Hans Eysenck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hans Eysenck
Hans.Eysenck.jpg
Nacemento4 de marzo de 1916
 Berlín
Falecemento4 de setembro de 1997
 Londres
Causacancro de cerebro
NacionalidadeReino Unido e Alemaña
Alma máterUniversity College de Londres
Ocupaciónpsicólogo e catedrático de universidade
PaiEduard Eysenck
NaiHelga Molander
CónxuxeSybil B. G. Eysenck
FillosMichael Eysenck
PremiosWilliam James Fellow Award
editar datos en Wikidata ]

Hans Jürgen Eysenck (/ˈaɪzɛŋk/), nado en Berlín o 4 de marzo de 1916 e finado en Londres o 4 de setembro de 1997, foi un psicólogo inglés de orixe alemá, que desenvolveu a súa carreira profesional en Gran Bretaña. É recoñecido polo seu traballo en intelixencia e personalidade, aínda que tamén traballou noutros temas dentro da psicoloxía.[1][2] No momento da súa morte, Eysenck era o psicólogo vivo máis frecuentemente citado nas revistas científicas revisada por pares.[3][4] Un estudo de 2019 atopouno como o máis controvertido dos 55 investigadores de intelixencia.[5]

O traballo de Eysenck foi reavaliado a partir da súa morte. En 2019, 26 dos seus documentos (todos en coautoría con Ronald Grossarth-Maticek) foron "considerados inseguros" por unha investigación en nome do King's College London.[6][7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1934 viuse forzado a emigrar da Alemaña nazi, refuxiándose ata 1939 en Francia e logo no Reino Unido. Estudou na Universidade de Londres, desempeñando funcións como psicólogo entre os anos 1942 e 1945 no hospital londiniense de Mill Hill e, dende 1945, no hospital Maudsley dependente da Universidade de Londres. Entre 1950 e 1955 foi director da unidade de psicoloxía do Instituto de psiquiatría e logo, entre 1955 e 1984, xefe de cátedra da carreira de psicoloxía na Universidade de Londres, universidade na que recibiu o título de doutor emérito.

En 1952 publicou un artigo no que refería que a ausencia de tratamento era igual ou aínda mellor que a psicoterapia psicanalítica. Isto impulsou a investigación a nivel científico dos modelos psicoterapéuticos comportamentais e cognitivos. Grazas á súa investigación pódese afirmar que as terapias cognitivo-comportamentais teñen base empírica demostrable.

Dentro das aproximacións á psicoloxía diferencial da personalidade, derivadas dunha fundamentación teórica previa, atópanse os seus postulados. O seu modelo estrutural é o máis importante de entre os factoriais biolóxicos e nel quedan claramente sinalados os correlatos que poden servir como elementos de contraste na análise da validez das teorías taxonómicas.

Os modelos factoriais biolóxicos[editar | editar a fonte]

O de Eysenck é o modelo estrutural máis importante desenvolvido baixo unha serie de concepcións teóricas previas. Nel queda sinalado que os correlatos biolóxicos poden servir como elementos de contraste na análise da validez das taxonomías. As súas ideas principais son:

  • Para describir a conduta, utilízanse os trazos que caracterizan os individuos segundo un grao.
  • Existen tipos, ou trazos que se correlacionan entre eles constituíndo categorías de rango superior.
  • Os tipos baséanse en factores constitucionais, xenéticos ou innatos.

Antes da obtención dos datos, Eysenck xa postulara as principais dimensións da conduta humana.

O modelo PEN[editar | editar a fonte]

No campo da psicoloxía da personalidade existen dúas correntes, unha que afirma que a personalidade consta de tres dimensións ou superfactores, da cal Eysenck foi o seu maior defensor, e outra, actualmente máis aceptado, que defende que son cinco. As tres dimensións que postula o modelo PEN de Eysenck son a extraversión, o neuroticismo e o psicoticismo. Cada unha delas está relacionada respectivamente cos que Eysenck considerou os motores da conduta que son reprodución, conservación e autodefensa. Ademais engadiu un cuarto factor, a intelixencia, aínda que nunca o vinculou á súa teoría PEN. Cada unha destas dimensións tiña unhas bases biolóxicas a nivel neuroquímico e estaba composta por nove factores ou trazos.

Extraversión[editar | editar a fonte]

A extraversión é a dimensión máis traballada por Eysenck. Trátase dunha dimensión bipolar na que no extremo alto se atopa a extraversión e no outro extremo, o das puntuacións baixas, se acha a introversión. Os nove factores desta dimensión son sociabilidade, vivacidade, actividade, asertividade, procura de sensacións, despreocupación, dominancia, surxencia (espontaneidade) e ser aventureiro. Segundo Eysenck detrás desta dimensión estaba o SARA (Sistema de Activación Reticular Ascendente) que se encargaba de activar a cortiza cerebral. Deste xeito as persoas cunha cortiza cerebral moi activada non necesitarían máis estimulación e evitarían excesivo contacto social, é dicir, serían introvertidas e viceversa. Segundo Eysenck esta é a dimensión social.

Neuroticismo (ansiedade)[editar | editar a fonte]

Esta dimensión é tectónica, polo que unicamente se atopa unha patoloxía nun dos extremos da mesma, o polo alto en neuroticismo, mentres que no polo oposto se atopa o control das emocións, é dicir, a normalidade. Os nove factores da dimensión son a ansiedade, a depresión, o sentimento de culpa, a baixa autoestima, a tensión, a irracionalidade, a timidez, a tristeza e a emotividade. As bases biolóxicas desta dimensión están relacionadas coa activación do sistema nervioso autónomo. Segundo Eysenck esta é a dimensión emotiva.

