Helena Almeida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Helena Almeida
Nome completoHelena Maria de Castro Neves de Almeida
Nacemento1934
Lugar de nacementoLisboa
Falecemento25 de setembro de 2018
Lugar de falecementoSintra
Causainfarto agudo de miocardio
NacionalidadePortugal portuguesa
Alma máterUniversidade de Lisboa
Ocupaciónfotógrafa, pintora e artista
PaiLeopoldo de Almeida
CónxuxeArtur Rosa
PremiosGrande-Oficial da Ordem do Infante Dom Henrique
editar datos en Wikidata ]

Helena Almeida, nada en Lisboa en 1934, é unha artista plástica portuguesa.

Helena Almeida iniciou a súa carreira ao final da década de 1960 e é unha figura imprescindíbel no panorama artístico portugués contemporáneo. Autora dunha obra multifacetada, sintonizada coas prácticas artísticas máis avanzadas da época, viría a centrarse nun territorio onde o seu propio corpo é elemento nuclear. Unha grande retrospetiva da súa obra, titulada "A minha obra é o meu corpo, o meu corpo é a minha obra", foi exposta no Museo de Serralves, Porto (2015), e en París (2016); será posteriormente presentada en Bruxelas.

Biografía / Obra[editar | editar a fonte]

Filla do escultor Leopoldo de Almeida (1898 - 1975) Helena Almeida nace en Lisboa en 1934. En 1955 termina o curso de pintura da Escola Superior de Belas Artes de Lisboa; xa entón casada co arquitecto Artur Rosa e nai de dous fillos, irá dedicar os anos inmediatos ás tarefas familiares. En 1964 obtén unha bolsa de estudos e desprázase a París.

Expón individualmente por primeira vez en 1967 (Galeria Buchholz, Lisboa), presentando traballos que revelan xa algúns trazos da obra futura; nas súas pinturas tridimensionais, inverte as compoñentes físicas da pintura ("o que estaba virado para a fronte era o gradeamento e a estrutura de madeira"), adicionándolles unha serie de elementos tridimensionais (estor; portada). Estamos así, desde o inicio, perante un exercicio crítico a través do cal "desmonta a estrutura lóxica e a perceción da pintura".

Influída polos principios da arte concetual, ese exercicio crítico irá extravasar para alén do territorio restrinxido da pintura e do deseño, realizándose nunha práctica multidisciplinar articulada primeiramente co soporte fotográfico (segundo João Pinharanda, "a fotografía é a placa central do seu discurso"), mais que se cruza identicamente coa performance e a escultura.

A partir de 1969 Helena Almeida define un novo aspecto nuclear da súa obra, o desexo de autorrepresentación, "o desexo de que a pintura e o deseño se tornen corpo, de que se anule a distancia entre corpo e obra". No inicio da década de 1970 interroga o deseño, que se torna en globo sonda do que estaba para vir. A utilización de fío de crina permítelle "tornar o trazo tridimensional e facer que o deseño salte do papel, se autonomize da superficie". O cuestionamento esténdese despois á pintura, materializada agora a través de manchas azuis ou vermellas que se independendizan, cubrindo a boca, espallándose (ou sendo espalladas) polas mans… Nas súas Pinturas habitadas de 1975-77 a pintura "agárrase coas mans, entra pola boca ou derrámase nunha bágoa. En 1976 a artista afirmaba: «creo estar preto da verdade se dixer que pinto a pintura e deseño o deseño»".

A partir de 1975 fotografía, pintura e deseño conxúganse nunha práctica artística que se constrúe "nos limiares de todas esas disciplinas, creando a súa propia linguaxe e co corpo da artista como primeiro soporte de intervención plástica". No entanto en ningún caso poderá falarse de autorretrato – estas obras "nada nos din sobre o corpo concreto ou a natureza psicolóxica da artista" –, nin de teatralización ou montaxe doutros personaxes.

Se a pintura e o deseño son esenciais para o entendemento do traballo de Helena Almeida nas décadas de 1970 e 1980, a escultura e a performance son as linguaxes ás que debemos recorrer para pensar moitas das obras posteriores onde se focaliza na relación entre o corpo e o espazo, especialmente o espazo do seu taller. É o que acontece en Dentro de mim, 2001, en que cola un espello estreito, vertical, ao seu corpo, afirmando "o desexo de que o corpo se prolongue, que saia e supere os seus límites físicos", ou na serie Voar, do mesmo ano, onde arrisca unha vez máis "a relación entre o seu corpo e o espazo, de modo simultaneamente irónico e lúdico.'O desexo de superar os límites físicos está novamente presente, mais agora é este propio desexo que é sometido a un exercicio de autocrítica ou autoironía" .

"Ando en círculo; os ciclos volven. O traballo nunca está completo, ten de se volver a facer. O que me interesa é sempre o mesmo: o espazo, a casa, o teito, a esquina, o chan; despois, o espazo físico da tea, mais o que eu quero é tratar de emocións. Son maneiras de contar unha historia".

Exposicións / Premios[editar | editar a fonte]

Exposicións individuais[editar | editar a fonte]

Helena Almeida representou Portugal na Bienal de São Paulo, Brasil (1979), na Bienal de Venecia (1982 e 2005) e na Bienal de Sidney (2004).

Do seu vasto currículo de exposicións individuais en Portugal e no estranxeiro, poden destacarse: Musée Charleroi, Bélxica (1991); Fundação de Serralves, Porto (1995); Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela (2000); MEIAC, Museo Estremeño e Ibero-americano de Arte Contemporánea, Badaxoz (2000); Drawing Art Centre, Nova York (2004); Centro Cultural de Belém, Lisboa (2004); Kettle’s Yard, Cambridge (2009); Fundación Telefónica, Madrid (2009); Museu de Serralves, Porto (2015-2016).

E aínda: Galeria Buchholz, Lisboa (1967, 68, 69); Galeria Quadrante, Lisboa (1970); Galeria Judite Dacruz, Lisboa (1971); Galeria Módulo, Porto (1972, 76); Sociedade Nacional de Belas Artes, Lisboa (1972, 76); Galerie e+o Friedrich, Bern (1978, 80); Galerie Bama, París (1978, 81); Galeria EMI Valentim de Carvalho, Lisboa (1985, 90); Galerie Kara, Xénova (1986); Cooperativa Diferença, Lisboa (1988); Richard Demarco Gallery, Edimburgo (1989); Casa de América, Madrid (1997); Galeria Presença, Porto (1998, 2002); Galeria Estrany de la Moto, Barcelona (2000); Thomas Erben Gallery, Nova York (2001); Galeria Filomena Soares, Lisboa (2001); Galería Helga Avelar, Madrid (2001); etc.

Premios[editar | editar a fonte]

Obtivo varios premios, dos que se poden destacar: 1º Premio de Deseño, Coímbra, 1969; Premio da 11ª Bienal de Tokio; Premio da Bienal de Vila Nova de Cerveira, 1984; Premio da Fundación Calouste Gulbenkian, 1984; Premio BESphoto, 2004; Premio AICA, 2004.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]