Nghunghunyana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gungunhana»)
Infotaula de personaNghunghunyana

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1850 Editar o valor em Wikidata
Província de Gaza (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte23 de decembro de 1906 Editar o valor em Wikidata (55/56 anos)
Angra do Heroísmo, Portugal Editar o valor em Wikidata
Monach of Gaza empire (en) Traducir
1884 – 1895
← Muzila (pt) TraducirMpisani I (en) Traducir → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeImperio Portugués
Império de Gaza (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca , capitão-general (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua portuguesa, Línguas ngúni (pt) Traducir, Lingua tsonga e Lingua suazi Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosGodide (pt) Traducir, Buyisonto (en) Traducir, Thulamahashe (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiMuzila (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Mdungazwe Nghunghunyana Nxumalo ou Reinaldo Frederico Gungunhana, nado en 1850 e finado en Angra do Heroísmo o 23 de decembro de 1906, foi o derradeiro emperador de Gaza ( no sur do actual Mozambique) que reinou entre 1884 e 1895. Membro da dinastía Jamine, de orixe nguni, que gobernaba Gaza dende 1824. Vasalo portugués, rebelouse contra o poder colonial e derrotado marchou ao desterro, primeiro en Lisboa e logo nos Azores onde morreu.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Situación histórica nos seus primeiros anos[editar | editar a fonte]

O Limpopo ao seu paso por Gaza a principios do século XX.

Naceu por volta de 1850 nalgun lugar entre os ríos Zambeze e Incomati, probablemente nas beiras do Limpopo, o principal asentamento dos pobos nguni na rexión. Fillo de Mzila, que sería logo monarca de Gaza entre 1861 e 1884, e de Yosio, que morreu o ano que Mzila asumiu o trono e o rapaz quedou ao coidado da súa substituta, Umpibekeçana[1]. Seu avó era Soshangane, un xefe zulú, fundador do Imperio de Gaza. Mdungazwe educouse como un guerreiro dende moi novo, seguindo as técnicas que o rei Shaka introducira entre os zulús e participando nas xiras que seu avó e seu pai realizaban anualmente polos seu extensos dominios.

Ao morrer Shoshangane en 1858, os dous principais contendentes ao trono eran Mzila e seu irmán Mawewe, logo dun breve período de loita armada fíxose co control Mawewe que decidiu atacar os seus irmáns e as súas familias en 1859 para lograr máis poder. Mzila conseguiu fuxir para o Transvaal, onde organizou un exército para se enfrontar co irmán. Aínda que non hai constancia histórica é moi posible que Nghunghunyana seguira o seu pai ao exilio e escapara ao intento de seu tío de destruír a liñaxe de seu irmán. A administración colonial portuguesa, que o vía máis agresivo ca o seu pai, o Estado Libre de Orange e moitos dos líderes tribais dos pobos sometidos ao poder nguni uníronse contra Mawewe e a guerra estalou. O 2 de novembro de 1861 chegaron a Lourenço Marques enviados de Mzila, e a cambio do apoio portugués aceptaron a súa vasalaxe aos portugueses. A batalla decisiva acaeceu a finais de novembro nunha liña de vinte quilómetros entre as praias de Matola e as terras de Moamba, Mzila logrou a vitoria e o 30 de novembro o gobernador portugués recibiuno en Lourenço Marques. O 1 de decembro de 1861 asinouse un tratado no que Mzila se declaraba súbdito português.

Unha nova e decisiva vitoria de Mzila o 16 de decembro na rexión de Maputo consolidou a alianza. Durante o conflito Portugal forneceu a Muzila 2 000 espingardas, 50 000 cartuchos e 1 200 pistolas de pedernal, ademais de asegurarlle o apoio bóer e da intermediación cos líderes locais, que preferían a soberanía distante do rei portugués á hexemonía local de Mawewe. Progresivamente Mzila dominou todo o territorio, a capital do reino mundou do val do Limpopo para Mossurize, no norte do río Save, na actual provincia mozambicana de Manica e tras rematar a guerra en 1864 foi o líder incontestado do Imperio de Gaza. Mdungazwe permaneceu como un dos seus potenciais sucesores.

