Saltar ao contido

Hibatullah Akhundzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Biografíamawlawi Editar o valor en Wikidata
Hibatullah Akhundzada
Biografía
Nacemento19 de outubro de 1967 Editar o valor en Wikidata (58 anos)
Distrito de Panjwai (Reino de Afganistán) Editar o valor en Wikidata
Líder Supremo de Afganistán
15 de agosto de 2021 –
← Ashraf Ghani
Amir al-Mu'minin dos Talibáns
25 de maio de 2016 –
← Akhtar Mansour Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
Grupo étnicoPobo paxto Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaFundamentalismo islámico Editar o valor en Wikidata
RelixiónSunnismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióngobernante, líder relixioso Editar o valor en Wikidata
Partido políticoTalibán Editar o valor en Wikidata
Membro de
Carreira militar
Rama militarForzas Armadas do Emirato Islámico de Afganistán Editar o valor en Wikidata
Rango militarComandante en xefe Editar o valor en Wikidata
ConflitoGuerra de Afganistán
Guerra de Afganistán Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm14620086 WikiTree: Akhundzada-1 Editar o valor en Wikidata

Hibatullah Akhundzada, tamén transcrito como Haibatullah Akhunzada, nado no distrito de Panjwayi (Reino de Afganistán) o 19 de outubro de 1967, é un clérigo afgán, actual líder supremo de Afganistán baixo o goberno talibán. Lidera o movemento talibán desde 2016 e chegou ao poder coa súa vitoria sobre as forzas apoiadas polos Estados Unidos na guerra de 2001-2021. Unha figura hermética, case non ten pegada dixital agás unha fotografía non verificada e varias gravacións de audio de discursos.

Akhundzada é coñecido polas súas fatwas en asuntos talibáns. A diferenza de moitos líderes talibáns, non ten ningunha experiencia en combate real, aínda que un dos seus fillos foi un terrorista suicida.[1] Foi xuíz islámico dos tribunais da xaria no goberno talibán de 1996 a 2001 e logo foi escollido para dirixir o sistema xudicial na sombra dos talibáns ao comezo da insurxencia talibán, permanecendo nese cargo ata ser elixido líder supremo dos talibáns en maio de 2016. Contou co apoio de Ayman al-Zawahiri, líder de Al-Qaeda, e tamén de Amir al-Mu'minin, o que reforzou a reputación xihadista de Akhundzada entre os aliados dos talibáns. En 2019, Akhundzada nomeou a Abdul Ghani Baradar para dirixir as conversas de paz cos Estados Unidos, o que levou á sinatura en 2020 do Acordo de Doha que abriu o camiño para a retirada total das tropas estadounidenses de Afganistán e para a toma do poder.[2][3]

Akhundzada liderou os talibáns á vitoria contra o goberno afgán nunha ofensiva militar en 2021 —mentres a retirada dos Estados Unidos aínda estaba en marcha—, e converteuse a continuación no gobernante absoluto de Afganistán, impoñendo un goberno totalitario.[4] O seu goberno foi criticado por violar amplamente os dereitos humanos, incluídos os dereitos ao traballo e á educación de mulleres e nenas. Por orde súa, a administración talibá impediu que a maioría de mozas regresasen á educación secundaria. En xullo de 2025, a Corte Penal Internacional emitiu ordes de arresto contra Akhundzada pola persecución de mulleres en Afganistán.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e vida persoal

[editar | editar a fonte]

Segundo fontes talibás, Akhundzada naceu o 19 de outubro de 1967 na aldea de Nakhoney, no distrito de Panjwayi da provincia de Kandahar, que daquela formaba parte do Reino de Afganistán.[5][6][7] Esta información está corroborada pola Corte Penal Internacional, que afirma que o seu nacemento ocorreu o 19 ou o 20 de outubro de 1967 en Nakhoney. Non obstante, outras fontes afirman que naceu na aldea veciña de Sperwan.[8][9]

