Guy Fawkes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guy Fawkes
Guy Fawkes
Ilustración de Guy Fawkes por George Cruikshank
Nacemento 13 de abril de 1570
Lugar York, Inglaterra Inglaterra
Falecemento 31 de xaneiro de 1606 (35 anos)
Lugar Westminster, Londres, Inglaterra Inglaterra
Ocupación Militar
Coñecido/a por Conspiración da pólvora

Guy Fawkes (/ˈɡ ˈfɔːks/), nado en York en 1570 e finado o 31 de xaneiro de 1606,[a] tamén coñecido coma Guido Fawkes, nome que adoptou cando loitou no bando español, foi un membro dun grupo de católicos ingleses que planearon a fracasada Conspiración da pólvora de 1605.

Fawkes naceu e educouse en York. O seu pai faleceu cando el tiña 8 anos de idade, e tras isto a súa nai casou cun católico recusante. Fawkes converteuse ó catolicismo e viaxou ó continente, onde loitou na guerra dos oitenta anos no bando do Imperio Español católico contra os neerlandeses protestantes nos Países Baixos. Viaxou ata España procurando apoio para unha rebelión católica en Inglaterra sen éxito, onde coñeceu a Thomas Wintour, con quen retornou a Inglaterra.

Wintour presentoulle a Robert Catesby, quen planeaba asasinar ó rei Xacobe I e instaurar unha monarquía católica no trono. Os conspiradores alugaron unha cripta baixo a Cámara dos Lords, e Fawkes quedou ó cargo da pólvora que almacenaron alí. As autoridades, tras recibir unha carta anónima, comezaron unha procura no Palacio de Westminster nas primeiras horas do 5 de novembro, e atoparon a Fawkes protexendo ós explosivos, tralo que foi arrestado. Nos días seguintes foi interrogado e torturado, confesando eventualmente. Xusto antes da súa execución o 31 de xaneiro Fawkes caeu da plataforma dende a que ía ser aforcado e partiu o pescozo, evitando así a agonía da subsecuente mutilación.

Fawkes pasou a ser sinónimo da Conspiración da pólvora, fracaso polo que se conmemora en Inglaterra dende o 5 de novembro de 1605. Tradicionalmente quéimase a súa efixie nunha fogueira, habitualmente acompañada de fogos artificiais. Segundo Lewis Call, Fawkes está considerado coma "un instrumento potencialmente poderoso para a articulación do anarquismo posmoderno", exemplificado na máscara do protagonista da banda deseñada V for Vendetta e do filme homónimo.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Infancia e xuventude[editar | editar a fonte]

Guy Fawkes naceu en 1570 en Stonegate, York. Foi o segundo de catro fillos de Edward Fawkes, un procurador e defensor da corte consistorial en York,[b] e de Edith Fawkes.[c] Os seus pais eran comungantes regulares da Igrexa de Inglaterra, tal e como foran os seus avós paternos. A súa avoa, nada Ellen Harrington, fora filla dun mercador prominente que serviu como Lord Mayor de York en 1536.[4] Os familiares de Fawkes por parte de nai eran recusantes católicos e o seu curmán, Richard Cowling, convertérase en clérigo xesuíta.[5] Guy era un nome pouco común en Inglaterra, pero considérase que podería ter sido popular en York por mor dun personaxe local notable, Sir Guy Fairfax de Steeton.[6]

Placa azul de Guy Fawkes en York

Descoñécese o día concreto do seu nacemento, pero Fawkes foi bautizado na igrexa de St. Michael le Belfrey o 16 de abril. Como o período de tempo acostumado entre o nacemento e o bautismo era entón de tres días, considérase que con toda probabilidade naceu o 13 de abril.[5] En 1568 Edith tivo unha filla de nome Anne, que faleceu ás sete semanas de nacer, en novembro dese ano. Tivo outros dous fillos despois de Guy: Anne (n. 1572) e Elizabeth (n. 1575), que casaron respectivamente en 1599 e 1594.[6][7]

O seu pai finou en 1579, cando Fawkes tiña oito anos de idade. A súa nai volveu casar varios anos despois, co católico Dionis Baynbrigge (ou Denis Bainbridge) de Scotton, Harrogate. Considérase que Fawkes puido converterse en católico por mor das tendencias recusatorias da familia Baynbrigge, ademais das ramas católicas das familias Pulleyn e Percy de Scotton,[8] pero tamén polo tempo que pasou en St. Peter's School en York. Un dos directores desta escola pasara uns 20 anos en prisión por recusación, e o seu director principal John Pulleyn procedía dunha familia de recusantes notables, os Pulleyn de Blubberhouses. Na súa obra de 1915 titulada The Pulleynes of Yorkshire, Catharine Pullein suxeriu que a educación católica de Fawkes proviña dos seus familiares por parte de nai, a familia Harrington, que eran coñecidos por amparar a curas.[9][d] Algúns compañeiros de estudo de Fawkes foron John e Christopher Wright, ámbolos dous involucrados na posterior Conspiración da pólvora, ademais de Oswald Tesimond, Edward Oldcorne e Robert Middleton, que se converterían posteriormente en curas.[10][e]