Psicoticismo[editar | editar a fonte]

O psicoticismo foi a última dimensión que apareceu na súa teoría e a máis criticada (de feito, os defensores dos modelos de cinco dimensións subdividen esta en dúas dimensións, o autocontrol e a hostilidade). Os nove factores desta dimensión son a agresividade, a frialdade, o egocentrismo, a impersonalidade, a impulsividade, o ser antisocial, a ausencia de empatía, a creatividade e a rixidez. As bases biolóxicas desta dimensión, moito menos sólida que as das outras dúas dimensións, baséanse principalmente no metabolismo da serotonina. Esta dimensión, orixinalmente deseñouse para detectar tendencias psicóticas na poboación normal; con todo, os resultados mostran que a inmensa maioría da xente puntúa extremadamente baixo nesta escala (normalidade) e que os que puntúan alto non son psicóticos, senón máis ben psicópatas. Tamén está correlacionada positivamente cos delincuentes. Segundo Eysenck esta é a dimensión impulsiva.

Fundamentación biolóxica[editar | editar a fonte]

As dimensións propostas son concibidas no ámbito do temperamento, dende o que Eysenck denomina antecedentes distales, relativos aos determinantes biolóxicos. Por iso, estas dimensións están fundamentadas en factores constitucionais de gran relevancia biolóxica sendo denominadas como trazos-fonte.

En canto aos antecedentes proximais, o sistema PEN representa un modelo causal da personalidade, de corte bioloxicista, pois Eysenck sitúa as bases biolóxicas da extraversión e introversión en centros corticais e subcorticais do cerebro, dentro do sistema nervioso central. Ten moito en conta o termo arousal ou activación cortical xeneralizada que, á súa vez, depende do nivel de actividade do SARA.

Para Eysenck, o fundamento biolóxico do neuroticismo atópase na actividade do cerebro visceral (hipocampo-amígdala, cíngulo, septum e hipotálamo) que produce un incremento da activación do sistema nervioso autónomo. O elemento principal aquí é un nivel elevado de activación do sistema límbico, que se manifesta nun exceso de activación emocional en resposta aos estímulos estresantes e situacións ameazantes. As persoas que puntúan baixo en neuroticismo presentan unha baixa labilidade do sistema autónomo.

En canto ao psicoticismo, o asunto non está tan claro, pero si se expresa que se trata dunha base xenética importante. Esta dimensión asociouse inicialmente con bases hormonais, pero posteriormente díxose que é unha asociación entre o psicoticismo e diversos factores bioquímicos, principalmente a actividade da serotonina: baixos niveis de 5-HT serían os responsables da desinhibición que manifestan estes suxeitos en canto a impulsividade ou agresividade.

Retratos[editar | editar a fonte]

Hai cinco retratos de Eysenck na colección permanente da National Portrait Gallery de Londres, incluídas fotografías de Anne-Katrin Purkiss e Elliott and Fry.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boyle, G.J., & Ortet, G. (1997). Hans Jurgen Eysenck: Obituario. Ansiedad y Estrés (Anxiety and Stress), 3, i-ii.
  2. Boyle, G.J. (2000). Obituaries: Raymond B. Cattell and Hans J. Eysenck. Multivariate Experimental Clinical Research, 12, i-vi.
  3. Haggbloom, S. J. (2002). "The 100 most eminent psychologists of the 20th century" 6 (2). doi:10.1037/1089-2680.6.2.139. 
  4. Rushton, J. P. (2001). "A scientometric appreciation of H. J. Eysenck's contributions to psychology" 31. 
  5. Woodley of Menie. "A scientometric analysis of controversies in the field of intelligence research" 77. ISSN 0160-2896. doi:10.1016/j.intell.2019.101397. 
  6. "King's College London enquiry into publications authored by Professor Hans Eysenck with Professor Ronald Grossarth-Maticek" (PDF). outubro de 2019. 
  7. "Work of renowned UK psychologist Hans Eysenck ruled 'unsafe'". 11 de outubro de 2019. 
  8. "National Portrait Gallery – Person – Hans Jürgen Eysenck". Npg.org.uk. 1 de outubro de 1950. Consultado o 22 de xullo de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Buchanan, Roderick J. (2010). Playing with Fire: The Controversial Career of Hans J. Eysenck. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-856688-5. Resumo divulgativo (23 de outubro de 2010). 
  • Corr, P. J. (2016). Hans Eysenck: A Contradictory Psychology. Macmillan Education-Palgrave. ISBN 978-0230249400. 
  • Eysenck, Hans (1997). Rebel with a cause. Transaction Publishers. ISBN 978-1-56000-938-2. 
  • Gibson, H. B. (1981). Hans Eysenck: The man and his work. Peter Owen. ISBN 978-0-7206-0566-2. 
  • Goldberg, L. R. & Rosalack, T. K. (1994), "The big-five factor structure as an integrative framework: An empirical comparison with Eysenck’s P-E-N model". In: C. F. Halverson, G. A. Kohnstamm & R. P. Martin (eds). The developing structure of temperament and personality from infancy to adulthood (pp. 7–35), Hilldale, NJ: Erlbaum.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]