De orixe paxto, pertence á tribo Nurzai.[10][8] O seu nome, Hibatullah, significa "agasallo de Deus" en árabe.[10][8] O seu pai, Muhammad Akhund, era un erudito relixioso e dirixía as oracións na mesquita de Malook, na aldea de Safid Rawan.[11] Ao non posuír terras nin hortos propios, a súa familia, de recursos moi modestos, dependía do que a congregación lle pagaba ao seu pai en metálico ou nunha parte das súas colleitas. Un dos fillos de Akhundzada foi un terrorista suicida.[12][1]

A familia emigrou a Quetta, na provincia de Baluchistán, en Paquistán, despois da invasión soviética de Afganistán (1979). Akhundzada estudou nunha das madrasas de Paquistán e gañou o título de "Sheikh al-Hadith".[13] Na década de 1980, participou na "resistencia islamista" á campaña militar soviética en Afganistán.[14] Segundo os talibáns, nesa época loitou no movemento muxahidin Hezb-i Islami Khalis.[15] A principios da década de 1990, mentres a insurxencia islamista gañaba terreo en Afganistán, Akhundzada regresou á súa aldea na provincia de Kandahar. Despois da invasión de Afganistán por parte dos Estados Unidos a finais de 2001, Akhundzada escapou a Paquistán e buscou refuxio en Quetta. Debido aos seus coñecementos da lei islámica, converteuse no xefe do sistema de xustiza na sombra dos talibáns e no aclamado adestrador de toda unha xeración de militantes talibáns que se graduaron en Quetta.[3]

O 16 de agosto de 2019, o irmán máis novo de Akhundzada, Hafiz Ahmadullah, morreu xunto con polo menos outras tres persoas nun atentado con bomba durante a oración do venres na mesquita de Khair Ul Madaris en Kuchlak, Quetta. Máis de 20 persoas resultaron feridas no ataque, incluído o fillo de Akhundzada e dous sobriños. Akhundzada adoitaba ensinar e dirixir as oracións na mesquita e no seminario atacados.[16][17]

Funcionarios do deposto goberno afgán, así como algúns analistas occidentais, crían que Akhundzada morrera xunto co seu irmán na explosión da bomba en Quetta. «Se [os talibáns] anuncian que Akhundzada xa non existe e que estamos a buscar un novo emir, iso fará que os talibáns se fagan en faccións, e o Estado Islámico - Provincia de Khorasan [o grupo extremista rival] podería aproveitarse diso», dixo unha fonte de seguridade rexional á Agence France-Presse . Non obstante, os talibáns negaron que Akhundzada morrera.[9]

Papel nos talibáns (1994–2021)

[editar | editar a fonte]

Uniuse aos movemento talibán en 1994 e converteuse nun dos seus primeiros membros.[10][18] Despois de que estes obtivesen o control da provincia de Farah en 1995, formou parte da policía do vicio e a virtude na rexión.[13] Máis tarde foi xefe do tribunal militar dos talibáns na provincia oriental de Nangarhar e logo xefe adxunto do Tribunal Supremo.[14] Posteriormente trasladouse a Kandahar, onde foi instrutor na Madrasa Xihadista, un seminario liderado polo xefe fundador dos talibáns, Mohammed Omar.[13]

Despois de que o goberno talibán caese ante a invasión liderada polos Estados Unidos en 2001, Akhundzada converteuse no xefe do consello de estudosos relixiosos do grupo.[14] Posteriormente foi nomeado Presidente do Tribunal Supremo dos Tribunais da Xaria do Emirato Islámico de Afganistán e converteuse en asesor do Mulá Omar.[10] En lugar do eido militar, gañou reputación como líder relixioso, sendo o responsable de emitir a maioría das fatwas dos talibáns e de resolver cuestións relixiosas entre os membros talibáns.[19] Tanto Omar como Akhtar Mansour, o seu sucesor como líder supremo, consultaban a Akhundzada sobre asuntos de fatwas.[20] Akhundzada era un membro veterano da Shura de Quetta dos talibáns.[19][21]

