Saltar ao contido

Hippomane mancinella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hippomane mancinella

Froito e follaxe
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae

Clado: Traqueófitas
Clado: Anxiospermas
Clado: Eudicots
Clado: Rósidas

Orde: Malpighiales
Familia: Euphorbiaceae
Xénero: Hippomane
Especie: Hippomane mancinella
Sinonimia[2]
  • Hippomane dioica Rottb.
  • Mancinella venenata Tussac.

Hippomane mancinella é unha especie de planta anxiosperma da familia das euforbiáceas. A súa distribución nativa é a zona tropical que vai do sur de América do Norte ata o norte de América do Sur.[3]

O epíteto do nome científico mancinella procede da palabra castelá manzanilla (que usada aquí como diminutivo, significa 'pequena mazá'), pola súa semellanza superficial das súas froitas coas das maceiras.[4] O nome do xénero significa en grego 'que volve tolos aos cabalos' e é aplicado por Teofrasto a unha planta non identificada (de hippos 'cabalo' e mania 'loucura').[5] É unha das árbores máis tóxicas do mundo: ten un zume branco leitoso que contén numerosas toxinas e pode causar ampolas. O zume está presente en todas as partes da árbore —casca, follas e froitos—.[4][6]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Hippomane mancinella crece ata os 15 m de altura. Ten unha casca gris avermellada, flores pequenas amarelas verdosas e follas verdes brillantes. As follas son simples, alternas, moi finamente serradas ou dentadas e de 5 a 10 cm de longo.[7]

Hippomane mancinella no MHNT.

Bota espigas de pequenas flores verdosas que dan lugar a uns froitos que se parecen a mazás, son redondeadas e verdes ou amarelas verdosas cando están maduras.[8] O froito é velenoso, igual que o resto da árbore.[7]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

É unha árbore nativa do Caribe, a Florida, Bahamas, México, América Central, e norte de América do Sur e tamén se encontra nas illas Galápagos.[9]

Pode encontrarse en praias da costa e en pantanos salobres, onde crecen entre os mangleiros. Proporciona un excelente abrigo contra o vento e as súas raíces estabilizan a area, reducindo así a erosión costeira.[6]

Conservación

[editar | editar a fonte]

Está dentro da lista de especies en perigo na Florida.[10]

Toxicidade

[editar | editar a fonte]
Debuxo dun estudo botánico titulado "A árbore manzanilla tomado en Bocca chica para mostrar / aos homes que non se podería cortar nin durmir preto del, cravouse un arco sobre cada tenda de sarxento, para facer que os soldados / o coñecesen e o evitasen... F.M: J.G: (?) 12 de marzo de 1741"; unha referencia á flota de invasión do vicealmirante Edward Vernon, antes da súa derrota na batalla de Cartaxena de Indias

Todas as partes da árbore conteñen fortes toxinas.[11] Estas árbores conteñen 12-desoxi-5-hidroxiforbol-6-gamma-7-alfa-óxido, furocoumarinas, sapoxeninas, hippomaninas, mancinelina e outros ésteres de forbol, aos que se debe a toxicidade da árbore.[12]

O seu zume branco leitoso (látex) produce unha forte dermatite alérxica de contacto.[13] Permanecer baixo esta árbore durante a chuvia causa a formación de ampolas na pel polo simple contacto con líquido que a chuvia arrastra: mesmo unha pequena pinga de chuvia que conteña o zume causa vinchas na pel. Queimar a árbore pode causar lesións oculares se o fume chega aos ollos.[14] O contacto co seu látex produce dermatite bullosa, queratoconxuntivite aguda e posiblemente grandes danos no epitelio corneal.[15]

Aínda que o froito é potencialmente mortal se se come, non se informaron de casos na literatura moderna.[16] A inxestión pode producir unha grave gastroenterite con hemorraxia, choque e superinfección bacteriana, así como posible obstrución das vías aéreas debido a un edema.[17]

Cando se inxire, o froito describiuse como "agradablemente doce" ao principio, cunha posterior "sensación a pementa estraña ... que gradualmente progresa a queimura, sensación de lagrimeo e rixidez da gorxa." Os síntomas continúan empeorando ata que o paciente "apenas pode tragar comida sólida debido á tremenda dor e á sensación dun enorme inchazo que obstrúe a farinxe."[4]

Nalgunhas partes da súa área de distribución colócanse en moitas destas árbores carteis de advertencia; por exemplo na illa de Curaçao; mentres que noutros casos se marca cun "X" vermello no tronco para indicar perigo. Nas Antillas francesas as árbores márcanse a miúdo cunha banda vermella pintada a 1 metro de altura.[18]

Aínda que a planta é tóxica para moitas aves e outros animais, a iguana Ctenosaura similis pode comer o froito e mesmo vivir entre as pólas da árbore.[11]

