Hippoglossoides elassodon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hippoglossoides elassodon
Platuxa xaponesa
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
ou Hippoglossoidinae, segundo os autores
Xénero: Hippoglossoides
Especie: H. elassodon
Nome binomial
Hippoglossoides elassodon
Jordan & Gilbert, 1880 [1]

Hippoglossoides elassodon, coñecido en galego como platuxa xaponesa,[2] é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das catro recoñecidas actualmente no xénero Hippoglossoides.[3]

Visión xeral[editar | editar a fonte]

Trátase dun peixe demersal de importancia comercial, que se captura ao longo das costas do Pacífico norte, desde os mares de Okhotsk e do Xapón e, a través do mar de Bering, até as de Norteamérica, desde Alasca, a Columbia Británica (Canadá) e os estados de Washington, Oregón e California (Estados Unidos), até tan ao sur como a punta Reyes, a uns 50 km an NO da cidade de San Francisco.[4][5]

Vive en fondos brandos, lamacentos ou areosos, a profundidades de até os 1.050 m, e pode alcanzar unha lonxitude de até os 52 cm (aínda que os espécimes capturados roldan os 20 cm) e pesar até os 1,56 kg. As femias son tipicamente máis grandes que os machos, e poden chegar a vivir polo menos 27 anos, as femias, e até os 30 anos, os machos.[4][5]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1880 polos ictiólogos norteamericanos David Starr Jordan e Charles Henry Gilbert.[1]

Nome específico[editar | editar a fonte]

O nome específico, elassodon, deriva dos termos do grego antigo ελάσσων elássōn, "pequeno", "insignificante", e οδούς, οδόντος odoús, odóntos, "dente".

Descrición[editar | editar a fonte]

Esta especie é un peixe plano cos dous ollos situados no lado dereito do seu corpo, ovalado. A coloración do seu lado superior, pigmantado, vai do verde oliva á parda avermellada ou mesmo parda escura, e pode presentar manchas escuras. As aletas dorsal e anal tamén pòden presentar manchas escuras. O lado inferior, ou cego, é de cor branca, con zonas translúicidas. A liña lateral cúrvase lixeiramente á altura da aleta pectoral. A mandíbula superior é estreita no centro, e presenta unha fileira de pequenos dentes.[4]

A súa columna vertebral está formada por de 42 a 46 vértebras. A aleta dorsal presenta de 75 a 85, e a anal, de 55 a 68. A aleta dorsal orixínase á altura da metade do ollo superior. A aleta caudal presenta un pequeno alargamento na parte central. As [[aleta|aletas pectorais son máis ben grandes, e coas puntas arredondadas.[4]

Hábitat, bioloxía e usos[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

É un peixe mariño, demersal, oceanódromo,[6] que vive a profundidades de entre os 0 e os 1050 m,[7], en augas temperadas do Pacífico norte, entre os 51° N e os 29° N, e entre os 97° L e os 90° O.[8]

É unha especie que vive en fondos brandos, areosos ou lamacentos, os adultos xeralmente por debaixo dos 180 m.[9]

Papel no ecosistema[editar | editar a fonte]

Hippoglossoides elassodon ocupa un lugar intermedio na cadea trófica. Aliméntase de organismos zoobentónicos, como diversos invertebrados: moluscos (bivalvos e cefalópodos), vermes, crustáceos e equinodermos, ademais de pequenos peixes.[4][10]

Os seus pirncipais depredadores son o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus), o abadexo de Alasca (Gadus chalcogrammus), a palmeta do Pacífico (Atheresthes stomias), o fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) e o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis).[5]

Pesca e usos[editar | editar a fonte]

Captúrase nas áreas de pesca 61 e 67 (Pacífico noroeste e nordeste, respectivamente).[2] mediante artes de arrastre dedicadas á pesca de camaróns.[10]

A maioría das capturas prodúcense nos Estados Unidos en tres pesquerías principais: no mar de Bering e nas illas Aleutianas, no golfo de Alasca e na costa oeste. As capturas anuais medias son de ao redor das 17.000 t na zona do mar de Bering e as illas Aleutianas; en 2008, as capturas do golfo de Alasca alcanzaron o seu máis alto nivel, unhas 3.396 t.[5]

A pesca desta especie na actualidade non é excesiva, estimándose que a súa biomasa está por riba do nivel necesario para o un rendemento máximo sustentábel. Na zona do mar de Bering e as illas Aleutianas, a biomasa estimouse en 535.356 t en 2008, por debaixo dun pico máximo de case 800.000 t en 1997; no golfo de Alasca, a biomasa estimouse en 280.000 t en 2007, onde flutúa ao redor dunha media de 220.000 t desde o ano 1984.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Hippoglossoides elassodon Jordan & Gilbert, 1880 no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 81.
  3. Hippoglossoides Gottsche, 1835 no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Ranier Froese and Daniel Pauly, editors Hippoglossoides elassodon Jordan & Gilbert, 1880 en FishBase (en inglés).
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Hippoglossoides elassodon Arquivado 15 de xullo de 2015 en Wayback Machine. en FishWatch. National Marine Fisheries Service. (en inglés).
  6. Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
  7. Allen, M. J. and G. B. Smith (1988): Atlas and zoogeography of common fishes in the Bering Sea and northeastern Pacific. NOAA Tech. Rep. NMFS 66.
  8. FAO-FIGIS (2001): A world overview of species of interest to fisheries. Capítulo: Hippoglossoides elassodon. FIGIS Species Fact Sheets. Species Identification and Data Programme-SIDP, FAO-FIGIS.
  9. Eschmeyer, W. N. et al. (1983).
  10. 10,0 10,1 Hart, J. L. (1973): "Pacific fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 180: 740.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Eschmeyer, W. N.; E. S. Herald e H. Hammann (1983): A field guide to Pacific coast fishes of North America. Boston, USA: Houghton Mifflin Company.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]