En 2015 foi nomeado un dos dous vice-líderes dos talibáns baixo o mando de Mansour en 2015. Era a cara máis visible da alta dirección dos talibáns, xa que Mansour se mantiña na súa maior parte lonxe da vista do público e non asistía abertamente ás reunións por razóns de seguridade, mentres que Sirajuddin Haqqani se involucraba principalmente en asuntos militares.[20]

Crese que en 2016 vivía na zona de Ghaus Abad, en Quetta, onde dirixía unhas dez madrasas.[11]

Como líder supremo

[editar | editar a fonte]

Foi nomeado líder supremo talibán o 25 de maio de 2016, sucedendo a Mansour, despois de que este fose asasinado nun ataque con drons estadounidense.[14] Dous dos principais aspirantes ao cargo eran Sirajuddin Haqqani, o outro axudante de Mansour, e o mulá Yaqoob, fillo do líder fundador Mohammad Omar. O nomeamento de Akhundzada sorprendeu a algúns, que o vían como o terceiro candidato na clasificación, pero foi definido como unha opción de consenso para evitar resentimentos se algún dos outros era nomeado. Fontes talibáns dixeron que Mansour designara a Akhundzada como o seu sucesor no seu testamento.[14] Yaqoob e Haqqani foron nomeados como os dous axudantes de Akhundzada.[22] Abdul Razaq Akhund e Abdul Sata Akhund xuraron fidelidade a Akhundzada en decembro de 2016.

Yousef Ahmadi, o principal portavoz dos talibáns no sur de Afganistán, dixo que o fillo máis novo de Akhundzada, Abdur Rahman Khalid, morrera levando a cabo un ataque suicida contra unha base militar afgá en Girishk, na provincia de Helmand, en xullo de 2017.[23][24] Os oficiais talibáns afirmaron que Akhundzada era consciente da intención do seu fillo e que a aprobaba.[23] En 2019, baixo o liderado de Akhundzada, os talibáns gañaron a batalla de Darzab ao derrotar á rama Khorasan do Estado Islámico de Iraq e o Levante.[25]

Líder supremo de Afganistán (2021–presente)

[editar | editar a fonte]
Representación caligráfica do nome de Akhundzada empregada nos sitios web do goberno afgán

En maio de 2021, Akhundzada fixo un chamamento ao pobo afgán para que se unise para o desenvolvemento dun estado islámico unha vez que as forzas dos Estados Unidos se retirasen.[26] En agosto de 2021, as forzas baixo o seu mando nominal iniciaron unha ofensiva xeral buscando acadar unha vitoria final na guerra. Durante o liderado de Akhundzada, as tropas dos Estados Unidos retiráronse e os talibáns obtiveron o control de Cabul. O 18 de agosto, anunciouse que, en función da amnistía xeral emitida por Akhundzada, "decidiuse liberar os presos políticos de todas as prisións de Afganistán". Nese momento, os talibáns xa tomaran o control de prisións clave en todo o país e liberaran a milleiros de reclusos, incluídos membros de Al Qaeda e figuras talibáns de alto rango. Supostamente, tamén se liberaron combatentes do ISIS-K.[27]

Dado que se sabía pouco sobre Akhundzada e non existían fotografías súas despois da caída de Cabul, xurdiron dúbidas sobre se estaba vivo e se seguía sendo o líder.[28] As noticias dos medios de comunicación despois da caída de Cabul suxerían que estaba baixo custodia do exército paquistaní. Non obstante, o 21 de agosto, os talibáns declararon a The Sunday Guardian que Akhundzada estaba vivo en Kandahar. O 8 de setembro, Akhundzada emitiu unha declaración dirixida ao goberno provisional, pedíndolle que defendese a xaria en Afganistán.[29]