Tras deixar a escola Fawkes entrou ó servizo de Anthony Browne, 1º Vizconde de Montagu. O vizconde non apreciaba a Fawkes e despediuno ó pouco tempo. Posteriormente Fawkes comezou a traballar para Anthony-Maria Browne, 2º Vizconde de Montagu, que sucedeu ó seu avó ó cumprir os 18 anos de idade.[11] Polo menos unha fonte afirma que Fawkes casou e tivo un fillo, pero non existen rexistros coetáneos que confirmen este feito.[7][f]

Carreira militar[editar | editar a fonte]

En outubro de 1591 Fawkes vendeu a súa casa en Clifton, herdada do seu pai.[12][g] Viaxou ó continente para loitar na Guerra dos oitenta anos no bando da España católica contra as Provincias Unidas, e dende 1595 ata a Paz de Vervins en 1598, contra Francia. Malia que Inglaterra non estaba naquel entón en operacións bélicas terrestres contra España, os dous países estaban aínda en guerra, e só pasaran cinco anos dende a Armada Invencible. Uniuse a Sir William Stanley, un católico inglés e comandante veterano duns 50 anos de idade que recrutara a un exército en Irlanda para loitar na expedición de Leicester ós Países Baixos. Stanley estaba moi ben considerado por Isabel I, pero trala rendición deste de Deventer ós españois en 1587 cambiara de bando xunto gran parte das súas tropas para servir a España. Fawkes pasou a ser alférez, loitou no asedio de Calais en 1596, e no ano 1603 recibiu unha recomendación para unha capitanía.[3] Ese mesmo ano viaxou a España procurando apoios para unha rebelión católica en Inglaterra. Aproveitou esta oportunidade para adoptar unha versión italiana do seu nome, "Guido", e no seu memorando describiu a Xacobe I coma "un herexe", que intentaba "expulsar a toda a seita papista fóra de Inglaterra".[13] Malia que tivo unha recepción amable, a corte de Filipe III non lle ofreceu ningún apoio.[14]

Conspiración da pólvora[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Conspiración da pólvora.
Gravado coetáneo de oito dos trece conspiradores, por Crispijn van de Passe. Fawkes é o terceiro pola dereita.

En 1604 Fawkes involucrouse cun pequeno grupo de católicos ingleses, liderados por Robert Catesby, que planeaban asasinar ó rei protestante Xacobe I e substituílo pola filla deste, a Princesa Isabel, terceira na liña de sucesión.[15][16] O clérigo xesuíta e antigo amigo de escola de Fawkes, Oswald Tesimond, describiuno coma "agradable e de actitude feliz, oposto ás disputas e conflitos ... leal ós seus amigos."[3] Tesimond declarou tamén que Fawkes era "un home de gran habilidade nos asuntos de guerra", e que fora esta mestura de piedade e profesionalismo o que lle granxeou o afecto dos seus compañeiros de conspiración.[3] Antonia Fraser describiu a Fawkes coma "un home alto e de complexión poderosa, cun espeso cabelo loiro-castaño, un fluído bigote na tradición do seu tempo, e unha tupida barba loira-castaña", ademais de indicar que "era un home de acción ... capaz de debater de forma intelixente así coma posuír unha gran resistencia física, en certa forma para sorpresa dos seus inimigos".[5]

A primeira reunión dos cinco principais conspiradores tivo lugar o domingo 20 de maio de 1604 nunha pousada chamada Duck and Drake, no distrito Strand de Londres.[17][h] Catesby propuxera unha reunión con anterioridade con Thomas Wintour e John Wright para asasinar ó rei e ó seu goberno facendo estoupar "o Parlamento con pólvora". Catesby convenceu finalmente a Wintour, quen nun primeiro momento opúxose ó plan, para que viaxase ó continente na procura de axuda. Wintour reuniuse co Condestábel de Castilla, o espía galés exiliado Hugh Owen,[18] e con Sir William Stanley, quen afirmou que Catesby non recibiría apoio de España. Porén, Owen presentou a Wintour e Fawkes, que naquel entón xa levaba moitos anos fóra de Inglaterra, e polo tanto era un descoñecido no país. Wintour e Fawkes eran contemporáneos, ámbolos dous militantes e con experiencia de primeira man da pouca disposición de axuda por parte dos españois. Wintour comentoulle a Fawkes o seu plan,[3] e en abril de 1604 volveron os dous a Inglaterra.[17] As novas de Wintour non sorprenderon a Catesby quen, malia os rumores afirmativos por parte das autoridades españolas, temía que non recibirían unha resposta positiva.[19][i]

