Saltar ao contido

Hipopótamo anano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hipopótamo anano

Hipopótamo anano.
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Hippopotamidae
Xénero: Choeropsis
Especie: C. liberiensis
Nome binomial
'Choeropsis liberiensis/Hexaprotodon liberiensis (Disputado)
(Morton, 1849)[2]
Distribución do hipopótamo anano
Distribución do hipopótamo anano

Distribución do hipopótamo anano
Subespecies

C. l. liberiensis
C. l. heslopi

O hipopótamo anano[3] (nome científico: Choeropsis liberiensis, do grego khoiros, ‘porco’; e opsis, ‘parecido a’; e liberiensis, ‘relativo a Liberia’) é unha especie de mamífero da familia Hippopotamidae, nativo das selvas e os pantanos da África Occidental. É unha das dúas especies viventes da familia dos hipopótamos. E é a única especie actual do xénero Choeropsis.

Ao contrario do Hippopotamus amphibius, é unha especie máis adaptada ao ambiente terrestre, motivo polo cal presenta diversas características morfolóxicas distinguidas, e máis relacionadas cos hábitats forestais nos que vive. Debido aos hábitos furtivos e nocturnos, pouco se coñece sobre o comportamento social, reprodutivo e alimentario deste hipopótamo.

É unha especie ameazada de extinción, sendo considerada en perigo pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). A súa área de distribución diminuíu drasticamente nos últimos 30 anos, principalmente pola deforestación, que fragmentou as poboacións. A guerra civil na rexión tamén influenciou negativamente as poboacións de hipopótamos, principalmente en Liberia.

Coñécense dúas subespecies, cuxas poboacións están separadas por preto de 1.800 quilómetros, polo Corredor de Daomé. A subespecie nixeriana atópase posiblemente extinta, sendo rexistrada soamente por algúns cranios recollidos na década de 1940, polo explorador colonial inglés Ian Robert Penicuick Heslop.

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

O hipopótamo anano é endémico da África Occidental, sendo rexistrado na Serra Leoa, Guinea, Costa do Marfil, Liberia e Nixeria[4]. Un rexistro do río Corubal en Guinea-Bissau feito por Cristino (1958), que mantivo que era un individuo, é case certamente un espécime novo de hipopótamo común[5]. É unha especie forestal, preferindo as matas densas achegadas a cursos de auga. Pero tamén pode ser atopado en matas ciliares que se estenden aos bosques transicionais e ao sur da sabana de Guinea.

A área orixinal de distribución do hipopótamo anano non difire significativamente da actual, malia que as poboacións se teñan fragmentado e desaparecido dalgunhas rexións. As maiores poboacións da especie atópanse en Liberia, onde se rexistra nos condados de Grand Cape Mount, Lofa, Grand Bassa, Nimba, Grand Gedeh, Sinoe, Grand Kru e Maryland. As poboacións están dispersas en diversas áreas forestais no interior do país, como o Parque Nacional de Sapo, Selva de Cestos-Senkwehn, Selva Nacional Krahn-Bassa, Selva Nacional Gbi, Selva Nacional Grebo e en diversas áreas no condado de Grand Kru. Non hai informacións sobre as poboacións do noroeste do país, que pode abrigar un substancial número de hipopótamos[5]. Estudos sobre esas poboacións foron complicados por mor dos conflitos civís no país, tales como a Primeira e a Segunda Guerra Civil de Liberia.

Illa Tiwai, na Serra Leoa, onde pode ser atopada unha pequena poboación de hipopótamos ananos.

Na Serra Leoa, poboacións remanentes poden ser atopadas na rexión da Selva de Gola na fronteira con Liberia, na illa Tiwai, localizada no río Moa e nas Montañas Loma. Outras poboacións reportadas na década de 60 están agora probabelmente extintas[5].