O 8 de decembro de 2021 deu instrucións aos gobernadores provinciais para convencer á poboación de que non abandonase o país e tentase trasladar as súas queixas, á vez que aumentaban as medidas de seguridade.[30]

Do 27 ao 28 de marzo de 2022 instruíu ao Consello de Ministros para que implementase unha nova rolda de restricións. Ordenou a prohibición de emisións televisivas estranxeiras en Afganistán e instruíu ao Ministerio para a Propagación da Virtude e a Prevención do Vicio para que fixese cumprir a segregación por xénero nos parques públicos, impedise que as mulleres embarcasen nos avións se non ían acompañadas dun home, prohibise aos funcionarios homes ir traballar se non levan turbante ou barba completa e prohibise o uso de teléfonos móbiles nas universidades.[31] Tamén emitiu un decreto con instrucións ás forzas de seguridade, ordenándolles que evitasen a contratación de menores.[32]

O 3 de abril de 2022 asinou un decreto que prohibía o cultivo de opio en Afganistán, e que estipulaba que calquera infractor fose tratado "segundo a lei da xaria". Tamén se prohibiu a compra e o transporte doutros estupefacientes.[33]

O 29 de abril de 2022, Akhundzada instou ao mundo a recoñecer o goberno talibán nunha mensaxe previa ás festividades do Eid.[34]

O 7 de maio de 2022, o Ministerio para a Propagación da Virtude e a Prevención do Vicio publicou un decreto aprobado persoalmente por Akhundzada, que esixía a todas as mulleres de Afganistán que cubrisen todo o corpo agás os ollos en público, sendo o chadaree a prenda recomendada.[35]

O 21 de xullo de 2022 emitiu un decreto que prohibía as críticas ou as disensións contra o Emirato Islámico. Afirmaba que «non está permitido facer falsas acusacións contra os funcionarios nin criticalos...».[36]

O 14 de novembro de 2022, emitiu ordes ao poder xudicial para que aplicase plenamente os castigos Hudud e Qisas (corporais) se os delitos cumprían eses estándares. Isto levou á preocupación de que se retomase o uso xeneralizado da flaxelación, a amputación e a lapidación como castigos.[37] Unha semana despois, doce persoas foron azoutadas publicamente na provincia de Logar, no que se considerou unha aplicación da orde de Akhundzada. Este foi o primeiro uso confirmado do castigo físico desde o regreso dos talibáns ao poder.[38][39]

O 23 de xaneiro de 2025, o fiscal xefe da Corte Penal Internacional, Karim Ahmad Khan, anunciou a presentación de solicitudes de ordes de arresto contra os líderes talibáns, incluídos Akhundzada e o presidente do Tribunal Supremo Abdul Hakim Haqqani. Foron acusados de crimes contra a humanidade, concretamente a persecución de mulleres e nenas, desde o regreso dos talibáns ao poder en agosto de 2021. Os cargos destacan as severas restricións impostas ás mulleres afgás, que inclúen a prohibición de educación, emprego e participación pública.[40] As ordes foron concedidas pola CPI o 8 de xullo.[41]

O 29 de setembro de 2025, Akhundzada ordenou o peche da internet en todo o país, afirmando que o seu obxectivo era emular a prohibición durante o goberno do mulá Omar.[42][43]

Aparicións públicas

[editar | editar a fonte]