Mzila mantivo o estilo de goberno de seu pai, baseado na man de ferro e no percorrido de todo o seu territorio. Cos portugueses mantivo unha política ambigua, formalmente o seu vasalo e con constantes manifestacións de amizade mais non dubidou en arrasar varios asentamentos portugueses en Sofala e Inhambane nun contexto de maior presión europea sobre a rexión, e o aumento dos comerciantes e misioneiros establecidos entre os seus súbditos. Ao longo do seu reinado Mdungazwe foi gañando importancia paulatinamente para se converter nunha das principais iguras da corte. Ao morrer seu pai enfrontouse co herdeiro lexítimo, o seu medio irmán Mafemane, ao ser súa nai a esposa principal (nkosicaze) de Mzila, e eliminouno, e tamén obrigou a outros dous rivais, Anhana e Mafabaze, a exiliarse. A finais de 1884 ascendeu ao trono nguni, e pasou a se designar como Ngungunhane, Gungunyane ou Gungunhana, o león de Gaza[2].

Reinado (1884-1895)[editar | editar a fonte]

Nghunghunyana como soberano, coa coroa de cera símbolo de realeza e o bastón (gravado de Francisco Pastor de 1895).

Nghunghunyana gobernaba un territorio de case 90 000 km² con máis de millón e medio de habitantes coa corte en Manjacaze. O principiar do seu reinado coincidiu coa Conferencia de Berlín (15 de novembro de 188426 de febreiro de 1885) no que as potencias europeas repartiron o territorio africano; e para o novo soberano a relación cos europeos, en especial os portugueses, foi unha prioridade e en xaneiro de 1885 enviou unha embaixada ás autoridades de Portugal en Chiloane para anunciarlles a sucesión[3].

O Reino Unido e mais Alemaña cobizaban o territorio que reclamaba Portugal e en 1886 o ministro de exteriores portugués Henrique de Barros Gomes asinou co chaceler alemán Otto von Bismarck o tratado que delimitaba as colonias dos dous países, e o Imperio de Gaza quedaba so soberanía lusa. Neste contexto e para facer fronte á crecente presenza británica e bóer no territorio e en especial a pasaxe pola rexión da coñecida como expedición Warren dirixida polo xeneral británico Charles Warren á fronte de 5 000 homes armados, o goberno portugués nomeou un residente diante a corte de Nghunghunyana, que facía as funcións de oficial de enlace, embaixador e conselleiro político. A escolla recaeu nun aventureiro con longa experiencia na rexión, Casaleiro Alegria que gañou rapidamente a confianza dos principais líderes políticos do reino e do propio monarca que desexaba asinar un novo tratado que substituíse o de 1861 e decidiu enviar unha embaixada a Lisboa e na que delegou en Casaleiro Alegria os poderes para o representar perante Portugal. A delegación partiu a mediados de 1885 e ademais de Alegria estaba composta por dous nobres non nguni. A súa chegada a Lisboa recibiunos o rei Lois o 18 de setembro. O 12 de outubro diante o ministro de mariña e ultramar asinouse un tratado de amizade e vasalaxe entre os reis de Portugal e de Gaza que oficializaba a presenza do residente portugués e permitía a libre presenza de portugueses en Gaza e ao tempo outorgaba ao rei africano as honras de coronel de segunda liña do exército português, o que incluía o dereito ao uso do uniforme que lle correspondía.

Así e todo, o feito que non fose ningún nobre nguni levou á desconfianza en canto a autenticidade da propia delegación, o que xunto ás dificultades para a aplicación do tratado levou a unha nova embaixada en 1887, e desta volta enviáronse a dous nobres nguni, N’Tonga, da casa de Manjacaze, e Udaca, da casa de Udengo. O rei recibiunos e visitaron instalacións militares, para os convencer do poder portugués. Esta visita e a anexión de Zululandia á colonia de Natal o 14 de maio de 1887 fixo mellorar as relacións do rei cos portugueses mais estes comezaron a endurecer a súa posición, o que fixo que Nghunghunhyana se sentira ameazado, non só polos portugueses tamén polos británicos e a constante ameaza de disensión interna pola existencia de pretendentes ao trono no exilio.

