Saltar ao contido

Hiroshi Yamauchi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHiroshi Yamauchi
Biografía
Nacemento7 de novembro de 1927 Editar o valor en Wikidata
Kyoto Editar o valor en Wikidata
Morte19 de setembro de 2013 Editar o valor en Wikidata (85 anos)
Kyoto Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepneumonía Editar o valor en Wikidata
Presidente Nintendo
25 de abril de 1949 – 24 de maio de 2002
 Sekiryo KanedaSatoru Iwata  Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade de Waseda Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónemprendedor Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm0945666 Musicbrainz: 13a0e3cb-53df-4a4b-9a30-af3149082a1f WikiTree: 山内-7 Find a Grave: 117325995 Editar o valor en Wikidata

Hiroshi Yamauchi (en xaponés: 山内溥), nado en Kyoto o 7 de novembro de 1927 e falecido na mesma cidade o 19 de setembro de 2013, foi un empresario xaponés, terceiro presidente de Nintendo dende o 25 de abril de 1949 até que renunciou o 24 de maio de 2002. É coñecido por converter a Nintendo, iñantes unha próspera empresa familiar de cartas hanafuda, na multimillonaria compañía de videoxogos recoñecida mundialmente que é arestora. Yamauchi foi sucedido por Satoru Iwata (2002-2015). Era o bisneto de Fusajirō Yamauchi, o primeiro presidente e fundador de Nintendo.

En abril de 2013, Forbes estimou o patrimonio neto de Yamauchi en 2100 millóns de dólares, e era a décimo terceira persoa máis rica do Xapón e a 491 máis rica do mundo.[1] En 2008, Yamauchi era a persoa máis rica do Xapón cunha fortuna estimada nese momento en $ 7,8 mil millóns de dólares.[2] No intre da súa morte, Yamauchi era o maior accionista de Nintendo.[3][4]

Yamauchi tamén foi o propietario maioritario do equipo de béisbol Seattle Mariners dende 1992 ata a súa morte,[5] aínda que nunca asistiu a un partido do club.[6]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Hiroshi Yamauchi naceu en Kyoto o 7 de novembro de 1927. Os seus pais foron Shikanojo Inaba e Kimi Yamauchi. Seu pai, Shikanojo, adoptara o apelido familiar Yamauchi, para nun futuro ser presidente da compañía Nintendo e continuar o negocio familiar. Porén, en 1933 abandonou á súa esposa e fillo.[6] Após este feito, Hiroshi críase cos seus avós, Sekiryo e Tei Yamauchi.[7]

En 1945, con só 18 anos, contraeu matrimonio con Michiko Inaba, un matrimonio concertado polo seu avó Sekiryo, deste matrimonio nacerán as súas fillas Yoko (1950) e Fujiko (1957) e o seu fillo Katsuhito (1957).

Carreira en Nintendo

[editar | editar a fonte]

Hiroshi Yamauchi chegou á presidencia de Nintendo o 25 de abril de 1949 após o falecemento do seu avó, Sekiryo Kaneda. Yamauchi era o único que xulgaba o potencial de cada produto. Se o produto era do seu agrado e o seu afinado instinto para os éxitos daba o visto e prace, o produto vía a luz no mercado. Co paso dos anos e algúns negocios marrados, como unha compañía de taxis e un hotel do amor, Yamauchi foi dirixindo o negocio cara os xoguetes electrónicos, e de aí, á incipiente industria do videoxogo.

En 1951, Yamauchi cambiou o nome da compañía tras 62 anos: Nintendo Playing Card Co. Ltd. (a tradución podería ser Naipes Nintendo, ou Xogos de Naipes Nintendo). Ao ano seguinte constrúese unha nova sede para a compañía, manténdose na cidade de Kyoto, ademais de fusionar todas as súas fábricas de cartas.

En 1953, Nintendo Playing Card convértese na primeira empresa en manufacturar e vender exitosamente barallas de cartas plastificadas. E en 1959, Yamauchi asina un acordo con Walt Disney para utilizar os seus personaxes nas barallas de cartas da compañía nipoa, abrindo así un novo mercado coas barallas infantís.