En setembro de 2021 a prensa reportou que Akhundzada non fora visto en público desde que os talibáns tomaran o control de Cabul o mes anterior, o que deu lugar a especulacións de que podería estar morto e que un comité estaba a redactar os seus decretos. A morte do líder fundador dos talibáns, o mulá Omar, fora ocultada durante dous anos e, durante ese tempo, os talibáns continuaran a emitir declaracións no seu nome.[44][45] O 30 de outubro de 2021, funcionarios talibáns dixeron que Akhundzada realizara unha aparición pública na madrasa Darul Uloom Hakimah en Kandahar. Non se publicaron fotos nin vídeos, pero as contas das redes sociais dos talibáns compartiron unha gravación de son de dez minutos, o que podería ter atenuado os rumores da súa morte. Se os informes son reais, esta sería a súa primeira aparición pública en Afganistán.[46][47] O xefe de seguridade da madrasa, Massum Shakrullah, declarou á Agence France-Presse que, cando Akhundzada a visitou, estaba «armado» e acompañado por tres gardas de seguridade. «Nin sequera se permitía a entrada de teléfonos móbiles nin de gravadores de son» no lugar, engadiu. Mohammad Musa, de 13 anos, que observaba dende lonxe, dixo que Akhundzada parecía «exactamente igual» que na súa única fotografía publicada. Outro estudante, Mohammed, de 19 anos, dixo: «Todos o estabamos observando» e que estaban «só chorando». Cando lle preguntaron a Mohammed se podía confirmar que era realmente Akhundzada, respondeu que el e os seus compañeiros estaban tan contentos que «esqueceron mirar... a súa cara».[9]

O 30 de abril de 2022 fixo unha rara aparición na mesquita de Eidgah en Kandahar o último día do Ramadán e pronunciou un breve sermón dando as costas á multitude. Durante o evento de dúas horas, dous helicópteros voaban sobre a mesquita.[48][49] Decenas de combatentes talibáns estaban despregados onde estaban sentados Akhundzada e outros líderes talibáns, e non permitían que os xornalistas se achegasen a el nin que os fieis sacasen fotos cos teléfonos móbiles. A voz que se di que era a de Akhundzada proviña das primeiras filas de fieis.[50]

Tamén se informou que o 1 de xullo de 2022 apareceu nunha importante asemblea relixiosa en Cabul, pronunciando un discurso dunha hora de duración emitido pola radio estatal. Máis de 3.000 clérigos asistiron á reunión de tres días, pero non se lle permitiu a entrada a ningún xornalista independente.[51] O 12 de maio de 2023, Akhundzada mantivo unha reunión secreta co primeiro ministro qatarí Mohammed bin Abdulrahman bin Jassim Al-Thani en Kandahar. É a única vez que Akhundzada se reuniu cun funcionario estranxeiro.[52]

Posicións ideolóxicas

[editar | editar a fonte]

Hibatullah Akhundzada é un fundamentalista relixioso seguidor da escola hanafi con interpretacións teoloxicamente construtivistas. No seu discurso do 1 de xullo de 2022 ante a Gran Reunión de Ulemas en Cabul, explicou que a súa visión se basea no Amir al-Mu'minin como unha encarnación da virtude, a mesquita e a administración traballando en conxunto para facer cumprir a xaria.[53] Crese que ve o nacionalismo relixioso como un medio para lexitimar o goberno clerical do Emirato Islámico de Afganistán. Oponse á educación das nenas en Afganistán, vetando un plan para que as nenas volvesen á educación secundaria. Tamén emitiu e aprobou un decreto que esixía que as mulleres cubrisen o cabelo e o corpo dos ollos para abaixo en público e que non saísen da súa residencia a menos que fose necesario. Tamén supervisou a aplicación de restricións máis estritas aos medios de comunicación, prohibindo o uso de teléfonos móbiles na educación superior e as emisións en linguas estranxeiras. Dise que isto forma parte dun esforzo por volver ao estilo de goberno dos talibáns de 1996 a 2001, con Akhundzada inspirando o seu liderado no do mulá Omar, o fundador dos talibáns.[31]

Forma parte dunha facción clerical ultraconservadora, que mantén unha influencia desmesurada na toma de decisións do movemento. Esta facción inclúe o presidente do Tribunal Supremo Abdul Hakim Haqqani, o ministro de Vicepresidencia e Virtude, o xeque Mohammad Khalid, e o ministro de Hajj e Asuntos Relixiosos, Noor Mohammad Saqib.[54][55]