Por entón decidiu mudar a capital de Mossurize para Cambane, 600 km ao sur, ese movemento supuxo unha serie de guerras cos chopis, principalmente pola necesidade de lograr escravos[4]. A mudanza pretendía aproveitar mellor os desencontros entre as potencias europeas e defender a independencia[5] fronte os portugueses, suavizando as súas pretensións sobre as minas de Manica e consolidando a soberanía nguni, pero tamén debilitou ao seu reino[6]. Tamén se esforzou por lograr o apoio británico e de Cecil Rhodes. Foi unha época no que as forzas de Nghunghunyana, que consistían en 20 000 guerreiros nguni[7], atacaron reiteradamente os intereses portugueses e os seus aliados seguidos de pedidos de amizade e envío de embaixadas. O ultimato británico do 11 de xaneiro de 1890 que supuxo a retirada inmediata das forzas portuguesas da rexión do río Shire (Niasalandia) e das terras dos bakalolos e dos shonas (actual Cimbaue). Mais en Portugal provocou unha onda onda patriótica e nacionalista que fixo mudar de posición a administración colonial portuguesa e pasou de acordos de cooperación a procurar a submisión e a vasalaxe, que se deu en chamar pacificación, porén implicar moitas veces a intervención armada e o derrube dos régulos pouco cooperantes.

En 1891 o novo gobernador de Lourenço Marques, Joaquim Mouzinho de Albuquerque, aplicou unha política de man dura cos pobos africanos circundantes, nunha creba da política de contemporización característica da presenza portuguesa nas décadas anteriores. Entrementres, os británicos e en especial Cecil Rhodes, da Compañía Británica da África do Sur, elixen a rexión de Gaza e o porto de Lourenço Marquescomo obxectivos estratéxicos para a saía do comercio de materias primas do Transvaal. Paralelamente, outras tres grandes concesionarias con gran poder nos territorios que exploran amosan grande interese na rexión, son a Compañía de Niassa, a Compañía de Zambezia e a Compañía de Mozambique, nun período no que a ocupación efectiva portuguesa da provincia de Mozambique non pasaba dunha estreita faixa do litoral e algúns puntos illados no interior. Os portugueses, británicos, colonos surafricanos e representantes das compañías concesionarias procuran atraer a Nghunghunyana. O goberno portugués establece un intendente xeral no corte, segundo o previsto no tratado de outubro de 1885. Rhodes logra do soberano de Gaza, a troco dun milleiro de espigardas, municións e un subsidio anual, a concesión de minas e o acceso ao mar. Porén, na época Nghunghunyana intentou confrontar os británicos e portugueses ao tempo que pedía a protección da raíña Vitoria. Mais os dous poderes colonias acordaran a delimitación dos seus territorios africanos, asinado en xuño de 1891. Segundo este, Gaza quedaba no interior do territorio de Mozambique. Ao emperador esíxenlle a aceptación da súa condición de súbdito portugués, sen poder esperar xa o apoio británico.

A rebelión ronga (1894-1895)[editar | editar a fonte]

En 1892 Mouzinho de Albuquerque regresou a Portugal mais a súa política de aumento de impostos e violencia contra das poboacións africanas sometidas os denomidados prazos da Coroa deixou un legado de um legado de descontentamento e revolta que ía en aumento. A finais de 1893 entrevíanse sinais dunha insurrección inminente, e a situación agravouse ao longo de 1894 ao xurdir múltiples incidentes e ataques os intereses portugueses.

Na rexión circunstante a Lourenço Marques coexistían xefes tribais vasalos da coroa portuguesa, como era o caso dos de Maota, Machaquene, Matola ou Maputo, que pagaban o mussoco ás autoridades lusas e fornecían homes para as tropas auxiliares portuguesas con outros que se consideraban vasalos de Nghunghunyana e non se sometían os portugueses. Neste caso estaban os de Manhica, Magaia, Zixaxa ou Moamba.

