Hilaria Mukapuli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHilaria Mukapuli
Nome orixinalHilaria Ndiiwana Mukapuli
Biografía
Nacemento4 de abril de 1969
Lüderitz, (Namibia)
Datos persoais
País de nacionalidadenamibiana
Actividade
Ocupaciónpolítica
Partido políticoOrganización do Pobo de África do Suroeste Editar o valor em Wikidata

Hilaria Ndiiwana Mukapuli, nada en Lüderitz, Namibia, o 4 de abril de 1969,[1] é unha traballadora autónoma que, na actualidade, é a alcaldesa da súa cidade natal, representando ao seu partido político, a Organización do Pobo de África do Suroeste.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada en Lüderitz, estudou na Diaz Primary School (Lüderitz), na Olunho Secondary School e na Nangolo Secondary School (todos estes nomes cambiaron desde entón).[1] En 1983 trasladouse a vivir á rexión norteña de Oshana, regresando posteriormente á súa cidade natal.

En Lüderitz comezou a súa su carreira profesional traballando como procesadora de peixe na factoría NovaNam,[1] empresa filial de Nueva Pescanova.[3]

É administradora da súa empresa familiar, asesora comunitaria e realizadora de tests rápidos do VIH para o Ministerio de Saúde, e traballadora social comunitaria para unha ONG onde ofrece apoio e asesoramento psicolóxico a moitas persoas, como nais VIH positivas, ademais de pagar as taxas escolares para nenos vulnerábeis.[1]

Mukapuli foi elixida como conselleira do Concello de Lüderitz en 2010 e, en 2013, foi elixida coordinadora do partido SWAPO do distrito de Lüderitz, cargo que segue a desempeñar o día de hoxe.[1] En 2015 foi elixida alcaldesa de Lüderitz,[1] sucedendo a Suzan Ndjaleka.[4] Calvin Mwiya, conselleiro de SWAPO, foi reelixido como presidente do comité de xestión, mentres que Shipola Shihepo e Johannes Abraham, ambos do SWAPO, foron reelixidos como membros do comité de xestión. Willem Gumede, de SWAPO, e Elizabeth Wilskut, da Alianza Democrática Turnhalle (hoxe Movemento Popular Democrático), foron reelixidos como membros ordinarios do consello.[4]

Hilaria Mukapuli declarou, ao ser elixida alcaldesa, que os meus obxectivos principais son a vivenda accesíbel para todos e a industrialización da nosa pequena cidade costeira, mellorar o saneamento para os asentamentos informais, e traballar cara a un ambiente sustentábel; ademais, dixo que quería incrementar o número de investimentos locais e internacionais na cidade.[4]

Mukapuli prometeu traballar continuamente xunto cos outros conselleiros, e instou aos residentes de Lüderitz a abrazar os avances ou os logros que o consello alcanzou ao longo dos anos, a pesar dos recortes orzamentarios que afectaron á implantación de certos proxectos. "Independentemente dos retos do día a día, debemos, segundo a lei das autoridades locais, continuar creando un ambiente propicio para os residentes, visitantes e potenciais investidores para que poidamos desenvolver a nosa cidade colectivamente", dixo Mukapuli. En 2018 foi reelixida como alcaldesa.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Hilaria Ndiiwana Mukapuli New Era (Windhoek), 1 de novembro de 2016. Consultado o 2 de agorto de 2019.
  2. Lara Graña (2 de maio de 2017). "Pescanova sienta cátedra en Lüderitz". Faro de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 31 de xullo de 2019. 
  3. Astilleros Armon entrega al Grupo Nueva Pescanova el barco Lalandii 1, el primero de su nueva flota para Namibia en nuevapescanova.com.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Tuulikki Abraham (27 de novembro de 2018): Namibia: Hilaria Mukapuli Re-Elected Luderitz Mayor. New Era (Windhoek). Consultado o 29 de xullo de 2019.