Helen Megaw

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Helen Dick Megaw
Datos persoais
Nacemento1 de xuño de 1907
LugarDublín, Irlanda
Falecemento26 de febreiro de 2002
LugarBallycastle, Reino Unido
NacionalidadeFlag of Ireland.svg Irlandesa
Actividade
Campoquímico e cristalógrafo
Alma máterUniversidade da Raiña de Belfast, Girton College (Cambridge)
Tese1934
Director de teseJohn Desmond Bernal
Contribucións e premios
Coñecido porDeterminación da estrutura dos cristais de xeo e da perovskita
PremiosMedalla Roebling da Sociedad Mineralógica Americana
editar datos en Wikidata ]

Helen Dick Megaw, nada en Dublín o 1 de xuño de 1907 e finada en Ballycastle o 26 de febreiro de 2002[1], foi unha mineraloxista irlandesa que contribuíu ao desenvolvemento da cristalografía de raios X[2], técnica que utilizou para estudar os cristais de xeo e determinar a estrutura da perovskita. O seu libro Ferroelectricity in Crystals sobre o fenómeno da ferroelectricidade foi durante moito tempo a principal obra de referencia sobre ese tema.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Helen Megaw naceu en Dublín no seo dunha familia influente. O seu pai, Robert Dick Megaw, avogado e político, foi xuíz do Tribunal Supremo de Irlanda do Norte.[2] Megaw asistiu á escola en Dublín e en Brighton.[3] Estudou na Universidade da Raíña de Belfast durante un ano e en 1926 trasladouse a Girton College (Cambridge) para estudar Ciencias naturais. Tras graduarse en 1930, iniciou os estudos de doutoramento na Universidade de Cambridge.[4] O seu supervisor John Bernal, un dos primeiros investigadores en recoñecer o potencial da cristalografía de raios X para o estudo de compostos químicos, iniciou a Megaw neste campo[2], onde a investigadora realizou as súas contribucións científicas máis notables, como o estudo de diferentes tipos de cristais de xeo, levado a cabo durante o seu doutoramento. Xunto con Bernal, tamén investigou os enlaces de hidróxeno en hidróxidos metálicos, traballo que recibiu moita atención.[5]

Megaw obtivo o título de doutor en 1934. Entre 1935 e 1937 proseguiu o seu traballo de investigación en Viena e Oxford. Desde 1937 até 1943 traballou como profesora de escola. En 1943 conseguiu un emprego en Philips Lamps Ltd, situada en Mitcham, onde investigou o titanato de bario (BaTiO3), un composto ferroeléctrico de gran interese para a industria electrónica. Megaw determinou a estrutura cristalina do material e descubriu que era do mesmo tipo que as perovskitas, chegando a converterse nunha dos principais expertos nestes minerais.[2] En 1945, obtivo un posto como investigadora no Laboratorio Cristalográfico de Birkbeck College.[3] Ao cabo dun ano regresou a Cambridge como profesora na súa alma máter, Girton College, e continuou a súa carreira científica nos Laboratorios Cavendish, investigando materiais ferroeléctricos e os feldespatos[4]. Ademais do seu labor como investigadora e educadora, Megaw foi participante activa da asociación Third Foundation, responsable da fundación en 1954 do terceiro colexio para mulleres de Cambridge e formou parte da dirección do colexio até 1972.[4]

Obra[editar | editar a fonte]

Ademais de varios artigos científicos,[5] Megaw escribiu Ferroelectricity in Crystals, publicado pola editorial Methuen en 1957, unha obra innovadora e a primeira do seu tipo,[2] e Crystal Structures: a Working Approach, publicada por W.B. Saunders Co en 1973.[4] Doou varios dos diagramas das estruturas de cristais que estudaba ao Consello de Deseño Industrial, que os empregou no deseño de diversos obxectos, entre eles un xogo de té exhibido no Festival de Gran Bretaña de 1951.[2]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

O Comité Antarctic Place-names do Reino Unido (UK-APC) nomeou na súa honra a illa Megaw, parte das Illas Bennet da Antártida en recoñecemento ao seu estudo dos cristais de xeo.[6]. Tamén leva o seu nome a megawita (CaSnO3), un tipo de perovskita.[7]

Megaw foi a primeira muller en recibir a Medalla Roebling da Sociedade Mineralóxica Americana. Obtivo dous doutoramentos honoris causa da Universidade de Cambridge e da Universidade da Raíña de Belfast respectivamente.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Glazer, A. M. "Megaw, Helen Dick (1907–2002)". Oxford Dictionary of National Biography. doi:10.1093/ref:odnb/76773. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Helen Dick Megaw (1907 - 2002): Mineralogist". The Dictionary of Ulster Biography. Consultado o 11 de febreiro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "Broader Impacts of Women in Crystallography". doi:10.1021/acs.cgd.5b00457. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Personal papers of Helen Megaw
  5. 5,0 5,1 "Helen D. Megaw". CWP and Regents of the University of California. Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2016. Consultado o 9 de febreiro de 2017. 
  6. National Geospatial-Intelligence Agency. "Megaw Island: Antarctica". Geographical names. Arquivado dende o orixinal o 9 de febreiro de 2017. Consultado o 11 de febreiro de 2017. 
  7. "Megawite, CaSnO3: a new perovskite-group mineral from skarns of the Upper Chegem caldera, Kabardino-Balkaria, Northern Caucasus, Russia". Mineralogical Magazine 75 (5). Outubro de 2011. doi:10.1180/minmag.2011.075.5.2563. Consultado o 2012-10-20. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]