. 218.)
  6. En realidade, a distinción entre estética e historia da arte é unha división contemporánea, xa que ós seus inicios a estética non se ocupaba da temporalidade da arte ou os xuízos de gusto, senón que estudaba as ideas estéticas dun xeito xeral e conceptual. (Souriau, 1998, p. 536.)
  7. Enrique Peláez Malagón. "Introducción a la historia de la estética". Consultado o 15 de maio de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]