Hórreo da Reitoral de San Martiño de Vilaboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°21′37″N 8°38′21″O / 42.360277777778, -8.6391666666667

Hórreo da reitoral de Vilaboa.

O hórreo da casa reitoral da parroquia de Vilaboa, situado no lugar do Toural, é o meirande hórreo do concello de Vilaboa (seguido de preto pola paneira de Cobres) e, asemade, é a segunda “hórrea” de cantería sobre esteos de maior tamaño de toda Galicia logo da do mosteiro de San Xoán de Poio.

Áchase dentro dun exclusivo grupo de hórreos alongados e moi anchos de ampla coxía sustentados por tríos de pés, cepas transversais ou celeiros denominados “hórreas”. Tipoloxicamente trátase dunha construción de pedra similar ao clásico hórreo tipo Morrazo.

Descrición[editar | editar a fonte]

Data do século XVIII e posúe 36 pés organizados en tres fileiras de 12 pés[1], 33 vans, un corpo feito exclusivamente con pedra, unha única porta de acceso no lado oeste con frontispicio ou pinche do penal que a diferencia doutros edificios similares, e mais unha cuberta a dúas augas de tellas árabes cerámicas soportada por seis rexas tesoiras de castiñeiro. Os esteos están rematados en tornarratos troncocónicos, o piso da cámara aparece composto por longos perpiaños, todo o perímetro da mesma áchase embelecido cunha cornixa superior de granito e os pinchóns das fachadas están aireados por tres postes biselados lixeiramente separados, tal e como fan as pedras caladas que ventilan os costados. Ten 17,3 metros de longura, 3,4 de anchura, 4 de altura (2 na cámara) e 58,82 metros cadrados de superficie.

Na fachada norte destacan dúas faces riseiras.

En decembro do 2012 logo dun forte trebón as podres trabes da fachada sur cederon, levando consigo o teito da metade do hórreo, tirando varias pilastras da parede leste e movendo as pezas de cantería da cámara. O Concello de Vilaboa contactou coa arquidiocese de Santiago de Compostela[2], e en 2014 comezaron as obras de restauración.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

A páxina Módulo:Gallery/styles.css non ten contido.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Canastro da Reitoral de San Martiño de Vilaboa na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. Marcos Gago (26 de setembro de 2013). "Vilaboa advierte de la ruina del tercer hórreo más grande de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]