Gustavo Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gustavo Rodríguez
Nacemento16 de setembro de 1979
Lugar de nacementoTui
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónciclista e triatleta
editar datos en Wikidata ]

Gustavo Rodríguez Iglesias, nado en Tui o 16 de setembro de 1979, é un deportista galego que compite en tríatlon.

Comezou no ciclismo, sendo profesional durante varios anos e disputando a Volta a España co Xacobeo Galicia. En 2011 pasou a competir en tríatlon e dúatlon, tendo como mellores resultados a medalla de bronce no Campionato Europeo de Tríatlon de Media Distancia de 2014 e a medalla de ouro no Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia, ademais de ter rematado entre os dez primeiros tanto no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia como no Campionato do mundo de dúatlon.

No plano nacional foi campión de España de tríatlon en cinco ocasións, tres delas en longa distancia (2014, 2016, 2018), e dúas en media distancia (2017, 2018), ademais de campión de España de dúatlon (2016), dúas veces campión de España de dúatlon de media distancia (2017, 2019) e gañador da Copa de España de tríatlon de media e longa distancia (2017).

Ademais, dende 2018 actúa como guía en probas de paratríatlon de Héctor Catalá, triatleta cunha discapacidade visual dexenerativa. Xunto con el, proclamouse campión do mundo en 2019 e foi medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de 2020.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ciclismo[editar | editar a fonte]

Comezou no ciclismo de montaña e máis tarde pasou a competir en estrada, dentro do equipo CC Spol Caixanova.[1][2] En 2005 deu o salto ao ciclismo profesional, da man do equipo portugués Barbot-Pascoal, disputando ese ano a Volta a Portugal, carreira na que competiu tamén ao ano seguinte, ademais de correr varias probas portuguesas máis como a Volta ó Alentexo.

En 2007 fichou pola escuadra Fercase–Rota dos Móveis, onde permaneceu dous anos, disputando varias probas portuguesas, entre elas dúas edicións máis da Volta a Portugal. En 2009 volveu ao ciclismo afeccionado, entrando nas filas do Clube Ciclista Cidade de Lugo.[2] Ese ano rematou terceiro na Volta ciclista a Galicia e na Volta a Zamora.[3][4]

Para a tempada 2010 volveu ao ciclismo profesional como novo integrante do Xacobeo Galicia de Álvaro Pino, equipo co que correu varias probas ese ano, destacando a Volta a Portugal e a Volta a España.[2]

Dúatlon e tríatlon[editar | editar a fonte]

Tras a desaparición do Xacobeo Galicia comezou a competir en dúatlon e tríatlon, por influencia da súa parella, a triatleta Aída Valiño, e comezou a prepararse co adestrador Diego Álvarez.[5] En 2011 logrou a súa primeira vitoria en dúatlon cros e rematou como terceiro no Campionato de España, posición que repetiu ao ano seguinte.[6][7][8] Tamén en 2012 disputou o seu primeiro Campionato do Mundo de Dúatlon, rematando en 27ª posición.[9]

No ano 2013 quedou noveno no Campionato de Europa de Dúatlon de Longa Distancia celebrado en Horst, nos Países Baixos e proclamouse subcampión de España tamén en longa distancia.[10] En maio disputou o Campionato Europeo de tríatlon de media distancia en Barcelona, rematando en 11ª posición.[11][12] En 2014 quedou décimo no Campionato do Mundo de Dúatlon celebrado en Pontevedra,[13] sexto no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia na cidade chinesa de Weihai,[14][15] terceiro no Campionato de Europa de tríatlon de media distancia[16][17] e proclamouse campión de España de tríatlon de longa distancia.[18] En 2015 centrouse na longa distancia pero non puido revalidar o título de campión de España, onde se tivo que conformar coa segunda praza,[19] mentres que no campionato do mundo baixou cinco postos respecto ao ano anterior, rematando 11º.[20]

En febreiro de 2016 gañou o ouro no Campionato Iberoamericano de tríatlon de media distancia celebrado na Habana.[21] Ademais ese ano conseguiu unha dobre coroa nacional na longa distancia, ao proclamarse campión de España tanto en dúatlon como en tríatlon.[22][23] En 2017 logrou unha nova dobre coroa nacional, pero esta vez na media distancia, gañando o campionato de dúatlon en Orihuela e o de tríatlon en Pamplona, este último por diante de Pablo Dapena.[24][25] Mentres que no campionato de tríatlon de longa distancia foi Dapena o vencedor, con Gustavo Rodríguez no terceiro posto.[26][27] Con estes resultados e a vitoria no tríatlon de Guadalaxara, coroouse ademais como vencedor da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia 2017, superando a Dapena, segundo.[28] Disputou tamén o Campionato de Europa de tríatlon de longa distancia, rematando en sexta posición.[29]

