Hippoglossus stenolepis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hippoglossus stenolepis
Fletán do Pacífico,
hipogloso do Pacífico
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
ou Hippoglossinae,
segundo os autores
Xénero: Hippoglossus
Especie: H. stenolepis
Nome binomial
Hippoglossus stenolepis
Schmidt, 1904
Sinonimia
  • Hippoglossus hippoglossus camtchaticus
    Rendahl, 1931
O fletán do Pacífico é un dos maiores peixes planos.

O fletán do Pacífico ou halibut do Pacífico,[1] Hippoglossus stenolepis Schmidt, 1904),[2] é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes e familia dos pleuronéctidos, unha das dúas que integran o xénero Hippoglossus.[3]

É un dos maiores peixes planos, propia do Pacífico norte, onde constitúe unha grande importancia pesqueira.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1904 polo científico ruso Piotr Iúlievich Schmidt, que propuxo para ela o nome científico Hippoglossus stenolepis baseándose en diferenzas anatómicas como a forma das escamas, a lonxitude da aleta pectoral e a forma do corpo, características que o distinguen do hipogloso do Atlántico (Hippoglossus hippoglossus). O nome específico, stenoilepis, derivouno dos termos do grego antigo στενός stenós, "estreito", e λεπίσ lepís, "escama".[4]

Características[editar | editar a fonte]

O hipogloso do Pacífico ten o corpo en forma romboidal.

É proporcionalmente máis alongado que a maioría dos peixes planos; a súa anchura é aproximadamente un terzo da lonxitude.

A liña lateral describe un arco sobre a aleta pectoral.

A punta da aleta caudal ten foma de media lúa, o que diferencia esta especie doutros pleuronectiformes.[5]

Cara pigmentada.
Cara cega.

As súas pequenas escamas están incrustadas na pel.

Ten ambos os ollos na cara pigmentada ou superior.

A cor do lado pigmentado é variábel, pero tende a imitar a ooloración do fondo oceánico onde repousa.

A cara inferior é abrancazada.

Esta adaptación da cor permite ao fletán do Pacífico evitar a súa detección por presas e depredadores.

É un dos peixes planos máis grandes, tan só superado polo hipogloso do Atlántico, co que está estreitamente emparentado. Pode chegar a medir máis de 2,4 m de lonxitude e a pesar até os 230 kg.[6]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Área de distribución de H. stenolepis.

O hipogloso do Pacífico é un peixe mariño, demersal, oceanódromo, que vive no fondo ou preto del, e prefire as augas con temperaturas que oscilan entre os 3 e os 8 °C.

O hipogloso do Pacífico encóntrase na plataforma continental do océano Pacífico norte e do mar de Bering.

A súa pesca concéntrase principalmente no golfo de Alasca e no mar de Bering, na costa oeste do Canadá. As capturas de exemplares pequenos fanse nas costas dos estados de Washington, Oregón e California (Estados Unidos).[7]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Magníficos nadador, é capaz de migrar a grandes distancias. Espécimes de todas as idades e tamaños realizan periódicas migracións dextroxiras (do noroeste ao sueste), desde as súas áreas de reprodución (parte occidental do golfo de Alasca e mar de Bering), pero tamén realizan migracións estacionais regulares desde zonas de alimentación de augas máis superficiais en verán, ás augas máis profundas das zonas de desova en inverno. De novembro a marzo, os hippoglosos do Pacífico maduros concéntranse para a desova no bordo da plataforma continental, a profundidades de entre 183 e 457 m.[7]

Nutrición

Sendo como son bos nadadores, son capaces de comer unha gran variedade de peixes, como bacallaus, rodaballos, abadexos, e algúns invertebrados, como polbos, luras e camaróns e outros crustáceos. Ás veces, deixan o fondo oceánico para alimentarese de peixes peláxicos, tales como salmóns, arenques e outros, dos que se encontraron restos nos seus estómagos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 82.
  2. Hippoglossus stenolepis Schmidt, 1904 no WoRMS.
  3. Hippoglossus Cuvier, 1816 no WoRMS.
  4. Hippoglossus stenolepis Schmidt, 1904 en FishBase.
  5. Schultz, Ken, 1950- (2010). Ken Schultz's Essentials of fishing : the only guide you need to catch freshwater and saltwater fish. Hoboken, N.J.: John Wiley & Sons. ISBN 978-0-470-44431-3. OCLC 460062372. 
  6. Paific Halibut en FishWatch (en inglés).
  7. 7,0 7,1 "International Pacific Halibut Commission." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xuño de 2015. Consultado o 21 de maio de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]