Halíplidos
Haliplidae | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Haliplus ruficollis, Haliplus flavicollis e Peltodytes caesus (non a escala) | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||
|
Os halíplidos (Haliplidae) son unha familia de escaravellos acuáticos que nadan usando un movemento alternativo das patas. Son torpes na auga (comparados por exemplo cos escaravellos Dytiscidae ou Hydrophilidae), e prefiren moverse arrastrándose entre a vexetación; tamén voan pero raramente o fan. A familia consta dunhas 200 especies en 5 xéneros, distribuídos en todos os hábitats de auga doce; é a única familia existente da superfamilia Haliploidea.[1] Tanto os adultos coma as larvas son estritamente acuáticos. Respiran baixo a auga co aire que almacenan entre os élitros e procesos coxais.[2]
Descrición
[editar | editar a fonte]Os imagos destes escaravellos son xeralmente de forma oval, cunha parte superior moi convexa, e miden de 1,5 a 5,0 mm de longo. Son xeralmente de cor de amarelado a marrón claro, frecuentemente con padróns de puntos escuros e claros con 10 ou máis ringleiras de perforacións nos élitros. A característica máis distintiva da familia é ter grandes placas coxais nas patas anteriores, que son inmóbiles (aínda que non están fusionadas na liña central) e esténdense cara a atrás ao longo da parte inferior cubrindo a maior parte da base do abdome e os trocánteres das patas posteriores e fémures. Utilízanas para almacenar aire suplementando así o aire transportado baixo os élitros.[1][3]
Os ollos compostos sobresaen marcadamente da pequena cabeza, que leva as antenas con 11 segmentos sobre un antenóforo cunha base curta (escapo). A extensión do prosterno é ancha, cun extremo truncado, e acaba ao lado do proceso metasternal. O metasterno ten unha crista transversal completa. As patas delgadas teñen longos pelos natatorios sobre as tibias e o tarso, pero non están aplanados tomando forma de "aleta". As tibias das patas anteriores carecen de aparato para limpar as antenas que presentan moitos outros escaravellos. A diferenza doutros Adephaga, as ás anteriores non están pregadas baixo os élitros, senón enroladas xuntas apicalmente.[1][3]
As larvas de háplidos teñen un corpo longo e delgado cun exoesqueleto duro. Non nadan. Poden ser recoñecidas polas súas pezas bucais especializadas na súa pequena cabeza. As maxilas e o labio están adaptados para manipular as algas que as larvas comen, mentres que as mandíbulas conteñen unha canle a través da cal zugan os fluídos dos alimentos. As patas das larvas son curtas e levan cada unha unha soa garra, pero as patas anteriores teñen varias adaptacións para gabear polas plantas acuáticas. A respiración fana por branquias, que poden ser longas ou filamentosas, ou, en Peltodytes, curtas extensións microtraqueais; encóntranse sobre os terxitos de todos os segmentos esternais e de todos menos o décimo (e último) segmento abdominal. As últimas poden estar ausentes, pero nas larvas dalgúns Haliplidae teñen extremos máis delgados e acaban en dúas puntas (que non son urogonfos). O último (terceiro) ínstar ten espiráculos funcionais no mesotórax do primeiro ao sétimo segmento abdominal.[3]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Os halíplidos viven na vexetación acuática nas beiras de pequenas lagoas, lagos e regatos de augas calmas. Os adultos son omnívoros, comen ovos de insectos, pequenos crustáceos, pólipos de hidrozoos, e algas, mentres que as larvas comen só algas. As especies de Peltodytes depositan os ovos na superficie de plantas acuáticas, mentres que Haliplus escava mastigando unha cavidade nas plantas para poñer alí os ovos. Presentan tres ínstares e a pupación ten lugar en terra nunha cámara construída pola larva.[1]
Os halíplidos non foron moi estudados porque a súa interacción cos humanos é mínima. O Brychius hungerfordi é unha especie en perigo que vive só en Míchigan e Ontario.
Sistemática
[editar | editar a fonte]A clasificación dos halíplidos como grupo propio dentro de Adephaga non se discute, e a maioría dos entomólogos cren que se desenvolveron a partir de escaravellos terrestres de forma independente dos outros tipos de escaravellos acuáticos. Durante moitas décadas, a familia estivo en revisión, o último catálogo xeral publicado por A. Zimmermann en 1920. B. J. van Vondel orixinou un catálogo posto ao día dos taxons de Haliplidae coñecidos.[4]
Igual que os escaravellos mergulladores predadores da familia Dytiscidae, os halíplidos forman unha rama temperán dos Adephaga. Teñen maxilas con fendas e o seu músculo tentoriolacinial non se une á base estipital medial. As súas larvas, como as dos escaravellos mergulladores predadores, non posúen rachadores da cuberta dos ovos na cabeza. Aínda non está resolto se os Haliplidae e Dytiscidae están estreitamente emparentados, ou se se orixinaron independentemente desde os Adephaga basais.[3]
Xéneros
[editar | editar a fonte]A familia non é moi diversa, e só ten cinco xéneros aceptados.[5] Destes, Peltodytes é probablemente o máis ancestral, aínda que ten varias autapomorfías. Os outros teñen máis sinapomorfías en común; Haliplus é o máis diverso e parece incluír algunhas liñaxes menores antes consideradas xéneros independentes.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 R. E. Roughley (2001). "Haliplidae". En Ross H. Arnett, Jr. & Michael C. Thomas. American Beetles, Volume 1. CRC Press.
- ↑ Science direct Haliplidae
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Rolf Georg Beutel (February 25, 2008). "Haliplidae. Crawling water beetles". Tree of Life Web Project. Consultado o 10 de xaneiro de 2011.
- ↑ B. J. van Vondel (2005). "Haliplidae". En A. N. Nilsson. Volume 7. Amphizoidae, Aspidytidae, Haliplidae, Noteridae and Paelobiidae (Coleoptera, Adephaga). World Catalogue of Insects. Stenstrup: Apollo Books.
- ↑ Haliplidae Species List at Joel Hallan's Biology Catalog. Texas A&M University. Consultado o 10 de maio de 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Halíplidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Halíplidos |