En 2018 revalidou o título nacional de tríatlon de media distancia,[30] ao que sumou o seu terceiro título na longa distancia, ao gañar a proba celebrada en Pontevedra.[31] En 2019 non se puido inscribir para o Campionato de España de dúatlon de media distancia, pero acudiu en marzo a Soria, cidade onde se celebraba a proba, para tentar conseguir un dorsal debido a algunha ausencia. Finalmente isto sucedeu e puido tomar a saída, conseguindo a vitoria con case dous minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado, e logrando así o seu segundo título nacional nesta disciplina.[32] En maio competiu no Campionato do mundo de tríatlon de longa distancia disputado en Pontevedra, onde quedou no 12º lugar.[33][34]

En agosto de 2020 volveu competir nunha proba de ciclismo en ruta despois de varios anos,[35] participando na Xacobeo 2021 con saída e chegada en Gondomar, onde protagonizou unha escapada durante 70 km xunto a Arnau Riba, ata que foron neutralizados polo pelotón,[36] rematando finalmente en 18ª posición.[37] Ao mes seguinte proclamouse subcampión de España de tríatlon de media distancia, ao rematar segundo por detrás de Javier Gómez Noya na proba disputada en Bilbao.[38][39] A finais de outubro gañou o tríatlon de media distancia Half Sevilla.[40]

Guía de paratríatlon[editar | editar a fonte]

Dende 2018 actúa como guía de Héctor Catalá, triatleta cunha discapacidade visual dexenerativa, en probas de paratríatlon na categoría PTVI. A súa primeira competición xuntos foi o Campionato de España de Paratríatlon celebrado na Coruña en setembro de 2018, onde lograron a medalla de ouro.[41] Poucos días despois conseguiron a medalla de bronce no Mundial disputado en Australia.[42]

En 2019 disputaron as Series Mundiais de Paratríatlon, logrando o primeiro posto na primeira proba en Milán e o segundo en Montreal. Na gran final celebrada en Lausana en setembro conseguiron o primeiro posto e con el o campionato do mundo.[43] Unha semana despois conseguiron o ouro na proba da Copa do Mundo de Banyoles e no mesmo mes proclamáronse subcampións de Europa en Valencia.[44]

En 2021 disputaron a proba de paratríatlon nos Xogos Paralímpicos de Toquio e conseguiron a medalla de prata, só por detrás de Brad Snyder e o guía Greg Billington.[45]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

A súa parella é a tamén triatleta Aída Valiño, coa que ten dúas fillas.[46][47][48]

Palmarés internacional[editar | editar a fonte]

Tríatlon de media distancia
Campionato europeo
Ano Lugar Medalla Proba
2014 España Peguera Medalla de bronce Individual
Campionato Iberoamericano
Ano Lugar Medalla Proba
2016 Cuba A Habana Medalla de ouro Individual

