Guerras latinas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As guerras latinas foron unha serie de enfrontamentos que tiveron lugar na Antigüidade na Península Itálica. Os contendentes foron a cidade de Roma, constituída en República, e os pobos itálicos do Lacio (latinos e faliscos) debido ó interese de Roma por sometelos. Foron principalmente dous os enfrontamentos entre latinos e romanos, moi separados no tempo; ambos os conflitos foron moi breves.

Primeira guerra latina[editar | editar a fonte]

Os Dióscuros na batalla do Lago Regilo. Ilustración de John Reinhard Weguelin (1880).

A primeira guerra latina tivo lugar entre o -498 e o -493. Logo de anteriores campañas contra os etruscos, os romanos tentaron consolidar o seu dominio no Lacio. A liga latina, formada por trinta pobos latinos, opúxose militarmente a Roma. Estivo liderada pola cidade de Túsculo, onde atopara asilo Tarquinio o Soberbio, o último rei de Roma. A batalla decisiva librouse preto do lago Regilo e supuxo un importante triunfo romano baseado na cabalaría patricia. Segundo as lendas romanas, os Dióscuros combaterían á beira dos romanos como dous novos cabaleiros.

Deste xeito, a guerra concluíu co chamado foedus Cassianum (polo nome do cónsul Espurio Casio) mediante o cal Roma se erixía como a principal potencia do Lacio. Porén, recoñecía a autonomía das cidades latinas, que terían que prestar axuda militar en caso de ameaza externa, reservándose Roma o mando militar da alianza nese suposto. Tamén se autorizaron matrimonios mixtos e a instauración de relacións comerciais estables.

Segunda guerra latina[editar | editar a fonte]

A segunda guerra latina tivo lugar entre o -340 e o -338, século e medio despois da anterior. Alarmadas pola política expansionista de Roma, as cidades latinas enviaron unha embaixada ó Senado romano para propor a creación dunha república en paridade entre Roma e o Lacio, en lugar de estar este último subordinado a Roma, e que se aceptase no Senado a representantes latinos. Roma rexeitou a proposta, polo que os latinos alzáronse en armas.

Tras ser rivais durante a anterior primeira guerra samnita, Roma aliouse cos samnitas para sufocar a rebelión da renovada Liga latina, que contaba co apoio dos volscos de Anzio (Antium), os campanos e os sidicinos, traizoados por Roma ó ser entregados aos samnitas como unha das condicións de paz. Só os laurentes do Lacio e os equites de Campania permaneceron fieis a Roma, así como os pelignos.

Mentres os latinos penetraban no Samnio, as tropas romanas marcharon cara ó país dos volscos para sometelo e repartirse o territorio cos samnitas, cuxas tropas se uniron ás romanas na Campania. Ambos os exércitos derrotaron conxuntamente ós latinos e campanos na batalla do Vesuvio, preto do monte homónimo (-339). Os cónsules romanos eran Publio Decio Mus, quen sacrificou a súa vida na batalla para obter o favor dos deuses romanos, e Tito Manlio Torcuato, quen restaurou a disciplina do exército executando ó seu propio fillo tras un acto de desobediencia involuntaria.

Un ano máis tarde, Manlio derrotou ós latinos de xeito decisivo na batalla de Trifano (-338), de maneira que os latinos evacuaron a Campania e foron acurralados polos romanos no Lacio. Desta forma, o conflito finalizou coa capitulación de Anzio ante o cónsul romano Caio Menio e coa entrega da frota volsca. As proas (rostra) dos barcos apresados pasaron desde ese momento a adornar as tribunas dos oradores no Foro Romano.

A liga latina disolveuse e as súas cidades integráronse na República romana mediante acordos bilaterais e estatutos específicos para cada unha, impedindo as relacións particulares e de dereito entre elas. A cambio, as cidades sometidas recibiron maiores dereitos para os seus cidadáns; algunhas delas mesmo recibiron a cidadanía romana, como Lanuvio ou Aricia; outras foron elevadas ó rango de colonias, como Ostia, Anzio e Terracina.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Herman Kinder e Werner Hilgemann. Atlas histórico mundial. Tomo I. Madrid, Ediciones Istmo, S.A. ISBN 84-7090-005-6. 
  • José Manuel Roldán. Historia de Roma. Tomo I: La República Romana. Madrid: Ediciones Cátedra, S.A. ISBN 84-376-0307-2.