A isca que principiou a revolta foi o conflito entre o xefe Mahazul dos magaia e un pretendente, Maveja. Mahazul era un vasalo fiel do soberano de Gaza e os portugueses convenceron a Maveja para recoñecer a soberanía lusa a cambio de apoio. Mahazul aliouse con Nwamatibyane, xefe dos zihlahla, e ambos os dous decidiron atacar Lourenço Marques, nun momento de descontento entre as tribos fieis aos portugueses. En agosto de 1894, os rongas da rexión so o liderado de Mahazul, Nwamatibyane e Amgundjuana axuntaron milleiros de guerreiros e cercaron durante máis de dous meses Lourenço Marques. O gobernador xeral Fernando de Magalhães e Menezes, chegou da entón capital da colonia, Illa de Mozambique e ordenou a apertura de trincheiras e mais o armamento de canóns.

Tras este longo asedio, o 14 de outubro de 1894, as forzas rongas marcharon contra da cidade e logo de atravesar as liñas fortificadas os portugueses refúxianse na fortaleza mentres os asaltantes rapinaban a cidade. Os navíos no porto ao bombardear as posicións rongas evitaron a caída da cidade e provocaron a retirada dos sitiadores para Marracuene. Nghunghunyana non participou coas súas forzas nesta confrontación e ía contra da súa política de enfrontamente indirecto cos portugueses. Así e todo, procedeu á mobilización xeral das súas forzas, o que causou alarma entre os portugueses e os seus aliados.

O goberno portugués, que atribuía a rebelión ao soberano de Gaza e a intrigas británicas, reaccionou enerxicamente co envío dun comisario rexio para Mozambique, o conselleiro António José Enes, antigo ministro da mariña e ultramar, con poderes sobre o gobernador xeral. Acompáñano un grupo de oficiais da elite aristocrática do exército; partidario da forza das armas á súa chegada a Mozambique resolveu atacar Marracuene, nunha situación de guerra aberta. As tropas portuguesas, integradas por 37 oficiais e 800 soldados, dirixidas polo segundo comandante maior Alfredo Augusto Caldas Xavier enfrontáronse o 2 de febreiro ás forzas rongas que con 4000 efectivos tiñan como comandante un dos fillos de Nghunghunyana, o príncipe nuã-Matidjuana caZixaxa iMpfumo. A superioridade das armas de fogo occidentais foi crucial para a vitoria do exército portugués.

De abril a agosto de 1895: Negociacións[editar | editar a fonte]

Nghunghunyana, ao recibir a vasalaxe dos pobos da Terras da Coroa, anunciara que calquera ataque contra eles sería considerado como un ataque ás súas forças. Mais coa volta de José Joaquim de Almeida, que tiña a súa confianza e co que mantera unha longa e complexa relación diplomática. O 20 de abril efectuouse en Manjacaze unha última xuntanza entre unha delegación portuguesa e o soberano de Gaza, que acabou en fracaso, en boa parte pola inflexibilidade porguesa, que se vía reforzada polos acordos cos británicos. Malia o fracaso, Nghunghunyana mantivo o residente portugués e enviou en maio unha delegación a Lourenço Marques. O comisario rexio António Enes amosou unha postura ríxida cos enviados e en xullo lanzou un ultimato no que esixiu a entrega dos dous xefes rebeldes que procuraran refuxio en Gaza mais Nghunghunyana refusou esas esixencias e ameazou con procurar protección so outra bandeira, en referencia aos británicos. O 28 de agosto os portugueses reiteraron o ultimato e asemade rexeitaron as últimas propostas de Nghunghunyana. O ataque estaba preparado dende a chegada de António Enes a Mozambique e agora tiña o pretexto oficial para declarar a guerra.