Un dos conspiradores, Thomas Percy, obtivo un ascenso en xuño de 1604, conseguindo acceso a unha casa en Londres que pertencía a John Whynniard, o Gardarroupa do Rei. Fawkes instalouse coma caseiro e comezou a usar o pseudónimo John Johnson, facéndose pasar por servente de Percy.[20] O reconto contemporáneo da prosecución do plan, tomado da confesión de Thomas Wintour,[21] afirma que os conspiradores tentaron cavar un túnel por baixo da casa de Whynniard ata o Parlamento, aínda que esta historia puido ser unha invención do goberno, xa que non se atopou nin presentou ningunha proba da existencia dese túnel. O propio Fawkes non admitiu a existencia de devandito plan ata o seu quinto interrogatorio, e aínda así non foi capaz de localizar o túnel.[22] De considerarse certa a historia, en decembro de 1604 os conspiradores estarían cavando o túnel cando escoitaron un ruído que proviña dun piso enriba deles. Fawkes saíu a investigar, e volveu coa nova de que a viúva do propietario estaba limpando un soto próximo, directamente baixo a Cámara dos Lords.[3][23]

Os conspiradores pagaron o usufruto da habitación do soto, que tamén pertencía a John Whynniard. Sucio e sen uso, considerárono un lugar ideal para agochar a pólvora que planeaban almacenar.[24] Segundo Fawkes, ó principio levaron 20 barrís de pólvora, seguidos doutros 16 máis o 20 de xullo.[25] O 28 de xullo a ameaza da peste postergou a apertura do parlamento ata o martes 5 de novembro.[26]

Nun intento de obter apoio estranxeiro, Fawkes viaxou en maio de 1605 ata ó continente e informou a Hugh Owen do plan dos conspiradores.[27] Nalgún punto da súa viaxe o seu nome chegou a oídos de Robert Cecil, 1º Conde de Salisbury, quen tiña unha rede de espías por toda Europa. Un deles, o capitán William Turner, foi quen lle informou. Malia que a información que adoitaba fornecerlle a Salisbury habitualmente era un vago padrón de informes de invasións, sen incluír nada sobre a conspiración, o 21 de abril informou de como Tesimond levara a Fawkes, coñecido mercenario flamengo, ata Inglaterra, presentándolle "ó Sr. Catesby e amigos honorables da nobreza e outros que terían armas e cabalos preparados".[28] Porén, o informe de Turner non mencionaba o pseudónimo de Fawkes en Inglaterra, John Johnson, e non lle chegou a Cecil ata finais de novembro, tempo despois de que se descubrira o complot.[3][29]

Non se coñece con exactitude cando volveu Fawkes á Inglaterra, pero chegou a Londres a finais de agosto de 1605, descubrindo xunto a Wintour que a pólvora que almacenaran no soto estaba podre, polo que trouxeron máis pólvora cubríndoa con madeira para escondela.[30] O papel final de Fawkes no complot decidiuse tras unha serie de reunións en outubro dese ano. Sería o encargado de prender a mecha e escapar polo río Támese. De forma simultánea os conspiradores comezarían unha revolta nos Midlands que axudaría a asegurar a captura da Princesa Isabel. Os actos de rexicidio estaban moi mal vistos, polo que Fawkes tería que viaxar ata a Europa continental e explicarlle ós poderes católicos o seu deber sagrado de matar ó rei e ó seu séquito.[31]

Descubrimento do complot[editar | editar a fonte]

Descubrimento da Conspiración da pólvora (c. 1823), por Henry Perronet Briggs

Varios dos conspiradores estaban preocupados pola presenza de varios católicos no Parlamento durante a súa apertura.[32] Na noite do 26 de outubro, Lord Monteagle recibiu unha carta anónima advertíndolle de que se mantivese lonxe do mesmo, afirmando que "este parlamento recibiría un golpe terrible".[33] Malia o coñecemento inmediato desa carta —informados por un dos serventes de Monteagle— os conspiradores decidiron continuar co seu plan, crendo que non se lle faría caso as sospeitas levantadas pola misiva.[34] Fawkes comprobou o soto o 30 de outubro, e informou que todo estaba sen cambios.[35] As sospeitas de Monteagle amentaron, poñendo ó rei Xacobe en coñecemento da carta. O rei ordenoulle a Sir Thomas Knyvet que organizase unha busca polos sotos baixo o Parlamento, que comezou a primeiras horas do 5 de novembro. Fawkes estaba no seu posto dende a noite anterior, armado cunha mecha curta e un reloxo que lle dera Percy para levar conta da hora.[3] Atopárono saíndo do soto, pouco despois de media noite, e arrestárono. Dentro do soto descubriron os barrís de pólvora, agochados baixo unha morea de madeira e carbón.[36]