O 1 de xullo de 2022, nunha reunión relixiosa en Cabul, criticou á comunidade internacional por "interferir" no seu goberno "islámico", advertindo que os países non musulmáns sempre se opoñerían a un estado islámico puro. Descartou na práctica un goberno inclusivo.[12] Nunha aparente reprimenda aos chamamentos internacionais para aliviar as restricións ás mulleres en Afganistán, dixo: "Non estou aquí para cumprir os vosos desexos [dos estranxeiros], nin son aceptables para min. Non podo transixir sobre a xaria para traballar con vós ou sequera dar un paso adiante".[56][54] Engadiu: "Usades a Nai de Todas as Bombas e sodes benvidos a usar incluso a bomba atómica contra nós, porque nada pode asustarnos e dar ningún paso que vaia contra o islam ou a xaria".[57]

O illamento de Akhundzada, o seu estilo de liderado autocrático e as súas políticas ultraconservadoras crearon unha crecente fenda entre el e os seus asesores clericais con base en Kandahar, e os que dirixen o goberno en Cabul, que teñen que aplicar as súas políticas e responder ás críticas que reciben delas. Aínda que os talibáns adoitan presentar unha fronte unida, as tensións internas fixéronse máis evidentes co tempo. En febreiro de 2023, o principal axudante de Akhundzada, Sirajuddin Haqqani, criticou publicamente as políticas de liña dura do goberno, dicindo que o poder non debe ser monopolizado e que o goberno debe respectar as preocupacións do pobo.[58][1]

Intentos de asasinato

[editar | editar a fonte]

Akhundzada sufriu polo menos tres intentos de asasinato.[59] Durante unha conferencia súa en 2012 en Quetta, un home levantouse entre os estudantes e apuntoulle cunha pistola desde curta distancia, pero a arma atascouse. O mulá Ibrahim, pupilo de Akhundzada, declarou a The New York Times que "os talibáns correron a placar" e conter o atacante antes de que puidese arranxar o atasco; e que Akhundzada non se moveu durante o incidente nin durante o caos conseguinte.[13] Os talibáns acusaron á Dirección Nacional de Seguridade, a axencia de intelixencia afgá, do intento de tiroteo.[13]

Durante a oración do venres do 16 de agosto de 2019, unha poderosa explosión arrasou a mesquita de Khair Ul Madaris en Kuchlak, Quetta, matando ao irmán de Akhundzada, Hafiz Ahmadullah, e ao seu pai. Ahmadullah sucedera a Akhundzada como líder da mesquita, que servira como principal lugar de reunión da Shura de Quetta despois de que Akhundzada fose nomeado emir talibán.[17] "Foi un dispositivo cronometrado colocado debaixo da cadeira de madeira do líder da oración", declarou Abdul Razzaq Cheema, o xefe da policía de Quetta.[16] Non obstante, a policía non revelou a identidade das vítimas. Posteriormente confirmouse que máis familiares de Akhundzada morreran na explosión.[60] O Alto Consello do Emirato Islámico de Afganistán, unha facción separatista dos talibáns, reivindicou a autoría do ataque, engadindo que o obxectivo principal era Akhundzada.[61]

