Saltar ao contido

Hesiquio de Mileto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHesiquio de Mileto
Biografía
Nacementoc. 505 Editar o valor en Wikidata
Mileto Editar o valor en Wikidata
Mortec. 530 Editar o valor en Wikidata (24/25 anos)
Constantinopla Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónhistoriador Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Encyclopædia Britannica
Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1338511

Hesiquio (en grego antigo Ἡσύχιος, en latín Hesychius), alcumado Ilustre (Ἰλλούστριος), probabelmente debido a algún cargo que ocupaba que implicaba este título), foi un historiador grego do século VI natural de Mileto.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi autor de varias obras, ningunha delas conservada, e principalmente dun dicionario biográfico, que é a fonte principal da Suídas, a enciclopedia medieval.

Viviu durante o reinado dos emperadores Anastasio I, Xustino I e Xustiniano I. Non se coñecen detalles da súa biografía, agás que era fillo de Hesiquio e Sofía e tivo un fillo chamado Xoán, cuxa morte detivo a obra do seu pai.

Escribiu as seguintes obras:

  1. Περὶ τῶν ἐν παιδεῖᾳ λαμψάντων σοφῶν (De his qui Eruditionis Fama claruere), un dicionario biográfico feito a partir de materiais doutros autores, principalmente Elio Dionisio e Herennio Filón, pero tamén de Dióxenes Laercio, posto que ten características semellantes ás Vidas e doutrinas dos filósofos máis ilustres. A obra non se conserva, pero é a fonte principal da Suídas, e un gran número de artigos destas enciclopedia proveñen enteiramente do dicionario de Hesiquio[1].
  2. Πάτρια Κωνστινουπόλεως (Res Patriae Constantinopolitanae). Probabelmente é un fragmento da obra que segue. Unha parte desta obra vaina incorporar case textualmente Xurxo Codino á súa Libro Chronico de Originibus Constantinopolitanis.
  3. Βιβλίον ἱστορικὸν ὡς ἐν συνόψει κοσμικῆς ἱστορίας, unha historia que inclúe máis de mil novecentos anos empezando por Belos, mítico fundador do Imperio asirio ata a morte do emperador Anastasio I en 518, distribuída en seis partes: 1) antes da guerra de Troia; 2) Da guerra de Troia á fundación de Roma; 3) da fundación de Roma ata a abolición da monarquía; 4) do establecemento do consulado ata Xulio César; 5) de Xulio César ata o establecemento de Constantinopla como capital; 6) ata a morte de Anastasio I. A esta última hai que lle engadir un apéndice sobre o reinado de Xustino (518-527) e o comezo do reinado de Xustiniano (emperador do 527 ao 566). O conxunto está moi ben documentado, e semella que se o seu alcume Ilustre quería dicir que tiña algún cargo na administración do imperio, puido acceder a gran cantidade de documentación oficial hoxe perdida.

Segundo Focio, esta última obra tiña un estilo conciso e unha linguaxe ben escollida e expresiva. Ás veces confundiuse a Hesiquio de Mileto co autor do Léxico Hesiquio de Alexandría[2].

  1. ↑ West, Martin L (2003). Homeric hymns. Homeric apocrypha. Lives of Homer. LOEB Classical Library. p. 307.
  2. ↑ 9.Hesychius of Miletus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. II Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 447-448.