Interrogatorio e tortura[editar | editar a fonte]

Fawkes deu o nome de John Johnson e foi interrogado por primeira vez por membros da cámara privada do rei, mantendo unha actitude desafiante.[37] Cando un dos lords lle preguntou que facía en posesión de tanta pólvora, Fawkes respondeulle que a súa intención era "facervos voar polos aires, mendigos escoceses, de volta as vosas montañas nativas".[38] Identificouse coma un católico de 36 anos de idade procedente de Netherdale en Yorkshire, afirmando que o nome de seu pai era Thomas e o de súa nai Edith Jackson. Preguntándolle por varias feridas no seu corpo, explicou que eran debidas ós efectos dunha pleurite. Fawkes admitiu a súa intención de voar a Casa dos Lords, arrepentíndose de non conseguilo. A súa resolución gañoulle a admiración do rei Xacobe, chegando a declarar sobre Fawkes que tiña unha "resolución romana".[39]

Comparativa da evolución da sinatura de "Guido" Fawkes durante o seu proceso de interrogatorio e tortura.

Porén, o 6 de novembro Xacobe ordenou que torturasen a "John Johnson", para que revelase os nomes dos seus compañeiros de conspiración.[40] Indicou que comezasen cunha lixeira tortura, facendo referencia ó uso de esposas, pero que utilizasen métodos máis severos se fose necesario, autorizando o uso do poldro.[37][41] Levaron a Fawkes ata a Torre de Londres, e o rei compuxo unha lista de preguntas que incluían cuestións sobre quen era, onde aprendera a falar francés, se era papista e quen traballaba con el.[42] A dependencia na que foi interrogado pasaría a coñecerse posteriormente coma a Habitación de Guy Fawkes.[43]

Sir William Waad, tenente da Torre, supervisou a tortura e obtivo a confesión de Fawkes.[37] Nun rexistro do seu prisioneiro atopou unha carta, dirixida a Guy Fawkes. Para sorpresa de Waad "Johnson" mantivo o silencio sen revelar nada da conspiración ou dos outros autores.[44] Na noite do 6 de novembro Fawkes falou con Waad, que a súa vez informou a Salisbury: "[Johnson] díxonos que dende que levou a cabo esta acción rezoulle tódolos días a Deus que faría o que sería polo ben da Fe Católica e por salvar a súa propia alma". Segundo Waad, Fawkes conseguiu durmir esa noite, malia a advertencia de que sería interrogado ata "conseguir o segredo interno dos seus pensamentos e tódolos seus cómplices",[45] e ó día seguinte conseguiron rachar a súa compostura.[46]

O observador Sir Edward Hoby declarou: "Dende que Johnson chegou á Torre, comezou a falar inglés". Fawkes revelou a súa verdadeira identidade o 7 de novembro, e díxolle ós seus interrogadores que había cinco persoas involucradas na conspiración para matar ó rei. Comezou a revelar os seus nomes o 8 de novembro, e detallou o seu plan de situar á princesa Isabel no trono. Na súa terceira confesión, do 9 de novembro, involucrou tamén a Francis Tresham. Dende o complot Ridolfi de 1571 os prisioneiros ingleses eran obrigados a ditar as súas confesións, antes de copialas e asinalas, se aínda eran capaces.[47] Malia que non se sabe con certeza se foi torturado no poldro, segundo Fraser a evolución da sinatura de Fawkes demostra o sufrimento que tivo que soportar a mans dos seus interrogadores.[48]

Xuízo e execución[editar | editar a fonte]

O xuízo dos conspiradores comezou o luns 27 de xaneiro de 1606. Fawkes compartiu a barca dende a Torre ata Westminster Hall con sete dos seus compañeiros de conspiración.[49][j] Deixáronos na Cámara Estrelada antes de levalos ata Westminster Hall, expostos un cadafalso construído a propósito para a ocasión. O rei e os seus familiares máis próximos atopábanse en segredo entre os espectadores cando os Lords leron a lista de cargos. Fawkes foi identificado coma Guido Fawkes, "tamén chamado Guido Johnson". Declarouse non culpable, malia a súa aparente aceptación de culpa que amosara dende o momento que foi capturado.[50]