O 18 de maio de 2024, o grupo insurxente Fronte pola Liberdade de Afganistán (AFF) emitiu un comunicado no que afirmaba que levaran a cabo un intento de asasinato contra Azhundzada preto da mesquita Shah-Do Shamshira en Cabul mentres estaba de visita na cidade.[62] Segundo o comunicado da AFF, Azhundzada escapou, mentres que tres dos seus gardas de seguridade especiais morreron e un resultou ferido. A AFF tamén publicou un vídeo do que afirmaron que fora o ataque na súa conta da rede social X.[62] Os talibáns non fixeron comentarios sobre o informe, aínda que Afghanistan International recoñeceu que fontes locais si informaron dunha explosión no primeiro distrito de Cabul.[62]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Unseen Taliban Leader Wields Godlike Powers in Afghanistan" (en castelán). 28 de marzo de 2023. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  2. "Taliban Brings Released Leader Into Peace Talks With U.S." (en inglés). 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  3. 3,0 3,1 "Who are the Taliban leaders ruling Afghanistan?" (en inglés). 19 de agosto de 2021. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  4. "Dysfunctional centralization and growing fragility under Taliban rule" (en inglés). 6 de setembro de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  5. "The Story of Haibatullah Akhundzada's Rise to the Highest Position of the Taliban Movement" (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  6. "هبة الله آخوند زاده.. شيخ الحديث الذي يقود طالبان" (en árabe). 10 de novembro de 2025. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  7. "Introduction of Sheikh Moulavi Hibatullah Akhunzada (may Allah safeguard him), Leader of the Islamic Emirate of Afghanistan" (en inglés). 14 de decembro de 2016. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "Afghan Taliban announce successor to Mullah Mansour". BBC (en inglés). 25 de maio de 2016. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  9. 9,0 9,1 9,2 "Dead or alive? On the trail of the Taliban's supreme leader" (en inglés). 3 de decembro de 2021. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Burnett 2020, p. 57.
  11. 11,0 11,1 "Hibatullah's Roots Were Non-Political And Reclusive" (en inglés). 29 de maio de 2016. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  12. 12,0 12,1 Graham-Harrison, Emma (1 de xullo de 2022). "‘It’s our system’: Taliban leader hits out at foreign demands on Afghan regime". The Guardian (en inglés). Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "Taliban’s New Leader, More Scholar Than Fighter, Is Slow to Impose Himself". The New York Times (en inglés). 11 de xullo de 2016. Consultado o 27 de novembro de 2025. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 "Profile: New Taliban chief Mawlawi Hibatullah Akhundzada". BBC (en inglés). 26 de maio de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  15. "Akhundzadah, Hibatullah Mullah". afghan-bios.info (en inglés). Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  16. 16,0 16,1 "Brother of Afghan Taliban leader killed in Pakistan mosque blast" (en inglés). 15 de agosto de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  17. 17,0 17,1 "Brother of Afghan Taliban leader killed in Pakistan mosque blast" (en inglés). 16 de agosto de 2019. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  18. "The Taliban is back. Who are the leaders of the group?" (en inglés). 16 de agosto de 2021. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  19. 19,0 19,1 "Afghan Taliban: Haibatullah Akhunzada named new leader". Al Jazeera (en inglés). 26 de maio de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  20. 20,0 20,1 "Mawlawi Hibatullah: Taliban's new leader signals continuity" (en inglés). 26 de maio de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  21. Provost 2021, p. 123.
  22. "Afghan Taliban appoint Mullah Haibatullah Akhundzada as new leader". The Guardian (en inglés). 25 de maio de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  23. 23,0 23,1 "Taliban Say Top Leader’s Son Carried Out a Suicide Attack". The New York Times (en inglés). 22 de xullo de 2017. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  24. "Son of Afghan Taliban leader dies carrying out suicide attack" (en inglés). 22 de xullo de 2017. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  25. "Foreign Islamic State fighters captured by Taliban in Jawzjan" (en inglés). 4 de agosto de 2018. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  26. "Taliban leader urges unity for redevelopment of Afghanistan in wake of US forces' withdrawal". The Express Tribune (en inglés). 9 de maio de 2021. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  27. "Video shows thousands of prisoners, reportedly including Islamic State and al Qaeda fighters, freed from Kabul jail by the Taliban" (en inglés). 15 de agosto de 2021. Consultado o 28 de novembro de 2025. 
