Folosa icterina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hippolais icterina»)

A folosa icterina[2] ou fulepa icterina[3] (Hippolais icterina) é un paseriforme arborícola do xénero Hippolais. Reprodúcese na zona continental europea excepto no suroeste, onde é substituído pola especie máis occidental, folosa amarela (Hippolais polyglotta). En Galicia é unha ave accidental rara.[3] É unha ave migratoria, que pasa o inverno na África subsahariana.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un paxaro cantor relativamente grande cunha cabeza grande, bico con base ancha e ás longas cunha cola bastante curta e de extremos cadrados. A parte superior é verde griseira e a inferior uniformemente amarela clara. Ten loros claros e un difuminado superciliar amarelo cun anel claro arredor do ollo. Outras características distintivas inclúen un panel sobre as ás dobradas formado polas beiras claras das plumas secundarias e terciarias e unhas patas grises ou ás veces azuladas.[4]

Hábitat[editar | editar a fonte]

É unha ave principalmente de bosques pouco densos, e gusta das beiras do bosque ou dos claros, preferindo as copas de árbores ben espazados con sotobosque alto. Prefire árbores de folla caduca ancha, pero pode encontrarse en zonas de coníferas mesturadas con árbores caducas. Usa arboredos, hortos de árbores froiteiros, parques, xardíns, cortaventos e setos altos entre árbores.[5]

Voz[editar | editar a fonte]

A súa canción é un parloteo nasal rápido que incorpora imitacións doutras especies. A chamada descríbese como un tec ou tec, tec, tec.[4]

Hippolais icterina.
Ovos da folosa icterina no Museo de Historia Natural de Tolosa (MHNT)

Distribución e movementos[editar | editar a fonte]

É a especie de Hippolais con distribución máis ampla e que chega máis ao norte, e a súa área de reprodución esténdese desde o norte de Francia e Noruega seguindo a través da maior parte do norte e leste de Europa, cara ao sur ata o norte das montañas da parte norte dos Balcáns e Crimea e cara ao leste nunha estreita banda ata o río Obi.[5] En Galicia é unha ave accidental rara e reproduciuse recentemente en Escocia, pero normalmente é un migrante de paso en Gran Bretaña e Irlanda[6]

É unha especie migratoria e toda a poboación inverna na África subsahariana, principalmente ao sur do ecuador. Empeza a súa migración cara ao sur desde finais de xullo, chegando ao máximo a inicios de agosto e retornando ás zonas reprodutoras a finais de maio.[5]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

É principalmente insectívoro, pero pode alimentarse de froita a finais do verán. Busca comida entre a follaxe capturando insectos nas follas ou voando. En xeral é máis torpe que os máis pequenos pero superficialmente similares Phylloscopus. É bastante solitario e é territorial tanto nos terreos de reprodución coma nos de invernada. Pon de 4 a 6 ovos nun niño feito nunha árbore ou arbusto.[5]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome do xénero Hippolais procede do grego antigo hupolais, unha palabra mal ortografada por Carl Linnaeus, que era unha denominación que mencionaba Aristóteles e outros e pode ser onomatopeica ou derivada de hupo,'debaixo' e laas, 'pedra'. Tamén se ten usado a ortografía Hipolais. O nome específico icterina vén do grego e significa "amarelo de ictericia". Icterus era unha antiga palabra que significaba ictericia, e tamén se refería a aves verde amareladas, como quizais o vichelocrego, cuxo avistamento se cría que curaba esa doenza.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Hippolais icterina". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 Svensson, Lars; Mullarney, Killian; Zetterstrom, Dab (2009). Collins Bird Guide (2nd ed.). HarperCollins. pp. 324–325. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Snow, D.W.; Perrins, C.M. (1998). The Birds of the Western Palearctic Concise Edition Volume 2 Passerines. Oxford University Press. pp. 12842–1284. ISBN 0 19 850188 9. 
  6. "BTO Atlas work produces Icky results". Birdguides. Consultado o 16 October 2016. 
  7. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 192, 201. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  8. "Icterus". Oxford English Dictionary (3rd ed.). Oxford University Press. September 2005.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]