Gravado de 1606 de Claes Jansz Visscher, representando a execución de Fawkes

O xurado declarou culpables a tódolos acusados, e o Lord Xefe de Xustiza, Sir John Popham, declarounos culpables de alta traizón.[51] O fiscal xeral Sir Edward Coke elaborou perante a corte que cada un dos condenados sería arrastrado de costas ata a súa morte por un cabalo, coa cabeza preto do chan, dándolles morte " a metade de camiño entre a terra e o ceo, non merecedores de ningún dos dous".[52] Cortaríanlles os xenitais e queimaríanos perante os seus ollos, sacándolles o seu corazón e as súas entrañas. Posteriormente procederían a decapitalos e desmembralos, expoñendo as partes dos seus corpos para que se convertesen en "presa das aves salvaxes do aire".[52] O testemuño de Fawkes e Tresham's sobre a traizón española leuse en alto, así coma as confesións relacionadas de forma específica coa Conspiración da pólvora. A última proba que se indicou foi unha conversa entre Fawkes e Wintour, ós que mantiveran en celas adxacentes. Aparentemente pensaban que estiveran falando en privado, mais un espía do goberno escoitara a súa conversa. Cando os prisioneiros tiveron a oportunidade de falar, Fawkes explicou a súa declaración de non culpabilidade como ignorancia de certos aspectos da acusación.[53]

O 31 de xaneiro de 1606 Fawkes e tres dos seus compañeiros – Thomas Wintour, Ambrose Rookwood e Robert Keyes – foron arrastrados dende a Torre ata Old Palace Yard en Westminster, en fronte do edificio que tentaran destruír.[54] Os seus compañeiros de conspiración foron aforcados e desmembrados, sendo Fawkes o último vivo no cadafalso. Alí pediu o perdón do rei e do estado, mentres mantiña as súas "cruces e cerimonias" (prácticas católicas).[37][55][56] Debilitado pola tortura e axudado polo verdugo, Fawkes comezou a subir pola escada ata o lazo, mais ben por saltar cara a súa morte ou por subir demasiado alto facendo que a corda non estivera ben posta, evitou a agonía da última parte da súa execución ó caer ó chan partindo o pescozo.[37][55][56] O seu corpo xa sen vida foi desmembrado de todas formas,[57] e seguindo o costume da época,[58] as partes do seu corpo distribuíronse polas "catro esquinas do reino", para ser expostas como advertencia para outros posibles traidores.[59]

Legado[editar | editar a fonte]

Sketch of a group of children escorting an effigy
Procession of a Guy (1864)

O 5 de novembro de 1605 animouse ós londinienses a celebrar o fracaso do complot de asasinato do rei prendendo fogueiras.[3] unha acta do Parlamento declarou o 5 de novembro como un día festivo de acción de grazas, manténdose como tal ata 1859.[60] Malia ser só un dos 13 conspiradores, Fawkes é o individuo que máis se asocia coa conspiración fallada.[61]

En Gran Bretaña o 5 de novembro recibiu os nomes de Noite de Guy Fawkes, Día de Guy Fawkes, Noite da Conspiración[62] e Noite da Fogueira, este último con orixe directo na celebración orixinal do 5 de novembro de 1605.[63] As fogueiras acompañáronse de fogos artificiais dende o ano 1650, converténdose en costume queimar unha efixie (habitualmente do Papa) a partir do ano 1673, ano no que o posible herdeiro ó trono Xacobe, Duque de York, fixo pública a súa conversión ó catolicismo.[3] Nestas fogueiras queimáronse tamén outras efixies de figuras notables que estiveron no punto de mira do enfado público en varias ocasións, coma por exemplo Paul Kruger e Margaret Thatcher,[64] aínda que a maioría das efixies modernas queimadas foron de Fawkes.[60] Os nenos adoitan crear o boneco ("guy") a partir de roupa vella, xornais e unha máscara.[60] Durante o século XIX a palabra "guy" pasou a ter o significado de unha persoa cunha vestimenta estraña, pero no inglés americano perdeu a súa connotación pexorativa e pasou a usarse para referirse a calquera varón.[60][65]

Guy Fawkes celébrase en ocasións nun brinde coma "o último home en entrar no Parlamento con intencións honestas".[66] Segundo o historiador Lewis Call, Fawkes converteuse "nunha icona principal da cultura política moderna", e a súa cara converteuse "nun instrumento potencialmente poderoso para a articulación do anarquismo posmoderno" a finais do século XX, exemplificado na máscara que leva o protagonista da obra de banda deseñada V for Vendetta, que loita contra un ficticio estado inglés fascista.[67]

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

A máscara de Guy Fawkes de V for Vendetta e da súa versión cinematográfica converteuse nun símbolo internacional de protesta a comezos do século XXI.[68]

No programa de televisión da BBC titulado "100 Greatest Britons" de 2002, no que se destacaba a cen dos británicos máis prominentes de tódolos tempos, Fawkes situouse no posto número 30 en base á votación dos espectadores do programa.[69] Tamén se lle fai mención no libro de Bernard Ingham titulado Yorkshire Greats, no que o autor destaca ós 50 persoeiros máis notables de Yorkshire.[70]