Guinea contén fragmentos de poboación de hipopótamos ananos ao longo das fronteiras con Liberia e Costa do Marfil, na Reserva de Ziama. Algunhas evidencias tamén suxiren unha poboación pequena na Reserva Forestal Diécké, ao suroeste de Ziama. A selva Déré, onde se coñecía a existencia de animais, atópase actualmente degradada e con moitas áreas convertidas para a agricultura[5][6].

Costa do Marfil, perdeu gran parte da súa cobertura forestal, e a poboación de hipopótamos fíxose fragmentaria, e pode ser atopada principalmente na fronteira con Liberia na rexión de Fresco, no Parque Nacional de Taï e posiblemente na Reserva Forestal Cavally, Reserva Natural do Monte Nimba, Reserva Forestal N'Zo, Selva Taipleu, Lagoa Tatigbo e ao longo dos ríos Gagbe, Bolo e Niouniourou[5].

En Nixeria, os hipopótamos ananos son coñecidos do Delta do Níxer ata as proximidades do río Cross. Esa poboación está illada en máis de 1.800 quilómetros ó leste, da outra poboación, do outro lado do Corredor de Daomé[5].

Características

[editar | editar a fonte]
Ficha técnica [7][8]
Altura

75 – 83 cm

Lonxitude

150 – 177 cm

Cola

15 cm

Peso

180 – 275 kg

Tamaño de niñada

1

Desteta

6 - 8 meses

Madurez sexual

4 - 5 anos

Xestación

192 - 210 días

Lonxevidade

43 anos (en cativerio)

Hipopótamo anano no Zoolóxico Louisvile, detalle para a anatomía facial.
Cranio dun hipopótamo anano.

O hipopótamo anano só ten a metade da altura e pesa menos da cuarta parte que o seu curmán o Hippopotamus amphibius. O corpo case non posúe cabelos, con excepción dalgunhas porcas nos beizos e no rabo. A súa coloración é negro-esverdeada no dorso, e cincenta nos flancos, e o ventre varía de cinza-claro ao verde-amarelado[7]. Os machos tenden a ser lixeiramente maiores que as femias[9].

Os hipopótamos ananos comparten a mesmo formato xeral dos hipopótamos: un esqueleto graviportal con catro pernas curtas apoiando unha armazón corpulenta, e superficialmente parecen miniaturas dos outros hipopótamos, pero hai diferenzas estruturais notábeis entre eles[7]. A cabeza é proporcionalmente máis pequena e arredondada e non tan ancha ou achatada, e os ollos son menos protuberantes e están localizados lateralmente na cabeza. As narinas son anchas e case circulares, e os dedos están ben separados e con garras afiadas. Os membros e o pescozo son relativamente máis longos e o dorso está inclinado cara a adiante no canto de ser paralelo ao chan, como no Hippopotamus amphibius.[10] Moitas desas adaptacións están relacionadas aos hábitos máis "terrestres" dos hipopótamos ananos. Ademais, o xénero Choeropsis xeralmente ten un único par de incisivos inferiores, a diferenza do Hippopotamus amphibius que ten dous ou tres pares. A fórmula dentaria é: (I2/1, C1/1, P3/3, M3/3) x 2 = 34[10]. As femias posúen un par de mamas.[9]

A súa pel é moi semellante á dos outros hipopótamos, e presentan a mesma suor excepcional, que dá unha cor rosada ao corpo, e que moitas veces é descrita como "suor de sangue"[Cómpre referencia], aínda que a substancia secretada non sexa nin suor nin sangue. Crese que a substancia, altamente alcalina, ten función antiséptica e de protección contra os raios solares, visto que a pel do hipopótamo reseca e racha doadamente á exposición solar.

Hipopótamo anano descansando na auga, Zoolóxico de Aalborg.

A maior parte do seu comportamento é semellante ao do tapir, aínda que isto sexa un efecto da evolución converxente[11]. O comportamento do hipopótamo anano diferénciase do hipopótamo común de moitos modos. Mentres o hipopótamo común é gregario, o anano vive solitario ou en pequenos grupos, tipicamente en parella ou unha femia e a súa cría.

