Hermanfredo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século V |
Morte | 534 (Gregoriano) Zülpich |
Rei | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Outro | |
Título | Rei |
Familia | Amalos |
Cónxuxe | Amalaberga Bisina (?) |
Fillos | Amalafredo (pt) () Amalaberga Rodelinda () Amalaberga |
Pais | Basino (pt) e Menia (en) |
Irmáns | Baderico (pt) , Bertachar (en) e Radegunda, a Velha (pt) |
Hermanfredo (tamén Hermanifrid ou Hermanafrid; en latín: Hermenfredus) foi o último rei independente dos Turingii. Foi un do tres fillos do rei Basino e de Basina. Os seus irmáns foron Baderico; Radegunda (a maior), casada co rei longobardo Wacho, e Berthar.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hermanfredo casou, entre 507 e 511, con Amalaberga, filla de Amalafrida, quen era filla do rei ostrogodo Teodomiro. Amalaberga tamén era sobriña de Teodorico o Grande. Non está claro cando se converteu en rei, aínda que nunha carta de Teodorico datada en 507 xa era nomeado rei (rex thoringorum). Inicialmente compartiu o trono cos seus irmáns, pero en 529 matou o seu irmán Berthar en batalla.
Segundo Gregorio de Tours, foi Amalaberga a que instigó a Hermanfredo contra o seu irmán. Pero Amalaberga non se deu por satisfeita e seguiu instigando ao seu marido contra o seu outro irmán. Sempre segundo Gregorio de Tours, nunha ocasión Amalaberga puxo só a metade da mesa para comer. Cando Hermanfredo lle preguntou a causa daquilo, ela contestoulle que: «un rei que só é dono da metade do seu reino só merece a metade da mesa». Hermanfredo meditou sobre iso e decidiu pactar co rei Teodorico I de Austrasia para marchar xuntos contra o seu irmán Baderico. Baderico foi derrotado polos francos e decapitado, pero Hermanfredo negouse a cumprir o seu parte do pactado con Teodorico, nacendo unha profunda inimizade entre eles.
En 531, Teodorico, o seu fillo Teodeberto e o seu medio irmán o rei Clotario I atacaron o reino turinxio.[1] Os francos venceron na batalla cerca do río Unstrut[2] e tomaron o palacio real de Scithingi (o actual Burgscheidungen). Hermanfredo tratou de fuxir, mais os francos capturárono xunto á súa sobriña Radegunda e aos seus sobriños (ver a obra de Venancio Fortunato, De excidio Thoringae).
Trala vitoria semellou que a xenreira que os enfrontaba desaparecera, e Teodorico proporcionou a Hermanfredo un salvoconduto ordenándolle que se dirixise a Zülpich, e colmouno de agasallos. Pese ao salvoconduto, alguén atacou a Hermanfredo dende as murallas de Zülpich e morreu.[3] Gregorio de Tours menciona que certas persoas se aventuraron a suxerir nese momento que todo fora unha trampa de Teodorico.
Radegunda foi casada á forza co rei Clotario I, aínda que a esposa de Hermanfredo, Amalaberga, fuxiu cos seus fillos Amalafredo e Rodelinda xunto aos seus familiares ostrogodos, sendo capturados polo xeneral bizantino Belisario e enviados a Constantinopla. Alí Amalafredo converteuse en xeneral imperial e Rodelinda foi obrigada a casar co rei longobardo Audoíno.
O reino turinxio chegou ao seu fin con Hermanfredo. A rexión ao leste do río Saale foi ocupada por tribos eslavas, mentres que o norte de Turinxia foi ocupado polos saxóns.
A caída da dinastía turinxia foi obxecto de varios tratados épicos, sendo o mellor coñecido deles o Rerum gestarum saxonicarum libri tres de Viduquindo de Corvey, sobre o mito da fundación saxoa, escrito en 967.
Sobre as fontes
[editar | editar a fonte]A principal fonte desta época é Gregorio de Tours, pero pola súa orixe, representa o punto de vista dos francos. Viduquindo de Corvey é bastante posterior e incorpora nos seus relatos moitos elementos de lenda que se foron incorporando nos séculos posteriores. Pola súa banda, Procopio de Cesarea só menciona os sucesos que escuetamente afectaron a Italia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Procopio de Cesarea (2007), p. 127.
- ↑ Gregorio de Tours, Historia de los francos, libro III
- ↑ Oman (1908), p. 114.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Oman, Charles (1908). The Dark Ages, 476-918 (en inglés). Londres: Rivingtons.
- Procopio de Cesarea (2007). Flores Rubio, José Antonio, ed. Historia de las Guerras. Guerras Góticas. Libros V-VI. Colección: Biblioteca clásica Gredos, nº 355 (en castelán). Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-2862-9.