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Hora de Gustavo Rodríguez" (en castelán). 18 de agosto de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "El ciclista Gustavo Rodríguez deja el Cidade de Lugo por el Xacobeo" (en castelán). 29 de outubro de 2009. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  3. "Salgueiro se consagra tras dominar la Volta a Galicia" (en castelán). 20 de abril de 2009. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  4. "Raúl Castaño, vencedor final de la Vuelta a Zamora" (en castelán). 16 de agosto de 2009. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  5. "Entrevista a Gustavo Rodríguez Iglesias" (en castelán). 19 de abril de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  6. "Rosa Bravo y Gustavo Rodríguez ganaron en el clasificatorio de Dúatlon Cros de Poio" (en castelán). 21 de febreiro de 2011. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  7. "Unai Yus y Helena Herrero campeones de España de Duatlón Cros" (en castelán). 4 de maio de 2011. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  8. "Campeonato de España de duatlón cross" (en castelán). 1 de xullo de 2012. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  9. "Resultados Nancy 2012". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  10. "GUSTAVO RODRÍGUEZ, SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA DE MEDIA DISTANCIA" (en castelán). 25 de agosto de 2013. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  11. "Resultados Calella 2013". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  12. "Javier Gómez Noya, campeón de Europa de Triatlón de media distancia" (en castelán). 19 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2021. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  13. "Resultados Pontevedra 2014". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  14. "Resultados Weihai 2014". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  15. "Gustavo Rodríguez acada o sexto posto no Campionato do Mundo de Triatlón de Longa Distancia". Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  16. "GUSTAVO RODRÍGUEZ, BRONCE NO CAMPIONATO DE EUROPA DE TRÍATLON DE MEDIA DISTANCIA EN MALLORCA". 21 de outubro de 2014. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  17. "Gustavo Rodríguez Medalla de Bronce no Campionato Europeo de Triatlón de Media Distancia". Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  18. "Gurutze Frades y Gustavo Rodríguez se proclaman campeones de España de Tríatlon LD 2014" (en castelán). 2 de novembro de 2014. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  19. "Gustavo Rodríguez subcampión de España de Triatlón Longa Distancia". 25 de outubro de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  20. "Gustavo Rodríguez, undécimo en Suecia". Faro de Vigo (en castelán). 28 de xuño de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  21. "Dobre ouro galego na Habana". Galicia Confidencial. 15 de febreiro de 2016. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  22. Goce, Rubén (23 de marzo de 2016). "El tudense, Gustavo Rodríguez, campeón de España de duatlón de larga distancia" (en castelán). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  23. "Gustavo Rodríguez y Dolça Ollé, campeones de España en el triatlón del calor" (en castelán). 23 de outubro de 2016. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  24. "Mavi García Cañellas y Gustavo Rodríguez, campeones de España de Duatlón MD" (en castelán). 7 de marzo de 2017. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  25. "Gustavo Rodríguez y Rut Britio, campeones de España en Pamplona" (en castelán). 14 de maio de 2017. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  26. "Resultados Ibiza 2017". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  27. "Pablo Dapena y Anna Noguera, campeones de España de Larga Distancia 2017 en Ibiza" (en castelán). Outubro de 2017. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  28. "Anna Noguera y Gustavo Rodríguez ganan la Copa de España de Media y Larga Distancia 2017" (en castelán). 24 de outubro de 2017. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  29. "Gustavo Rodríguez, sexto en el Europeo". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de setembro de 2017. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  30. "Gustavo Rodríguez revalida su título de campeón de España de media distancia". Marca (en castelán). 26 de maio de 2018. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  31. "Gustavo Rodríguez logra el cetro en Pontevedra". Faro de Vigo (en castelán). 26 de agosto de 2018. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  32. "Gustavo Rodríguez: de no tener dorsal a ser campeón de España de duatlón" (en castelán). 4 de marzo de 2019. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  33. "Resultados Pontevedra 2019". www.triathlon.org (en inglés). Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  34. Gómez Noya e Pablo Dapena pechan un histórico dobrete para o tríatlon galego (CRTVG). 4 de maio de 2019. 
  35. "Así vivió Gustavo Rodríguez su vuelta al ciclismo profesional" (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  36. "Felipe Orts da lustre en Gondomar a la primera edición de la Xacobeo 2021" (en castelán). 2 de agosto de 2020. Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  37. "Clasificación final Xacobeo 2021". fgalegaciclismo.es. Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  38. "Javier Gómez Noya gana el Nacional de triatlón de media distancia" (en castelán). 26 de setembro de 2020. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  39. "Gómez Noya, campeón de España de media distancia en Bilbao". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de setembro de 2020. Consultado o 8 de outubro de 2020. 
  40. "Gustavo Rodríguez y Diederiks Diede vencen en Half Sevilla" (en castelán). 31 de outubro de 2020. Consultado o 15 de novembro de 2020. 
  41. Vázquez Fraga, Miriam (11 de setembro de 2018). "Un tándem perfecto camino a Tokio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 28 de agosto de 2021. 
  42. "Susana saborea el oro mundial". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de setembro de 2018. Consultado o 28 de agosto de 2021. 
  43. "Héctor Catalá: de un 2019 de ensueño a un 2020 de pasión" (en castelán). 17 de xaneiro de 2020. Consultado o 28 de agosto de 2021. 
  44. "Javier Lluch y Héctor Catalá, subcampeones de Europa de Triatlón en categoría Sub 23 y Paratriatlón" (en castelán). 16 de setembro de 2019. Consultado o 28 de agosto de 2021. 
  45. "El guía gallego Gustavo Rodríguez, plata en paratriatlón con Héctor Catalá en Tokio" (en castelán). 28 de agosto de 2021. Consultado o 28 de agosto de 2021. 
  46. Méndez, Álex (1 de febreiro de 2013). "Una pareja unida por el triatlón". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  47. Vázquez Fraga, Miriam (2 de xuño de 2016). "«Por fin me pasa algo bueno»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2020. 
  48. V. F., M. (26 de xuño de 2019). "Aída Valiño: «No aspiro a ser la de antes»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2020.