O hipopótamo anano é un animal nocturno, pasando os días descansando nos remansos, pozas de lama e ríos. Algúns poden utilizar cavidades ou túneles escavados por outros animais ao longo das beiras dos ríos[7]. Ao anoitecer sae da auga, e utiliza os seus camiños abertos na densa selva para buscar alimento. Estes camiños márcanse a través das feces, que son esparexidas por movementos vigorosos do rabo, e polo acto de esfregar o corpo nos troncos[11]. Ese acto de marcar os camiños implica que o hipopótamo anano pode ser, polo menos, parcialmente territorial. Estudos de campo estimaron que os machos teñen un territorio de 1,85 km², mentres que o da femia é de 0,4 a 0,6 km²[8].

Debido aos seus hábitos furtivos, o hipopótamo anano raramente é visto pola poboación local. Os efectos dos predadores na poboación da especie son descoñecidos, sendo o leopardo o único predador natural capaz de atacar o hipopótamo[11].

Hábitos alimenticios e dieta

[editar | editar a fonte]

Os hipopótamos ananos son estritamente herbívoros, alimentándose principalmente de brotes, dicotiledóneas e froitos que atopan no chan da selva[12]. Eles non comen a vexetación acuática e raramente se alimentan de gramíneas, visto que estas dificilmente medran en bosques densos.

Así, coma o seu curmán, o hipopótamo anano aliméntase durante o crepúsculo e a noite, seguindo camiños abertos na selva densa, onde pasa aproximadamente seis horas forraxeando[13].

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Cría de hipopótamo anano, xunto a nai, no Zoolóxico de Jihlava, República Checa.

Nunca se fixo un estudo do comportamento reprodutivo na natureza; as condicións artificiais do cativerio poden ser diferentes do comportamento en condicións naturais.

O período de xestación para os hipopótamos ananos é de aproximadamente 6,5 meses, pero non hai informacións sobre unha estación de procreación para a poboación salvaxe. Xeralmente só se concibe unha cría, pesando entre 3,4 a 6,4 quilogramos; os machos xeralmente nacen máis pesados[7]. O nacemento de xemelgos é raro, e a incidencia é de aproximadamente un de cada 200 partos[12]. O parto pode ocorrer en calquera época do ano.

O parto ocorre en terra firme, e non hai evidencias, nos animais en cativerio, canto a construción dun niño[12]. A desteta ocorre entre seis e oito meses de idade. A madurez sexual ocorre entre 4 e 5 anos de idade[8]. Con todo, no zoolóxico de Basilea, en Suíza, foi rexistrado unha femia que pariu con tres anos e tres meses de idade[13].

O ciclo estral dura 28 días de media, cunha duración do estro de dous a tres días[7]. Os hipopótamos ananos asócianse en parellas no período de celo, pero a duración dese período é descoñecida. A cópula pode ocorrer en terra ou na auga, e a parella únese dunha a catro veces durante o período do estro.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

O hipopótamo anano foi inicialmente descrito por Samuel George Morton (1849) como Hippopotamus liberiensis. En 1853, Joseph Leidy describiu o xénero Choeropsis incluíndo a especie liberiensis. Coryndon (1977), baseándose na morfoloxía da área lacrimal, bautizouno co sinónimo Hexaprotodon, xénero de hipopótamos extintos nativos principalmente de Asia[14], malia as diferenzas no número de dentes entre as especies. Moitos autores, entre eles, Peter Grubb (1993; 2005[4]) e Oliver (1995[15]), seguiron as conclusións de Coryndon. Con todo, Boisserie (2005), despois do exame completo da filoxenia da familia Hippopotamidae, constatou que o hipopótamo anano pertencía a un xénero propio, restituíndoo ao Choeropsis[16]. Malia os cambios na nomenclatura, o hipopótamo anano é a única especie actual do seu xénero[16].