Guerra aberta cos portugueses[editar | editar a fonte]

Logo de combater en Marracuene, as forzas rongas reorganizáronse en Magul, baixo a xefatura de nuã-Matibjuana caZixaxa Mpfumo e o seu primo Mahazul, e o 7 de setembro atacaron a columna portuguesa que comandada por Alfredo Augusto Freire de Andrade avanzaba polo Incomati. Tras dúas horas de combate os rongas recuaron fronte a potencia de fogo os portugueses que levaban canda si metralladoras. Con 400 mortos dos seus 6000 homes fronte a 5 baixas do lado luso foi unha gran derrota para Matibejane e Mahazul. Os portugueses incendiaron logo todas as poboacións circunveciñas nunha política de terror e intimidación e incitou a prestar vasalaxe aos portugueses a moitos dos xefes da rexión. Nghunghunyana evitou intervir en axuda aos seus aliados, na espera dunha axuda británica, co envío de emisarios a Durban e á Cidade do Cabo, e na esperanza de negociar co comisario rexio que as condicións políticas en Portugal xa non permitían. Entrementres, o seu exército de case 40 000 homes comezaba a se desmobilizar, tras un ano de servizo, vítima da fame e do desexo de volver á terra para a sementeira.

António Enes mandou o coronel Eduardo Galhardo, á fronte de 600 militares portugueses e 500 auxiliares africanos, tomar a capital nguni. Nghunghunyana apenas mantiña unha forza de 13000 homes e varios dos seus régulos vasalos, entre eles tres tíos seus, non se presentaron para a batalla. Un dos seus principais comandantes, Magigwani, marchou para Bilene, nunha va tentativa de procurar reforzos.

O combate aconteceu en Coolela, a sete quilómetros da capital Manjacaze, o 7 de novembro. Os portugueses, mellor armados, con metralladoras, canóns e a nova carabina de repetición austríaca Kropatscheck esmagaron os rexementos de Gaza con centos de baixas por apenas cinco mortos no bando luso. O emperador axuntouse cos seus conselleiros e acusou a tíos e primos de traizón por non se presentar á loita e anda a incinir en se entregar aos portugueses e solicitar clemencia. O día 11 unha columna de 700 soldados comandada polo coronel Eduardo Augusto Rodrigues Galhardo entrou sen case oposición nunha capital de Gaza que ficara abandonada, e logo da pillaxe ordenou plantarlle lume.

Nghunghunyana refuxiouse en Chaimite, a aldea sagrada onde estaba a campa do seu avó Manukuse, fundador do imperio. Mentres o comisario rexio António Enes nomeou gobernador de Gaza o 10 de decembro ao maior de cabalería Joaquim Augusto Mouzinho de Albuquerque con plenos poderes para a captura ou morte de Nghunghunyana e este tentou aplacar os portugueses coa entrea o día 13 do príncipe ronga nuãMatibjuana caZixaxa Mpfumo. Así e todo, con esta decisión anoxou a parte dos seus aliados, ao non se sentiren seguros baixo a súa protección e pasaron a prestar vasalaxe aos portugueses. Nghunghunyana decidiu entón renderse. O 28 de decembro de 1895, Mouzinho de Albuquerque chegou a Chaimite e tras a desbandada dos seus defensores, sabedores da decisión de entregarse do soberano, capturou a Nghunghunyana e ordenou o fusilamento do conselleiro Mahune e un dos seus tíos. Irmáns, fillos e tíos de Nghunghunyana son executados, presou ou forzados ao exilo no Transvaal.

Recreación artística en azulexo da captura do monarca de Gaza o 28 de decembro de 1895

Prisioneiro[editar | editar a fonte]

Nghunghunyana partiu a pé o 28 de decembro de 1895 con sete das súas mulleres: Namatuco, Machacha, Patihina, Xisipe, Fussi, Muzamussi e mais Dabondi. As forzas portuguesas escoltaron a comitiva, na que tamén estaba Godide, príncipe herdeiro e dous tíos do soberano. Foi unha marcha acelerada, na que os soldados zorregaban os prisioneiros sempre que se atrasaban. Chegan ás beiras do Limpopo, na localidade de Zimacaze ao día seguinte e embarcaron con milleiros de persoas a observar dende a ribeira como arrastraban o rei caído mentres os lusos daban vivas ao rei de Portugal. Tamén se entoa a canción Incuaia, un saúdo ao emperador que só se podía interpretar coa súa autorización, pero que se utilizaba agora como insulto. Seguen máis humllacións e interrogatorios para descubir un suposto tesouro agachado ás súas ordes.