Os pobos arawak e taíno utilizaban unha cataplasma de Maranta arundinacea como antídoto contra os seus velenos.[19] Os caribes envelenaban as fontes de auga dos seus inimigos coas follas desta árbore.[14] O explorador español Juan Ponce de León morreu pouco despois de sufrir unha ferida nunha batalla contra os calusa na Florida, ao ser alcanzado por unha frecha envelenada con esta planta.[20]

Malia os perigos inherentes asociados co seu manexo, esta árbore foi utilizada como fonte de madeira para construír mobles polos carpinteiros do Caribe durante séculos. Para iso, debe cortarse e deixarse ao sol para que seque o látex.[6] Para evitar o perigoso contacto coas partes velenosas, a árbore debe queimarse na base para botalo abaixo.[21]

Árbore cun sinal de perigo.

No cuarto [día], enviouse unha partida de homes a cortar madeira, xa que a illa aparentemente estaba ben provista dese artigo; entre outras árbores desafortunadamente cortaron varios manchineel [H. mancinella], cuxo zume entrou nos seus ollos, deixándoos cegos por varios días.[22] Non hai rexistro de que a madeira fose queimada. [23]

  • Alexandre Exquemelin escribiu en The Buccaneers of America sobre a súa experiencia coa "árbore chamada mancanilla, ou árbore das mazás ananas" cando estaba na illa de A Española:

Un día estando enormente atormentado polos mosquitos ou cínifes, e sendo aínda descoñecedor da natureza desta árbore, corteille unha póla para que me servise a modo de abano, pero toda a miña face inchou o día seguinte e encheuse de vinchas, como se estivese quiemada en tal grao que estiven cego por tres días.[24]

  • Nicholas Cresswell, na entrada do seu diario do venres 16 de setembro de 1774, menciona o seguinte:

A mazá mangeneel ten un olor e aparencia dunha mazá inglesa, pero é pequena, crece en árbores grandes, xeralmente ao longo da costa. Son totalmente velenosos. Dixéronme que unha mazá é dabondo para matar 20 persoas. Este veleno é dunha natureza tan maligna que unha soa pinga de chuvia ou resío que cae pola árbore ata a túa pel producirá inmediatamente unha vincha. Nin o froito nin a madeira teñen ningún uso que eu coñeza.[25]

[editar | editar a fonte]

O Libro Guinness dos Récords considéraa a árbore máis velenosa do mundo.[26] Tamén forma parte da trama de diversos libros,[27][28] películas[29] e series de televisión e mesmo dunha ópera (L'Africaine (1865) de Giacomo Meyerbeer, na que a heroína Sélika morre inhalando o perfume das flores desta árbore).[30]

