Haven

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Restos do casco afundido do Haven.

O Haven foi un superpetroleiro chipriota que se incendiou o 11 de abril de 1991 fronte ó porto de Xénova (Italia) para afundir o día 14. Causou unha marea negra que afectou a costa italiana de Liguria e a Costa Azul francesa, ata Hyères.

Descrición[editar | editar a fonte]

Tratábase dun superpetroleiro do tipo VLCC (Very Large Crude Carrier), construído en 1973 por Astilleros Españoles en Cádiz. Navegou orixinalmente baixo o nome de Amoco Milford Haven (tamén coñecido como M/C Amoco Milford Haven ou, abreviado, M/C Haven), cando era propiedade da multinacional Amoco. Tiña unhas dimensións de 344 m de eslora, 51 m de manga e 28 m de calado. A súa capacidade era de 267.500 tn de desprazamento e contaba con 36 tripulantes. No momento do accidente transportaba unha carga de 144.000 toneladas de petróleo cru.

O propietario do buque no momento do accidente era a empresa Venha Maritime Company e o armador a sociedade Troodos Shipping. Navegou baixo bandeira de Liberia ata 1985 para pasar, desde esa data, a facelo baixo bandeira de Chipre.

En 1988 foi alcanzado por un mísil Exocet disparado desde un buque de guerra iraniano, mentres navegaba polo Golfo Pérsico, o que provocou serios danos ó casco. Foi sometido ás necesarias reparacións en Singapur, entre 1988 e 1990. Unha vez reparado fixo unha única viaxe, que rematou no afundimento.

Varios irmáns do Haven sofriran un fin similar: o Amoco Cadiz, que afundiu o 16 de marzo de 1978 fronte Bretaña (Francia); o Maria Alejandra, que explotou o 11 de marzo de 1980 fronte a costa de Mauritania; e o Mikenes, que tamén explotou o 3 de abril de 1980, fronte á costa de Serra Leoa.

Accidente[editar | editar a fonte]

O Haven estaba chegando a Xénova para descargar no porto de Multedo, e tivo que quedar á espera para poder entrar no porto, a unhas 6 millas da costa.

Ás 12.30 horas do 11 de abril de 1991, o petroleiro sofre unha explosión mentres se realizaba unha transferencia da carga desde os depósitos de proa ós centrais. A explosión é de tal potencia que levanta a cuberta da proa e foi seguida dun violento incendio. Durante a noite, o barco é arrastrado por varios remolcadores lonxe da costa, ata unha zona situada entre Cogoleto e Arenzano, pero durante este remolque rompe o casco, debilitado polas explosións, separándose a proa. Esta parte, duns 95 m de lonxitude, afundiu a 470 m de profundidade (44°16′22.42″ N 08°41′18.83″ E).

Na mañá do día 13, novas explosións sacudiron os restos do barco, probablemente debido a un sobrequentamento dos tanques que aínda non arderan. Por fin, ás 9:30 do 14 de abril, unha nova explosión provocou o afundimento, a unha milla e media do porto de Arenzano, a unha profundidade de 80 metros (44°22′25.75″ N 08°41′59.58″ E).

Impacto medioambiental[editar | editar a fonte]

A primeira vertedura, estimada nunhas 80.000 toneladas, formou unha ampla mancha de 12x4 km aproximadamente, que terminou chegando á costa da Liguria e que despois foi arrastrada cara á Costa Azul francesa. A marea negra afectou un total de 110 km de costa sen que os buques anticontaminación puidesen evitalo.

Das 144.000 toneladas de carga, arderon ó redor de 90.000 toneladas, ademais do propio combustible do barco.

Detalle dos restos do barco: escaleira de popa.

En 1998 alcanzouse un acordo entre o FIDAC (Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á contaminación por hidrocarburos), o armador e a aseguradora chegaron a un acordo definitivo. O goberno italiano promulgou a chamada Lei Haven (xullo de 1998) que permitiu fixar as indemnizacións en 117,6 millardos de liras, das que 70 foron abonados polo FIDAC e 47,6 pola compañía aseguradora.

Na actualidade pódense visitar os restos do barco mediante técnicas de mergullo recreativo ou profesional, no que se converteu no maior naufraxio visitable do Mediterráneo e un dos meirandes do mundo. O pecio xa está completamente colonizado por unha rica fauna bentonica. A popa elévase ata unha profundidade de 36 metros, o nivel ó que se cortou a cheminea por representar un perigo para a navegación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]