A primeira paraxe foi o 30 de decembro en Languene, onde se une á comitiva o príncipe Matibejana de Zixaxa e algunhas das súas mulleres, que o propio Nghunghunyana entregara aos portugueses. Compartiron dende aquela cativerio que só a morte iría crebar. O 31 chegaron ao porto e subiron a bordo do vapor Neves Ferreira, mais polo mal estado do mar non saíu ata o 3 de xaneiro para chegar a Lourenço Marques ao día seguinte. Os prisioneiros non desembarcaron ata o 6 de 1896 para seren entregados ao gobernador xeral interino, Joaquim da Graça Correia e Lança, sobre un estrado montado fronte á súa residencia oficial. nunha cidade totalmente ornada e en festa, e con máis de 8 000 asistentes ao acto, incluído o corpo consular e oficiais do cruceiro alemán Seedler e do navío de guerra británico HMS Thrust.

Os prisioneiros permaneceron na cadea da cidade ata embarcaren o 13 de xaneiro no vapor África con destino a Lisboa. Acompañados de dous intérpretes, realizaron a travesía en infames condicións, o que se agravaba polo tabú que impedía a nobreza nguni atravesar o mar. En Cabo Verde quedaron outros 31 prisioneiros, entreeles o misioneiro metodista ronga Roberto Mashaba. O vapor aportou en Lisboa o 13 de marzo.

Chegada a Portugal[editar | editar a fonte]

Nghunghunyana coas súas sete esposas no Forte de Monsanto de Lisboa en marzo de 1896

Logo de fondear o África na capital portuguesa ducias de embarcacións, a remos e vela, achegáronse ao navío no intento de ver o emperador de Gaza que virara en trofeo de guerra e tras días da prensa anunciar a chegada da fera cruel, do pesadelo de todos os gobernos portugueses ou do régulo sanguinario. Algúns xornalistas lograron subir a bordo, e atoparon o grupo de 16 prisioneiros nun espazo reducido e mal iluminado, conturbados polo alcatreo que empezoñaba o recinto despois de dous meses de clausura. Pola tarde seis carruaxes levan os cativos ao Forte de Monsanto para instalalos nas casamatas do Forte, unha estrutura suterránea húmida e fría mentres nun clima de festa fóra milleiros de persoas achegábanse todos os días coa esperanza de divisar os presos, e os arredores transformáronse nunha romaría popular.

Así e todo, co pasar dos días as condicións dos prisioneiros sofren unha mellora ao poder mudarse para un dos aloxamentos dos oficiais, que contaba con fiestras e boa aeración, e o permiso para axeitar a comida aos seus gustos. En abril Nghunghunyana padeceu unha pleurite e pasou dez días internado no Hospital da Boa Hora de Belém. Tras meses de constante crítica nos xornais pola situación dos prisioneiros e pola falla de vontade para evitar a ametencia de xente nas proximidades de Monsanto, o 22 de xuño o goberno decidiu desterrar os prisioneiros á illa Terceira nos Azores. Resolveuse tamén desarrimar os homes das mulleres, ao se ver a poligamia. As mulleres, canda o cociñeiro Gó, quedaron en Monsanto e posteriormente, o 6 de xullo, deportáronas á illa de San Tomé. A Nghunghunyana e os seus acompañantes transportáronos en dúas calesas ata a canoneira Zambeze e chegan os Azores o 27 de xuño para se instalaren na Fortaleza de San Xoán Bautista, que se localiza na península do monte Brasil en Angra do Heroísmo.