En 1963 Yamauchi volveu cambiar o nome da empresa, esta vez de maneira definitiva e como se coñece hoxe: Nintendo Co., Ltd., e a compañía cambiou de rumbo. Este cambio débese a que se pretendía abrir a empresa a novos tipos de produtos. O primeiro produto que fabricou Nintendo, diferente dos naipes, foron paquetes de arroz instantáneo, mais o negocio resultou ser un fracaso. Do mesmo xeito que un hotel do amor e unha empresa de taxis chamada Daiya. Malia que a empresa de taxis foi inicialmente un éxito, os traballadores esixiron aumentos de soldo e recortáronse os beneficios obrigando a Yamauchi a pechar o negocio.

En 1964 Yamauchi creou a división de Xogos dentro de Nintendo, adicada ao desenvolvemento de xogos e xoguetes. O primeiro produto que sae deste departamento é o Rabbit Coaster. En 1966, Yamauchi chegou á fábrica de Nintendo na que estaba a traballar un xove empregado chamado Gunpei Yokoi, e chegou a ver un xoguete inventado por el, unha especie de brazo extensíbel, que Yokoi fixera para entreterse nos seus ratos libres como home de mantemento. Yamauchi ordenou a Yokoi desenvolver o xoguete como produto orientado ás compras de Nadal; foi denominado Ultra Hand (en galego: Ultra Man) e resultou ser un gran éxito, vendéndose 1,2 millóns de unidades.[8]

En 1970, Yamauchi alcanzou un acordo con Sharp Corporation para usar a tecnoloxía de sensores de luz e créase a liña Kousenjuu, que consiste nunha pistola que emite luz e unha diana que reacciona perante esa luz emitida. Isto situou a Nintendo como a primeira compañía xaponesa en incluír compoñentes electrónicos nos xoguetes dos nenos. En 1973, Nintendo comprou varias salas de birlos abandonadas e converteunas en Laser Clay Shooting System. Serían locais nos que se usaría a tecnoloxía das pistolas de raios para disparar a paxaros feitos de luz. Este negocio tamén reportou grandes beneficios, até 1975, en que debido á escaseza de petróleo, Nintendo abandonou este negocio para adicarse á distribución, importando para Xapón a videoconsola americana Magnavox Odyssey.

En 1977, Nintendo creou a súa primeira videoconsola, a Color TV Game 6, e iniciou a súa andaina no mundo dos videoxogos. Xa en plena época de creación de videoxogos, Yamauchi decidiu expandir Nintendo fóra do Xapón, e o país elixido foi Estados Unidos, xa que comezaba a crecer o mercado arcade naquelas terras. Para iso, en 1980 Yamauchi mandou ao seu xenro, Minoru Arakawa, para dirixir as novas oficinas estadounidenses, chamadas Nintendo of America.[9] Alí lanzaron algúns dos arcades que triunfaban no Xapón, como Radar Scope ou Space Fever, pero non tiveron moito éxito. Yamauchi encargou entón a outro deseñador o traballo de crear un arcade de éxito. Aí empezaría a historia de Shigeru Miyamoto e o seu Donkey Kong (1981), ademais duns beneficiosos anos vindeiros para a empresa. Aínda baixo o mando de Yamauchi, durante a década dos 80 Nintendo lanzou as exitosas consolas NES e Game Boy, e esta última foi a consola que popularizou o videoxogo portátil.

A consola GameCube, lanzada en 2001, foi o derradeiro produto da era Yamauchi. Esta consola seguía as mesmas premisas que todas as anteriores: unha consola creada só para xogar a videoxogos. Naquel entón as consolas rivais comeran moito terreo a Nintendo, e a GameCube terminaría sendo a segunda consola menos vendida da empresa, culminando un descenso que xa duraba varios anos.