Unha especie moi próxima foi o hipopótamo anano de Madagascar (Choeropsis madagascariensis), extinto durante os últimos 500 anos, do mesmo tamaño e co mesmo tipo de comportamento terrestre, habitando as terras altas e forestais, no canto dos ríos e espazos abertos[17].

(Vídeo) Hipopótamo anano no Zoolóxico de Ueno, Xapón.

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Descríbense dúas subespecies de hipopótamo anano[4][15]:

  • Choeropsis liberiensis heslopi (Corbet, 1969)
  • Choeropsis liberiensis liberiensis (Morton, 1849)

A subespecie nixeriana do hipopótamo anano (heslopi) nunca chegou a ser estudada no estado salvaxe e nunca foi capturado ningún exemplar. Toda a investigación foi efectuada en espécimes da subespecie liberiensis, así como todos os animais existentes en parques zoolóxicos tamén son desta subespecie.

Subespecie nixeriana

[editar | editar a fonte]

O hipopótamo anano de Nixeria ocupaba unha área no delta do Río Níxer, especialmente nunha rexión próxima de Port Harcourt, pero non existen relatos fiábeis sobre a súa existencia. Os primeiros espécimes coñecidos, algúns cranios recollidos polo explorador colonial inglés I. R. P. Heslop nas provincias de Owerri e Warri, foron enviados ao Museo de Historia Natural de Londres, preto de 1940[18].

Con todo, estes espécimes non foron suxeitos a avaliación taxonómica ata 1969, cando G. B. Corbet clasificou os cranios como dunha subespecie separada, baseándose en variacións consistentes nas proporcións dos cranios[19]. O nome da subespecie deriva de I. R. P. Heslop, que afirmaba, en 1945, haber cazado un hipopótamo anano na rexión do delta do Río Níxer e coleccionar varios cranios. Estimou que talvez non existisen máis de trinta hipopótamos ananos naquela rexión[20].

A subespecie foi separada por unha extensión de 1.800 km e polo Corredor de Daomé, unha rexión desértica que divide as rexións forestais da África Occidental. Os hipopótamos ananos de Nixeria foron avistados ou mortos no estado de Rivers, no estado de Imo e no estado de Bayelsa. Malia que algunhas poboacións locais teñan un coñecemento acerca da anterior existencia da especie, a súa historia na rexión é pouco documentada[13].

Conservación

[editar | editar a fonte]
Parella de hipopótamos ananos na Reserva da Vida Salvaxe Monte Kenya.

O hipopótamo anano está clasificado pola IUCN como en perigo de extinción[5], e no CITES aparece no Apéndice II[21]. O Plan de Acción da IUCN de 1993 calculou unha poboación entre 2.000 e 3.000 exemplares na selva, a maioría en Liberia. A poboación máis pequena está en Serra Leoa, estimada, en 1993, en só preto de 100 animais. Debido ás condicións deterioradas en Liberia, a Lista Vermella da IUCN prevé que en 2006 estes números poidan mostrar un probábel descenso, particularmente debido á perda de hábitat.

A maior ameaza á poboación remanente de hipopótamos ananos é a perda de hábitat. As selvas nas cales os hipopótamos viven están suxeitas á deforestación, á ocupación para habitación e a agricultura, con mínimos esforzos para facer sustentábel a retirada da madeira. Debido á redución das selvas, as poboacións quedaron máis fragmentadas, o que conduce á perda da diversidade xenética no potencial grupo de reprodutores[5].

Por mor do seu estilo de vida recluído, non é branco de cazadores de subsistencia, malia outros cazadores os capturen en ocasións. Algúns din que a súa carne é de excelente calidade, como a dun xabaril. Ao contrario do hippopotamus amphibius, os dentes dos ananos non teñen valor comercial[11]. Os efectos da guerra civil, no oeste africano, nos hipopótamos ananos son descoñecidos, pero seguramente non han ser positivos[5].