Casa onde Nghunghunyana e os outros cativos viviron na Fortaleza de San Xoán Bautista

Exilio nos Azores[editar | editar a fonte]

Nghunghunyana (sentado á esquerda), Godide (de pé coa man no ombreiro do pai), Molungo (sentado) e Zixaxa (de pé), o 16 de abril de 1899 no día do seu bautismo

Unha vez instalados, co tempo levantáronlle pouco e pouco as restriccións e os prisioneiros acabaron por se integraren na vida local. O ex-monarca cazaba coellos no monte Brasil e confeccionaba pequenas cestas para lle vender aos visitantes. Recibían unha pequena asignación diaria (pré) de 60 reis e rancho dos oficiais inferiores e podían circular pola illa de cada volta con maior liberdade. Malia pedir o gobernador a autorización para, polo menos, a chegada dunha das esposas nunca se deu o visto e prace. E unha vez por semana os prisioneiros acudían a un prostíbulo da cidade. A vestimenta pasou a ser as locais, coa coroa substituída por chapeos requintados e o uso de botas no canto de levar os pés descalzos. Tras aprender Godide e Zixaxa a ler tamén o fixo Nghunghunyana. Xa en Gaza tivera contacto co cristianismo, en especial, pola súa relación co misioneiro evanxélico suízo Georges Liengme pero foi nos Azores onde se converteu, e o 16 de abril de 1899 canda os outros prisioneiros bautizouse na catedral nunha cerimonia presidida polo bispo de Angra Francisco José Ribeiro de Vieira e Brito. O seu nome de bautismo foi Reinaldo Frederico Gungunhana. A súa conversión favoreceu a súa integración social; así e todo, o ex-soberano embriagábase con frecuencia e mesmo detivérono en varias ocasións por desacatos mentres estaba embebedado. Cando o rei Carlos visitou os Azores en 1901, a Nghunghunyana levárono a pasear ao campo durante a estadía do monarca portugués na cidade de Angra para así evitar un encontro que ningún dos dous desexaba.

Nghunghunyana morreu a 23 de dezembro de 1906, vítima de hemorraxia cerebral no Hospital Militar da Boa Nova da cidade de Angra e soterrárono no cemiterio da Concepción.

Translación[editar | editar a fonte]

Monumento ao emperador de Gaza en Chaimite (Mozambique)

En outubro de 1983 durante unha visita oficial a Portugal do entón presidente mozambicano Samora Machel acordou co seu homólogo luso Ramalho Eanes levar os seus restos mortais para Mozambique. Despois de complexas indagacións históricas e arqueolóxicas o presidente do goberno rexional dos Azores João Bosco Soares da Mota Amaral autorizou a súa entrega ao Estado portugués na forma dunha pequena urna que contiña terra da campa onde enterraran e que permaneceu durante dous anos na capela do Palácio das Necessidades en Lisboa.

En 1985, con ocasión da celebración do décimo aniversario da independencia de Mozambique, entregouse a urna ao Estado mozambicano e transportouse a ese país. O 15 de xuño de 1985 nunha cerimonia solemne a urna de madeira do que fora emperador de Gaza esculpida polo artista local Paulo Come e de 225 kg de peso quedou exposta no Salón Nobre do consello executivo da capital e máis tarde levouse para a Fortaleza de Maputo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vilhena, Maria da Conceição (1996). Gungunhana no seu reino. Edições Colibri. p. 15. 
  2. Vandervort, Bruce (2012). "Gungunhana (Gungunyane) (ca.1850-1906)". En Gordon Martel. The Encyclopedia of War. John Wiley & Sons. p. 950. 
  3. Vilhena, Maria da Conceição (1996). Gungunhana no seu reino. Edições Colibri. p. 36. 
  4. Newitt, Malyn (1995). A History of Mozambique. Indiana University Press. p. 351. 
  5. "Gungunhana". Encyclopaedia Britannica. 
  6. Burns, James (2016). "Gungunhana". En Timothy J. Stapleton. Encyclopedia of African Colonial. ABC-CLIO. p. 338. 
  7. Doyle, Dennis (1891). "With King Gungunhana in Gazaland". Fortnightly Review 50: 112–117.