Despois de Nintendo

[editar | editar a fonte]

O 24 de maio de 2002, Yamauchi renunciou como presidente de Nintendo e designou como sucesor a Satoru Iwata.[6] Seguiu na compañía como presidente da xunta directiva ata o 29 de xuño de 2005,[10] momento en que decidiu retirarse por mor da súa avanzada idade e sabendo que deixara a empresa en boas mans. Tatsumi Kimishima, quen tamén sería presidente de Nintendo entre 2015 e 2018, substituíno entón. Yamauchi rexeitou a pensión que se lle ofrecía aos directivos por xubilarse, que se rumorea podería ser de entre 1000 e 1500 millóns de iens (entre 8 e 11 millóns de euros), dicindo que prefería que ese diñeiro fose reinvestido en Nintendo co obxectivo de asegurar o futuro da empresa.[11]

Entre 2007 e 2012, Hiroshi Yamauchi foi a persoa máis rica do Xapón, debido principalmente a que as súas accións en Nintendo multiplicáranse dende o lanzamento da Nintendo DS e a Wii. En 2008, Yamauchi chegou a ter unha fortuna persoal de 7800 millóns de dólares (máis de 5000 millóns de euros).[12]

Porén, tras o lanzamento das consolas Nintendo 3DS e Wii U, malia o éxito da primeira mencionada, a fortuna de Yamauchi diminuíu porque houbo unha baixada do valor das accións de Nintendo, mais seguiu sendo unha das persoas máis ricas do Xapón ata a súa morte.

Falecemento

[editar | editar a fonte]

O 19 de setembro de 2013, aos 85 anos, Yamauchi morreu nun hospital de Kyoto no Xapón, após complicacións de pneumonía.[13][14] Nintendo emitiu un comunicado afirmando que os membros do seu persoal estaban de loito pola perda do seu expresidente.

  1. "Hiroshi Yamauchi at Forbes.com". Marzo de 2012. Consultado o 2012-10-21.
  2. Nobuhiro Kubo; Edmund Klamann; Robert Birsel (2013-09-19). "Nintendo video game pioneer Hiroshi Yamauchi dies at 85". Reuters. Consultado o 2013-09-21. Yamauchi was listed by Forbes magazine as Japan's richest man just five years ago, when Nintendo was flying high with the launch of the Wii with its motion-sensing controller, although the company's fortunes have since faded as smartphones displace consoles among gamers. His net worth at that time was estimated at $7.8 billion.
  3. "Nintendo visionary Hiroshi Yamauchi dies aged 85". BBC. 2013-09-19. Consultado o 2013-09-19.
  4. "Status of Shares". Nintendo Co., Ltd. 31 de marzo de 2013. Consultado o 19 de setembro de 2013.
  5. Hiroshi Yamauchi, Mariners owner, dies at 85 (19 de setembro de 2013). www.mlb.com. Consultado o 4 de marzo de 2026.
  6. 1 2 3 Hiroshi Yamauchi: el hombre detrás de la Gran N (20-09-2013). Vandal.elespanol.com. Consultado o 4 de marzo de 2026.
  7. Pollack, Andrew (26 de agosto de 1996). "Seeking a Turnaround With Souped-Up Machines and a Few New Games". The New York Times. The New York Times Company. Consultado o 4 de marzo 2026.
  8. Sheff, David (1994). Game Over: How Nintendo Conquered the World. Vintage Books. ISBN 978-0-307-80074-9.
  9. La historia de Hiroshi Yamauchi. www.hobbyconsolas.com. Consultado o 3 de maio de 2026.
  10. Hiroshi Yamauchi, ex-presidente de Nintendo, fallece a la edad de 85 años. www.nintenderos.com.
  11. Yamauchi anuncia su retirada definitiva. As.com. Consultado o de 3 maio de 2026.
  12. La Wii convierte al ex presidente de Nintendo en el hombre más rico de Japón (08-05-2008). El Mundo. Consultado o 3 de maio de 2026.
  13. Muere responsable del éxito de Nintendo. www.noroeste.com.mx.
  14. Muere Hiroshi Yamauchi, el pionero de los juegos Nintendo. www.reuters.com.