  1. Botanic Gardens Conservation International (BGCI). "Hippomane mancinella". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  2. "Hippomane mancinella L." Plants of the World Online. Royal Botanic Gardens, Kew. Consultado o 2025-04-26.
  3. Nosowitz, Dan (2016-05-19). "Do Not Eat, Touch, or Even Inhale the Air Around the Manchineel Tree". Atlas Obscura. Arquivado dende o orixinal o 2020-09-22. Consultado o 2020-09-16.
  4. 1 2 3 Strickland, Nicola. H. (12 de agosto de 2000). "My most unfortunate experience: Eating a manchineel 'beach apple'". British Medical Journal 321 (7258): 428. ISSN 0959-8138. PMC 1127797. PMID 10938053. doi:10.1136/bmj.321.7258.428.
  5. Quattrocchi, Umberto (2012). CRC World dictionary of medicinal and poisonous plants: common names, scientific names, eponyms, synonyms and etymology. CRC Press Taylor and Francis Group. ISBN 978-1-4398-9445-3 Volume III E-L pps. 484-5.
  6. 1 2 3 Dean, Signe. "The horrifying experience a radiologist had after eating fruit from the 'tree of death'". Business Insider (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2021-08-24. Consultado o 2024-03-06.
  7. 1 2 "The Manchineel, or 'Death Apple,' Is the World's Most Dangerous Tree". HowStuffWorks (en inglés). 2020-05-19. Arquivado dende o orixinal o 2020-09-16. Consultado o 2020-09-16.
  8. "Insights into the Interaction between the Monophagous Tephritid Fly Anastrepha acris and its Highly Toxic Host Hippomane mancinella (Euphorbiaceae)". Springer Nature Link. 5 de marzo de 2020. Consultado o 3 de abril de 2026.
  9. "Hippomane mancinella". Germplasm Resources Information Network (GRIN). Agricultural Research Service (ARS), Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA). Consultado o 2009-01-27.
  10. "Hippomane mancinella". Atlas of Florida Vascular Plants. Plantatlas.org. Arquivado dende o orixinal o 2011-07-20. Consultado o 2009-01-23.
  11. 1 2 Friedman, Michael G. Andreu and Melissa H. (24 de novembro de 2015). "Hippomane mancinella, Manchineel". Edis (School of Forest Resources and Conservation, Institute of Food and Agricultural Sciences, University of Florida) 2012 (10). doi:10.32473/edis-fr370-2012.
  12. "Hippomane mancinella". Dr. Duke's Phytochemical and Ethnobotanical Databases. United States Department of Agriculture. Arquivado dende o orixinal o 2004-11-10. Consultado o 27 de xaneiro de 2009.
  13. Nellis, David W. (1997). Poisonous Plants and Animals of Florida and the Caribbean. Pineapple Press Inc. p. 173. ISBN 978-1-56164-111-6. Arquivado dende o orixinal o 2019-03-31. Consultado o 2016-10-16.
  14. 1 2 Janiskee, Bob (24 de abril de 2009). "National Park Mystery Plant 2: There's Good Reason They Call This Thing "the Death Apple"". Nationalparkstraveler.com. National Park Advocates LLC. Arquivado dende o orixinal o 2016-04-06. Consultado o 2015-11-29.
  15. Pitts, J F; Barker, N H; Gibbons, D C; Jay, J L (1 de maio de 1993). "Manchineel keratoconjunctivitis". British Journal of Ophthalmology 77 (5): 284–288. PMC 504506. PMID 8318464. doi:10.1136/bjo.77.5.284.
  16. Bygbjerg, I.C.; Johansen, H.K. (1991). "Manchineel poisoning complicated by streptococcal pharyngitis and impetigo". Ugeskr. Laeger 154 (1): 27–28. PMID 1781062.
  17. Frohne, Dietrich; Alford, Hans Jürgen Pfänder (2005). Poisonous plants: a handbook for doctors, pharmacists, toxicologists, biologists, and veterinarians. Traducido por Inge (2ª ed.). Portland: Timber Press. ISBN 0-88192-750-3.[cómpre nº de páxina]
  18. Planet, Lonely. "Directory". Lonely Planet (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2020-09-17. Consultado o 2020-09-16.
  19. Jones, David E (2007). Poison Arrows: North American Indian Hunting and Warfare. University of Texas Press. p. 29. ISBN 978-0-292-71428-1. Arquivado dende o orixinal o 2013-06-22. Consultado o 2009-01-23.
  20. Grunwald, Michael (2007). "Chapter 2: The Intruders". The Swamp. Simon & Schuster. p. 25. ISBN 978-0-7432-5107-5. Arquivado dende o orixinal o 2019-03-31. Consultado o 2016-10-16.
  21. "Do Not Eat, Touch, Or Even Inhale the Air Around the Manchineel Tree - Atlas Obscura". 19 May 2016. Arquivado dende o orixinal o 3 July 2021. Consultado o 3 de novembro de 2021.
  22. An Authentic Narrative of a Voyage Performed by Captain Cook and Captain Clerke, in His Majesty's Ships Resolution and Discovery, During Years 1776, 1777, 1778, 1779, and 1780: In Search of a Northwest Passage Between the Continents of Asia and America, Including a Faithful Account of All Their Discoveries, and the Unfortunate Death of Captain Cook. G. Robinson, J. Sewell and J. Debrett. 1783. p. 60. Arquivado dende o orixinal o 2015-03-31. Consultado o 2016-11-27.
  23. Stewart, Amy (2009). Wicked Plants: The Weed That Killed Lincoln's Mother and Other Botanical Atrocities. Algonquin Books.
  24. The Buccaneers of America; Part I, Chapter IV
  25. Cresswell, Nicholas (2007). The Journal of Nicholas Cresswell: 1774–1777. Applewood Books. ISBN 978-1-4290-0586-9. Arquivado dende o orixinal o 2022-02-21. Consultado o 2017-09-04.
  26. "Most dangerous tree". Guinness World Records. Arquivado dende o orixinal o 2015-12-04. Consultado o 2015-11-29.
  27. Allen, Grant (1887). The Beckoning Hand, and Other Stories. Auckland: The Floating Press.
  28. Allen, Grant (1887). "The Beckoning Hand". Transcrito na páxina web do Project Gutenberg. Consultado o 14-08-2019 de https://www.gutenberg.org/files/38531/38531-h/38531-h.htm#THE_BECKONING_HAND Arquivado 2018-07-24 en Wayback Machine..
  29. White, Susan (2014). "Chapter 14: Nicholas Ray's wilderness films: word, law, and landscape". En Rybin, Steven; Scheibel, Will. Lonely places, dangerous ground: Nicholas Ray in American cinema. Albany New York: State University of New York (SUNY) Press. p. 173. ISBN 978-1-4384-4981-4. Arquivado dende o orixinal o 2022-02-21. Consultado o 2020-10-07.
  30. "Gallica: L'africaine: opéra en 5 actes / par Eugène Scribe; musique de Meyerbeer. 1924". Bibliothèque nationale de France. Arquivado dende o orixinal o 2016-10-01. Consultado o 2016-06-19.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]