Fawkes e a Conspiración da pólvora serviron como inspiración para a novela gráfica distópica de Alan Moore V for Vendetta, publicada no ano 1988. A idea de representar ó protagonista coa vestimenta de Fawkes ocorréuselle a un dos artistas da novela gráfica, David Lloyd.[71] Nesta obra o protagonista, chamado V, leva unha máscara de Guy Fawkes e executa un plan para facer voar polos aires a Casa do Parlamento.[72] A banda deseñada tivo unha adaptación ó cinema no ano 2005, dirixida por James McTeigue.[73] Os activistas de Anonymous popularizaron a máscara que V leva no filme adoptándoa no seu símbolo e nas súas protestas públicas, e tamén foi habitual o seu uso por parte de participantes do movemento Occupy. Tanto Moore coma Lloyd declararon publicamente o seu agrado por que estes movementos usen o seu deseño da máscara en protestas contra a tiranía e a opresión.[74][75]

A novela histórica de William Harrison Ainsworth de 1841 titulada Guy Fawkes; or, The Gunpowder Treason representa a Fawkes dunha forma empática,[76] e transformouno para o público xeral nun "personaxe de ficción aceptable".[77] Fawkes apareceu posteriormente en varios libros infantís e penny dreadfuls coma The Boyhood Days of Guy Fawkes; or, The Conspirators of Old London, publicado ó redor do ano 1905.[77] Jules Verne escribiu en 1847 unha obra de teatro en verso titulada La Conspiration des poudres que non se chegou a publicar, inspirada nos feitos da Conspiración da pólvora con Fawkes coma un dos personaxes da mesma.[78] Pola súa banda o poeta T.S. Elliot mencionou a Fawkes no seu poema The Hollow Men, empregando as palabras "A penny for the Old Guy".[79] Outra referencia literaria dáse na serie de Harry Potter, na que un fénix leva o nome de Fawkes.[80]

Tanto a Conspiración da pólvora coma o destino de Fawkes foron representados en varias ocasións en espectáculos de mimos e no teatro. Un dos primeiros exemplos da representación nun espectáculo de mimos foi Harlequin and Guy Fawkes's, the 5th of November, representada na Royal Opera House o 16 de novembro de 1835.[81] Outra das obras inspiradas nel foi Guy Fawkes, or a game for a King, escrita por Albert Smith e William Hale, que se representou por primeira vez no ano 1855.[82] A obra Guido Fawkes's, the Prophetess of Ordsall Cave, representada no Queen's Theatre de Manchester en xuño de 1840, estivo baseada na novela de Ainsworth,[83] que así mesmo foi adaptada ó cinema no ano 1923 no filme titulado Guy Fawkes de Maurice Elvey.[84]