O C. liberiensis foi clasificado como unha das dez "especies de foco" en 2007 polo proxecto EDGE Species[22]. O EDGE clasificou especies que son evolutivamente distinguidas e que necesitan de maior protección para previr a súa extinción.

A pesar de estar ameazado na selva, o hipopótamo anano reprodúcese e vive moi ben en zoolóxicos. Entre 1970 e 1991, a poboación nada en cativerio máis que dobrou. A supervivencia das especies nos zoolóxicos é maior que na selva[12][23]. En cativerio, o hipopótamo anano vive entre 42-55 anos, máis que na selva[13]. Desde 1919, só o 41% dos hipopótamos ananos nados en zoolóxicos eran machos[24].

Aspectos culturais

[editar | editar a fonte]
Hipopótamos ananos no Zoolóxico de Duisburg, Alemaña.

Mentres o hipopótamo xa era coñecido polos europeos desde a Antigüidade clásica, o hipopótamo anano aínda era descoñecido fóra das súas áreas de distribución en África Occidental ata o século XIX. Debido aos seus hábitos nocturnos e forestais, eran pouco coñecidos aínda dentro das súas áreas de distribución. En Liberia, o animal era tradicionalmente coñecido como vaca de auga (en inglés, water cow)[11].

Os primeiros relatos sobre este animal identificárono erroneamente como un xabaril salvaxe. Algúns cranios da especie foron levados ao científico Samuel G. Morton, durante a súa permanencia en Monrovia, en Liberia. Morton describiu por primeira vez a especie en 1843. Os primeiros exemplares completos foron recollidos durante unha investigación completa sobre a fauna liberiana, durante as décadas de 1870 e 1880, por Johann Büttikofer. Os espécimes foron levados ao Museo de Historia Natural de Leiden, nos Países Baixos[11].

En 1873, por primeira vez un hipopótamo anano foi levado para Europa, tras ser capturado en Serra Leoa por un membro de British Colonial Service, pero morreu pouco tempo despois da súa chegada. Os hipopótamos ananos foron introducidos con éxito en Europa en 1911. Foron de entrada transportados a Alemaña e despois ao Zoolóxico de Bronx, en Nova York, onde tamén prosperaron[11].

En 1927, Harvey Firestone, da empresa Firestone, regalou ao Presidente dos Estados Unidos de América, Calvin Coolidge, un exemplar de hipopótamo anano, chamado Billy. Coolidge doou o animal ao Smithsonian National Zoological Park e de acordo con este parque zoolóxico, é o devanceiro da maioría dos hipopótamos ananos existentes nos Estados Unidos hoxe en día[23][25].

Recolléronse xa varios contos tradicionais sobre o hipopótamo anano. Un deles conta que os hipopótamos ananos levan consigo, dentro da boca, un diamante que os auxilia nas súas viaxes nocturnas a través das densas selvas; de día, os hipopótamos ananos posúen un lugar secreto onde esconden os diamantes, pero se son capturados durante a noite, os diamantes poden ser obtidos. Algúns habitantes das aldeas por veces cren que os hipopótamos bebés non son aleitados, senón que, no canto diso, lamben a pel da súa proxenitora.[11]