  28. "Who Is Haibatullah Akhundzada, the shadowy head of the Taliban?" (en inglés). 17 de agosto de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  29. "Hardliners get key posts in new Taliban government" (en inglés). 7 de setembro de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  30. "Instructions of Amir-ul-Momenin (May Allah protect him) to governors about Afghans going to Western countries" (en inglés). 8 de decembro de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  31. 31,0 31,1 "Taliban hard-liners turning back the clock in Afghanistan" (en inglés). 29 de marzo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  32. "Taliban chief warns against recruiting child soldiers" (en inglés). 28 de marzo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  33. "Taliban bans drug cultivation, including lucrative opium" (en inglés). 3 de decembro de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  34. "Taliban supreme leader urges world to recognise ‘Islamic Emirate’" (en inglés). 29 de abril de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  35. "The Taliban orders women to wear head-to-toe clothing in public" (en inglés). 7 de maio de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  36. "'Open Fear': Taliban Cracks Down On Afghan Media By Decree" (en inglés). 27 de xullo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  37. "Taliban leader: Afghanistan judges must enforce Shariah punishments" (en inglés). 14 de novembro de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  38. "Taliban confirm first floggings since supreme leader's edict" (en inglés). 23 de novembro de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  39. "Three women among dozen publicly flogged in Afghanistan - Taliban official". BBC (en inglés). 23 de novembro de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  40. "ICC prosecutor seeks arrest of Taliban leaders for persecution of Afghan women" (en inglés). 23 de xaneiro de 2025. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  41. "ICC issues arrest warrants for Taliban leaders over persecution of women and girls" (en inglés). 8 de xullo de 2025. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  42. "Taliban Orders Nationwide Shutdown Of Fibre-Optic Internet In Afghanistan" (en inglés). 29 de setembro de 2025. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  43. "Afghanistan: Taliban shuts down internet indefinitely" (en inglés). 29 de setembro de 2025. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  44. Graham-Harrison, Emma (14 de setembro de 2021). "Questions in Kabul as two top Taliban leaders ‘missing from public view’". The Guardian (en inglés). Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  45. "Taliban supreme leader urges world to recognise government" (en inglés). 29 de abril de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  46. "Taliban leader makes first public appearance: officials" (en inglés). 31 de outubro de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  47. "Taliban's reclusive supreme leader appears, belying rumours of his death" (en inglés). 31 de outubro de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  48. "Taliban supreme leader makes rare appearance to mark Eid al-Fitr" (en inglés). 1 de maio de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  49. "Afghan leader hails 'security' in rare appearance to mark Eid" (en inglés). 1 de maio de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  50. "Taliban supremo hails ‘security’ in rare appearance to mark Eid" (en inglés). 2 de maio de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  51. "Taliban leader makes first visit to capital city Kabul". BBC (en inglés). 1 de xullo de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  52. "Taliban supreme leader, Qatari PM hold talks in Afghanistan" (en inglés). 31 de maio de 2023. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  53. د کوچني اختر په مناسبت د شیخ صاحب وینا (YouTube) (en paxto). 
  54. 54,0 54,1 "Girls' Education Ban Reveals Deep Rifts Within Taliban" (en inglés). 15 de abril de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  55. "The Ban on Older Girls’ Education: Taleban conservatives ascendant and a leadership in disarray" (en inglés). 29 de marzo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  56. "Taliban supreme leader addresses major gathering in Kabul" (en inglés). 1 de xullo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  57. "Taliban Chief Slams Foreign 'Interference' in His 'Islamic' Governance" (en inglés). 1 de xullo de 2022. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  58. "Ruling Taliban display rare division in public over bans" (en inglés). 16 de febreiro de 2023. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  59. "Taliban in Afghanistan: who is in charge?" (en inglés). 18 de agosto de 2021. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  60. "Family of Taliban leader killed in 'assassination attempt' on eve of historic US peace deal". The Telegraph (en inglés). 16 de agosto de 2019. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  61. "Taliban in troubled waters as splinter groups target leaders in Quetta" (en inglés). 20 de setembro de 2019. Consultado o 2 de decembro de 2025. 
  62. 62,0 62,1 62,2 "3 Taliban Members Killed In Attack On Group’s Leader’s Guards In Kabul, Claims AFF" (en inglés). 18 de maio de 2024. Consultado o 2 de decembro de 2025.