Na versión en vinilo do álbum de 1986 de The Smiths titulado The Queen Is Dead aparecía gravado o texto "Guy Fawkes was a genius" ("Guy Fawkes era un xenio") preto do centro do disco LP.[85] Pola súa parte o grupo de psychobilly The Krewmen gravou unha canción co título "Guy Fawkes", na que tratan sobre o fracaso da conspiración e o arresto de Fawkes.[86] Guy Fawkes aparece nos videoxogos Travel at your own risk,[87] The Plot[88] e Doctor Who: The Adventure Games - The Gunpowder Plot (neste último xunto a Catesby e Percy),[89][90] e un personaxe supermutante do xogo Fallout 3 leva o nome de Fawkes.[91]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As datas neste artigo previas ó 14 de setembro de 1752 danse no calendario xuliano. O comezo do ano considérase no 1 de xaneiro malia que en Inglaterra comezaba no 25 de marzo.
  2. Segundo unha fonte mencionada por Haynes, podería ter sido Registrar da Corte de Facenda do Arcebispo.[1]
  3. O seu nome de solteira dase de forma alternativa coma Edith Blake[2] ou Edith Jackson.[3]
  4. Un destes clérigos acompañou posteriormente a Fawkes na súa viaxe a Flandres nos anos 1592–1593.[9]
  5. Robert Middleton foi executado no ano 1601.[10]
  6. Segundo o International Genealogical Index, compilado pola Family History Library, Fawkes casou con Maria Pulleyn (n. 1569) en Scotton no ano 1590, e tivo un fillo, Thomas, o 6 de febreiro de 1591.[9] Porén, estas entradas semellan derivar dunha fonte secundaria e non dos rexistros parroquiais.[7]
  7. Malia que o Oxford Dictionary of National Biography afirma que foi en 1592,[3] Peter Beal en A Dictionary of English Manuscript Terminology, 1450 to 2000 inclúe unha escritura da venda asinada que data do 14 de outubro de 1591.[12]
  8. Na reunión estiveron presentes John Wright, Thomas Percy e Thomas Wintour, quen xa era coñecido de Fawkes.[17]
  9. Filipe III chegou a un acordo de paz con Inglaterra en agosto de 1604.[19]
  10. O oitavo, Thomas Bates, foi considerado inferior polo seu status social e ficou na prisión de Gatehouse.[49]
Referencias
  1. Haynes 2005, pp. 28–29.
  2. "Guy Fawkes" (en inglés). The Gunpowder Plot Society. Consultado o 19 de maio de 2010. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 Nicholls, Mark (2004). "Fawkes, Guy (bap. 1570, d. 1606)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/9230. Consultado o 6 de maio de 2010. (require subscrición (?)). 
  4. Stephen, Leslie, ed. (1921–1922). "Fawkes, Guy". The Dictionary of National Biography. Londres: Oxford University Press. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Fraser 2005, p. 84.
  6. 6,0 6,1 Sharpe 2005, p. 48.
  7. 7,0 7,1 7,2 Fraser 2005, p. 86.
  8. Sharpe 2005, p. 49.
  9. 9,0 9,1 9,2 Herber, David (1998). "The Marriage of Guy Fawkes and Maria Pulleyn". The Gunpowder Plot Society. Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2011. Consultado o 16 de febreiro de 2010. 
  10. 10,0 10,1 Fraser 2005, pp. 84–85.
  11. Fraser 2005, pp. 85–86.
  12. 12,0 12,1 Beal, Peter (18 de xaneiro de 2010). A Dictionary of English Manuscript Terminology: 1450 to 2000 (en inglés) (1ª ed.). Oxford University Press. pp. 198–199. ISBN 978-0199576128. 
  13. Fraser 2005, p. 89.
  14. Fraser 2005, pp. 87–90
  15. Northcote Parkinson 1976, p. 46.
  16. Fraser 2005, pp. 140–142.
  17. 17,0 17,1 17,2 Fraser 2005, pp. 117–119.
  18. Fraser 2005, p. 87.
  19. 19,0 19,1 Nicholls, Mark (2004). "Catesby, Robert (b. in or after 1572, d. 1605)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/4883. Consultado o 12 de maio de 2010. (require subscrición (?)). 
  20. Fraser 2005, pp. 122–123.
  21. Nicholls, Mark (2004). "Winter, Thomas (c. 1571–1606)". Oxford Dictionary of National Biography. Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/29767. Consultado o 16 de novembro de 2009. (require subscrición (?)). 
  22. Fraser 2005, pp. 133–134.
  23. Haynes 2005, pp. 55–59.
  24. Fraser 2005, pp. 144–145.
  25. Fraser 2005, pp. 146–147.
  26. Fraser 2005, pp. 159–162
  27. Bengsten 2005, p. 50.
  28. Fraser 2005, p. 150.
  29. Fraser 2005, pp. 148–150
  30. Fraser 2005, p. 170
  31. Fraser 2005, pp. 178–179.
  32. Northcote Parkinson 1976, pp. 62–63.
  33. Northcote Parkinson 1976, pp. 68–69.
  34. Northcote Parkinson 1976, p. 72.
  35. Fraser 2005, p. 189.
  36. Northcote Parkinson 1976, p. 73.
  37. 37,0 37,1 37,2 37,3 37,4 Northcote Parkinson 1976, pp. 91–92.
  38. Cobbett, William (1857). A History of the Protestant Reformation in England and Ireland (en inglés). Simpkin, Marshall and Company. p. 229. 
  39. Fraser 2005, pp. 208–209.
  40. Fraser 2005, p. 211.
  41. Fraser 2005, p. 215.
  42. Fraser 2005, p. 212.
  43. Younghusband, George (2008). A Short History of the Tower of London (en inglés). Boucher Press. p. 46. ISBN 978-1-4437-0485-4. 
  44. Bengsten 2005, p. 58.
  45. Bengsten 2005, p. 59
  46. Fraser 2005, pp. 216–217.
  47. Bengsten 2005, p. 60.
  48. Fraser 2005, pp. 215–216, 228–229.
  49. 49,0 49,1 Fraser 2005, p. 263.
  50. Fraser 2005, pp. 263–266.
  51. Fraser 2005, p. 273.