  1. Lewison, R. & Oliver, W. (IUCN SSC Hippo Specialist Subgroup) (2008). "Hexaprotodon liberiensis". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 17 December 2006.  Database entry includes a brief justification of why this species is of endangered.
  2. "ITIS on Hexaprotodon liberiensis". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 2004-08-11. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para hipopótamo.
  4. 4,0 4,1 4,2 GRUBB, P. Order Artiodactyla. In: WILSON, D. E.; REEDER, D. M. (Eds.). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference. 3. ed. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2005. v. 1, p. 637-722.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 5,8 LEWISON, R.; OLIVER, W. 2008. Choeropsis liberiensis. 2008 IUCN Red List of Threatened Species. Acceso do 12 de febreiro de 2022.
  6. MATSUZAWA, T. Chimpanzees of Bossou e Nimba. Other Sites: Déré (Guinea) Arquivado 15 de outubro de 2008 en Wayback Machine.. Acceso de 27 de outubro de 2008.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 NOVAK, R. M. Walker’s Mammals of the World. Baltimore: Johns Hopkins University Press, 1999.
  8. 8,0 8,1 8,2 HUFFMAN, B. Hexaprotodon liberiensis. Ultimate Ungulate (v. 22-04-2004). Acceso 13 de outubro de 2008
  9. 9,0 9,1 SCHIMDT, C. R. Hexaprotodon liberiensis[Ligazón morta]. Appendix II. CITIES, 1986.
  10. 10,0 10,1 GRZIMEK, B.; SCHLAGER, N.; OLENDORF, D. Grzimek's Animal Life Encyclopedia. Detroit: Thomson Gale, 2003.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 ROBINSON, P. T. River Horses and Water Cows Arquivado 26 de marzo de 2009 en Wayback Machine.. Hippo Specialist Group of the World Conservation Union Arquivado 17 de xullo de 2007 en Wayback Machine.. Acceso 30 de julho de 2007.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 ELTRINGHAM, S. K. The pygmy hippopotamus (Hexaprotodon liberiensis). OLIVER, W. L. R. In 'Pigs, Peccaries and Hippos: Status Survey and Action Plan. Gland (Suiça): IUCN, 1993. 202 p.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 ELTRINGHAM, S. K. The Hippos: Natural History and Conservation. Princeton Press, 1999. 256 p.
  14. CORYNDON, S. C. (1977). The taxonomy and nomenclature of the Hippopotamidae (Mammalia, Artiodactyla) and a description of two new fossil species. Proceedings of the Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen 80 (2): 61-88.
  15. 15,0 15,1 OLIVER, W. L. R. (1995). Taxonomy and Conservation Status of the Suiformes — an Overview. IBEX Journal of Mountain Ecology 3: 3-5.
  16. 16,0 16,1 BOISSERIE, J-R. (2005). The phylogeny and taxonomy of Hippopotamidae (Mammalia: Artiodactyla): a review based on morphology and cladistic analysis. Zoological Journal of the Linnean Society 143: 1-26.
  17. IUCN 2008. Hippopotamus madagascariensis. 2008 IUCN Red List of Threatened Species. Acceso 12 de febreiro de 2022.
  18. British Museum (Natural History). (1940). Recent Acquisitions. Nature 145, 698-698.
  19. CORBET, G. B. (1969). The taxonomic status of the Pygmy hippopotamus, Choeropsis liberiensis, from the Niger Delta. Journal of Zoology 158: 387-394.
  20. "Pigs, Peccaries and Hippos Status Survey and Action Plan". World Conservation Union status survey. 1993. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2008. Consultado o 2007-05-22. 
  21. CITES. 2008. Appendices I, II and III. CITES. Acceso 18 de outubro de 2008.
  22. "Protection for 'weirdest' species". BBC. 16 de xaneiro de 2007. Consultado o 22 de maio de 2007. 
  23. 23,0 23,1 "Pygmy Hippo fact sheet". Smithsonian National Zoological Park. Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2008. Consultado o 22 de maio de 2007. 
  24. ZSCHOKKE, S. (2002). Distorted Sex Ratio at Birth in the Captive Pygmy Hippopotamus, Hexaprotodon liberiensis.Journal of Mammalogy 83 (3): 674–681.
  25. JABLONSKI, N. G. (2004). The hippo’s tale: how the anatomy and physiology of Late Neogene Hexaprotodon shed light on Late Neogene environmental change. Quaternary International 117: 119–123.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]