Heteralocha acutirostris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Heteralocha acutirostris

Un par de Heteralocha acutirostris (macho diante da femia)

Obra de J. G. Keulemans para A History of the Birds of New Zealand de W. L. Buller (1888)

Estado de conservación

Extinto dende 1907[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Callaeidae
Xénero: Heteralocha
Cabanis, 1851
Especie: H. acutirostris
Nome binomial
'Heteralocha acutirostris'
(Gould, 1837)
Verde claro: orixinal Verde escuro: 1840 Vermello: lugar do avistamento confirmado de 1907 Amarelo: lugares de avistamentos sen confirmar
Verde claro: orixinal
Verde escuro: 1840
Vermello: lugar do avistamento confirmado de 1907
Amarelo: lugares de avistamentos sen confirmar

Verde claro: orixinal
Verde escuro: 1840
Vermello: lugar do avistamento confirmado de 1907
Amarelo: lugares de avistamentos sen confirmar
Sinonimia

Neomorpha acutirostris (femia)
Neomorpha crassirostris (macho)
Heteralocha gouldi

O Heteralocha acutirostris era unha especie de ave paseriforme endémica da illa Norte de Nova Zelandia, o maior membro da familia Callaeidae, cunha lonxitude corporal duns 45 cm. Extinguiuse a comezos do século XX. Houbo dúas causas principais que a provocaron: o exceso de caza tanto para obter plumas ornamentais como para conseguir exemplares disecados para os museos; e a deforestación da illa levada a cabo polos colonos europeos para crear pasteiros e terras de cultivo, aínda que probablemente a especie xa se atopaba en declive cando chegaron os europeos ás illas. A maioría destes bosques eran antigos e complexos bosques primarios e o Heteralocha acutirostris foi incapaz de adaptarse aos novos bosques secundarios. O último avistamento confirmado produciuse o 28 de decembro de 1907 na cordilleira Tararua.

O Heteralocha acutirostris presentaba o maior dimorfismo sexual na forma do bico de todas as especies de aves do mundo. O bico claro dos Heteralocha acutirostris tiña unha estrutura tan diferenciada segundo o sexo, que os primeiros exemplares, macho e femia, que levaron a Europa foron considerados representantes de especies distintas. O macho posuía un bico relativamente curto, estreito e recto mentres que o da femia, en cambio, era máis delgado, longo e claramente curvado cara a abaixo. Polo demais ambos os sexos tiñan un aspecto semellante, tiñan carúnculas alaranxadas ós lados da base do bico e a plumaxe predominantemente negra, con irisacións verdosas, e os extremos das plumas da cola de cor branca. Estas rechamantes plumas da cola adoitaban ser usadas polos xefes maorís como mostra do seu status.

Estas aves vivían tanto nos bosques de montaña como nas rexións baixas, e crese que alternaban ambas as rexións estacionalmente, vivindo en altitudes altas no verán e descendendo ás baixas no inverno. Os Heteralocha acutirostris eran omnívoros, comían insectos, larvas e arañas, ademais de froitos e unha pequena cantidade de plantas nativas. Os machos e as femias usaban os seus diferentes bicos para alimentarse de xeito distinto: o macho usaba o seu curto bico para escarbar na superficie da madeira podrecida, mentres que a femia podía sondar en fendas profundas.

Aínda que o Heteralocha acutirostris menciónase frecuentemente nos textos de bioloxía e ornitoloxía debido ó seu marcado dimorfismo, en realidade non se sabe moito sobre ela xa que foi moi pouco estudada antes da súa extinción. O Heteralocha acutirostris é unha das aves extintas máis coñecidas de Nova Zelandia por mor da forma do seu bico, a súa exótica beleza, e o lugar especial que ocupaba na cultura maorí e na súa tradición oral. Esta ave era consideraba sacra (‘tapu’) polos maorís, e levar a súa pel ou plumas estaba reservado ás persoas de alto status.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]