  52. 52,0 52,1 Fraser 2005, pp. 266–269.
  53. Fraser 2005, pp. 269–271.
  54. Haynes 2005, pp. 115–116.
  55. 55,0 55,1 Fraser 2005, p. 283.
  56. 56,0 56,1 Sharpe 2005, pp. 76–77.
  57. Allen, Kenneth (1973). The Story of Gunpowder (en inglés). Wayland. p. 37. ISBN 978-0-85340-188-9. 
  58. Thompson, Irene (2008). The A to Z of Punishment and Torture: From Amputations to Zero Tolerance (en inglés). Book Guild Publishing. p. 102. ISBN 978-1-84624-203-8. 
  59. "Guy Fawkes". York Museums Trust. Consultado o 16 de maio de 2010. 
  60. 60,0 60,1 60,2 60,3 House of Commons Information Office (2006). "The Gunpowder Plot" (PDF) (en inglés). parliament.uk. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2005. Consultado o 15 de febreiro de 2011. 
  61. Fraser 2005, p. 349.
  62. Fox, Adam; Woolf, Daniel R. (2002). The spoken word: oral culture in Britain, 1500–1850. Manchester University Press. p. 269. ISBN 0-7190-5747-7. 
  63. Fraser 2005, pp. 351–352.
  64. Fraser 2005, p. 356.
  65. Merriam-Webster (1991). "guy". The Merriam-Webster new book of word histories (en inglés). Merriam-Webster. p. 208. ISBN 0-87779-603-3. 
  66. Sharpe 2005, p. 6.
  67. Call, Lewis (2008). "A is for Anarchy, V is for Vendetta: Images of Guy Fawkes and the Creation of Postmodern Anarchism". Anarchist Studies (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2008 – vía HighBeam Research. (require subscrición (?)). 
  68. Morse, Felicity (5 de novembro de 2013). "Guy Fawkes 2013: From timid testicles to gunpowder plot truthers, ten things about bonfire night you probably didn't know". The Independent (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de novembro de 2013. Consultado o 9 de novembro de 2013. 
  69. "100 Greatest Britons" (en inglés). BBC. 2002. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  70. Wainwright, Martin (13 de outubro de 2005). "The 50 greatest Yorkshire people?". The Guardian (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2009. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  71. England, Sam (26 de outubro de 2011). "Interview with the British man who designed the Anonymous (V for Vendetta) mask, what he thinks of how it's being used". Postdesk (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2012. Consultado o 21 de marzo de 2012. 
  72. Beaty, Bart H.; Weiner, Stephen (2012). Critical Survey of Graphic Novels: Heroes and Superheroes (en inglés). Salem Press Inc. pp. 614–617. ISBN 9781587658655. 
  73. "V for Vendetta (2005)" (en inglés). IMDb. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  74. Gopalan, Nisha (21 de xullo de 2008). "Alan Moore Still Knows the Score!". Entertainment Weekly (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de xullo de 2011. Consultado o 12 de abril de 2012. 
  75. Waites, Rosie (20 de outubro de 2011). "V for Vendetta masks: Who's behind them?". BBC News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2012. Consultado o 3 de abril de 2012. 
  76. Harrison Ainsworth, William (1841). Guy Fawkes; or, The Gunpowder Treason (en inglés). Nottingham Society. 
  77. 77,0 77,1 Sharpe 2005, p. 128.
  78. Dehs, Volker (2005). Jules Verne (en español). EDAF. p. 27. ISBN 9788441416277. 
  79. Eliot, T.S. "The Hollow Men". Allpoetry (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2012. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  80. "Scholastic Online Chat Transcript". Scholastic (en inglés). 6 de outubro de 2000. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2012. Consultado o 4 de febeiro de 2013. 
  81. Sharpe 2005, p. 118.
  82. "Olympic Theatre". The Musical World (en inglés) 33: 221, 342. 7 de abril de 1855. 
  83. Sharpe 2005, p. 120.
  84. "Guy Fawkes (1923)" (en inglés). IMDb. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2006. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  85. Edin, Fredrik (4 de novembro de 2012). "Redaktören rekommenderar – 5 november". Arbetaren (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  86. "THE KREWMEN LYRICS - "Guy Fawkes"". Plyrics (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2013. Consultado o 4 de febreiro de 2013. 
  87. Davenport, Wesley (19 de novembro de 2012). "Ghost's Angry Reviews - Pink Panther's Passport to Peril". Insanity's Solace (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2013. Consultado o 2 de febreiro de 2013. 
  88. "The Plot Review". Your Sinclair (en inglés). 1988. 
  89. "DOCTOR WHO: THE ADVENTURE GAMES". Behindthevoiceactors (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2014. Consultado o 17 de novembro de 2014. 
  90. "Doctor Who, Series 6 - The Gunpowder Plot". BBC One (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de decembro de 2012. Consultado o 25 de marzo de 2013. 
  91. Bethesda Softworks, ZeniMax Media (31 de outubro de 2008). "Fallout 3" (en inglés). Windows, Xbox 360, Playstation 3. Bethesda Game Studios. Fawkes: The name comes from a man who was willing to fight and die for what he believed in 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]